Historia Historia de Padrón

Historia de Padrón

Mapa antigo de Padrón, data de creación 1952/1956 Mapa antigo de Padrón
Data de creación (coñecida) 1952/1956


Recolectores de area no río Sar Fotografía do Santieguiño do monte co altar diante das pedras Antiga azucarera Fonte do Carme Fondo de Vila antigamente
Inauguración da estatua na honrra a Rosalía de Castro Fotografía do Convento de Padrón Fotografía do Convento de Padrón Iluminación da Pascua no ano 1935 Antiga fábrica de lámparas

Inicios

Etimolóxicamente considérase que o nome de Padrón procede do Pedrón que se conserva baixo o altar maior da igrexa de Santiago. Segundo a tradición xacobea, esa ara romana dedicada ao deus Neptuno foi o punto de amarre da barca que, no século I, ao redor do ano 44 d.C., trasladou o corpo sen vida do Apóstolo Santiago, custodiado polos seus discípulos Teodoro e Atanasio, desde Haffa (Palestina) até o porto de Iria Flavia. A historia de Padrón, por tanto, está estreitamente ligada á de Iria Flavia, cidade romana á que Flavio Vespasiano concedéselle no ano 70 d.C. o ius Latii, engadíndolle o cognome Flavio ao topónimo, urbanizándoa e constituíndo o Foro Iriense. A vila de Padrón ten as súas orixes no século X como un alfoz de Iria Flavia, xurdindo á beira do río Sar, que até ben entrada a Idade Media era navegable.

Foto do Pedrón
Fotografía do Pedrón

De feito, até a Idade Moderna, Padrón conservaría dous portos: un exterior no río Ulla, no lugar da Ponte, e outro interior en Murgadán, á beira do río Sar. Desde que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón convértese no principio da ruta cara ao sepulcro para os peregrinos que chegan por mar. Aproveitando ese impulso das peregrinacións xacobeas, Padrón comezou a medrar nunha encrucillada de camiños e, co paso do tempo, foi configurando unha estrutura urbanística que aínda na actualidade conserva unha disposición medieval: rúas estreitas organizadas ao redor dun eixo central, a rúa Longa, da que transversalmente parten as demais, intercaladas por pequenas prazas.

Séculos X e XI

Entre os séculos X e XI Padrón tamén se converte en obxectivo para os saqueadores viquingos e normandos, polo que Alfonso V ordenou reconstruír as Torres do Oeste, o antigo Castellum honesti de orixe romana, a principios do século XI e, desta forma, a vila deixou de ser asaltada, gozando dunha gran prosperidade durante os séculos XII e XIII.

No ano 1164, o rei Fernando II de León concedeulle a Padrón un Foro por ser o lugar de chegada do corpo sen vida do Apóstolo, circunstancia que contribuíu a transformar o burgo padronés nun auténtico núcleo urbano, obtendo ademais a Vila de Padrón diversas exencións fiscais e privilexios políticos nos reinos da monarquía. Estes privilexios serían confirmados por todos os monarcas até o Rei Felipe V (1701) e depositados no Arquivo Histórico Municipal.

O arcebispo Diego Xelmírez, nacido nas Torres do Oeste, sería outro dos grandes artífices da prosperidade de Padrón. El foi quen construíu un porto ás beiras do Sar, onde está actualmente a igrexa de Santiago e a rúa Murgadán, e dos seus estaleiros saíron as primeiras galeras da Mariña española. Pola súa banda, o arcebispo Rodrigo de Lúa, no século XV, viviu dous anos enteiros en Padrón con todo o cabildo compostelán, co propósito de protexerse dos condes de Altamira. O seu fermoso sepulcro con estatua xacente pode verse na igrexa de Iria Flavia.

Foto da Igrexa de Iria Flavia no século XIII
Igrexa de Iria Flavia s. XII

Séculos XV e seguintes

Tamén no século XV, Padrón padeceu os avatares da Revolta Irmandiña, constituíndose na vila unha Irmandade, en 1467, que levaría á destrución da fortaleza da Rocha Branca en Iria Flavia -uno dos castelos máis fermosos do arcebispado- e da Torre Moucha, atalaia defensiva arrimada á igrexa parroquial. No ano 1607, Jerónimo del Hoyo, axudante do arcebispo Maximiliano de Austria, describe a vila de Padrón no libro libro Memorias do arcebispado de Santiago como unha vila de 200 habitantes, cercada por unha muralla de pedra con cinco portas de entrada: no norte a porta do Bordel, no sur a porta do Fondo da Vila, no leste a porta do Sol e no oeste as portas da Barca e da ponte de Santiago.

O 27 de Abril de 1809 chegan a Padrón as tropas Napoleónicas. O ano 1812 o Concello de Padrón informa ás Cortes de Cádiz acerca da importancia da feira de Pascua, durante as festas acoden á vila personas de toda España co obxecto de realizar transaccións de gando cabalar e mular. En 1877 o cardeal de Santiago D. Miguel Payá e Rico (1871-1885) divide a parroquia de Iria na parroquia de Santiago de Padrón e a de Santa María a Maior de Iria Flavia, á primeira corresponde a beira dereita do Sar, a vila, e o cemiterio da Matanza, a segunda abarca desde o cementerio de Adina até O Paraíso en Cesures, a parte esquerda do Sar. Curiosamente Cesures queda máis preto de Padrón.

Coa introdución da actividade téxtil, en Padrón produciríase unha importante protoindustrialización que duraría até mediados do século XIX e que permitiu operar a compañías propias que comerciaban con diferentes países europeos. A este desenvolvemento contribuiría tamén a apertura da liña de ferrocarril entre Santiago e Carril (Vilagarcía) establecida pola compañía inglesa The West Galicia Railway, fundada por Camilo Bertorini, bisavó do premio Nobel Camilo José Cela.

Foto da locomotora que inaugurou a vía
Locomotora que inaugurou a vía

En 1955 o municipio sofre unha nova inundación, grave en Cesures onde interveñen as lanchas neumáticas de salvamento da Escola Naval de Marín, os veciños da estrada acollen aos evacuados das zonas baixas.

O 23 de abril de 1957, martes de Pascua, foi inaugurado o monumento a Rosalía na cabeceira do paseo de Espolón, asisten o cardeal de Santiago, Fernando Quiroga Palacios, o alcalde de Padrón, Ramón Pazos Giménez, o presidente da Sociedade Cultural Padronesa, Octavio San Martín, o presidente da comisión de festas, José Ferrón Martínez, o galeguista Ramón Otero Pedrayo, un fermoso discurso en galego, emotivo e moi aplaudido, cheo de intensidade. O cardeal Fernando reza un nosopai pola poetisa e engade, -agora Rosalía quedará máis contenta-.

Na actualidade

O termo municipal ten unha superficie de 48,4 quilómetros cadrados e está distribuído en cinco parroquias e 91 lugares: San Pedro de Carcacía (18 lugares), Santa María de Cruces (17), Santa María de Herbón (12), Santa María de Iria Flavia (30) e Santiago de Padrón (14). Desde unha perspectiva socioeconómica, o Concello de Padrón caracterízase pola diversificación da súa estrutura económica, xa que, ademais de ser considerado unha despensa natural para Galicia grazas ao seu clima cálido e chuvioso, nas últimas décadas soubo medrar industrialmente, converter os seus atractivos turísticos e o paso do Camiño Portugués nunha nova fonte de riqueza e desenvolver un sector de servizos equilibrado para un municipio con 8.581 habitantes.

Parroquias: San Pedro de Carcacía, Santa María de Cruces, Santa María de Herbón, Santa María de Iria Flavia e Santiago de Padrón.

Población: 8.581 habitantes (ano 2016 | Instituto Nacional de Estadística)

Fonte:

Fotografías cedidas por Antonio Fernández Muñiz | Concello de Padrón | mundiario.com | patrimoniovilagarcia.com | Arquivo dixital de Galicia