"Coma respondendo a un chamado ancestral, foi aquí onde Rosalía recolleu as palabras emprestadas coas que despois irá tecendo os seus poemas. “Que así mo pediron, / que así mo mandaron, / que cante e que cante / na lengua que eu falo”. Deixémonos ir da súa man pola Terra de Iria adiante, “este tempo soave, estas campías”, desandando os camiños que tamén percorreron os seus pasos".
Manuel Lorenzo Baleirón. De Padrón polos camiños
Estatua de Rosalía no Espolón
"Todo se arremuíña arredor desta escultura sufragada polos galegos da emigración que tantas veces axudaron á escritora. Este Sar que hoxe “baixa marmurando leve”, podíase virar nos invernos de antano nun deus fluvial entolecido que convertía Padrón por unhas horas nunha pequena Venecia. Rosalía veu como se derrubaba o templo gótico de Xelmírez, para edificar esta igrexa gris de agora, na que se garda o Pedrón, a ara romana dedicada a Neptuno polos irienses, á que se amarrou despois a barca de pedra xacobea.
Ecoan o discurso de Otero Pedrayo e os poemas de Aquilino Iglesia Alvariño en 1958 na homenaxe multitudinaria a Cabanillas que se celebrou aquí.
Algo fomos cambiando desde aquela. Xa non hai feira de gando na “parda sombra” do Souto, pero os domingos achéganse ata Padrón outros feirantes. Rosalía contémplaos desde o alto pedestal cos seus ollos de pedra e regatea con eles para si. Na outra punta da alameda, o tamén ilustre escritor Camilo José Cela, con dúas grandes esferas de granito diante del, agarda unha partida de bolos imposible. Vinde ver os mariñeiros da Arousa na marea alta do verán subindo polo Sar nas dornas da preguiza. Escoitade Ombra mai fu, de Haendel, baixo a bóveda verde dos pradairos que están aquí para lle dar sombra de sombra a Rosalía."
"A estatua de Rosalía do Espolón é obra de José María Mateos, discípulo de Asorey, e inaugurouse na Pascua de 1957." Manuel Lorenzo Baleirón.
De Padrón polos camiños
Casa da Rúa do Sol
"Foi nesta casa da Rúa do Sol (actual Rodríguez do Padrón) onde Rosalía pasou a etapa máis decisiva da súa infancia, cando menos desde os 4 ata os 10 anos. O inmoble era unha edificación humilde cunha planta baixa e un andar. A fachada común das vivendas era corrida. Tiñan ventás vidreiras no sobrado, dese tipo que chaman portas de aire, cun varandal no interior. Nestas casas estivo despois a escola de ferrado de Gende á que asistiron o poeta Manuel Antonio e o pintor Carlos Maside, entre outros. Cara ao nacente quedaba unha das portas de acceso á cidade medieval amurallada, a Porta do Sol, que lle deu o nome antigo á rúa. Hai un debuxo de Pier Maria Baldi, que pasou por aquí acompañando a Cosme de Medicis en 1669, no que se poden entrever as feituras da murada vila.
As noticias que tiñamos dos primeiros anos da escritora procedían exclusivamente por tradición oral da familia paterna. Sempre segundo esta versión, Rosalía viviu na chamada casa do Castro coa familia de seu pai José Martínez Viojo, que exercía como capelán na Colexiata de Iria. Agora temos novas de outras fontes. Nun apuntamento redactado o 16 de xullo de 1885, o mesmo día que se enterrou a escritora, o farmacéutico Ángel Baltar asegura que Rosalía se criou coa súa nai nesta casa dos avós maternos. Desde outubro de 1842, hai constancia de que residen as dúas aquí. Tamén sabemos que en Padrón tivo a mellor amiga da súa infancia e xuventude: Arminda Giménez. Andarían a enredar as dúas cos outros pícaros por estes enxidos primeiros que quedaron pintados nunha acuarela nas “tintas puras” dos seus versos."
"Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía” Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
Cemiterio da Adina
"Santa María de Iria está no medio de aquela tríade máxica do poema dos adeuses de Rosalía. A casa da Matanza fica a tiro de pedra da colexiata. Na Adina estaban enterrados os seus avós e tamén o seu pai, aos pés da epifanía esculpida na portada oxival do templo, no que exercera de capelán. Rosalía foi enterrada tamén aquí ao día seguinte do seu pasamento, o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres. Mil anos antes de que Compostela tivese sequera un nome, xa Iria figuraba inscrita coma un waypoint no mapa de Ptolomeo.
Romana, sueva, medieval, barroca, que mellor lugar que este, onde tantas Irias foron, confundidas na poeira dos séculos, para entoar o ubi sunt latino, a pregunta das preguntas? Pero Rosalía non se interroga polas aras romanas ou polos pazos esboroados no aire de Xelmírez, que tamén os houbo aquí. Nin sequera pregunta polo Bispo Santo que repousa no sartego onde lle deron voltas para curala de pequena. Pregunta polos seus, que é onde máis a morte doe:
Funos chamando un a un
e ningún me contestou.
(…)
¡nin un soio!... ¡nin un soio!...
Donde están?, que deles foi?
Sabemos da tomba de Cela, soterrado tamén aquí, pero non sabemos do derradeiro enxido que acolleu os restos de Rosalía, tan só que ficaba preto da porta do osario, cara ao sur."
“O simeterio da Adina
n’hai duda que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón” Rosalía de Castro. Follas Novas
Casa Grande da Arretén
“Aquí viviron desde tempo inmemorial os antepasados de Rosalía. Era por tanto de familia fidalga, pero vinda a menos naqueles días. Aínda que reformado, o pazo conserva as trazas doutro tempo, a capela e a fermosa fonte na parte posterior, o espazoso balcón coa balaustrada sobre as grandes arcadas de pedra e a ampla escaleira. Está nos versos dela:
Deserta a escalinata,
soio o paterno niño,
e enriba del caendo misteriosas,
coas sombras do crepúsculo as do olvido.
No poema “Como chove miudiño” escrito nas Torres de Lestrobe, seguindo o curso caprichoso dunha nube, Rosalía vai describindo os lugares familiares: as Brañas de Laiño, Valga, San Lois, Padrón e a Adina, ata regresar ao fin ao útero materno, a Casa Grande da Arretén, na ladeira do “Miranda altivo”. Contempla a ruína do edificio comesto polas hedras e as silveiras e lembra os cantos na capela, as risas, as danzas e as festas no terreiro do pazo, a memoria do avó, a quen non chegou a coñecer.
E tamén vexo enloitada
da Arretén a casa nobre,
donde a miña nai foi nada
(…)
Mes tras mes, pedra tras pedra,
ti te irás desmoronando,
ceñida por sintas de hedra,
mentras que outra forte medra,
que así o mundo vai rolando.
A vista é magnífica. Diante nosa asentouse o palacio arcebispal da Rocha Branca, o lugar onde morren os amantes do Siervo Libre de Amor de Xoán Rodríguez do Padrón, a quen Murguía fai nacer no pazo. Algúns autores atribúenlle tamén o “Romance do Conde Arnaldos”. Sería fermoso imaxinar a escena alá no mar da Arousa. O conde, co falcón na luva, e a galera, coma no verso rosaliano, vogando pola ría coas brancas velas inchadas e enxarcia de ouro torzal."
"E tamén vexo enloitada
da Arretén a casa nobre,
donde a miña nai foi nada
(…)"
Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
Casa Museo de Rosalía
“A familia de Rosalía trasladouse a esta vivenda da Matanza en 1883. Conservamos unha fotografía na horta, de 1884. Ela está rodeada polos seus, ten unha flor nunha man e acariña un cadeliño pinto que se agocha, como se non quixese saír na foto. Cando no mes de abril dese mesmo ano publica En las orillas del Sar está gravemente enferma. “Ya que de la esperanza, para la vida mía, / triste y descolorido ha llegado el ocaso, / a mi morada oscura, desmantelada y fría / tornemos paso a paso, / porque con su alegría no aumente mi amargura/ la blanca luz del día”. Rosalía morreu o mediodía do 15 de xullo de 1885. Entrou na morte coa mesma humildade coa que viviu, cun ramallo de pensamentos na man. “Abride a fiestra que quero ver o mar”. O mar que quixo ver no momento final era o da ría de Padrón. A Casa Museo de Rosalía é froito da vontade e do esforzo de moitas xentes boas e xenerosas. Singularizámolas na figura do filántropo Xosé Mosquera, “O Vello dos Contos”, que botou a andar este proxecto nos anos
40 do pasado século.
A recente intervención museográfica quere abrir portas e ventás para amosarlle a todos a complexidade e a riqueza da súa vida e da súa obra universais.
Rosalía non tivo nunca casa propia. Quizais por iso escribiu “Quen casa ten de seu, ten media vida”. A esta, que agora é un símbolo onde as demais cobran sentido, acaeríalle ben sen dúbida a canción de Lucilla Galeazzi “Voglio una casa”. Unha casa para todos, acolledora e forte, humilde. Onde teña acubillo a poesía. Unha casa chea de luz coma unha estrela…"
“Quen casa ten de seu, ten media vida”Rosalía de Castro. Follas Novas
Torres de Hermida
“En Lestrobe, onde casou súa tía Maripepa co morgado Gregorio Hermida, pasou Rosalía algúns dos días máis felices. “¡Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me dás!”. Entre mirtos, buxos, castaños de indias e loureiros, “limoeiros e laranxos / que o verde musgo sombrean”. No pousadoiro da Durmida, como sempre lle chamaron os da aldea, nacéronlle os xemelgos Gala e Ovidio e escribiu prosas e poemas.
O seu curmán Pepe Hermida defendeu que ficase enterrada na Adina. “¡Quero quedar onde os meus dores foron!”. O fidalgo de longas barbas, debuxado por Castelao, escribía encendidos versos louvando os “contornos indecisos” das viúvas de Padrón e entrou na catedral cunha escopeta para matar o apóstolo. En Lestrobe criouse tamén Eduardo Ruiz Pons, amigo da familia, que loitou con Garibaldi. Aquí estaban ela amais Murguía nos días en que estalou a Gloriosa, a Revolución de 1868, e nestes apousentos pintou en 1880 Modesto Brocos o seu retrato.
Sempre se dixo que Rosalía escribía á sombra dun érbedo. Cando moito despois secou a vella árbore, o dono das Torres naquel tempo, o republicano Xosé Batalla, mandou chamar aos veciños de Lestrobe e cavaron unha gran gabia para enterrala con respecto, coma se dunha persoa se tratara."
"Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove”
Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
Fonte: De Padrón polos camiños. Roteiro Rosalía de Castro | Descargar folleto (2,47MB)