Ruta lineal situada aos pés do Castro Valente, que nos leva ata a Fonte da Virxe. O punto de inicio é a Ermida da Nosa Señora da Mercé, situada no Lugar de Badín, en Carcacía. A distancia total do percorrido é de 1,5 quilómetros.
Ermida da Nosa Señora da Mercé
Igrexa de estilo barroco, planta de nave con presbiterio destacado e cantaría de granito e cachotaría. Fronte con porta de orellas molduradas e pinche con beiril que, revirándose horizontal, serve de pé á espadana dun só corpo, con pilastras afundidas e grande beiril moi moldurado; remate en triángulo curvo, ao que lle falta beiril e cruz. Presbiterio con arco triunfal de medio punto, sobre pilastras, con fermosa cancela, feita en madeira policromada. Entre a veciñanza sempre se comentou que a ermida construíuse na honra da aparición da escultura pétrea da Virxe, que se atopara na fonte e que hoxe en día vemos no interior da ermida.
Fonte da Virxe
A fonte está localizada na ladeira do Monte de Castro Valente. Probablemente o seu nome garde relación coa Virxe da Nosa Señora da Mercé, posto que se atopa preto da igrexa, en Bandín. O 24 de setembro a xente acode a lavar as verrugas ou doenzas da pel na auga desta fonte milagreira, para que desaparezan.
Fonte: padronturismo.gal | obaixoulla.gal