Roteiros Ruta do Pemento de Herbón

Ruta do Pemento de Herbón

Imaxe do mapa da ruta

Ruta circular que mestura os elementos patrimoniais e culturais da parroquia de Herbón co pasado e co presente do seu icónico produto: o pemento. A distancia do traxecto é de dous quilómetros, dando comezo no Convento de Herbón. Desde alí, percorre a Igrexa de Santa María de Herbón, a Zona de cultivo dos pementos, as Pesqueiras e a Carballeira da Festa do Pemento de Herbón.

Imaxe icono convento

Convento de San Antonio de Herbón

"Atopámonos diante do Convento de Santo Antón de Herbón, fundado no ano 1396 por Fr. Gonzalo Mariño e Fr. Pedro Nemancos, para vivir na Observancia (movemento relixioso xurdido no ano 1334 que defendía a regra franciscana de prescindir de comodidades e privilexios). Os terreos foron doados polos cóengos da Colexiata de Iria (nos anos 1396 e 1707, coa condición de respectar a vida na observancia), e D. Fernando Bermúdez de Castro (2 casas no ano 1509).

No seu seis séculos de historia foi destinado a diversas funcións, como á vida de retiro (1396-1700) ou colexio de misións (centros da época aos cales debían acudir todos os relixiosos antes de poder dedicarse ás misións de América, abranguendo esta etapa desde o ano 1701 ata o 1835). Na súa época de colexio de misións o Convento adquiriu gran prestixio.

Despois de permanecer durante 49 anos sen frades (1835-1884), entre 1835 e 1865 prodúcese a súa exclaustración, e pasa a ser administrado polo Concello de Padrón. A partir 1865 e ata 1884 convértese en Seminario Menor Diocesano (rexido polo Arcebispado de Santiago). É a partir do 1885 e ata 1889 cando o Convento de Herbón asume a súa actividade como Convento PP Franciscanos. Na actualidade, e desde 1891, devandito convento exerce as funcións de Seminario Franciscano.

Os frades deste convento foron quen trouxeron desde América unha especie de guindilla, da rexión de Tabasco (México), que, adaptándose a estas terras, converteuse no tan apreciado Pemento de Herbón. Foi na súa horta onde se plantaron por primeira vez hai máis de 300 anos e desde ela comezouse a expandir polo resto do noso territorio ata os nosos días."
"Fundado no ano 1396 por Fr. Gonzalo Mariño e Fr. Pedro Nemancos, para vivir na Observancia."Convento de Herbón

Imaxe do Convento de San Antonio de Herbón
Imaxe icono igrexa

Igrexa de Santa María de Herbón

"É, xunto á igrexa de Santa María de Cruces, un dos poucos exemplares da arte románico no municipio de Padrón. Está composta por unha única nave con sólidos contrafortes. Na súa fachada principal, ademais da súa magnitude, apréciase o estilo románico compostelán, xa que a súa porta está formada por dous arcos de medio punto refundidos que, ao tempo, sosteñen as arquivoltas peraltadas, columnas con capiteis corintios acobadadas a base de decoración xeométrica, xadrezados, arcos lobulados e bolas de influencia mudéxar.

Refundidos na propia parede da fachada atópanse dous arcos de medio punto, un a cada lado da porta principal e xusto riba dos mesmos pódese ver unha pequena xanela formada por un arco tamén de medio punto. A continuación, obsérvase unha espadana de dobre van onde está situado o campanario e presidindo, no punto máis alto, sitúase unha cruz latina de pedra.

Son de importancia as figuras alegóricas que aparecen representadas no lado sur: cabeza de can coa boca aberta (símbolo de ferocidade), carneiro, touro de gran cornamenta, vaca, a figura da Virxe María co neno en brazos e outra que sostén un cáliz na man como símbolo de fe."
"Construída na segunda metade do século XII por orde do Bispo Xelmírez, a Igrexa de Santa María de Herbón destaca especialmente pola súa altura, aínda que son varios os elementos que a fan única.”

Imaxe da Igrexa de Santa María de Herbón
Imaxe icono natureza

Zona de cultivo

"Esta ruta pretende que o camiñante distinga con claridade as principais características e calidades deste produto coñecido mundialmente:

• Son os froitos da especie Capsicumannuun, L, procedentes dos ecotipos locais da variedade Padrón
• Colléitase en estado inmaturo precoz para a súa comercialización e consumo.
• Ten unha cor verde lixeiramente clara.
• Lonxitude de entre 3,5 e 5,5 cm e un diámetro máximo entre 1,5 e 2 cm.
• Non todos os pementos presentan sabor picante.
• O pemento picante aparece ocasionalmente e é un picor lixeiro.
• O cultivo faise seguindo as prácticas tradicionais.
• O cultivo realízase tanto ao aire libre como en invernadoiro.
• O período de comercialización está comprendido entre o 1 de maio e o 31 de outubro.
• Pódense identificar os auténticos Pementos de Herbón comercializados baixo o amparo da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón.
• A zona xeográfica inclúe os municipios de Padrón, Rois, Dodro, Valga e Pontecesures."
"Os pementos de Herbón cultívanse principalmente nesta parroquia, plántanse en invernadoiro (nos meses de febreiro e marzo), e ao aire libre (nos meses de abril e maio) abarcando deste xeito unha extensa tempada de produción: de maio a outubro."

Imaxe da zona de cultivo dos pementos
Imaxe icono ubicación

Pesqueiras romanas

“Son unha especie de diques construídos no curso do río que, aproveitando a corrente do mesmo, conseguen atrapar certas especies de peixes, aínda que concretamente as de Herbón foron sempre destinadas á obtención da lamprea, un dos manxares máis recoñecidos que se pode atopar no río Ulla. Trátase dunha técnica de pesca fluvial ancestral practicada no noso país durante séculos.

Xa en tempos dos romanos a lamprea era considerada un “manxar de deuses” e era habitual que os mellores exemplares fosen transportados desde Gallaecia á capital do imperio romano, onde os máis poderosos cargos da sociedade daban boa conta deles.

Cumprindo a súa función biolóxica, a lamprea nada río arriba coa finalidade de desovar, despois as pesqueiras obstrúen o seu camiño, quedando alí atrapadas para o seu consumo. Aínda que existen múltiples formas de preparación deste animal prehistórico,coma quizais a máis estendida sexa a cociñada no seu propio sangue.

Coa mesma estrutura para a captura de lamprea que a empregada en tempos romanos, hai constancia de que se alugaban a familias xa no S. IX. A pesqueiras mellor conservadas son as de Areas, Vellas, O Canal, O Prateado, A Trapa e Coqueiro, concentradas nas parroquias de Herbón e Carcacía."
"Xusto á beira de onde nos atopamos, a poucos metros e no río, podemos divisar unhas construcións de pedra: as Pesqueiras."

Imaxe das pesqueiras romanas
Imaxe icono natureza

Carballeira da Festa do Pemento

“Herbón acolle desde 1978 a súa festa gastronómica para a exaltación deste produto tan singular. Son miles as persoas que se achegan nesta data sinalada no calendario festivo de Padrón para gozar deste manxar e poder correr o risco de comprobar o vello dicir “Uns pican e outros non”. Durante esta celebración multitudinaria na que se poden degustar de forma totalmente gratuíta os extraordinarios pementos de Herbón celébranse os seguintes actos:

• Misa campestre, dando paso á benzón e inauguración da Festa do Pemento de Herbón.
• Recepción de autoridades na casa consistorial e desfile agrícola motorizado ata Padrón.
• Lectura do pregón por unha personalidade sobresaínte.
• Nomeamento dos `Cabaleiros e Damas´, entrega de `Pementos de Prata´, o premio `XovePementeiro/a´ e o premio `Sabia/aPementeiro/a´.
• Entrega de premios aos tractores mellor engalanados.
• Degustación gratuíta dos afamados pementos de Herbón.
• Actuacións musicais e verbena nocturna."
"O primeiro sábado do mes de agosto celébrase a “Festa Gastronómica do Pemento de Herbón”, Festa de Galicia de Interese Turístico desde 2001."

Imaxe da Festa do Pemento

Fonte: padronturismo.gal