Para entender a historia do camiño hai que remontarse á época de Xesucristo e deterse na figura dun dos seus discípulos: Santiago. Sabemos pola Biblia que era natural de Galilea, fillo de Zebedeo e Salomé e que era coñecido como “o fillo do Trono” polo seu forte carácter. Foi un dos seguidores máis próximos a Xesús, a quen acompañaría nos momentos máis importantes da súa vida.


Á morte de Xesús, do mesmo xeito que o resto dos Apóstolos, dedicaría a súa vida para predicar e estender o Evanxeo por todo o mundo, chegando ata terras de Hispania. Pouco se sabe de certo do seu periplo pola Península Ibérica pero a tradición conta que chegou ata terras de Gallaecia, a actual Galicia. Tras un arduo traballo regresou a Palestina no ano 44 d. C., onde o rei Herodes Agripa I ordenaría a súa morte. Santiago convértese así no primeiro Apóstolo en morrer pola fe cristiá.

Coa morte de Santiago o Maior comeza unha gran aventura que acabaría conformando o que hoxe en día é Santiago de Compostela. E, como non, unha dos roteiros milenarios máis importantes do planeta: o Camiño de Santiago.


Translatio: traslado do corpo do Apóstolo Santiago a Iria Flavia


Desobedecendo a orde do rei de dar sepultura a Santiago, os seus discípulos Teodoro e Atanasio decidiron recoller o seu corpo e fuxir nunha barca de pedra. Os tres viaxaron sen temón, supeditados aos designios do Santo ata chegar á costa norte da Gallaecia e remontar o río Ulla. É o que na tradición xacobea se coñece como Translatio, que cada 31 de decembro se recrea na Catedral de Santiago.

Ruta Translatio
Ruta Translatio (Fonte: caminoways.com)

Iria Flavia sería o seu destino, amarrando a barca a un miliario de pedra coñecido como o ‘ Pedrón’, que hoxe en día pode verse na igrexa de Santiago de Padrón. Aquí comezaría unha nova aventura para os discípulos do Apóstolo: a de conseguir enterrar o corpo de Santiago.

Iria Flavia estaba gobernada entón pola raíña Lupa, mandataria pagá que someteu a Teodoro e Atanasio a duras probas antes de concederlle permiso para dar sepultura ao Apóstolo Santiago. A máis coñecida é a dos bois que os discípulos de Santiago piden á raíña para poder transportar o corpo. Para impedir os seus plans, Lupa deixoulles uns bois salvaxes. Pero ante as oracións de Teodoro e Atanasio, os animais fixéronse dóciles e permitiron trasladar o corpo do Apóstolo.

Conta a lenda que son os propios bois os que deciden finalmente o lugar do enterramento de Santiago. Sería nunha zona próxima á fonte na que se pararon a beber e que hoxe en día se conserva na Rúa do Franco de Santiago, a apenas 100 metros da Catedral e da Praza do Obradoiro.

Fonte do Franco
Fonte do Franco (Fonte: compostelaverde.santiagodecompostela.gal)

Ante este milagre, a raíña Lupa converteríase ao cristianismo e proporcionaría un sepulcro ao Apóstolo. É o que coñecemos como Arca marmárica, que quedou ao coidado dos discípulos de Xesús. Á súa morte, os seus corpos foron enterrados xunto aos do seu señor e a tumba quedou no esquecemento durante séculos.


Campus Stellae


Oito séculos terían que pasar para que os restos do Apóstolo fosen reencontrados. O responsable foi Pelayo, un humilde ermitán que vivía no monte Libredón. Comezou a ver no ceo uns escintileos luminosos e como unhas estrelas sinalaban un lugar concreto.

Tras ver o fenómeno varias noites, decidiu abandonar a súa cova e correu a contarllo a Teodomiro, bispo de Iria Flavia. Tal era a insistencia de Pelayo que o bispo decidiu comprobar cos seus propios ollos o fenómeno estelar. Ambos decidiron achegarse ao lugar e descubriron oculto un sartego con tres corpos. O bispo Teodomiro deuse conta enseguida que acababan de atopar a tumba do Apóstolo.


Alfonso II, primeiro peregrino da Historia


Ante a importancia do achado, Teodomiro decide desprazarse a Oviedo, capital do reino, e contarllo ao monarca Alfonso II, o Casto. O rei é consciente da importancia do descubrimento e decide trasladarse persoalmente para velo. Así, o rei Alfonso II convértese no primeiro peregrino da Historia. E o seu percorrido entre Oviedo e a tumba do Apóstolo, no primeiro Roteiro Xacobeo, a que hoxe coñecemos como Camiño Primitivo.

Tumba do Apóstolo Santiago
Tumba do Apóstolo Santiago (Fonte: catedraldesantiago.es)

O propio monarca mandará construír un templo para albergar os restos do Apóstolo e que sexa digno de visitar por parte doutros monarcas cristiáns. Este será o inicio do que é hoxe a Catedral de Santiago e da conformación do ‘Campus Stellae’, a actual Santiago de Compostela.