Formación dos camiños no tempo


Sítuase cara ao século VI a.C, cando as comunidades humanas se asentaron de maneira estable. A mellor manifestación do sedentarismo está na construción dos poboados fortificados ou castros, situados en lugares elevados, dominando visualmente o territorio circundante.


A conquista romana e o establecemento de novos centros de poder e diversos tipos de asentamento, establecen e vertebran unha rede viaria promovida, construída e mantida polo Imperio.
A importancia que adquire esta rede viaria romana, virá determinada polo feito de que as cidades do territorio da Gallaecia e entidades de poboación menores, entre outras Iria Flavia, quedarán convertidas en centros relixiosos durante o Medievo.

Carta Fundacional de Noia
Carta Fundacional de Noia, Carta Pobra

O achado da tumba do Apóstolo Santiago e o traslado da sede episcopal de Iria Flavia a Compostela no ano 1095, será o acontecemento que marcará o punto de inflexión na articulación dos camiños. Compostela convértese entón nun dos principais centros de peregrinación da cristiandade. Pero se falamos de redes de comunicación, non se poden obviar as vías fluviais e marítimas da Galicia. A privilexiada configuración costeira e marítima ten nas rías o seu elemento fundamental.


Muros e Noia na ruta da peregrinaxe


A ría de Muros-Noia sitúase no límite entre as Rías Altas e as Baixas, delimitando a Costa da Morte e a parte Sur da costa galega.
A orixe fundacional destas vilas, no decurso dos séculos XII e XIII, ten moito que ver coa súa estratéxica posición.

As Cartas Fundacionais ou Cartas Pobras son documentos empregados para organizar a vida económica, xurídica e administrativa destes lugares. Tanto Noia coma Muros foron portos antes que vila e o que leva a cabo o rei coa Carta Fundacional, é afirmar naquelas primitivas aldeas de pescadores a súa vocación decidida de converterse en cidades.


O itinerario do camiño


Tendo en conta que Noia, xa dende a súa fundación, convertése en porto de Compostela, hai que pensar que a comunicación terrestre coa capital do apóstolo era continua e en condicións aceptables. Esta vía ou camiño Santiago-Noia tiña continuidade ata Muros, onde tamén desembarcaban peregrinos.

A partir do trazado e a creación dos Camiños Reais ao amparo do Real Decreto de 1761, os itinerarios concretos son difíciles de precisar nalgúns puntos do trazado, pero si nos puntos principais do percorrido. Como fitas máis destacables deste percorrido, destácanse a Ponte Nafonso na desembocadura do Tambre, a Ponte da Condomiña sobre o Sar, así como o Mosteiro de Toxosoutos.

Os diferentes investigadores coinciden no feito de que as vías de comunicación entre Compostela e a ría de Muros e Noia permaneceron intactas até o século XX.


Descrición xeral do camiño


A explicación do trazado xeral do camiño de peregrinación desde a ría de Muros-Noia a Santiago de Compostela, parte da representación no plano da documentación atopada tanto cartográfica como documental.

Fragmento do mapa do trazado do Camiño da Ría Muros - Noia
Fragmento do mapa do trazado do Camiño da Ría Muros - Noia

Os datos documentais principais que avalan a historicidade do camiño, como camiño de peregrinación desde a ría Muros Noia a Santiago de Compostela, localízanse nas vilas de Noia e Muros. O resto da traza xustifícase con documentos que confirman a antigüidade do itinerario entre estes puntos e Santiago de Compostela.

Os dous posibles trazados que existen nesta ruta de peregrinación, difiren fundamentalmente no tramo entre Noia e Santiago de Compostela.
Os dous tratan de facer un itinerario viable e transitable na actualidade.
Estes dous trazados, diverxen fundamentalmente no lugar de San Xusto de Toxosoutos, un deles desvíase cara ao norte indo por cotas máis altas e percorre un territorio menos urbanizado, pasando polos núcleos de O Sabugueiro, Amañecida, Luaña, Brión ( Santa Minia ), Pegariños, Pousada, Covas, Ventosa, Portela de Villestro, uníndose ao camiño de Fisterra na súa entrada a Santiago de Compostela.
O outro camiño vai desde San Xusto de Toxosoutos ata Santiago de Compostela, optando por un trazado por cotas máis baixas, e percorre o val da Mahía, pasando por Cedofeito. Fontefría, Martelo, Agrofoxo, Rois( a Rúa ), Boullon, Brión ( Alqueidon), Os Ánxeles, Bertamiráns ( Ponte da Condomiña ), Ortoño, Bugallido, Casal, Laraño, para entrar no centro urbano de Santiago de Compostela pola Ponte Vella da Rocha en dirección á carballeira de San Lourenzo, onde se une co camiño de Fisterra.

Este segundo trazado discorre por un territorio moito máis alterado, onde o proceso de urbanización na contorna das principais vías de comunicación foi moito máis intenso. A construción da autovía-vía rápida entre Santiago de Compostela e Noia, tamén alterou de forma significativa este trazado, seccionando nalgúns tramos o posible trazado histórico desta proposta, como na saída de Rois.


A historia por Rois


O camiño entra desde o Concello de Lousame polo lugar de Marco, onde se atopa a mámoa co mesmo nome, para despois transitar pola beiravía da estrada AC-543 ata chegar ao núcleo de Martelo onde se atopa o cruceiro de Ramón lago, pasando previamente polos lugares de Portabrea, Revolta da Palla e Calzada. De Martelo o camiño segue pola beiravía da AC-543 en dirección do núcleo de Agrafoxo pasando polos lugares de O Codeso (onde se atopa un conxunto de 7 mámoas) e Maloeiro de Abaixo. Neste punto o itinerario desvíase á dereita por un camiño entre os prados en dirección a Agrafoxo. Un pequeno tramo deste desvío, é un trazado complementario xa que o histórico non existe.

A senda antes de entrar en Agrafoxo deixa á súa man dereita o Castro de Coto de Ferreira. O camiño desde Agrafoxo sae entre as hortas de cultivo, deixando á súa man dereita o castro de Agrafoxo, para despois pasar polos lugares de Cruceiro, Monte da Calle e a Calle, xa en Urdilde. Este tramo que discorre pola beiravía da AC-543 é un trazado complementario xa que o histórico non existe.

Mapa do tramo da ruta da Estrela ao seu paso por Urdilde
Mapa do tramo da ruta da Estrela ao seu paso por Urdilde

Xa en Urdilde o itinerario transita polo lugar da Calle, que antigamente era a vía principal do pobo e onde localízase un peto de ánimas. O topónimo Urdilde aparece reiteradamente na cartografía histórica como unos dos lugares de paso do camiño que unía Noia con Santiago de Compostela. Sáese de Urdilde pola beiravía dunha estrada que une coa glorieta de ligazón á vía rápida.
O trazado desta estrada está situado sobre o que foi un antigo camiño que aparece nas minutas cartográficas denominado como Camiño de Santiago.

A traza cruza a vía rápida por un trazado complementario aproveitando o paso elevado entre as dúas glorietas, para despois pasar polo núcleo de Pedreira. O camiño sae de Pedreira por un antigo camiño que aparece reflectido nas minutas cartográficas de 1870 como Camiño Real de Noia a Santiago. Este camiño colle a dirección de Alqueidón núcleo situado xa no Concello de Brión. Este tramo que aparece denominado como Camiño Real, nas minutas cartográficas pasa polos lugares de Corguiño, Cruceiro e Corga dá Foxa, xa no límite co Concello de Brión.


Conclusión


Foi necesario un traballo de investigación de tres anos, nos que se revisou cartografía e documentación histórica, para que o Camiño de Peregrinación da ría de Muros-Noia sexa oficial.

Este traballo de investigación e recuperación do Camiño de Peregrinación a Santiago pola ría de Muros Noia foi clave para determinar a súa oficialidade.
O traballo foi realizado polos historiadores locais. A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia engade o estudo de historicidade, que recopila os fitos máis importantes da historia desta ruta.


A recuperación da memoria desta ruta apóiase en 4 grandes fitos: - a segunda cruzada
- o “Portus Apostoli”
- a ruta comercial do século XV
- a carta que Carlos V escribe ao gobernador de Galicia esixindo a liberación de 50 peregrinos franceses.