Introdución


Esta ruta percorre Portugal e o sur de Galicia ata a cidade de Santiago de Compostela.
Existen varios camiños alternativos, o máis coñecido e documentado é o denominado Camiño Central Portugués, tamén existen outras variantes como o Camiño Portugués pola Costa e o Camiño Portugués do Interior.
A peregrinación xacobea desde Portugal, aínda que existía na Alta Idade Media, aumenta considerablemente a mediados do século XII.
Desde ese momento o culto xacobeo e as peregrinacións a Santiago de Compostela tiveron en terras lusitanas unha destacada proxección.
As motivacións eran principalmente relixiosas.

Mapa historia

A historia


Desde o século XII, o fluír dos peregrinos cara ao norte da Península foi establecendo conexións non só espirituais, senón tamén culturais e económicas.
O exemplo de reis, nobres e altos clérigos contribuíron decisivamente a asentar unha revolución xacobea. Cabe destacar a célebre peregrinación de dona Isabel de Portugal "A Rainha Santa", no século XIV, que ofrece ante o altar de Santiago a sua coroa e será enterrada en Coimbra cun bordón de peregrina.
Outro exemplo é o do rei portugués Manuel I, que peregrina dende Lisboa a Santiago en 1502 e ordea como recordo da súa estancia en Compostela que unha lámpada alume día e noite o templo santiagués, para o que asinará unha renda anual.
Foi tal a pegada en terras lusas do fenómeno xacobeo que a propia rede viaria de Portugal configuraríase, de sur a norte, pasando polos lugares que o Camiño Portugués que ía fixando cara a Galicia.
No século XIX, a pesar da menor afluencia das peregrinacións como consecuencia dos novos tempos marcados pola Revolución Francesa e a invasión de España polas tropas napoleónicas, o Camiño Portugués converteuse, non obstante, na vía xacobea máis activa.
Nese século máis do 80% dos peregrinos estranxeiros foron portugueses.


O pedrón de Padrón


O pedrón orixinariamente foi unha ara romana. A tradición xacobea lígao coa translatio.
Trala chegada por mar do corpo do Apóstolo desde Palestina a Galicia, a historia do pedrón di que esta foi a pedra na que a barca apostólica se amarrou cando tocou terra en Padrón.
O pedrón é granito tallado de considerable tamaño, 167 cm de alto que, en orixe, serviu como ara (altar) nas cerimonias dedicadas ao deus Neptuno.
Nel pode lerse a inscrición NO ORI ESES D S P, que se traduce como “a Neptuno coas achegas dos irienses”, o que confirma a advocación ao deus romano das augas.
Posteriormente o pedrón foi “cristianizado” coa adición dunha cruz gravada.

O Pedrón

Segundo a lenda, Atanasio e Teodoro, discípulos do Apóstolo, trouxeron os seus restos por mar cruzando o Mediterráneo, atravesando as columnas de Hércules (o estreito de Xibraltar) e bordeando a costa atlántica.
Este periplo marítimo, remataría en Padrón, coa chegada da barca ao porto de Iria Flavia. Alí sería amarrada a nave ao pedrón e desembarcado o corpo do Apóstolo camiño do outeiro de Libredón, na actual Compostela, onde acabaría sendo enterrado oito séculos despois polo eremita Paio.
Actualmente o pedrón atópase baixo o altar maior da igrexa de Santiago.
O templo ten orixe medieval, aínda que a maior parte do edificio actual é neoclásico.