Castro de Barco ou O Castro
Lugar:O Barco, Santa María de Iria Flavia .
Historia:o castro do Barco atópase a 120 metros ao norte do leito do Ulla e a 1,5 quilómetros da súa confluencia co río Sar, estando a unha altitude de 43 metros. Ten un espazo habitacional de forma redondeada e de superficie chan, cunhas medidas no seus eixos maior e menor de 150 por 120 metros, o que conforma unha superficie dunhas 1,8 hectáreas, o que o converten nun dos xacementos máis extensos da zona. Está delimitado por un terraplén e un foxo, que foi recortado pola estrada que vai ao lugar do Barco, e que tería unha dimensións duns 3 metros de fondo e 8 de ancho. Ten unha entrada pola zona nordés, onde se pode apreciar ben a magnitude das súas defensas.
O sistema defensivo do castro pola banda sur e leste foi desmantelado polas obras de construción da AP-9. Este sector xa sufrira anteriormente algunhas modificacións coa construción da estrada que leva ao Barco. No interior do recinto hai un depósito de augas e un pequeno desmonte. O terraplén está cortado en dous puntos por pistas que dan acceso á croa. Hai un vivenda cos seus anexos que afecta ao terraplén e ao foxo polo suroeste, onde tamén existe unha torre de condución eléctrica.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral
Castro O Castelo
Lugar:Monte Castrelo, Santa María de Iria Flavia.
Historia:o recinto fortificado ten unha extensión aproximada duns 110 metros no seu eixo norte-sur, e uns 35 metros no eixo leste-oeste. Está delimitado por un terraplén e un foxo, sendo o espazo habitacional de forma oval. Está nun monte de fortes pendentes a unha altitude de 178 metros. Sitúase a 800 metros ao leste do Castelo da Rocha Branca e a 1 quilómetro da Igrexa de Santa María de Adina.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Elixio Vieites. Patrimonio Galego
O Curuto do Castro
Lugar:Rial, San Pedro de Carcacía.
Historia:asentamento castrexo de gran complexidade defensiva. Ten unhas medidas na súa croa ovalada que acadan uns 47 por 39 metros, nos seus eixos maior e menor respectivamente. Está rodeado por unha sucesións de terrapléns e amosa un foxo escavado na rocha, colmatado nalgunha das súas partes, que chega acadar os 7 metros de profundidade na zona leste.
O foxo foi reutilizado como pista e a totalidade do xacemento está cuberto por repoboación forestal de eucaliptos e piñeiros.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Elixio Vieites. Patrimonio Galego
Castro Valente
Lugar:monte de Castro Valente, San Pedro de Carcacía.
Historia:o xacemento denominado Castro Valente ou A Cerca atópase no límite municipal entre Padrón e A Estrada, na marxe sur do río Ulla. Emprázase nunha contorna de fortes pendentes. Ten un control visual importante da ría de Arousa, do cruce do Ulla en Pontecesures e Padrón, e do paso ao interior desde este punto ao val de Vea e A Estrada.
Trátase unha fortaleza de época romana e altomedieval de excepcionais dimensións. Ten unha superficie aproximada dunhas 11 hectáreas (111.000 m2), cunha lonxitude total da muralla que rolda os 1.200 metros. Segundo consta en documentación de finais do século XIX e comezos do XX, a muralla tería máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares. Consta dun único recinto delimitado por unha muralla na que alternan grandes bloques de granito con mampostería seca de mediano tamaño. Alberga no seu interior outeiros rochosos con rebaixes para asentar algún tipo de edificación.
O xacemento, polo seu emprazamento fisiográfico, domina visualmente unha ampla panorámica, o que lle permite controlar tanto o curso do río Ulla e a súa foz na ría de Arousa, como a confluencia co Sar e o val deste. Do mesmo xeito controla os accesos terrestres e fluviais á Estrada.
No 2020 levouse a cabo unha campaña arqueolóxica consistente en tres sondaxes situadas na zona noroeste do xacemento. Unha delas estaría situada no interior do recinto. Nela localizouse un muro en moi mal estado de conservación, pertencente a unha estrutura de funcionalidade, polo de agora, descoñecida e que as arqueólogas non poderán definir até ampliar a zona escavada. A intervención foi desenvolvida pola empresa Tempos Arqueólogos SL e forma parte do proxecto Castelos no aire.
Fonte: obaixoulla.gal| Imaxe: Manuel Gago