Igrexa do Convento do Carme
Lugar:Costa do Carme.
Historia:Tras cruzar a Ponte de Santiago, en Padrón, atopámonos diante a costiña do Carmen, que nos conduce ata o convento que leva o seu mesmo nome, o Convento do Carmen.
Este edificio construíuse a comezos do S. XVIII sobre roca viva, e de estilo neoclásico. Os seus primeiros habitantes foron os Carmelitas Descalzos, e tras a Desamortización, pasou a mans dos Dominicos, aínda presentes no mesmo.
Debido á súa situación privilexiada, o seu atrio, aberto a todo o público, ofrécenos un perfecto miradoiro de gran parte do territorio de Terras de Iria.
Fonte: obaixoulla.gal
Igrexa do Convento de Santo Antonio de Herbón
Lugar:Herbón.
Historia:O conxunto comprende unha vasta finca á beira do río Ulla, abranguendo a igrexa e o edificio conventual, que rodean o claustro e un patio menor, máis unha carballeira. Fora dos muros da finca, a horta, vinculada cunha rampla e escalinata.
Foi fundado en 1396 grazas ás doazóns de Fernando Bermúdez de Castro e aos cóengos de Iria Flavia. Nesta primeira etapa, 1396-1701, destaca a figura do monxe Juan Rodríguez de Padrón ou de la Cámara. Desde 1701 a 1835 foi colexio de misioneiros que exerceron en Chile, México, Perú e Venezuela. En 1808 foi saqueado polas tropas francesas. En 1809 converteuse en cárcere para os liberais. Entre 1845 e 1865 é administrado polo Concello de Padrón. De 1865 a 1884 foi seminario menor rexido polo Arcebispo de Santiago. De 1931 a 1995 foi convento e colexio, entrando en decadencia vocacional a partires de entón. Destacar tamén que nel viviu o poeta medieval Juan Rodríguez de Padrón.
Fonte:obaixoulla.gal
Igrexa da Escravitude
Lugar:A Escravitude.
Historia:O monumental Santuario da Escravitude, situado a medio camiño entre Santiago e Padrón, de estilo barroco e neoclásico, é obra de José San Martín. As orixes remóntanse ao século XVI, sendo construído maioritariamente no século XVII e rematado definitivamente no 1885.
Segundo a lenda, a finais do século XVI o párroco de Cruces mandou colocar no lugar, enriba da fonte, unha imaxe da Virxe co Neno, en agradecemento aos favores recibidos da santa. Anos despois, xa no século XVIII, un home enfermo que se dirixía a Santiago para pedir curación da súa hidropisía, bebeu da fonte situada baixo a escalinata do adro, curándose ás 72 horas sen tratamento médico algún. O home, agradecido, dixo a seguinte frase que lle dou o nome o santuario: “Grazas, Virxe, que me libraches da escravitude do meu mal”. Máis adiante, a igrexa comezou a construírse cun carro de bois que o agraciado doou para levantar o edificio.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: wikipedia
Igrexa Santa María a maior de Iria Flavia
Lugar:Iria Flavia.
Historia:O primeiro templo de Iria foi arrasado no século X por Almanzor, para posteriormente, no século XII, o Arcebispo Xelmírez ordenar a súa reconstrución, converténdoa en colexiata. Foi sé episcopal desde o século V até o 1095, colexiata até 1895, e a partires desta data pasou a ser parroquia maior, dedicada a Santa María.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: Antonio Parada
Igrexa de San Pedro de Carcacía
Lugar:Carcacía.
Historia:século XVI-XVIII
Igrexa de planta rectangular, máis ampla na zona da cabeceira, muros de cantaría de granito, tellado a dúas augas e cuberta de tella. Na fachada a porta principal vai decorada nas xambas.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: xenealoxías do Barbanza
Igrexa de Santa María de Cruces
Lugar:Cruces.
Historia:Igrexa de estilo románico, aínda que podería tratarse de estilo prateresco ou barroco. Planta rectangular dunha nave con cabeceira destacada. Cantaría de granito. Fachada con portada de frontón recto partido e torre de campás dun só corpo. Pilastras ortogonais con cupuliña. Canzorros e porta do século XVI no muro norte e canzorros no muro sur. Ábsida. Contrafortes con canzorros nos muros norte e sur. Muro leste con fiestra absidal de arquivoltas. Presbiterio dobrado con arco triunfal de medio punto, sobre columnas de capiteis de fitaría.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: Xoán Arco da Vella
Igrexa de Santa María de Herbón
Lugar:A Igrexa, Santa María de Herbón.
Historia:Igrexa románica da segunda metade do século XII que foi mandada construír polo Arcebispo Xelmírez. Consta dunha soa nave de planta rectangular e de considerable altura, con contrafortes para reforzar os muros.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
Igrexa de Santa María de Rumille
Lugar:Rumille, San Pedro de Carcacía.
Historia:Igrexa de estilo barroco, con planta dunha soa nave, rectangular, co presbiterio destacado na planta e no alzado. Perpiaños e cantaría rexuntadas e á vista. Fachada con porta de orellas. Frontón recto coa imaxe da Virxe dentro dunha fornela semicircular. Espadana sinxela cun corpo de campás, sen pilastras e con remates en pináculos piramidais e un pararraios.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: xenealoxías do Barbanza
Igrexa da Nosa Señora da Mercé
Lugar: Bandín, San Pedro de Carcacía.
Historia:Igrexa de estilo barroco, planta de nave con presbiterio destacado e cantaría de granito e cachotaría. Fronte con porta de orellas molduradas e pinche con beiril que, revirándose horizontal, serve de pé á espadana dun só corpo, con pilastras afundidas e grande beiril moi moldurado; remate en triángulo curvo, ao que lle falta beiril e cruz. Presbiterio con arco triunfal de medio punto, sobre pilastras, con fermosa cancela, feita en madeira policromada.
Fonte:obaixoulla.gal | Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
Igrexa de Santiago de Padrón
Lugar:Cantón da Igrexa, Santiago de Padrón.
Historia:De estilo neoclásico sobrio, substitúe a unha igrexa mandada construír polo Bispo Teodomiro no século IX, á outra fundada polo Arcebispo Xelmírez no ano 1133 e á refundada por Lope de Mendoza no século XV, de estilo gótico. Sufriu diferentes reformas, sendo a última do ano 1867.
No seu interior acolle ao Pedrón, unha pedra que ben sendo o elemento máis xacobeo de toda a vila e que, segundo a tradición, foi amarrada a barca que traía os restos do Apóstolo Santiago, xunto cos seus discípulos Teodoro e Atanasio, desde Palestina até as Terras de Iria. Realmente podería tratarse formalmente dunha ara romana dedicada ao deus Neptuno.
A principios da Idade Media, o Pedrón foi usado como base para o altar da orixinaria igrexa na honra a Santiago. O Bispo Teodomiro, descubridor do sepulcro de Santiago, mandouna levantar no século IX.
No interior pódese ver unha inscrición sobre unha pedra que lembra o templo levantado polo Arcebispo Xelmírez en 1133. Esta di o seguinte: “Diego, prelado da igrexa compostelá, reedificouna na era de 1171”. Ao lado do altar maior, existe un púlpito dunha soa pedra, cunha fermosa imaxe de Santiago Peregrino, do século XV, pertencente ao templo gótico que mandou edificar Lope de Mendoza.
Nos diferentes altares e paredes da igrexa podemos ver diferentes elementos da tradición xacobea e do Apóstolo Santiago.
Fonte:obaixoulla.gal