Casa da Azucarera
Lugar:Iria Flavia, parroquia de Santa María de Iria Flavia.
Historia:edificación do ano 1901.
Edificación de planta cadrada, con dous andares e cuberta a catro augas. Na súa fachada destacan os tres arcos e o engadido lateral de planta circular. Neste solar atopábase un complexo industrial azucreiro. O conxunto estaba composto dun gran edificio de tres corpos. Na fachada principal existían tres arcos e unha cheminea. Entre decembro de 1937 e abril de 1939 o solar se converteu nun campo de concentración polo que pasaron uns tres mil prisioneiros. De todo o complexo azucreiro padronés, só se conserva este edificio residencial vinculado á instalación fabril.
Actualmente está rehabilitada.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Óscar Franco
Casa da capelanía
Lugar:A Escravitude, parroquia de Santa María de Cruces
Historia:foi a antiga residencia dos capeláns da igrexa, até a súa desamortización na Primeira República. Trátase dunha edificación de estilo barroco, practicamente cadrada, de dous andares, construída en perpiaños e cachotaría. Patín con escaleira de peitoril. Grande cheminea de magnífico deseño.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Casa Grande da Capelanía
Casa dos capeláns
Lugar: Iria, parroquia de Flavia Santa María de Iria Flavia
Historia:antiga casa dos capeláns, construída no século XVIII para residencia dos eclesiásticos que atendían os servizos relixiosos da antiga Colexiata de Santa María A Maior de Iria Flavia, até a súa supresión e conversión en parroquia no 1851. Trátase dunha edificación exenta e enmarcada no recinto da colexiata. Ten dous andares e está constrúida con grosos muros de pedra e pisos de armazóns de madeira.
É propiedade da Igrexa, mais está cedida por 60 anos ao Concello de Padrón. Foi rehabilitada no ano 2018. Desde aquela, a edificación segue agardando que se lle asigne algún uso.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Construcciones Iglesias
Casa do Concello
Lugar: rúa Longa, parroquia de Santiago de Padrón.
Historia:pazo do século XV reformado en 1794 en estilo neoclásico polo mestre Francisco Domínguez. A fachada presenta unha esfera do reloxo inglés e escudo pétreo representando o traslatio. Balcón corrido ao longo de toda a fronte, con plataforma de cantaría e varanda artística de ferro. Frontón enteiro con gárgolas, acroterios e espadana.
No salón de plenos hai unha imaxe de San Xoán Anteportam Latinam (vulgarmente coñecido como San Xoán do Raio) e un lenzo do século XIX, obra do pintor local Balsa de la Vega, representando ao frade e poeta medieval Juan Rodríguez del Padrón.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Xenealoxías do Barbanza
Finca o Carballal
Lugar: O Carballal, parroquia de Santiago de Padrón
Historia:construída no 1910 por Isidoro de la Riva. A propiedade ten case 60.000 m2 de extensión, con minas de auga, prados, áreas de cultivo e espazos axardinados. No centro emprázanse a vivenda dos guardeses da propiedade e o palacete principal. De planta rectangular, a vivenda de estilo ecléctico, disponse en dous andares, con balcóns de ferro forxado na fachada leste e unha gran terraza no lado sur, sobre o soportal da entrada á casa. Perimetralmente muros de granito debuxan paseos de parras, pequenos xardíns e espazos onde se sitúan bancos e mesas de pedra o unha fonte. É un lugar onde se distribúen, entre outras árbores centenarias, varias palmeiras canarias (Phoenix canariensis) tamén seculares.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: aquimicasa.net
Casa de Macías o Namorado
Lugar: Sande, parroquia de San Pedro de Carcacía
Historia:Macías O Namorado foi un trobador e poeta medieval, nado Padrón en 1340, de familia nobre e educado nas letras e nas ciencias. O seu lugar de nacemento é Sande (Carcacía)
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Camilo Agrasar
Casa Museo de Rosalía de Castro
Lugar: A Matanza, parroquia de Santa María de Iria Flavia
Historia: a familia de Rosalía de Castro trasladouse a esta vivenda da Matanza en 1883.
No outono de 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971, converténdose en Casa-Museo no 1972. A Fundación, que continúa o labor do Padroado, é a actual propietaria.
Pouco despois da morte de Rosalía a Casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. Até 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Mais foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encargouse Xosé Fernando Filgueira Valverde, con tres liñas moi claras: a didáctica, a expositiva e a evocativa. En 1977 fíxose unha remodelación xeral discreta.
Desde 1970 fóronse adquirindo outras propiedades ademais da casa e da horta, onde se mantén a figueira, incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (50A), que a propia Rosalía plantou e cita nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. En 1975 inaugúrase unha vivenda para a encargada da Casa-Museo (Maruxa Villanueva), unha Sala de Xuntas, un Arquivo da Fundación e servizos públicos e almacéns. En 1985 inaugúrase o Auditorio, con capacidade para 150 persoas, e en 1999 o Centro de Estudos Rosalianos co obxectivo de crear unha biblioteca rosaliana, fomentar a investigación, organizar cursos e seminarios, así como crear unha liña editorial de calidade.
En decembro de 2012 comezaron obras de acondicionamento interior da Casa-Museo Rosalía de Castro. Posteriormente acometeuse a mellora do perfil museográfico da Casa-Museo, ademais de dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os visitantes. Esta ultima reforma foi inaugurada finalmente en marzo do 2015.
Desde a súa inauguración, a Casa-Museo Rosalía de Castro, converteuse nun dos principais epicentros culturais de Galicia.
Fonte: obaixoulla.gal
Casa dos da Riva
Lugar: Cantón da Igrexa, parroquia de Santiago de Padrón
Historia:edificio de planta rectangular con dous andares, de estilo barroco. A fachada do Cantón da Igrexa está realizada en boas pezas de cantaría. Vese subliñada polo abondoso número de vans que a animan, cun total de cinco xanelas rectangulares no primeiro andar, e de tres portas e dúas xanelas cuadrangulares no andar baixo, dispostas de xeito simétrico. No primeiro andar, cara á dereita, sitúase un fermoso escudo dos da Riva, onde se pode ollar a familia Salgado no primeiro cuartel, os Reino no terceiro ou as faixas dos Parga no cuarto cuartel, entre outras familias. Na fachada que dá á rúa Castelao, os muros son de cachotaría rebocada, tamén con abondoso número de vans. Nas xanelas-balcóns, tanto dunha rúa como a outra, ten uns peitorís de ferro coado.
A propiedade está limitada por un muro rústico sobre o que se presenta unha balconada de fundición artística cara ao Paseo do Espolón, cunha singular solaina da mesma traza. Todo integrado nun conxunto de curto voo sobre canzorros.
Fonte: obaixoulla.gal
Casa de Sebe
Lugar: A Escravitude, parroquia Santa María de Cruces
Historia:edificación de estilo neoclásico, de dous andares, construída en perpiaños. Fachada con portas de orellas, de enmarcado con relevo. Balcón central en forxa de ferro.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Fundación Paidea
Casa dos Trulock
Lugar: Iria Flavia, parroquia de Santa María de Iria Flavia
Historia:a Casa dos Trulock, situada en Iria Flavia foi casa natal do Premio Nobel Camilo José Cela.
En esta casa viviu o seu avó, John Trulock, un inxeñeiro inglés, que chegou a Galicia para a creación da primeira liña férrea que unía Cornes (Santiago de Compostela) con Carril (Vilagarcía de Arousa).
As obras comezaron en 1861 e duraron 12 años hasta que se inaugurou o 15 de setembro de 1873 unindo a cidade de Santiago co seu porto, Carril.
O día 2 de agosto de 1983, produciuse un terrible incendio na vivenda, onde o tío materno do Premio Nobel, Jorge Trulock morre a consecuencia das queimaduras.
A casa é privada, só se pode ver o exterior.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: María G. Zúñiga