Pazo de Arretén
Lugar:Arretén, na parroquia de Santa María de Iria Flavia
Historia:o pazo é de estilo renacentista construído no século XVI pola familia fidalga Bermúdez de Castro. Planta rectangular, con extremos angulados para comunicar por paso elevado coa capela. Fábrica de cantaría de granito. Fachada principal sobria, con solemne escalinata de balaústres, que comunica cun alongadísimo patín (ao longo de toda a fronte), formado por arcos de medio punto con columnas toscanas e balaustrada de traza compostelá. A distribución actual corresponde ao século XVII.
Aquí viviron desde tempo inmemorial os antepasados de Rosalía de Castro. Era por tanto de familia fidalga, mais vinda a menos naqueles días. Aínda que reformado, o pazo conserva as trazas doutro tempo, a capela e a fermosa fonte na parte posterior, o espazoso balcón coa balaustrada sobre as grandes arcadas de pedra e a ampla escaleira.
Fonte: obaixoulla.gal
Pazo do Bispo de Quito
Lugar:Padrón
Historia:se nos adentramos polas rúas medievais do casco antigo de Padrón, moi preto da Igrexa de Santiago, situado na Calle de Dolores, levántase este pazo urbano, o Pazo do Bispo de Quito. Construído en 1666, este edificio renacentista obra de Melchor Velasco Agüero, foi propiedade de Alonso de la Peña y Montenegro, o cal foi bispo, rector da Universidade de Santiago de Compostela e capitán xeral en Quito, onde faleceu en 1688.
Fonte: padronturismo.gal
Pazo de Santa Cruz da Granxa
Lugar: Santa Cruz, na parroquia de Santa María de Herbón.
Historia:edificio de planta irregular, formado por varios corpos rodeando un patio. Construído a base de cantaría e perpiaños de granito, con teito a dúas augas, agás nos corpo máis alto que vai a catro. Na fachada ten unha escaleira e un patín en forma de U. Un muro rodea a finca, cunha zona axardinada na zona da entrada do pazo, onde se localiza a Capela de Santa Cruz.
Fonte: obaixoulla.gal
Pazo da Torre do Monte
Lugar: O Montiño, parroquia de Santiago de Padrón.
Historia:o conxunto está formado por unha extensa finca con zonas de xardín e arboredo, a Capela de San Miguel, a Fonte do Capitán, hórreo, pombal, a torre-pazo e o corpo coa vivenda do persoal do servizo.
Construído a finais do século XIV e comezos do XV, nel vivía don Fernando de Romay, Señor de Cuadrado, que estaba casado con dona Mencía Maldonado y Aldao. Planta rectangular coa antiga torre no ángulo suroeste, á que se acaroa un corpo baixo coas dependencias do persoal de servizo. Construído en cantaría de granito, concertadas, arrexuntadas e á vista. Espectacular cheminea. Fachada con escalinata imperial, con peitorís de balaústres e pilastras con pináculos no alto do patín. A torre ten dous vans cadrados por fachada e, na parte do xardín, porta con arco apuntado. Escudos dos Romay, Bendaña, Sotomaior, Moscoso e outros.
A cociña pertence ao corpo das dependencias do servizo, aínda que ten carácter propio moi significativo, polo seu deseño e dimensións. Sobre a lareira, dúas grandes ménsulas de perfil curvilíneo, con volutas, sostendo a enorme campa de cantaría. A dependencia conserva numerosos elementos dos séculos XVIII e XIX ben conservados: armarios de granito, vertedoiros...
O espazo exterior está formado por dúas zonas ben diferenciadas. O xardín esténdese por diante da fachada posterior e comprende macizos para especies de flor, con peche de mirto. O bosque esténdese entre o portalón da entrada á finca, con árbores de carácter frondoso, algúns deles centenarios, formando unha avenida totalmente cuberta polas copas.
Rosalía de Castro escribiu uns versos do seu libro Las orillas del Sar inspirados no Pazo da Torre do Monte, e nel gárdase o manuscrito orixinal de Os dous de sempre, de Castelao.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Hispania Nostra
Pazo do Vilar
Lugar: Vilar, parroquia de Santa María de Cruces.
Historia:pazo no lugar de Vilar.
Fonte: Pazo do Vilar
Pazo do Vinculeiro
Lugar: Extramundi de Abaixo, parroquia de Santiago de Padrón.
Historia:residencia pacega, probablemente con orixes finais do século XVII e comezos do XVIII, coa planta en L, cun corpo engadido no ángulo interior do mesmo, construído todo en cantaría de granito. Fachada con escaleira e patín cuberto. O máis salientable é o arco de medio punto baixo o seu corredor.
Pertenceu á burguesía rentista que vivía de cobrar foros por arrendamento de terras e propiedades á veciñanza. O nome ten relación co vinculeiro fillo primoxénito que herda a propiedade. Polos brasóns insculpidos na súa fachada coñécense as familias que o posuíron: Montenegro, Andrade, Caamaño, Torre e Moscoso. Estas dúas últimas ramas emparentadas directamente cos propietarios tamén do Pazo da Torre do Monte. O pazo tamén pertenceu a Leoncio Acosta e a viúva de Baltar, Isabel Domínguez. Nos anos 60 do século pasado albergou unha das escolas de primeira ensinanza.
Cada 8 de decembro celebrase no lugar a festividade da Santiña da Burata. A Santa estivo desaparecida uns cantos anos, mais nos anos 30 do século pasado apareceu entre o estrume na corte das vacas nunha casa preto do lavadoiro de Extramundi de Abaixo, e posteriormente colocouse nunha fornela no muro exterior do pazo.
Fonte: obaixoulla.gal| Imaxe: Pazo Costa Lamas