Calvario de Xoane
Lugar:Xoane
Denominación:calvario de Xoane
Historia:construído no 1719, está composto por un cruceiro central coa imaxe de Cristo e dúas pequenas cruces ao seu lado, unha delas cos brazos inclinados, a semellanza doutros calvarios galegos. Nun lado do calvario hai unha mesa onde os se colocaban os cadaleitos nos enterros, aínda que tamén se empregaban nas procesións. É o único do concello escoltado a ambos os dous lados por cruces baixas de pedra.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Galicia Máxica
Cruceiro da Igrexa de San Pedro de Carcacía
Lugar:cemiterio da igrexa parroquial.
Denominación:cruceiro da Igrexa de San Pedro de Carcacía
Historia:cruceiro conformado por unha plataforma sobre a que se insere directamente o fuste que comeza e termina de forma cadrada e o resto ten as arestas chafranadas. O capitel é de forma cadrada e está decorado con cabezas de anxos con ás aos lados en cada unha das esquinas. Sobre o capitel hai un pequeno pedestal sobre o que se coloca a cruz de forma cuadrangular, arestas chafranadas e puntas dos brazos potenzadas. No anverso está a figura de Cristo crucificado con tres cravos, coroa de espiñas e pano de pureza no lado dereito. Sobre a cabeza hai unha cartela. No reverso a figura da Virxe colocada sobre unha peaña e cos brazos cruzados sobre o peito.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Cruceiros de Galicia
Cruceiro de Pousada
Lugar:Pousada
Denominación: cruceiro de Pousada
Historia:cruceiro do tipo de fuste rematado nun crucifixo. Construído sobre unha plataforma de tres chanzos de forma cadrada sobre a que se coloca o pedestal da mesma forma e cunha escocia na parte superior e rodeado dun enreixado de ferro. O fuste comeza e remata en forma cadrada e o resto é de sección octogonal. Na metade do varal ten unha figura de quen parece ser Santiago Peregrino. A cruz é de sección cadrada e ten as arestas chafranadas coas puntas dos brazos potenzadas. No anverso está a figura de Cristo crucificado con tres cravos, cabeza con coroa de espiñas e inclinada cara a dereita con pano de pureza ao mesmo lado. Semella faltarlle a cartela sobre a cabeza. No reverso está a figura da Virxe sobre unha peaña circular e coas mans unidas á altura do peito en actitude orante.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Eloy Rodríguez