Igrexa de San Vicente de Augasantas
Descrición:
a construción do actual edificio, ten a súa orixe nun manantío de auga a que se atribuen certos poderes curativos, que deita a poucos metros da fachada e que, dende tempos inmemoriais, está canalizada ata un pozo que hai no interior, empotrado nunha parede, sobre o que se acha unha imaxe do santo patrón. Encol desta fonte dicía no ano 1607 o visitador do arcebispo e cardeal Jerónimo del Hoyo: "Llámase Aguas Santas, por una fuente que tiene la iglesia al lado de la Epístola".
Dentro, na capela maior, figura a data de 1728, que é de supoñer que fose
cando empezaron as obras.
É de planta de cruz latina. A fachada queda oculta en parte debido ó emprazamento
do edificio, para asentarse sobre o manantío. Na fornela central,
sobre a porta, hai unha imaxe de San Vicente, de mediados do s. XVIII.
Conta con cinco retábulos, sobresaíndo polas súas dimensións e valor artístico
o do presbiterio, aínda que o máis antigo é o da Virxe do Rosario, na lado
da epístola. Con el fai xogo, no lado do
evanxelio, o adicado a San Francisco e ás ánimas do Purgatorio, actualmente
en moi mal estado de conservación.
Tamén en mal estado atópase o da segunda capela da epístola, un sinxelo
e bonito retábulo barroco de dous carpos de mediados do s. XVIII. Por último,
queda o da segunda capela do evanxelio, neoclásico, de finais do XVIII, posiblemente
da escala artística de Xosé Ferreiro.
Igrexa de San Xoán de Buxán
Descrición: a planta da igrexa é rectangular, de case 23 metros de longo por 6 de ancho. Por tradición, os veciños din que a igrexa antiga estaba situada no lugar de Aldea Grande, non hai dúbida que na actual localización ou preto había unha construción relixiosa, tal e como o evidencian varias pedras de diferentes motivos ornamentais, que se empregaron na obra barroca. Conta con varios retablos, entre os que destacan o retablo do presbiterio, de estilo barroco de mediados do S.XVIII, e o retablo da Virxe das Dores, de estilo neoclásico.
Igrexa de San Miguel de Costa
Descrición: a igrexa é de planta rectangular dunha soa nave, de 15,8 metros de longo por 5,5 metros de ancho de nave e 3,5 metros de ancho do presbiterio. O edificio conserva restos románicos, entre os que destaca parte do penal da capela maior.
San Martiño de Ermedelo
Descrición: trátase dun edificio de planta de cruz latina, de 15,80 metros de longo por 10,5 metros de ancho. Na fachada hai unha imaxe de San Martín de Tours revestido de pontifical, con mitra e basculo, posiblemente de finais do S.XVII. A porta principal está enmarcada por dúas imaxes, San Pedro e San Paulo.
San Pedro de Herbogo
Descrición:ten unha planta de cruz latina. A actual obra empezou no ano 1715, aproveitando como materiais construtivos restos antigos, posiblemente xa empregados na igrexa anterior, como acontece cunha ara romana e unha inscrición, quizais tamén da mesma época, que se ven no exterior da capela correspondente ao lado do evanxeo, a parte máis antiga do edificio. Sobre o portal hai unha imaxe da Virxe da O ensinando a man dereita e collendo o ventre coa man esquerda, quizais do S.XVII.
Santa María de Leroño
Descrición:é a igrexa que máis conserva a parte románica de todas as que se encontran no concello. Destacan as figuras antropomorfas e zoomorfas que suxeitan a cornixa. No interior consérvase o arco triunfal de medio punto, sostido por semicolumnas de fuste liso e curto, con capiteis decorados con motivos vexetais rematados en volutas. A nave conserva as ventás orixinais, así como unha porta lateral con arco de descarga. A súa construción sitúase na segunda metade do S. XI.
Igrexa de Santa María de Oín
Descrición: a planta é rectangular de 20,30 m. de longo por 6,15 m. de ancho, cun pequeno ensanche de 60 cm. no lado dereito, dende a metade aproximadamente. No ángulo formado entre a única capela e o corpo da igrexa levántase a torre. Posúe tres retablos: o do presbiterio que é moderno e dous laterais neoclásicos, o da virxe das Dores, na capela, e o de Santo Antonio.
Igrexa de Santa Mariña de Ribasar
Descrición: a planta é rectangular de algo máis de 24 m. de longo por 6,15 m. de ancho. Conta cunha soa capela lateral á que se accede polo presbiterio e dende a que se pasa á sancristía. Dos catro retablos destaca o retablo da capela maior, aínda que o máis antigo é o retablo da Soidade. O retablo grande é de mediados do S. XVIII. Algunhas das imaxes poden proceder do taller do escultor José Ferreiro. Os dous restantes son os laterais da nave, exactamente iguais.
Igrexa de San Mamede de Rois
Descrición: o actual edificio é de cruz latina. A fachada ten a particularidade de que é a única entre as igrexas deste concello na que a torre campanario empeza dende o chan, separada a case dous metros da parede, formando un pórtico. Ten tres interesantes retablos. O máis antigo é o retablo da Virxe do Rosario. Hai un cadro lenzo de grandes dimensións no que se representa a virxe sentada co neno Xesús sobre o xeonllo dereito.
Igrexa de San Lourenzo de Seira
Descrición: ata o momento Seira é a comunidade parroquial máis antiga do concello de Rois, pois non hai moitos anos que no seu adro se encontrou unha tapa de sarcófago de datas comprendidas entre o S. VI e S.VII. É de supoñer que nese tempo existía un edificio relixioso no mesmo lugar ou moi preto. A igrexa é de planta rectangular, de 20m. de longo por 7,50m. de ancho. Posúe tres retablos entre os que destaca o do presbiterio, aínda que o máis antigo é o retablo de Santa Lucía.
Igrexa de Santo Tomé de Sorribas
Descrición: a planta é rectangular, sen ningunha capela lateral, pois a sancristía queda por detrás do retablo do presbiterio. De todo o conxunto destaca o adorno do piñón, unha fermosa peza formada por unha base de catro lados con molduras sobre a que fai equilibrio un cilindro oco cun aro a cada lado, semellando unha cruz. A peza de abaixo repítese e remata cun pináculo con bóla e sobre esta un ferro. O retablo máis interesante é o do presbiterio por ser un dos mellores do municipio debido á súa riqueza ornamental e beleza. Nos lados, dentro de dous nichos da nave, hai cadanseu retablo neoclásico.
Igrexa de Santa María de Urdilde
Descrición: empezou a construírse en 1711. Ata esa data, a igrexa non estaba neste emprazamento, senón máis abaixo, preto da aldea do Pumar. A nave é rectangular, con capelas laterais cubertas con bóveda de aresta a maior e de canón a do Cristo, a da Concepción e mais a sancristía, mentres que a virxe da Soidade conta con artesoado de madeira. Aínda que hai máis, destacan catro retablos: o do presbiterio, obra barroca do 1724 profusamente adornada; o de San Francisco dándolle o cordón ás ánimas do purgatorio; o do Calvario ou o da virxe da Soidade. É interesante o moble da sancristía que, ademais das correspondentes gabetas, ten na fronte fornelos con imaxes coma se se tratase dun retablo. Unha peza tamén única é a fermosa porta pola que se accede a esta dependencia dende o presbiterio.