A Requinta dos Portelas. Moares. San Martiño de Ermedelo
Nasín no campo coma labrador pero quero morrer coma ghaiteiro”
Sen dúbida ningunha a mellor murga que viu nacer este concello foi A Requinta dos Portelas, do lugar de Moares. Co remate do conflito bélico do trinta e seis vaise retomando paseniñamente a actividade musical dos pobos que, logo de anos duros, van enchendo da devecida festa os lugares do país.
É na década dos corenta cando xermola a actividade musical da familia Martelo Lapido, asentada nunha casa de forte labrada na que nacen unha rapaza e seis varóns dos cales cinco serán iniciados na música tradicional. Para tal efecto, seu pai contrata un mestre de obra co fin de levar a cabo unha reforma na vivenda e, o mesmo home, será o encargado de formar en nove días -a razón de dez pesos ao mantido (por día, con comida e cama)- un conxunto integrado por tres dos pequechos: Benedicto, á gaita; Estanislao, á caixa e Maximino, ao bombo. Segundo acorda este último:
“Durante os nove días, da mañá á noite sen parar de ensaiar, o xusto para comer e durmir. Era un home moi recto e exixente. A primeira peza fora o pasodobre ‘Vuela vuela Palomita’, no que eu non era capaz de entrar a tempo no terceiro compás, mesmo me mandara unha patada coa que fun a rolos co bombo posto... Aquela noite non peguei ollo matinando na melodía. Con todo, a cousa foi rápida, ao décimo día xa estabamos indo tocar para as festas de Vilacoba”.
Co tempo, o maior dos irmáns -Benedicto- ten de marchar para o servizo militar a Pontevedra e o grupo sufriu un pequeno parón, como nos relatou no seu día Maximino:
“Quedamos sen grupo, foi cando eu collín a gaita. Á volta, Benedicto trouxo consigo un requinto que aprendera a tocar na estancia ao servizo do rei e foi así como decidimos formar un quinteto: A requinta dos Portelas1 ”
Desta forma foi como o grupo pasou a ser un quinteto familiar, integrado por: Benedicto, ao requinto; Arturo e Maximino, coas gaitas; Aurelio, co bombo con pratiños e Estanislao, á caixa. Nas verbas de Maximino:
“Fora un éxito total, con moita aceptación nas festas da contorna. Ao ter tanta demanda decidimos mercar un saxo alto usado, por 3.000 pesetas, en Noia, que tocaba eu. Desta maneira trouxemos un compañeiro gaiteiro de Vilachán para suplirme. Logo mercamos unha trompeta que alternaba co saxo alto dependendo do tema a interpretar o que permitía ofertar unha maior variedade”.
Este conxunto formado a primeiros da década dos corenta deixou gran pegada en toda a comarca que aínda hoxe moitos recordan. Os Portelas foron quen de partir dun trío, pasando por unha charanga, e formar unha orquestina a base de tres tonalidades de saxo (tenor, alto e soprano), marcados pola batería e cos que actuaban nas verbenas interpretando unha variedade de agarrados: pasodobres, foxtrots, mazurcas, rumbas, tangos... demandados pola mocidade da época. Entre as melodías non faltaban temas de moda como: ‘La Conga’, ‘Sentimiento’ ou ‘Solamente una vez’; nunha perfecta adaptación -clave do éxito- aos cambios que suxerían os tempos chegados.
Xunto a esta actualización sistemática de repertorio, trazos como a constancia e comportarse coma verdadeiros profesionais foron a chave para un merecido recoñecemento na altura, como nos lembra Aurelio:
“Marcabamos o paso nas alboradas, vestindo con uniformidade”.
De feito, a teima pola estética é palpable cando Benedicto emigra a Bos Aires e lles envía uns xerseis de pico cunha banda mariñeira xunto a unha gravata vermella estreitiña que fai que os comparen a unha orquestra cando van actuar. O paso do tempo provoca as lóxicas modificacións no repertorio e vestimenta, dende uniforme con gorras de prato ao estilo das bandas militares, chalecos de punto con gravata de cor -propia dos 70- ata o traxe de xastre (pantalón e chaqueta a xogo) dos últimos anos.
Na época de máis esplendor do conxunto pasaron polos escenarios dos afamados salóns de baile intervindo coma orquestina. A proximidade e un prezo máis axustado có das orquestras fixo que se converteran en asiduos de locais como o Salón Areal, no que recordan como a xuventude demandaba moitos agarrados, polo que tiveron que reformar mazurcas adaptadas ao novo gusto. Por outra banda, é nestes anos cando o conxunto experimenta máis cambios na instrumentación, por exemplo empregando varios tipos de saxo ou a devandita trompeta. Xunto ao gusto polo vento metal, o feito de tocar en escenario fai que cambien bombo e tambor por un jazz, apliquen maracas e mesmo caixas chinesas, reforzando e dotando as pezas da modernidade esixida nas canles radiofónica e televisiva das que proviñan.
Fóra dos salóns de baile as cousas non resultaban tan marabillosas, pois de cando en vez tiñan de durmir nas palleiras a ras de chan e logo de abrir o día coller a bicicleta ou ir a pé cara a outro lado.
A calidade da formación, xunto a unha competencia máis escasa do que sería hoxe en día, fixo que estes músicos sacaran cartos do oficio. De feito, a feira de gando que se celebraba todos os 14 de mes en Vilachán serviu coma punto de contratación para o conxunto, xa que esta remataba a altas horas da madrugada (2-3 da mañá) cun baile pagado onde decotío actuaban os Portelas, o que lles proporcionaba gran difusión, pois era un lugar moi concorrido. En canto a contratacións se refire a boa relación cos curas axudou notablemente, coma no caso de Don Eladio, párroco de varias comunidades que alá onde tiña festa ou era invitado os levaba contratados. Sen sabelo, converteuse nunha especie de axente proporcionándolles actuacións onde oficiaba, concellos limítrofes a Rois coma Noia, Ames, Lousame, Teo ou Padrón.
Fillos de labradores, os Portelas souberon combinar por máis de cincuenta anos a facenda, o traballo duro e escravo do campo, coa disciplina que requiría a música da Requinta. Só o paso do tempo puido debilitar as ansias duns músicos que estiveron en activo ata finais dos oitenta. A finais da década seguinte sería cando nós visitamos a casa paterna onde coñecemos a Aurelio, Arturo e Maximino que, a pesar da idade, estaban en plenas condicións de nos interpretar gran parte do repertorio e vivencias acumuladas nos máis de 60 anos en activo.
Fillos de labradores, os Portelas souberon combinar por máis de cincuenta anos a facenda, o traballo duro e escravo do campo, coa disciplina que requiría a música da Requinta. Só o paso do tempo puido debilitar as ansias duns músicos que estiveron en activo ata finais dos oitenta. A finais da década seguinte sería cando nós visitamos a casa paterna onde coñecemos a Aurelio, Arturo e Maximino que, a pesar da idade, estaban en plenas condicións de nos interpretar gran parte do repertorio e vivencias acumuladas nos máis de 60 anos en activo.
A finais do 2013 falecía o derradeiro gaiteiro da Requinta dos Portelas, don Maximino Martelo Lapido, o máis novo dos sete irmáns de Moares e ao que en tantas ocasións acudiramos para que nos contara as súas vivencias e ensinara os temas que eles interpretaban nas saídas que tiñan. Home de gran vitalidade, soubo facer da vocación de gaiteiro unha verdadeira arte:
“Nasín no campo coma labrador pero quero morrer coma ghaiteiro”.
Así foi, en activo coma gaiteiro ata os últimos días -pois a música era a compañeira de viaxe alí onde fose-, Maximino sempre viviu acompañado da gaita e cheo dunha vitalidade e humor inconfundibles, o que nos alegraba e aderezaba co seu bo facer. Ao seu carón e como caixeiro seu compañeiro de fatigas, don Francisco da Senra, quen o acompañou nos últimos vinte e tantos anos pondo música alá onde eran chamados. Nos derradeiros momentos da súa vida Maximino Portela colaborou con músicos en diferentes formacións como Os Breas de Esteiro. Recordo de alguén entrañable para quen o coñeceu, e derradeiro expoñente dunha familia das que non quedan.
Fontes:
- 1 A Requinta dos Portelas (1945-1975). O termo 'requinta' é o empregado para referírmonos ás charangas e murgas na Comarca do Sar, tomando o nome do requinto, instrumento que acompaña ás gaitas (formación mínima de dúas gaitas, requinto e percusión).