Mazurca e canto da Chisca. A Chisca. San Xoán de Buxán
As señoras Julia Baleirón Bustelo e Josefina Caeiro Freire foron rapaciñas criadas ao carón do lume, ao par da borralleira, alimentadas con bolas da lareira envoltas en folla de verza, papas de millo miúdo ou bolos do pote:
“Cando se cosía o pan na casa dunha semana pra a outra. Aghora temos todo o que queremos e non somos conformes, non tendes que ir lavar aos regheiros, nin tampouco andar coa lus de candil ou co fachico pra ir moer ao muíño de río, como nos tocou a nós”.
Estas verbas revélannos moitos dos traballiños que pasaban os nosos maiores para criarse non hai tanto tempo. Elas son testemuño directo dun pasado recente no que o ritmo de vida era duro pero máis calmo e onde primaban outros valores como a lealdade, o cooperativismo, a unión... Todo baixo o forte respecto e estima polos nosos maiores.
Por aquel entón, aprender a tocar a pandeireta era algo natural e case intuitivo que se desenvolvía nas reunións celebradas decote nas aldeas. Ambas as dúas, Julia e Josefina, xa a tocaban ao xeito con 8 aniños nas foliadas, nos quinteiros de Buxán polo inverno dende o tempo das esfollas ou no Martes de Carnaval. Así é como se transmitían os valores da cultura inmaterial, de xeración en xeración, pois súas nais eran tocadoras e bailadoras de sona que lles souberon inculcar e transmitir todo o saber ás fillas:
“Daquela había moitos festexos e reunións onde bailar e tocar, calquera motivo era bo pra faser farra. Nos traballos comunais como nas fías de liño, nas esfolladas do millo ou no alumear do pan sempre se remataba cunha festa na que participaban todos e todas, dende os máis cativos ata os máis vellos do lugar, sen distinción ningunha”.
Grazas a unha memoria privilexiada, as nosas transmisoras son fonte de sabedoría popular, como se dun cancioneiro tradicional se tratase. Julia e Josefina lembran o que se cantaba en cada época do ano -distribución dependente do ciclo do ano-, os diferentes ritmos a interpretar nas foliadas (danza, mazurca, muiñeira, pateado...) ou as diferenzas que existían no tanxer dos homes que as acompañaban, pois eles facían os mesmos ritmos sobre o puño da man mentres as mulleres gustaban de tocar coa palma aberta.
En moitos aspectos da vida, Josefina bota de menos tempos idos: na unión veciñal, nos costumes ou no comportamento da xente:
“A xente antes era moito máis unida e adivertida que aghora. Cantábase fasendo calquera labor: indo á herba, sachando...; indo para as festas... Eu aprendín moitas cantarelas no lavadoiro, das outras mulleres xa feitas que ían alí freghar a roupa. De entre todas as que aprendín as que máis me ghustaban eran as que lles tirabamos aos mozos que viñan todos gharbosos ás fiadas:
Pequeñita e redondita coma un ghrao de sebada
lo que tengho de pequena lo tengho de resalada”.
Para Josefina:
“As mellores foliadas tiñan lugar cando viña un gaiteiro da redonda, de Visoso, Moares, Buxán... Así as tocadoras podiamos pousar un pouco a pandeireta e ir bailar con alghún moso, se non estabas enleada toda a noite. Como foras boa tocadora, non te remudaba ninghén”.
De entre todo o repertorio de Julia e Josefina eliximos esta ‘masurca’ que a elas tanto lles prestaba e maxistralmente interpretan. Das pezas catalogadas no concello, esta podémola considerar case un himno, pois tanto a melodía como a letra son as máis estendidas no municipio, aparecendo interpretada baixo diferentes ritmos por gaiteiros, charangas, grupos de pandeireta ou a capela. Na composición chama a atención o retrouso empregado, totalmente en galego, fronte ás diferentes coplas alternas:
“Ahora deixa estar, amor aquí, aquí,
ahora deixar estar, amor ó pé de min
ahora deixar estar, amor alá, alá
ahora deixar estar, amor que volverá“
Neste apartado dedicado a dona Julia e dona Josefina, dúas das mellores pandeireteiras da Chisca (Buxán), acordamos incluír dous cortes sonoros dado a riqueza do seu repertorio e a boa interpretación na execución das pezas. Así escoitaremos neste segundo apartado o que elas denominaban ‘Canto da Chisca’, que vén ser unha melodía que empregaban para cantar ao aire sen pandeireta, empregada para dar descanso ás mans na foliada ou para rondar polas noites á volta da festa, cando aínda a mocidade regresaba á casa en grupo polo medio das aldeas. Verbo disto, non hai moito tempo atrás as condicións do rural obrigaban a unha necesidade social de unión e mutuo apoio que ía máis aló dos traballos comunais e pasaban a estar presentes noutros actos da vida, xa que uns dependían dos outros para o desenvolvemento e crecemento vital. Esta forma de vida provoca a aparición de cantos que, alén de expresar sentimentos, estreitan os lazos do conxunto nunha actividade lúdico-social realizada en principio por un mesmo grupo de idade pertencente a unha mesma área xeográfica.
En canto á construción deste canto ao aire, componse dunha alternancia fixa entre copla e retrouso, no que as primeiras son reutilizadas de calquera outra peza pero sometidas á nova melodía, mentres que o retrouso -cunha carencia distintase repite ciclicamente tras finalizar a copla, o que as nosas transmisoras denominan como “darlle a volta”. Na práctica todos coñecen de man a letra do retrouso no que participan e logo para a copla unha persoa é a encargada de comezar para logo na repetición ser acompañada polas outras voces tantas veces como se queira ou dure o traxecto.
O bo gusto por tocar a pandeireta das mozas de Buxán é ben coñecido na contorna, como así o confirma o arquivo fotográfico recompilado polo Concello de Rois. Logo dunha revisión do mesmo reparamos na foto tomada nos anos 60 (vid. páx. 19) na que reza: grupo de ‘Pandereteiras de Buxán’; conformado por un grupo mixto de seis raparigas e dous mozos entre os que identificamos a señora Julia e a señora Josefina ‘a Chalana’.
O conxunto convértese en referente musical polo que de novidade achega. A incorporación de voz e pandeireta nun grupo itinerante semiprofesional, composto na maioría por mulleres, dálles moita sona levándoos a actuar por toda a xeografía galega. Parte do seu éxito vén dado nas festas do Santiaguiño, en Padrón, onde serán chamadas sucesivamente durante máis dunha década.
O legado do grupo de Buxán foi recollido anos máis tarde pola Asociación cultural A Serna, constituída no ano 1988 con este propósito: recuperar e divulgar o folclore galego. A devandita asociación foi a primeira constituída no concello de Rois.
É de interese destacar que a transmisión oral levada a cabo de xeración en xeración se mantivo viva ata os nosos días. Aínda que as foliadas das eiras xa desapareceron hai anos, pois non teñen funcionalidade, os novos conxuntos e formacións de Rois alentados polas asociacións culturais souberon manter no repertorio as melodías dos antergos. Un exemplo claro atopámolo na foto onde Eva, a neta de Josefina, interesouse e aprendeu as cantigas que interpretaba a avoa e as compañeiras da Chisca, deste xeito o folclore segue o camiño natural sobrevivindo grazas á gran capacidade para adaptarse aos tempos.
De seguro que a compañeira Eva lles ensinará estas lindas melodías aos seus descendentes, cumprindo así coa finalidade e o ciclo da música tradicional, ser reinterpretado o legado destas valiosas transmisoras.
Non hai nada máis importante no eido da cultura que saber valorar e respectar as tradicións e costumes cos que fomos agasallados e, en moitos casos, cos que fomos criados.