Historia de Rois

Mapa antigo de Rois. Data de creación 1952/1956 Mapa antigo de Rois
Data de creación (coñecida) 1952/1956


Mámoas da Medela (Leroño) Unha das mámoas do Agro dos Campos(Augasantas) Arriba á esquerda, ara romana (igrexa de Herbogo).Á dereita, fragmento de inscrición romana (igrexa de Herbogo) Cabeza achada no castro de Beca (Foto Estudio Moncho) Capela do Aido (Rois)
O ídolo de Urdilde pode ser a representación dunha deidade feminina vencellada coa fertilidade Antiga cabana con tellado, o mesmo que un hórreo (Pedrouzos) o castro de Oín, debuxo de Puente Míguez e Ruibal del Castillo, 1976 Igrexa de San Martiño de Ermedelo Mazando o liño(Ermedelo)

Primeiros asentamentos

En practicamente todas as parroquias atopamos mostras da existencia de poboadores na etapa Megalítica, entre o cuarto e o segundo milenio antes de Cristo. Contamos con evidencias de necrópoles, de mámoas e campos de mámoas. Á Idade do Bronce pertence unha pedra que se achou no castro de Beca e que actualmente se garda no Museo do Pobo Galego, que corrobora a presenza de poboacións nesta zona de Galicia. Existen numerosos xacementos castrexos, entre eles, hainos situados nas montañas, en lugares estratéxicos, como o de Beca e o de Socastro; e outros nos vales, xeralmente aproveitando defensas naturais, como o de Oín. Todos estes primeiros vestixios amosan que estas terras tiñan dous puntos de referencia: o castro de Beca na Amaía e o de Socastro no Valeirón. Tamén no Museo do Pobo Galego, de Santiago de Compostela, podemos ver unha figuriña en pedra que apareceu na aldea de Carabeles (Urdilde), típica da cultura castrexa: rasgos moi elementais, con aspecto de ser unha representación da fecundidade nunha deidade feminina.

Posteriormente, a presenza dos romanos está representada e avalada por diversos restos en pontes, aras, moedas e, como non, en diversas vías e camiños. Os primeiros séculos do cristianismo nestas terras están relacionados ao territorio xurisdicional do bispado de Iria na época romana e despois na sueva e visigoda. Destes dous pobos existe unha proba no cemiterio de Seira, unha tapa de sartego datada entre os séculos V e VII, que se pode ver sobre o muro do adro da igrexa. Pola contra, non encontramos nestas terras pegada algunha do paso dos árabes pola península. Xa no século X, sabemos que a zona de Maía e Iria estaban repartidas entre dous condes: Lúcido Vimaraniz e Nuno Gutiérrez. Tamén existe constancia documental do paso de tropas normandas que chegaban a Catoira (Torres do Oeste) e arrasaban o que atopaban ao seu paso, sendo lóxico que pasaran por Rois. Durante a Idade Media, o xeito de vivir nestas terras estivo fortemente vinculado á Igrexa, aos diferentes bispos e aos señores feudais cos seus foros, rendas e dezmos.

Segundo a tradición, a raíña Lupa vivía no castro de Beca, Lupario ou de Francos
Segundo a tradición, a raíña Lupa vivía no castro de Beca

O brasón de Rois

O primeiro selo-escudo rexistrado do Concello é do ano 1877. Nesta época, facíase uso dun selo oval,coa seguinte lenda ao seu arredor: ALCANDIA CONSTIT. DE ROIS. Tal como indica Clodio González Pérez no seu catálogo arqueolóxico, artístico e monumental de Rois, dentro do óvalo represéntase unha balanza pendurada de arriba, cunha estrela ou sol a ambos lados. Este mesmo astro tamén ía abaixo, no medio dos pratiños. Non sabemos os anos que se faría uso del, o caso é que o 22 de abril de 1877 a corporación acordou:

"A propuesta del Sr. Presidente se dispuso por la Corporación visto el estado imperfecto y de deterioro en que se halla el sello oficial de la Alcaldía, facultamos a aquel para la adquisición de otro nuevo que presente el mismo gravado, cuyo coste habrá de satisfacerlo por la cuenta de lo consignado en el presupuesto vigente para gastos de Secretaría" (Arquivo do Concello de Rois: “Actas de sesións”, desde 1875. Citado en O concello de Rois: historia, economía e arte).

En opinión de Clodio González, non debeu ser así, pois os primeiros días do ano seguinte, en 1878, empezan a aparecer as primeiras estampas nas actas de sesións. No selo novo represéntase unha árbore, de imposible identificación, aínda que se cadra sexa un carballo ou un acivro. Descoñecemos o motivo que levou á corporación a trocar o brasón, así como a causa pola que escolleron este e non outro. Fose como fose, este selo estivo en vigor ata 1985, ano no que a Xunta de Galicia, a proposta da corporación, aprobou o actual brasón de armas do Concello (Diario Oficial de Galicia, núm. 238, 12 de decembro de 1985). O novo escudo segue conservando a presenza da árbore tradicional, pero, ademais, incorporou unha cuncha de vieira por estar situado Rois na “Terra de Santiago”, e por cruzar por un dos extremos o “Camiño Portugués” das peregrinacións (parroquia de Ribasar), e polo outro (Urdilde e Ermedelo), un dos que viñan por mar ata Noia –o “porto de Compostela”-. A súa descrición na terminoloxía heráldica é a seguinte: en campo de arxén (prata), unha árbore de cor natural, debaixo na punta unha cuncha de vieira de peregrino de ouro, e como timbre a coroa real.

O escudo do Concello de Rois

Do século XVIII ata hoxe

O século XVIII, sobre todo na súa primeira parte distínguese por un enorme incremento na construción e a igrexa non foi allea a esta tendencia. En poucos anos cambiáronse os máis dos edificios relixiosos, igrexas e santuarios, por outros novos. Así, coma noutros lados, en Rois substituíronse os templos románicos por outros barrocos, máis espaciosos pero, ás veces, de menor valor artístico. Capelas e cruceiros son a maioría desta época. Como concello tal como o entendemos agora, Rois nace no século IXX. Efectivamente, o 15 de xuño de 1836 a Deputación Provincial publicaba a relación definitiva dos concellos da provincia, figurando ademais das parroquias o número de veciños. En tal publicación Rois aparece coas doce parroquias actuais e cunha poboación de 5.673 habitantes. Ademáis das manifestacións artísticas de carácter relixioso que se veñen relatando, Rois destaca polo elevado número de cruceiros.

Entre cruces, cruceiros de varal e cruceiros de capela, hai máis de 130. Os máis antigos son os de capela, dos que algúns datan da segunda metade do século XVI. Os demáis van desde o XVII ata os nosos días. Como conxunto sobresae o Via Crucis de Sorribas, de 1.698.No Concello de Rois hai dous grandes pazos, coñecidos por todos cantos se adican ao estudo destas mansións: o de Faramello e o de Antequeira. Seguen en importancia o de Angueira de Castro e a casa do Mato en Peracova (Buxán). Rematan as manifestacións artísticas do concello de Rois unha serie de fontes, hórreos, pombais que, como en outros moitos lugares de Galicia, conforman un conxunto de construcións artísticas, de utilidade, ás veces curiosas e sempre interesantes. Para coñecer e sentir mellor estas terras cómpre percorrelas devagar. Dúas opcións ábrenselle ao visitante: a través das rutas acondicionadas polo concello ou elaborar el mesmo o seu propio percorrido de acordo cos seus intereses paisaxísticos, arquitectónicos, culturais.... Iso si, sempre deixándose levar polo ritmo paseniño que marcan os regatos, as fontes, as xentes... nun paraíso plenamente natural.

Pazo do Faramello
Pazo do Faramello
Pazo de Antequeira
Pazo de Antequeira

Na actualidade

O Concello de Rois, atópase no sudoeste da provincia da Coruña, entre ás áreas xeográficas definidas pola Mahía e o baixo Ulla, baixando as terras a esta última comarca enclavada no val que forma a canle do río Sar e os seus afluentes. Posúe unha extensión de 92,8 km2 polo que estamos a falar dun Concello de tamaño medio cunha extensión moi preto da media aritmética da superficie dos 315 concellos galegos. Conta cunha posición xeográfica situada entre os 42º 41´ e 42º 51´ de lonxitude e os 4º 56' e os 5º 7' de latitude, linda ao norte co Concello de Brión, ao sur cos de Dodro e Rianxo, ao leste cos de Padrón e Teo e ao oeste, co de Lousame. Excepto polo sudoeste, onde se xunta coa Mahía, todo o Concello de Rois está delimitado por montes, como o de San Xusto ou da Luaña, Baleirón, Formarís, Treito ou da Muralla, que a poucos metros da liña divisoria entre Lousame, Rianxo, Dodro e Rois, chegan aos 670 metros de altitude. No centro do Concello está localizado o Val de Quintáns, sulcado na súa superficie polo río Rois e os múltiples regueiros que el recolle. Pode consultar aquí o listado completo de lugares e parroquias que compoñen o noso termo municipal.

O territorio aparece sucado por múltiples ríos e regatos, en xeral de percorrido curto e limitado caudal. O concello sitúase na cunca atlántica entre os álveos dos ríos Tambre e Ulla e conta con tres ríos principais. O Sar atravesa a parroquia de Ribasar, situada na vertente máis oriental de Rois para despois formar durante máis de 6 km. A fronteira co concello de Padrón. A este río vértelle as súas augas o Río Tinto e o Rego de Rubial, situados tamén na parte máis ó leste do concello. Os outros dous ríos importantes son o Rois, situado no sur, e o Liñares, que fai o seu percorrido en dirección norte-sur para rematar vertendo as súas augas no propio río Rois. No norte, lindando con Brión, está o álveo coñecido como Rego de Muíños, mentres que no oeste atópanse os regatos Moares e Manle e os ríos Treito e Sóñora, estes xa máis cara o sur. Rois está situado dentro do dominio climático oceánico húmido; na chamada plataforma occidental do clima do interior, caracterizada por abundantes e intensas precipitacións e cunhas temperaturas frescas polo xeral. De feito, conta cunha temperatura media anual duns 13ºC e recibe unha media de entre 1.500 e 2.000 litros/m2.

Fonte: rois.gal | O Concello de Rois: historia, economía e arte. Catálogo arqueolóxico, artístico e monumental. Clodio González Pérez (Concello de Rois, 1990) | Galiciana. Biblioteca dixital de Galicia.