Plantel da extensión agraria


O Plantel de danza tradicional xorde en Rois no ano 1968 a carón do Servizo de Extensión Agraria. O SEA é unha organización creada polo franquismo no ano 1955, a imitación doutras semellantes noutros países europeos, e que se caracteriza por amosar grande interese polo grao de interactuación coa poboación agraria. Tal é o grao de implicación sobre o terreo por parte do servizo que outros obxectivos de corte social -moitos en torno á figura da muller- van gañando peso, especialmente desde finais dos setenta, e que dan en Rois coa creación do Plantel.

O SEA pasa a espertar ocupacionalmente a conciencia de moitas mulleres, nun principio supeditadas a unha sociedade de conviccións machistas fortemente asentadas, converténdose o Plantel en motivo de reunión e organición asociacionista para o xénero feminino.

O Servizo de Extensión Agraria de Rois estaba mancomunado ao concello de Padrón, onde se atopaba a sede dirixida por D. Julio Martín García (finado en 2013). Este órgano foi quen de asumir moitas das demandas sociais, á par de facerse cargo dos labores que no seu día se desenvolvían desde a Cámara Agraria e que xiraban en torno a dar servizo o campo e á súa xente.

O papel desenvolvido desde o SEA é clave para entender un período no rural non só galego, se non estatal. Os fundamentos do colectivo deron especial protagonismo ao asociacionismo veciñal tratando de paliar riscos de exclusión ou discriminación, buscando propiciar un clima de convivencia e auto-axuda no que se estreitan os lazos da comunidade. Por outro lado, diversas iniaciativas, algunhas tan sinxelas como a realización de saídas culturais, eran todo un aliciente para unhas mozas que apenas saíran da aldea e contorna nos máis dos casos.

Mozas bailando
Informa: María del Carmen García Acosta, ‘Carmiña de Caravel’ (Traballadora do Concello de Rois)
Dale al dindon

A idea do Plantel de baile argállase a través dunhas cantas mozas que localizamos en torno á parroquia de Rois. Elas participaban de seu nas diferentes actividades que organizaba o Servizo: cursos de cociña, costura, conserva alimenticia (tomates, pementos, xudías...), agricultura (sementeira, regadío, recollida...), pasando por cuestións educativas, onde un podía acadar o graduado elemental de estudos primarios (impartíanse clases de cultura xeral, xeografía...). A nosa transmisora e amiga ‘Carmiña’ inda recorda cando comezaran os cursos para obter o permiso de conducir, no que as mulleres tiñan que ter unha autorización por escrito do marido ou cabeza de familia –varón– conforme lle permitían apuntarse a esta actividade e proba.

O amplo abano de actividades ofertadas desde o SEA primaban a formación da muller do rural, a máis desprotexida socialmente. Entre todas as actividades orixinouse a idea de retomar o folclore do país tan rico e variado no concello, pois moitas tiñan no seo familiar nais bailadoras e tocadoras de pandeireta, polo que a idea resultaba moi atractiva. Ao primeiro constituíuse un taller de baile solto e, aínda que aberto para quen quixer de ambos xéneros, dicir que só acudiron rapazas, pois daquela os mozos non vían moi idóneo asistir ás clases de baile, máis propio para as mulleres, segundo o pensamento da época.

As primeiras aulas de baile tradicional comezan da man de Manuel, un rapaz que, alén disto, exercía de químico na fábrica da Picusa (A Retén). Tal loable iniciativa tivo uns inesperados acompañantes de luxo: a familia dos Xaneiros, quen de forma altruísta deciden poñer a música nas danzas cando acudían un día á semana para ensaiar. A día de hoxe as xa mulleres –mociñas daquela– estanlles moi agradecidas aos Xaneiros, pois foron os primeiros e únicos gaiteiros do Plantel durante os dez anos de vida deste.

Pouco a pouco foise tecendo a actividade no grupo folclórico do Plantel que seguía pautas parellas ás doutras entidades próximas, como foi a Sección Feminina da época. Carmiña era a impulsora e encargada das vestimentas do colectivo, xa que o traxe rexional é unha icona representativa de Galicia e polo tanto tiña relevancia. Neste sentido, a axuda económica que achega Extensión Agraria e o empeño de todas elas fan que, tendo a Pacita Vázquez como integrante e modista do Plantel, se poñan todas a coser na casa de xeito altruísta. As mozas guiadas por Pacita crean cadanseus traxes durante moitas tardes chegando a facer quince, un por cada moza.

A estrea chegaría no ano 1969 co gallo da festividade de San Isidro labrador, celebrada en Rois o 15 de Maio. A festa era oficiada pola Cámara Agraria, quen abría as súas instalacións e celebraba unha comida de confraternidade coa xunta de Goberno. A aceptación social era total, baixo o carácter tradicional da mesma, e onde o natural motivo campestre atraía a veciños e xente da contorna, polo que non podían faltar os gaiteiros no oficio dos actos da misa e na sesión nocturna da verbena.

O esforzo e ilusión aínda é hoxe visible nos recordos destas mozas que xa conmemoraron o 40º aniversario da fundación do Plantel de baile da Extensión Agraria alá polo ano 2009. En torno a unha mesa xuntáronse máis de corenta persoas, todas elas coma unha familia, para recordar unha actividade que desenvolveron noutros tempos de máis restrición e que como tal merece especial orgullo. Polo camiño, nos máis dos casos, quedaron moitos elementos representativos coma as roupas confeccionadas con tanto cariño, mais non o arrepentimento do logrado.

O factor da idade foi o único que fixo que alá polo ano 78-79 deixaran de actuar, mais non sabían da semente que plantaran e que axiña daría froito. A partir da década dos oitenta florecen outras asociacións que tiveron como modelo as mozas do Plantel, pois moitos destes novos cultivadores do tradicional son fillos e familiares daquelas mozas que nos sesenta iniciaron o camiño de recuperación e conservación da música tradicional en Rois.

Hoxe en día podemos afirmar que moitos dos valores que caracterizaron a estas mulleres na época franquista están presentes no labor veciñal no eido rural. Os colectivos actuais tratan de novo o amor e respecto polo noso desde a tradición da súa terra.

Con todo, a capacidade da nosa transmisora, María del Carmen García Acosta ‘Carmiña’, para desenvolver proxectos culturais non descansou. Logo da experiencia positiva do Plantel da extensión agraria foi fundadora activa do O.C.T. Chorima, orixinado desde a ANPA do Colexio de Rois. Alén disto e a día de hoxe, xunto con outros moitos, constituíron a Asociación de Amas de casa de Rois, na que unha das principais actividades é un taller de pandeireta e cantareiras que imparte a nosa compañeira Jéssica Beiroa.

No rexistro de traballo de campo levado a cabo na década dos 50 pola sección feminina aparece rexistrado ‘Dale al dindón’, e sesenta anos despois volvemos rexistrar en voz (dixital) a mesma melodía, coa que rendemos especial tributo a todas as entidades que como o Plantel de Rois teñen a muller como protagonista.