A tradición do 'Lumepán' en Rois


Dentro do que entendemos por cultura inmaterial hai un sen fin de manifestacións e ritos de variada etimoloxía moi arraigados á terra. Se os clasificamos por temática podemos organizalos en torno ás etapas ou ciclo da vida, do ano... Outra clasificación pode ser por ritmos... Sexa como for, sempre partindo dun nó común de organización.

O grande abano que concirne a cultura inmaterial presenta unha serie de ritos que resultan especialmente rechamantes, moitos agrupados en torno á fecundidade, a vida agraria ou mesmo a morte. A mística que os rodea, así como a cultura das xentes, fai que os máis deles se esquezan no tempo coa perda da funcionalidade orixinaria, arraigada a fortes crenzas, por exemplo para eliminar e afastar o mal ou para atraer a fortuna.

Así no concello de Rois podemos falar dun rito agrario que chegou ata os nosos días, se ben non é un feito illado, pois está constatado por todo o val da Amahía e a comarca do Sar, xunto con áreas lindeiras. O que é certo e que Rois pode ser considerado o epicentro pola forza que presenta, contando con innumerables transmisores e transmisoras que viviron e participaron en primeira persoa do rito agrario. Estamos ante unha cerimonia pagá de gran valor cultural mais tamén espiritual, pois a través do contacto coas forzas da natureza, solicítase a intercesión das divindades para favorecer as colleitas do trigo e do pan.

A cerimonia celebrábase o 30 de abril, data na que o froito do plantío esta xermolado e máis ou menos logrado, desenvolvido mais aínda verde e preparado para a fase de maduración, momento clave na colleita.

Coincidindo coas vésperas da festividade do maio -mes das flores- ao pechar o día, á tardiña baixa, reúnense os veciños do lugar para alumear as colleitas: provistos de fachucos de palla acesos percorren as lides das agras cultivadas para bendicir os campos. No acto de purificación afástanse os posibles males (pestes, bichería, enfermidades...) co gallo de obter unha boa colleita; ao mesmo tempo que se percorren as veigas vanse repetindo unhas oracións coma esconxuros que proporcionarán a protección das colleitas. A cerimonia, cargada de misticismo e simboloxía, foi pasando dunhas xeracións a outras dende tempos inmemoriais, pois ritos deste tipo (orixe pagá) son contemplados na Galicia xa desde a época dos suevos –a partir do século V–. Na actualidade a súa función perdeuse, entre outras cousas por non haber veigas plantadas con cereais.

Imaxe da tradición do Lumepán
Lumepán

O proceder para alumear o pan non se centrou só neste cereal, pois os ritos para as boas colleitas estendéronse por todos os cultivos en xeral, non só ao pan e ao trigo, senón tamén ao millo, uvas, cebolas, liño... Todo aquilo que ten ou tivo unha importancia vital no sustento dunha casa, polo que as oracións se foron adaptando para a plantación do cultivo en concreto.

Os esconxuros son peticións exaxeradas, mesmo levadas a un extremo, por exemplo:

“Alumea o pan, cada espiga, seu toldán”.

O toldán é unha medida de cantidade, calculada a través dun caixón realizado en madeira empregado para medir o grao dos cereais (trigo, centeo, avea...). Na comercialización equivale máis ou menos a medio ferrado e, dependendo de onde nos atopemos xeograficamente, varia a cantidade. A petición neste caso concreto sería que unha espiga enchera un toldán, algo imposible.

Un dos primeiros escritos que dan testemuño do Lumepán foi recollido por Alfredo Vicente, quen o describe como unha tradición ou costume popular dos ‘lugareños’ relatando marabillosamente o que acontece neste val onde se atopa Pazos, Arretén, A Matanza, Lestrove... Unha noite do 30 de abril de 1875 don Alfredo é testemuña do que alí acontece, un verdadeiro espectáculo único no panorama rural, ao igual que digno de redactar:

...Por un instante imaxinar en plena noite revivir aquela estampa senlleira, divisar nos campos, leiras e veigas a luz que desprenden os fachicos de palla ardendo en movemento entre o plantío, aumentando o número segundo pasa o tempo… Escoitar aquel son do rezo da xente, as diferentes oracións de esconxuros no tumulto da noite da primavera, cantos inauditos doutra era, o arrecendo a fume de palla queimada... Son sensacións tales de nos trasladar a outro mundo, outra época por un instante, unha viaxe ao tempo dos nosos ancestros onde todo se volve máxico e confuso para un espectador abraiado que ve nestas lapas almas en pena que vagan polas veigas… Á luz do fachico, as caras tórnanse rostros demoníacos… Trazos propios da visión de alguén alleo a este rito profano, unha das cerimonias agrícolas máis interesantes e sorprendentes onde se mestura a convicción sobrenatural coa sabedoría do pobo...

Non todo o que acontece nestas cerimonias é por acaso nin feito illado, a entrada da primavera coincide co espertar dos seres vivos, así como co nacemento de milleiros de insectos que, entre outros, se nutren dos cultivos. O feito de manter acesos moitos fachicos xera unha cantidade de fume que dalgún xeito minimiza a presenza dos parasitos neste tempo, actuando como fumigador de pragas, mais de efectividade relativa.

Moitos dos nosos transmisores saben da funcionalidade apotropaica do rito, mais non saben con certeza cal é a realidade que o rodea nin a orixe do mesmo e simplemente se manteñen fieis á aprendizaxe xeracional, celebrándoo ata que pasou a ser un costume obsoleto.

De norte a sur, en todo o concello de Rois rexistramos a vitalidade do Lumepán na memoria dos maiores do municipio, a lembranza dun proceder onde os veciños da comunidade se xuntaban nun rito comunal que alimentaba os lazos de unión entre o núcleo da poboación que o celebraba.

Con todo, rexistramos as variantes dunha mesma oración de esconxuros, con entoacións e melodías semellantes, o que dá mostra da riqueza etnográfica en torno ao tema no municipio roisense. Entre os protagonistas transmisores gustaríanos citar algúns dos nomes que dan mostra da devandita amplitude xeográfica do alumeado do pan: María del Carme Sóñora Fontenla (96 anos), Silvarredonda; Sr. Balbino García Martínez (90 anos), do Sixto; dona Carme Gómez Gosende (83 anos); Josefina Gómez Mata (90 anos), de Angueira de Castro; dona Manuela Cambre Fraga (90 anos), de Francelos; Julia Baleirón Bustelo (90 anos) e Josefina Caeiro Freire, Buxán; Ramona García Rosende (84 anos), A Peruca; Rosalía Bargo Estévez, Urdilde... E un etc. de mulleres máis, protagonistas en orixe do noso estudo sobre o Lumepán, pois son as máis lonxevas do concello.

A perda de manifestacións culturais son obxecto de especial preocupación no cambio de século, polo que comeza un rexurdir cultural en torno á recuperación e preservación, aínda que sexa só memorística, destes costumes populares desaparecidos, entre eles o Lumepán. A través do apoio financeiro do concello de Rois e organizado pola A. C. A Serna -baixo o asesoramento antropolóxico da doutora Ana Filgueiras Rei-, xorde unha valiosa iniciativa na que se implica o global do tecido asociativo roisense. Tras facer unha traballo de campo e documental na zona iníciase a recuperación do mesmo coa clara finalidade de transmitir o devandito rito agrario a vindeiras xeracións co obxectivo de que non se esqueza no tempo. O lugar escollido e simbólico para a recreación deste costume antigo foi o castro do Picadizo, na parroquia de Buxán e, como non, na noite do 30 de abril ao igual que antano. Certo é que os tempos mudaron, tanto que case non hai que alumear e se perde a funcionalidade orixinaria da celebración dando paso a unha actividade basicamente lúdica que lembra unha noite máxica no rural galego, percorrendo as veigas cos fachicos accesos ao son das oracións de esconxuro por entre as colleitas. En torno a esta actividade os membros dunha comunidade vólvense unir para ‘facer’ parroquia.