Alboroque. Herbogo


Os membros de Alboroque son músicos de oído, deses que levan moitas horas de instrumento ás costas. Ricardo, Rafael, Santiago, Daniel e Anxo dispoñen crear no ano 2002 o grupo Alboroque.

Logo de iniciarse coma gaiteiro ao lado de grandes mestres como ‘Os Xaneiros’ e pasar desta formación a ‘Brisas de San Mamede’, é a primeiros de século cando Ricardo Tobío coincide na Escola de gaitas de O.C.T. Chorima –da que é director- cos daquela integrantes do cuarteto conformado por dúas parellas de irmáns: Rafael e Santiago Arufe Vilas, Anxo e Daniel Piñeiro Souto. Entre os cinco deciden poñer en marcha unha idea común: Alboroque, na actualidade, un conxunto consolidado no eido musical do país.

Como eles nos relatan, do que máis gustaban era de quedar para ensaiar e tocar nas alboradas, desas que comezan de madrugada polas nove da mañá e os van levando a percorrer as aldeas da parroquia, achegándose para oficiar os actos relixiosos (alzar-procesión) e tendo como remate o concerto á saída da misa. A concorrencia a concursos foi algo secundario que simplemente contribuía á avaliación e mellora do conxunto. O ámbito xeográfico de actuación esténdese pola comarca do Sar cara a Compostela e, sobre todo, cara ao Barbanza.

Nos inicios da formación, a tonalidade escollida é a de Do, herdada dos cuartetos tradicionais nos que se formaron. Axiña pasarían a Si natural mais, non convencidos con esta opción, establécense na tonalidade de Si da escola de Corral, pois lles proporciona unha maior potencia e sonoridade ‘redonda’, característica que se converte en propia e os diferencia dos outros cuartetos da zona.

No tocante ao repertorio, como ocorre noutros casos, toman como referencia grupos históricos da contorna cos que mantiveron estreita interacción, caso dos Xaneiros ou de Albino Figueira -Brisas de San Mamede-, e xa que logo irían incrementando con pezas dos cuartetos máis senlleiros do país: Os Campaneiros de Vilagarcía; Os Areeiras; os Soutelos de Montes; Morenos de Lavadores...

Ricardo Tobío Pazos, Rafael e Santiago Arufe Vilas, Anxo e Daniel Piñeiro Souto tocando a gaita
Ricardo Tobío Pazos, Rafael e Santiago Arufe Vilas, Anxo e Daniel Piñeiro Souto
O soño da Papuxa

Con predilección polos conxuntos oriúndos de Pontevedra -onde vían un modelo a seguir-, a afinidade vén dada non só polo repertorio, senón pola continuidade nos patróns tradicionais en canto á formación: gaita con percusión de coiro e vestimentas -traxe curto cubertos con monteiras- representativas como iconas do ‘Enxebrismo’, movemento cultural propio dos primeiros anos do 1900. Verbo disto, e seguindo o devandito modelo ‘enxebre’, os membros de Alboroque transmiten unha interpretación pausada dos temas, prevalecendo a correcta execución, o que leva implícito unha dixitación limpa e moi clara fronte a modelos con máis virtuosismo. Procúrase buscar unha maior expresividade da melodía (entoación) capaz de conectar á perfección con quen escoita.

Sempre coidando a afinación, clave en calquera formación, para eles a función interpretativa da percusión é a de acompañar os temas enriquecendo a melodía, sen asoballala o máis mínimo pero si imprimíndolle carácter ao grupo.

Máis alá de gozar interpretando a nosa música, a súa filosofía asenta as bases no levarse ben mantendo o nexo ‘familiar’ que os une por enriba de todo, pois sen este parámetro non hai conxunto.

Por outro lado, as pretensións de facerse profesionais non existen, de feito nunca se chegou a pensar na idea de vivir da música. As preferencias están claras, a familia e o traballo de cada quen, feitos que ás veces provocan ter que recorrer a outros compañeiros gaiteiros da zona para completar o grupo nalgunha que outra actuación.

Alboroque1 é unha verba non escollida ao azar, pois representa á perfección o ideal do grupo. A significación vén indicar o remate ou culminación dun bo traballo realizado e, por extensión, a satisfacción de percorrer un camiño musical día a día na dirección axeitada.

Desde o grupo de investigación do traballo queremos agradecerlle ao noso compañeiro Ricardo Tobío, e á súa familia, o feito de implicarse de cheo neste proxecto de investigación do concello de Rois, contribuíndo co seu tempo e ilusión en moitos dos ‘campos’ tratados, achegando fotos, documentación e información de interese.


Fontes:

  • 1 ‘Alboroque’ trátase dunha variedade dialectal rexistrada no concello de Rois da forma máis estendida ‘albaroque’. A verba máis usada no concello representa o remate dunha obra material física que polo xeral conleva un grande esforzo físico, económico e mesmo emocional previo. Coa súa culminación celébrase unha festa onde non pode faltar a gaita de fol. Cómpre non confundilo coas xuntanzas improvisadas de carácter lúdico social: foliadas, seráns...