MARÍA DE LA PAZ ANGUEIRA BECERRA
María de la Paz Angueira Becerra, filla de Nieves e José, naceu en 1943 na propia parroquia que lle dá o nome co que os seus veciños e veciñas a coñecen: Maruja, a carteira de Augasantas.
Maruja é a maior de dúas irmás. Seu pai foi carteiro toda a vida, e del herdou un oficio ao que se dedicou durante case tres décadas: dende 1982, ano en que obtivo o título de funcionaria de carreira de Correos, ata o 2008. Tras aprobar na Coruña o exame que lle deu acceso á praza, Maruja sucedeu a seu pai no repartimento da correspondencia da parroquia de Buxán, para despois incorporar o servizo en Augasantas e finalmente facerse cargo de tres parroquias máis: Costa, Herbogo e Leroño. O seu primeiro compañeiro de viaxe foi un Seat 127 e, como ela mesma di, pode estar orgullosa de non ter sufrido ningún cacharrazo neste tempo de traballo polas terras roisenses.
Entre viaxes e repartimentos, Maruja aínda tivo tempo para dedicarlle á taberna familiar situada na súa propia casa de Augasantas. Cando tiña que atender as encargas da correspondencia, seu pai, xa xubilado, botáballe unha man no bar. O trato directo e próximo coa xente é algo que Maruja aprecia, e aínda hoxe se sente moi unida a este lugar cheo de vida e vivencias. En palabras súas,
"a taberna aínda está aberta, e aínda que eu non traballo, si que ando polo medio"
De feito, na actualidade Maruja segue a vivir enriba da taberna de Augasantas e mantén un trato cordial coas persoas que a rexentan.
Traballadora incansable, Maruja é un exemplo de muller que afrontou grandes e duros golpes na súa vida. Coa xubilación, lonxe de chegarlle o merecido tras décadas de duro traballo, Maruja asumiu o coidado de catro familiares ao seu cargo. Coa dedicación que sempre a caracterizou, acompañou ao home, aos pais e á sogra ata o seu falecemento.
MARÍA VIDAL PÉREZ
María naceu no lugar de Cernán, na parroquia de Augasantas, o 27 de outubro de 1966, filla do matrimonio de María Victoria e de Manuel e irmá de Aurora. Ao igual que moitas mulleres do rural galego, María continuou co traballo á fronte da casa e da granxa familiar no seu lugar de nacemento. Como ela afirma, é
«da casa»
así que foi unha decisión natural tomar as rendas e sacar adiante unha explotación gandeira da que é propietaria dende o ano 2000.
No seu día a día María dedicouse á casa, ao coidado dos seus pais e dos seus fillos, Daniel e Óscar, e a atender as vacas nunha explotación que ao principio era de leite pero que co tempo cambiou de orientación produtiva. O seu é un bo exemplo de como funciona a economía circular a pequena escala, posto que a carne véndella a Uxío, carniceiro de Padrón, quen lle leva os puchos aos 9 ou 10 meses para o matadoiro.
Dende que casou e co apoio do seu home Manuel conseguiron aumentar a explotación, que conta na actualidade con dezaseis cabezas de gando.
“Gústame moito o meu traballo. O do leite gústame menos, porque non podía ir a ningún sitio. Agora, coa carne, podemos viaxar e marchar algunha fin de semana”.
Así, María recorda con especial cariño unha escapada a Asturias e Cantabria, unha viaxe que non poderían ter realizado de continuar coa produción leiteira. Agora, a vida leva aos seus fillos Daniel e Óscar por outros camiños afastados do negocio familiar.
«Xa teñen as súas ideas»,
afirma María, unha muller ligada ao traballo na terra que a viu nacer.
YUDES MERCEDES BEADE NIETO
Mercedes naceu o 24 de setembro de 1958 na aldea de Porto, en Augasantas. Filla de Manuel e de Filomena, foi a maior de catro irmáns. Na escola de Vilachán cursou estudos ata os 11 anos, e tamén asistiu a clases particulares con don Olimpio, quen a axudou a obter o certificado de estudos primarios. Mercedes chegou a cursar primeiro de bacharelato en Noia, mais decidiu deixar os estudos para dedicarse aos traballos domésticos, que abranguían os coidados dos maiores e os labores do agro e do gando. Daquela traballábase arreo, porque estas tarefas non estaban mecanizadas.
Con 18 anos casou con Valentín e iniciaron unha vida xuntos na casa dos pais del, fillo vinculeiro. Mercedes conta que nesta casa de labranza xuntábanse tres xeracións: os avós, os sogros e eles. Naquel entón, na vivenda tamén residían unha tía e o fillo desta. E ao pouco naceu o primeiro dos tres fillos do matrimonio, Sergio, aos que seguirían Dolores e Montse. Unha familia grande que prosperou a base de moitos sacrificios e esforzos. Ela, á fronte da explotación gandeira, formou unha sociedade leiteira. A obtención do carné de conducir a través duns cursos da oficina de Extensión Agraria permitiulle manexarse co tractor e empezar a mecanizarse.
O falecemento do seu compañeiro Valentín aos 47 anos foi un golpe moi duro. Daquela o fillo maior, Sergio, púxose á fronte da empresa gandeira xunto con Mercedes. Na actualidade, Mercedes é a maior da súa casa e ten xa tres netos. Os fillos tituláronse en diferentes campos e só Sergio segue coa tradición gandeira familiar.
Mercedes é exemplo de muller rural, traballadora incansable, forte, valente e cun sentido da familia e do respecto aos maiores do que sentirse orgullosa.
MARÍA JESÚS CASTRO NEO
María Jesús naceu o 17 de xuño de 1962 en Silvarredonda, Buxán, no seo dunha familia labrega. Seus pais, Sergio e Lourdes, investiron os réditos do seu traballo na terra na formación das súas fillas, María Jesús e a súa irmá menor Paula. A pequena M.ª Jesús estudou un ano na escola unitaria da parroquia e marchou a Santiago con só seis anos, cidade onde viviu coa súa tía, se ben non había fin de semana nin festivo que non regresara á súa aldea.
Co tempo mudaríase aínda máis lonxe, a León, onde cursou dous anos de Veterinaria. Mais a morriña e o feito de ser esta unha carreira masculinizada en exceso fixeron que non atopase o seu espazo e que se decidise por outra titulación, a de Traballo Social. Unha vez rematada a formación en 1986, pasou a formar parte do corpo docente da escola universitaria que a instruíu. A súa inquedanza por seguir aprendendo levouna a licenciarse tamén en Ciencias Políticas e Socioloxía e a obter en 2003 a suficiencia investigadora. M.ª Jesús celebra que dende o 1986 foron varias as mozas de Rois que pasaron polas súas aulas.
Como socia da Asociación de Mulleres Progresistas, formou parte da posta en marcha do Centro de Información á Muller en Compostela e participou na creación da Asociación Cultural A Serna, da que foi presidenta, nun momento en que as actividades deste tipo en Rois eran case inexistentes.
Animada polas súas compañeiras da asociación, M.ª Jesús deu o paso na política, sendo a primeira concelleira da Corporación municipal na etapa democrática. Desempeñou esta faceta en Rois durante cinco mandatos porque, di ela,
«non entendo a miña vida sen compromiso público e sen compromiso social»,
o que se reflicte actualmente na súa participación en varias asociacións, tamén en Buxán.
MANUELA LEONOR ROIS NIETO
Filla de José e de María e a segunda de tres irmáns, Manuela Leonor naceu en Vilariño, na parroquia de Augasantas, nos duros anos corenta, unha época na que nenas e nenos eran man de obra para os traballos do campo e da casa. Leonor foi á escola de Vilachán, non tan habitualmente como lle gustaría (había que lles facer fronte ás obrigas da labranza) pero o suficiente como para aprender estratexias básicas para manexarse na vida. Recorda especialmente o seu cariño polo cálculo, o que a axudaría a desenvolverse na vida profesional.
Aos 24 anos coñeceu a José Miguéns, un rapaz do Piñeiro, en Buxán. Con el casou e tivo dous fillos: Graciela e Eduardo. Como ocorría na maioría dos casamentos da época, a nova parella iniciou a convivencia na casa dos sogros, onde residían varias xeracións. Leonor, coma tantas mulleres daquela, coidou da xente maior da casa, criou os fillos, atendeu as leiras, levou a vivenda e mantivo os animais.
A familia tiña dous negocios modestos: un serradoiro, que levaba o marido, e unha pequena taberna-ultramarinos, da que se foi ocupando Manuela Leonor. Coas súas habilidades para o cálculo e coa capacidade de relación coa xente da parroquia, conseguiu dispoñer duns ingresos que a permitiron evolucionar como muller. Conta con moito orgullo que, grazas ao seu traballo na taberna, puido darlles estudos universitarios aos fillos. O esforzo proporcionoulle dignidade e a posibilidade de conseguir metas importantes para ela e para a familia.
Na actualidade ten tres netos e convive coa filla e cun deles en Buxán. O marido faleceu hai anos, pero o legado perdura nos descendentes: Eduardo como relevo no serradoiro e Graciela á fronte do bar. Manuela Leonor representa unha xeración de mulleres do rural tremendamente traballadoras, humildes de espírito e cunha gran fortaleza.
SARA IGLESIAS RODRÍGUEZ
Sara naceu o 28 de abril de 1998 en Ribeira, aínda que se criou e vive en Rois, na aldea de Pinelas, da parroquia de Costa. Filla do matrimonio de Ángeles e de Olimpio e irmá de Zeltia, é unha moza cunha ampla traxectoria formativa en centros de Ribeira, Urdilde, Rois, Padrón e mesmo no estranxeiro. De feito, unha bolsa da Fundación Barrié permitiulle cursar primeiro de bacharelato en Buena Vista, no estado de Virxina (EEUU).
A súa ilusión dende pequena foi ser operadora de pa ou traballar na forxa. Esta inquedanza fixo que cando chegou ás súas mans o folleto informativo do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, impartido en Valga, non dubidase un minuto en se matricular. Nese curso, 2016/17, era a única alumna da súa clase (había outra moza no seguinte curso que realizaba tamén a FP Dual). A nivel docente, na especialidade tamén había unha única muller no cadro de profesorado, responsable da materia de soldadura.
Na súa traxectoria formativa atopouse con situacións moi incómodas: comentarios despectivos e de acoso, burlas... que a facían percibir que non a tomaban en serio. Exemplos disto era que en períodos de prácticas lle facían soldar ferros durante xornadas completas de oito horas para despois botalos ao lixo, non permitíndolle nunca facer uso da maquinaria específica, «por se me facía dano»
e iso que, como di ela,
«estaba tan capacitada como o resto do cadro de persoal».
Tamén en Valga realizou o ciclo superior de Construcións Metálicas, do que se titulou en 2020.
O obxectivo laboral de Sara é ser docente nestes ciclos para mellorar a calidade educativa e humana existente: «quero ser docente, en primeiro lugar, para respectar o alumnado, darlle confianza e traballar na erradicación da marxinación e discriminación que existe neste ramo laboral»,
manifesta.
SONIA ARES PÉREZ
Sonia naceu en 1980 en Servia, unha aldea de Lousame, filla de Ramón e de M.ª Esther. No inicio, estudou capacitación agraria en Sergude coa idea de continuar coa explotación gandeira familiar. Mais os seus intereses mudaron ao comezar a traballar nunha escola-obradoiro en 1997. Ese mesmo ano decidiu participar nun curso de soprado de vidro que chamou a súa atención por ser algo diferente e innovador. E así descubriu un mundo que a fixo sentir «entusiasmada e ilusionada».
Tal foi a expectativa da formación artística recibida que nos dous anos seguintes repetiu a experiencia e mesmo ampliou a súa preparación neste ámbito, aprendendo a pintar sobre vidro. Xa en 1999, compaxinaba a comercialización dos seus traballos artesanais con empregos noutros sectores que lle permitían levar adiante o seu soño. Pero o vidro é delicado e no transporte as pezas podían sufrir roturas, polo que Sonia comezou a interesarse polo traballo coa prata, un oficio que aprendeu cun artesán compostelán.
Tal é a expectativa da formación recibida que nos dous anos seguintes repite a formación. E decide consumar a inquedanza por ampliar a formación neste ámbito, buscando entón cursos como pintura sobre vidro. No ano 99 comeza a facer os seus traballos para venda paralelamente a outros empregos noutros sectores para poder levar a cabo o seu soño. Decide deixar o vidro por mor do transporte das pezas xa que sufrían rupturas. É así como empeza a traballar coa prata, para o que vai aprender o oficio cun artesán compostelán.
En 2002 casou con Xavier e instalouse en Rois, a onde trasladou o seu taller. Un ano máis tarde deuse de alta como autónoma, o que tivo un grande impacto na súa vida. «Daquela era bohemia, meu pai non apoiaba o meu proxecto»,
conta Sonia cun sorriso nostálxico. Aínda que Liñares sempre foi un núcleo con moita actividade empresarial, Sonia atopouse con reaccións adversas por ser muller e emprendedora.
Hoxe en día Sonia recoñece a dureza do traballo de autónoma e a dificultade de concilialo coa súa faceta de nai. Con todo, ten claro que para ela é importante como muller poder desenvolverse laboralmente nun oficio tan apaixonante. Sonia traballa tanto no deseño de novas creacións coma na súa elaboración e posterior comercialización. As orixinais coleccións contan coa marca de Artesanía de Galicia.
LUCÍA BECERRA ARES
A máis nova das «Aloitadoras»
recollidas neste volume chámase Lucía Becerra Ares e representa ben a nova xeración de mulleres con iniciativa e sen fronteiras, cun pé no rural e o outro no gran mundo. Lucía naceu o 11 de xullo de 2005 e é a segunda de tres irmáns, fillos de Eva e de José Manuel.
Actualmente estuda 3º da ESO no CPI Os Dices-Rois, mais o que a fai singular é o seu papel como dianteira do Club Deportivo Rois, onde xoga dende hai tres anos. Naquel momento, a atracción do fútbol foille tan irresistible que ela mesma decidiu chamar ao equipo para preguntar pola posibilidade de se inscribir. Un dos directivos propúxolle probar un adestramento e a experiencia encantoulle: dende aquela forma parte do club local. Ademais, transmite a súa paixón polo deporte rei e serve de exemplo para seu irmán pequeno, José Manuel, que xoga tamén no conxunto dende os cinco anos.
Lucía é, na actualidade, unha das tres mulleres que forman parte do cadro de futbolistas do CD Rois e a única moza na categoría de cadetes. «O deporte engancha»
afirma, e asegura que vai manterse no club ata que este llo permita. Para ela, os torneos e os adestramentos non supoñen ningún problema e está encantada de poder compatibilizalos cos estudos. Lucía representa neste volume unha xeración que non o vai ter nada doado, nacida e criada a cabalo entre dúas crises mundiais e afeita a vivir nun mundo de cambios constantes. Precisamente por isto, é resistente e resiliente coma ningunha.
CARMEN PÉREZ CASTAÑO
Carmen naceu en Niñarelle o 21 de xaneiro de 1948, filla de José e de Victoria. Nesta pequena aldea da parroquia roisense de Ermedelo leva vivindo toda a vida e, de feito, non faltou de alí máis dun mes seguido. Criouse nunha vivenda que viña sendo casa de labranza dende dúas xeracións atrás, polo que Carmen seguiu a tradición familiar e dedicou toda a súa vida aos labores domésticos e ao traballo no campo e na explotación de vacas do país. A crise do sector fixo que no ano 1998 a familia de Carmen decidira vender as vacas e a cota de leite da que dispoñía, quedando só con tres cabezas para consumo doméstico ata o ano 2004.
As circunstancias da vida fixéronlle dedicar a maior parte do seu tempo á casa e a aqueles que a habitaban. O marido de Carmen era albanel e tamén traballara en Cortizo durante un tempo. Con José María, que faleceu hai 33 anos, tivo aos seus dous fillos, Ramón e Jesús. A crianza dos rapaces, a casa, a explotación gandeira e o coidado dos seus ascendentes: o día a día de Carmen representa ben o que foi a vida de tantas mulleres do rural galego, condicionada pola necesidade de coidar da familia. Neste caso duns pais, xa falecidos, que precisaban dunha atención continuada dadas as doenzas que padecían. Actualmente o seu fillo Jesús reside en Barcelona xunto á familia, dende os 22 anos que emigrou aló; e Ramón vive en Vilacoba, no concello de Lousame.
Carmen estivo á fronte da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo durante dez anos, dende o 14 de xullo de 1999, nuns momentos de grandes cambios nesta asociación que supuxeron moito esforzo, pero que á vez lembra con «moita ilusión».
MARÍA DEL CARMEN PAZOS RABUÑAL
Carmen naceu o 28 de febreiro de 1963 no lugar de Socastro, en Herbogo. A casa de seus pais, Ramón e Dosinda, é o fogar no que reside. A súa vida estivo ligada de sempre ao traballo no campo e, de feito, cursou estudos de formación agrícola en Santiago.
Comezou a traballar coa explotación de vacas de leite da familia. Mais a escasa rendibilidade nos tempos de crise deste sector fixo que Carme se redirixise á produción de carne e decidise reorientarse á horta ecolóxica. Esta situación coincidiu no tempo coa posta en marcha do proxecto Amorodo por parte dos concellos de Rois, Dodro e Ames, co ánimo de difundir a agricultura ecolóxica. Para Carmen este foi o impulso que precisaba para dar o paso no emprendemento.
Así, dende hai 16 anos ten o seu propio posto na praza de abastos de Vilagarcía, Ecolóxicos Carme, no que se sente «moi apoiada e moi a gusto cos compañeiros e compañeiras»
Ademais, comercializa os seus produtos nun mercado ecolóxico na Coruña. En Socastro e noutras parcelas de núcleos próximos, Carmen dispón de tres hectáreas de terreo que lle permiten facer rotación de cultivos e que están certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Tamén se dedica á cría de gando. Neste momento ten oito cabezas do país, que lle proporcionan o esterco natural para as súas terras. Mesmo produce de forma ecolóxica os cereais para alimentar os seus animais, ao tempo que moe e vende a fariña… ecolóxica, por suposto.
Carmen defínese como unha muller activa no rural, nun mundo no que «tradicionalmente é o home quen leva a voz cantante»
«Síntome moi satisfeita coa miña vida, da que non cambiaría nada»
expresa Carmen coa determinación dunha muller que compatibiliza o traballo co coidado dos pais e coa crianza dos fillos: María, David, Antonio, Ramón e José.
DOLORES GENS SOCASTRO
Dolores naceu na casa o 3 de novembro de 1967, no lugar de Herbogo, nun parto no que a súa nai foi atendida polo propio pai e pola súa avoa. Carmen e Arturo terían dúas fillas máis, Mary e Rosa. Xa de moza, Dolores casou con Jesús Manuel e tiveron a Laura. A familia xoga un importante papel na aventura empresarial actual de Dolores.
Todo comezou cunha viaxe de estudos en 2012, cando a súa filla Laura marchou un ano aos Estados Unidos para completar a formación escolar iniciada en Rois. Foi neste tempo cando Dolores, co fin de ocupar o tempo libre, comezou a buscar por Internet receitas de galletas decoradas, un mundo que descoñecía por completo e polo que se apaixonou.
Cando Laura regresou dos EEUU abriulle á súa nai unha conta de Facebook para difundir os seus produtos. Ao comprobar o interese xerado, Dolores decidiu darse de alta como autónoma e crear a empresa A fiestra dos doces. Dende o principio, o negocio tivo moi boa acollida nas redes sociais e funcionou tamén moito polo boca a boca. No catálogo de Dolores os produtos estrela son a tarta neoiorquina de cheesecake e a de tofe e améndoa, ademais das galletas e doces personalizados para aniversarios e todo tipo de celebracións.
Na actualidade, Dolores conta cunha clientela fixa que adoita recuncar e medra día a día. Compatibiliza o seu traballo na pastelería coas ocupacións domésticas e, aínda que di que nunca lle gustaron as manualidades, aprende de forma autodidacta unha morea de receitas e presentacións que lle dan unha marca única como artesá.
A Dolores gústalle viaxar e pasar tempo coa súa familia. Di sentirse moi orgullosa da súa filla Laura, unha rapaza creativa como a súa nai que estudou Historia da Arte e mesmo foi galardoada polo seu traballo de investigación no eido da arte contemporánea.
VICTORIA QUIROGA RAMALLO
Victoria naceu en 1971 en Luáns, Iria. Filla de Elvira Victoria e Joaquín, casou en 1992 con Manolo, veciño da Pereira, e foi vivir á casa natal de seu home en Herbogo. O matrimonio tivo dous fillos: Alberto e Manuel.
Con 17 anos comezou a traballar nunha tenda de xoguetes en Padrón. Aos 18 compatibilizaba este emprego con outro de administrativa nunha clínica compostelá de adelgazamento. Pero ao quedar en estado do seu fillo maior, na clínica non lle renovaron o contrato. «Non querían mulleres embarazadas»
lembra con pesar. De casada, traballou durante un tempo realizando tarefas administrativas no Concello de Rois e no Campo de Golf de Seira.
Paralelamente, na casa da Pereira, tanto a súa sogra Carmen coma o seu home levaban unha explotación gandeira de 11 cabezas. Dada a situación laboral inestable de Victoria, a familia reuniuse para determinar que rumbo seguir e resolveu aumentar o tamaño da explotación, con ela á fronte da mesma. Así, Victoria decidiu formarse en Sergude nun curso de 200 horas de duración para no 2007 formalizar a sociedade xunto co seu home. Para ela supuxo un gran reto, e lembra cun sorriso que daquela «case nin sabía cantas patas tiña unha vaca»
Os comezos foron duros, pero en pouco tempo duplicaron o número de cabezas, o que supuña moito esforzo. Victoria subliña a axuda da súa sogra Carmen, con quen compartía tarefas domésticas, así como o coidado da horta, dos animais e dos fillos. «Sigo onde estou por ela»
afirma.
Actualmente, Victoria compaxina o seu labor como gandeira coa súa responsabilidade á fronte da área de Cultura no Concello de Rois. Chegou á política animada polo entón alcalde, Enrique Tojo, a primeiros de século. Está moi satisfeita con «sacar adiante iniciativas novidosas en Rois, incidindo na acción co colectivo de mulleres»
e aprecia sentirse «unha máis do equipo co que traballa, dándolle espazo e confianza para desenvolveren a súa faceta profesional».
SILVIA CARNERO ARES
Silvia é filla de Juan e de Teresa e naceu en Santiago de Compostela o 11 de decembro de 1983. O feito de que a súa nai fose nativa de Leroño levou a Silvia a pasar moitas fins de semanas e veráns na aldea materna e, nunha destas visitas, coñeceu a Carlos, quen se convertería no seu marido e no motivo polo que Silvia se afincou en Rois en 2010.
No ano 2003, Silvia comezou a estudar Perruquería e Estética e, nada máis finalizar a súa formación académica, comezou a traballar. Pero a realidade laboral que se atopou foi lamentable: salario por debaixo do estipulado, contratos irregulares, horas extra que non se pagaban... Ante este cúmulo de situacións desfavorables preguntouse a si mesma «por que non merezo o mínimo como profesional?».
E resolveu facerse dona do seu propio proxecto e desenvolver o seu labor do modo que ela decidise, emprendendo o seu propio negocio.
Silvia aforrou e no ano 2015 inaugurou un salón no concello veciño de Padrón co nome Silvia´s Look, coas condicións dun traballo digno e dignificado, tanto para ela como para a súa empregada. Baixo os parámetros do eco-salón, con tratamentos orgánicos respectuosos coa saúde das persoas e do medio natural, Silvia atende unha clientela moi diversa de homes e mulleres preocupados por coidarse de maneira natural e sa.
Na actualidade, Silvia recoñécese como unha muller que loita duramente por levar a cabo o seu proxecto profesional co seu esforzo persoal, porque «ninguén me regalou nada, todo o que fun facendo conseguino por mérito propio e por botarlle moitas horas ao traballo»
manifesta. No pouco tempo libre que lle deixan as súas obrigas laborais, Silvia goza a partes iguais dos paseos pola natureza, sexa no monte ou ao carón do mar.
CELIA VILLAR NEO
Celia naceu en Urdilde, a maior de catro irmáns dunha familia humilde. Nunha época con escasas facilidades para saír adiante, tivo que marchar a Leroño con dez anos para vivir cos seus pais adoptivos, Luz Divina e Ernesto, este último curmán do seu pai. Como ben di Celia, unha mudanza tan radical fíxoa madurar «de golpe e porrazo». A súa infancia rematou drasticamente con este cambio de vida, aínda que ela recoñece que ao ser a maior xa na casa natal era a encargada de coidar dos irmáns. «Nacín traballando»,
puntualiza.
Foi o traballo unha vía de escape para ela, a ocupación para superar o golpe e, máis aínda, unha forma de estar na vida. Celia sempre foi unha estudante exemplar, pero non conseguiu apoio da familia para que, unha vez rematados os estudos básicos, puidese seguir formándose. «Queríanme para traballar»,
di ela mesma. Con 14 anos mandárona a Herbogo a aprender a coser, e isto foi un sopro de aire fresco.
Unha vida dura, si, pero «con moitísimos soños cumpridos»,
afirma Celia. Apaixonada das manualidades, da reciclaxe e do rescate de utensilios antigos, tamén escribe e mesmo gaña certames literarios coas súas obras. Toda esta creatividade combínaa dende 2007 co traballo como autónoma á fronte dunha explotación de carne de vaca rubia galega, na actualidade con catorce cabezas adultas, un touro e oito becerros. Debido a que o seu home Luís traballa fóra da casa, Celia compatibiliza a crianza das fillas Noelia e Lorena coas tarefas da granxa. «Cada etapa ten os seus momentos bos e tamén difíciles»
comenta. As nenas, como foi ela, «son moi boas estudantes e moi boas fillas. Ás veces síntome un pouco como unha nai consentidora, xa que sempre lles permito e lles permitirei a elas todo, todo o que eu non tiven».
MARIA DEL CARMEN REY ARUFE
Carmen naceu en Noia o 30 de setembro de 1963. Foi a terceira dos catro fillos do matrimonio formado por José, emigrante, e por Carmen, traballadora de Correos durante máis de corenta anos. Cursou primaria e bacharelato en Noia e, chegado o tempo, decidiu empezar estudos universitarios de Pedagoxía en Santiago de Compostela.
Con 22 anos licenciouse en Ciencias da Educación, na especialidade de intervención socioeducativa. Nese mesmo ano casou con Carlos, natural de Oín. Xuntos formaron en Rois unha familia de tres fillos varóns. A maternidade e a falta de oportunidades como pedagoga animaron a Carmen a buscar alternativas. Así foi que comezou a cubrir substitucións como carteira, polas que sumou experiencia e puntuación para se presentar a unha oposición. En 1997 obtivo a praza de carteira rural, con destino primeiro en Carcacía e despois en Rois.
Os anos foron pasando e Carmen acomodouse nun traballo que lle reportaba a gratificación de ter contacto coa xente, o que sempre valorou, e unha seguridade laboral que lle fixo máis cómoda a crianza dos tres rapaces. Hoxe en día, e botando unha ollada ao pasado, Carmen séntese «contenta e satisfeita»
polo logrado co seu traballo como carteira no rural. De feito, o seu fillo Martín Bouzas, que foi ciclista profesional, decidiu continuar coa saga iniciada pola avoa e preparar as oposicións que dan acceso ao corpo de Correos.
Con todo, o pesar por non ter exercido a súa profesión como pedagoga está presente e é unha cuestión que «aínda doe».
Na actualidade, Carmen convive co seu marido e co fillo máis novo. Di sentirse moi orgullosa da familia que formou, á que chegaron as parellas dos fillos e unhas netas coas que, sen dúbida, exercerá a pedagoxía adquirida nos anos mozos.
MARÍA DEL CARMEN GESTOSO PENEDO
María del Carmen naceu o 18 de xuño de 1960 na Covela, en Rois. Filla de Carmen e de Ángel, ten catro irmáns máis: Eloi, Celia, Ángel e Ramón. O retrato familiar completouse ao casar con José e teren dous fillos que a día de hoxe xa son mozos, Ángel e Martín. Con eles estableceu o seu fogar na parroquia roisense de Oín, nunha casa que construíron cando o pequeno Martín iniciou o ciclo de primaria no colexio.
A súa relación laboral co Concello de Rois vén de moi nova. Con só 18 anos comezou a traballar, primeiro facendo substitucións do persoal de limpeza nos polideportivos e centros educativos municipais e despois dedicada xa ao coidado das persoas maiores. Foi este un cambio de funcións que ela mesma solicitou. Para conseguilo tivo que formarse e ter unhas horas traballadas que lle permitiron obter o certificado de profesionalidade requirido. Carmen foi a terceira muller que se integrou no equipo de axuda a domicilio en Rois, despois de Aurora e de Mari Carmen.
Carmen ten vivido experiencias «únicas» nos 18 anos que leva exercendo como persoal de axuda a domicilio, un traballo que ten moito de vocacional e que deixou nela unha fonda pegada. «O duro é o cariño inmenso que chegas a coller polas persoas coas que traballas, que en ocasións morren»,
confesa. Pero a dureza destas situacións non a fan caer no abatemento, porque como ela expresa «as persoas usuarias son as que compensan».
«Cando chegas á súa casa, respiran»
continúa, porque Carmen sabe o duro que é o papel das persoas coidadoras e que, por iso, para moitas familias o seu traballo supón un apoio importante. Trátase dun labor para o que se precisan coñecementos técnicos pero tamén, e non menos importante, fortes doses de empatía e cariño.
GUADALUPE GÓMEZ CALVO
Guadalupe, filla de María Paz e José María, vive na aldea na que naceu o 11 de setembro de 1978, na casa onde naceu súa nai en Oín de Abaixo e na que comparte a vida co seu home Pablo e co seu fillo Breixo. No ámbito laboral, Guadalupe traballa como técnica de coidados de auxiliar de enfermaría no Hospital Clínico Universitario dende o ano 2001.
Mais o aspecto que fai dela unha muller singular é que leva dous anos á fronte da presidencia da Sociedade Deportiva da Escravitude en Padrón, nun mundo masculinizado como o do fútbol ao que cada día se incorporan máis mulleres, tanto na dirección dos clubs, como pode ser o caso do Bastavales, coma nos cadros de xogadores e xogadoras.
A vinculación co club venlle de moi nova. Os pais de Guadalupe, Pacita e José María, rexentaban o bar O Descanso na Escravitude, e o seu irmán Diego xogaba no equipo dende pequeno. Tamén o seu marido era futbolista neste club no que agora é adestrador.
A Sociedade Deportiva da Escravitude foi fundada en Padrón en 1967 e, malia ser un dos equipos máis laureados da comarca do Sar, a falta de persoas que se responsabilizasen da dirección fixo que a entidade estivese a piques de desaparecer. Foi entón cando Guadalupe, animada polo anterior presidente, Manolo, decidiu dar un paso adiante e poñerse á fronte da directiva. Canda ela, outras dúas mulleres asumiron o mando: Irene como secretaria e Diana como tesoureira.
O seu traballo como presidenta comezou por recuperar as categorías inferiores, daquela desaparecidas, tanto de biberóns como de prebenxamíns. Para Guadalupe supón un grande esforzo compatibilizar o traballo no hospital, cun horario fixo semanal, coa súa dedicación no club, pero o amor que tanto o seu home como o seu fillo Breixo comparten por este deporte é para ela unha motivación para implicarse na sociedade.
MARÍA ESMERALDA CABO NAYA
Esmeralda naceu o 8 de maio de 1962 na mesma casa en que vive actualmente no Sisto, en Ribasar, filla do matrimonio de Florentino e de Leonor. O seu pai foi un home emprendedor que no ano 1974 decidiu abrir unha axencia de seguros na súa aldea. Ao xubilarse, o negocio pasou a mans dos seus fillos, e tanto Julio como Esmeralda decidiron formarse para se poderen poñer á fronte da empresa. No seu caso, Esmeralda cursou Relacións Laborais na Universidade de Santiago de Compostela. «Fíxeno porque me gustaba»,
afirma Esmeralda, quen lembra con agrado o tempo que de nena pasaba na oficina co seu pai, xogando e manipulando papeis e contas.
Esmeralda admite que nunca atopou diferenzas no trato respecto ao seu irmán Julio e considera que non se sentiu discriminada no seu traballo por parte de ningún cliente. Iso si, «naqueles tempos chocaba ver unha muller á fronte da xestión dun negocio»,
recoñece, porque «hai 30 anos, nun contorno rural como Rois, algunhas persoas non comprendían moi ben que facía unha muller dirixindo unha empresa como a nosa».
Demostrando a súa iniciativa emprendedora e espírito decidido, Esmeralda lembra tamén que foi das primeiras mulleres na súa parroquia en obter o carné de conducir. «Foi algo que sempre me apaixonou, e de feito non me chegaba o día de facer os 18 anos para poder sacar o carné».
Co tempo, os irmáns Cabo Naya foron ampliando e diversificando o negocio familiar. Hoxe en día dirixen un equipo formado por dez persoas e, ademais de coa axencia de seguros, contan cunha xestoría e cunha administración de lotería en Padrón. Esmeralda confía en que o seu fillo Félix a suceda á fronte do negocio familiar, para o que se está a formar actualmente en Administración e Xestión de Empresas.
MARÍA ERMITAS DIZ CASTRO
Ermitas naceu o 4 de xuño de 1950 no lugar do Areal, en Padrón. É filla de Delfín e de Mercedes, irmá de Ofelia, Delfina e Charo, e vive dende hai máis de 50 anos na aldea de Angueira de Castro, de onde é o seu home. Dos seis aos catorce anos Ermitas estudou na escola unitaria padronesa de Angueira de Suso, un centro que na actualidade xa non existe. Despois de obter o certificado de estudos primarios comezou a súa andaina profesional no sector da hostalaría.
Os seus inicios no mundo laboral non foron doados e levárona a viaxar a terras afastadas na procura de emprego. Con 19 anos, Ermitas foi traballar a Londres, onde botou un ano. Ao pouco de regresar á súa terra volveu marchar, desta volta a Canarias. Ao seu regreso a Rois traballou primeiro para unha cooperativa fundada por un veciño que traballaba para Televés.
Foi no ano 1991 cando Ermitas comezou a súa andaina no emprendemento. Xunto ao seu home, que acababa de quedar no paro, crearon a empresa Agro-Xardín. Uns amigos animáranos a dedicar á xardinería un terreo que posuían na Picaraña porque podía resultar un negocio frutífero; e non se equivocaron. Vendían plantas, froiteiras e árbores de sombra e de todo tipo a unha ampla clientela de toda a comarca. «Viña moita xente de Teo, moitísima de Rois, tamén de Brión, Bastavales…»,
lembra Ermitas, quen di sentirse feliz de ter montado a empresa e só se arrepinte dunha cousa: «Oxalá comezaramos antes»,
confesa.
No ano 2015 Ermitas e o seu marido decidiron xubilarse e alugar o negocio, o que supuxo para eles unha mellora na calidade de vida. «Traballabamos moitísimo, mesmo os domingos pola mañá aproveitando a feira de Padrón, e non tiñamos tempo para nada»,
explica. Na actualidade, o matrimonio dedica o tempo libre a viaxar e mesmo á xardinería, mais agora para atenderen o xardín e a horta propios.
EVA BUSTELO VIDAL
Eva naceu o 29 de marzo de 1970 en Liñares, parroquia de Costa. A súa infancia estivo ligada á taberna rexentada pola súa nai, Alicia, e pola súa avoa, a señora Pura. «Dúas mulleres loitadoras»,
en palabras de Eva. Xunto aos seus irmáns máis novos, Paloma e José, colaborou dende nena en todos os negocios da familia: bar, casa de comidas, serradoiro, repartimento a domicilio, panadería…
Destes primeiros anos, Eva tirou importantes aprendizaxes: «De miña avoa, xa falecida, aprendín o valor do traballo ben feito, dos bos modais e da constancia. De miña nai, a importancia da independencia feminina, tanto económica coma emocional. De meu pai, José María, a responsabilidade e a honestidade».
Outras figuras femininas que lle deixaron marca foron a súa profesora María Teresa, da unitaria de Liñares, que lle transmitiu o amor pola lectura; ou Marisa, a directora da residencia de monxas na que viviu de adolescente mentres estudaba bacharelato en Santiago, «unha muller que, malia a miña timidez, soubo axudarme a crer en min mesma».
Xa con 21 anos, Eva independizouse. Desempeñou distintos traballos, casou e con 25 anos volveu ao negocio familiar. Na Panadería San José o seu pai deulle a oportunidade de facerse cargo da parte doce da empresa, «pero empezando dende abaixo».
Unha vez que o pai se xubilou, os irmáns seguiron a tradición familiar pasando a ser a cuarta xeración dedicada a este «fermoso e sacrificado traballo».
«O que máis me gusta de ser pasteleira é a parte creativa e a satisfacción que me produce saber que cada tortiña ou doce que o cliente merca vai proporcionarlle un momento de felicidade».
Na actualidade Eva é nai divorciada de dous fillos adolescentes, Carla e Lorenzo, e procura «alimentar a diario unha relación de parella que me fai moi feliz».
MARÍA DEL CARMEN GARCÍA ACOSTA
María del Carmen García Acosta, máis coñecida como Carmiña, naceu no lugar dos Dices. Filla de José e de Amelia, foi a maior de dous irmáns. Carmiña iniciou os seus estudos na escola de dona Sara; aos nove anos acudiu a unha academia en Padrón, situada no Palacio de Quito; e despois continuou a súa formación como administrativa en Santiago.
Con 18 anos comezou a facer traballos para o Concello de Rois, axudando a seu pai, alguacil aquí durante máis de tres décadas, a pasar as actas a máquina. En 1968, Carmiña foi das primeiras mulleres traballadoras por oposición da administración local dos municipios da redonda. Realizou tarefas como auxiliar administrativa e, logo de dez anos, ocupou definitivamente a praza como funcionaria do Concello de Rois. En total foron 45 anos ao servizo da administración pública. «O trato coa xente e poder axudar a veciñanza, como xa fixera meu pai, era o que máis me gustaba do meu traballo»,
salienta.
Á marxe da súa vida laboral, destaca a súa vocación social como promotora de actividades culturais no concello. Carmiña lembra con certa ironía os tempos en que as mulleres realizaban o servizo social, no que colaborou, algo así como «a mili para os homes»,
e no que moitas accedían a un certificado preciso para certos trámites como obter o carné de conducir. Logo viñeron outras propostas nas que foi dinamizadora, tales como o plantel de Extensión Agraria; a ANPA de San Isidro do colexio de Rois, centro do que foi membro do consello escolar; o grupo folclórico Chorima; ou a Asociación de Amas de Casa de Rois, que preside dende hai 25 anos.
Na actualidade, Carmiña está xubilada. Leva unha vida tranquila con Manuel, o seu home, co que tivo dous fillos: Pablo e Diego. Formou unha familia en Rois, un lugar do que di sentirse «enormemente orgullosa».
ANNA JOHNSON
Anna, Anita como a coñecen os veciños e veciñas de Rois, naceu o 26 de xullo de 1976 en Benin City (Nixeria). Filla de Peter e de Rosaliana, é a maior de 12 irmáns e irmás. Chegou a España animada polo feito de que aquí residían e traballaban algúns familiares e amigos dos seus pais e, ao pouco de chegar, coñeceu a súa parella, José Antonio, co que casou e tivo dous fillos, Antonio e Jonathan Jr. Anita residiu primeiro en Madrid e logo na Estrada, ata asentarse definitivamente na Peruca, en Oín, hai xa quince anos.
En 2018 comezou a traballar no equipo de axuda a domicilio. Primeiro realizou un curso formativo de seis meses de duración en Padrón para despois obter en Silleda o certificado de profesionalidade que lle permitiu acceder a un emprego no que se sente «moi valorada».
Anita sabe que a súa figura é un piar base na vida de moitas persoas maiores. Como ela di, «cando colles vacacións, decontado están a chamar para saber cando regresas».
A Anita gústalle moito o seu traballo, «aínda que desgasta moito, sobre todo a nivel psicolóxico, como toda actividade profesional con persoas vulnerables».
Anita séntese feliz de poder criar os seus fillos en Rois, «nun contorno seguro que ofrece a posibilidade de estudar e lograr metas dificilmente accesibles no meu país de orixe».
As redes sociais permítenlle manter o vínculo coa súa familia en Nixeria, onde viven seus pais e varios dos seus irmáns. Aínda que leva moitos anos en Galicia, conserva moitas tradicións da súa terra natal, como a gastronomía ou o uso do inglés na comunicación cos seus fillos. É unha persoa moi coidadosa coa súa imaxe persoal e gústalle a creatividade na estética e nos peiteados. Nunca tivo problemas de inclusión na comunidade e considérase «unha veciña máis»
moi apreciada pola veciñanza de Rois.
CHARO RAMOS FERREIRÓS
Charo naceu o 7 de outubro de 1973 en Rois, filla de Enrique e de Silvana e irmá de Ana María, Eulalia, Guadalupe (xemelga) e Enrique José. Ao finalizar a educación básica, Charo tiña claro que quería dedicarse ao mundo da estética. Foi así que emigrou a Barcelona, á casa dunha tía, para se formar neste ámbito. En 1991 finalizou a formación na especialidade coñecida como visagismo, que consiste na transformación da cara na busca do ovalo perfecto, como se denominaba na antiga Grecia.
De volta a Galicia, Charo compatibilizou o traballo no salón de peiteados da súa irmá cos estudos nocturnos de bacharelato no instituto Rosalía de Castro. Entre 2005 e 2007 realizou un ciclo de caracterización e maquillaxe audiovisual na Escola de Imaxe e Son de Vigo, na que, unha vez titulada, impartiu clases durante 5 anos. A partir de aí, traballou na TVE, na TVG e en publicidade. Recibiu varias propostas cinematográficas que descartou, porque participar nestes proxectos supoñía ausentarse da casa e desvincularse durante tempadas da súa vida familiar. Aínda así, como é un mundo que a apaixona, si traballou con produtoras en Galicia formando parte das reunións de planificación de proxectos, efectos especiais ou caracterizacións.
Actualmente ten dous proxectos dende a casa que a fan sentir feliz, un profesional e outro no eido do voluntariado. Por unha banda, e dende hai sete anos, dirixe Charo Make’s Up, un estudo de estética que traballa sobre todo a maquillaxe para eventos. Conta cunha ampla carteira de clientas que medra cada día grazas ao boca a boca e á difusión nas redes sociais. Por outra banda, compaxina este traballo co labor voluntario de rescate e recollida de gatos, para o que habilitou na casa un espazo específico. Tanto Charo como a súa parella son un referente no movemento animalista.
MARÍA GARCÍA GONZÁLEZ
María naceu o 29 de abril de 1981 en Tuimil, no municipio lucense de Bóveda, filla de José e Florita e irmá de Manel. Da súa infancia ten gravado o recordo da súa avoa María Águeda, con quen aprendeu a coser, confeccionando vestidos para as súas bonecas con retallos sobrantes.
Ao finalizar o bacharelato, María introduciuse no mundo laboral traballando moitos anos na hostalaría, algúns en supermercados e mesmo nunha administración de lotaría en Santiago. En terras lucenses coñeceu a Pablo, a súa parella, e ao destináreno a el á comarca da Maía, trasladáronse os dous, primeiro a Brión e despois ao seu fogar actual en Rois. Coa chegada do seu fillo Samuel, María pediu unha redución de xornada. Xa con Pablo, que naceu con algúns problemas de saúde, centrouse de cheo na familia. E despois aínda chegaría a pequena Águeda.
Cando Pablo comezou na escola infantil en 2013, María fíxolle unha mochila para levar a merenda e a axenda escolar. Gustou tanto que as outras familias lle fixeron unha chea de pedidos de mochilas e mandilóns. Así, de forma autodidacta e a través de ensaios e innovacións artesanais, a súa produción foi medrando ata nacer Masquemamás, a empresa que creou hai cinco anos coa montaxe na casa do seu propio taller.
Aínda que ter o taller na casa facilita a conciliación, María pensou primeiro en alugar un local e con esa intención percorreu as inmobiliarias de Padrón. «Sempre quedaban en chamarme e nunca o facían. Iso fíxome pensar que non me tomaban en serio, que por ir cos dous pequenos podía estar a dar unha imaxe pouco profesional»,
explica María, e engade: «Visto agora, decátome da pouca sensibilidade coas nais emprendedoras».
Na actualidade, María compatibiliza o traballo de costureira coas funcións de coidadora no CPI Os Dices-Rois.
ROSA MARÍA NOYA GRELA
Rosa naceu o 1 de novembro de 1986 en Pedroso, Padrón, filla de Ramón e Marina e irmá de Natalia. Sempre estivo vinculada con Rois: os seus avós son de Tourís, viviu na Meana e, na actualidade, reside en Urdilde. En Rois realizou os estudos de educación secundaria, e rematou a súa formación no IES Macías o Namorado de Padrón.
A súa historia laboral comezou coidando nenos e nenas e cubrindo vacacións na gasolineira de Casalonga, en Teo. En 2008 realizou un curso para obter o carné de conducir de camións a través do INEM. Como rematou a formación en mes e medio e o curso era de tres meses, a xerente da autoescola ofreceulle un desconto para obter o permiso de condución de autobuses. Un ano máis tarde, Rosa entrou a traballar en autocares Bustelo, sendo daquela a única muller no cadro de persoal. Tras catro anos na empresa, Rosa fixo unha paréntese na que realizou un curso de atención sociosanitaria, impulsada polo seu grande amor aos seus avós. Posteriormente retomou a profesión de condutora, primeiro guiando un autobús dun centro educativo privado e despois entrando a formar parte do cadro de persoal de Monbus, empresa á que segue ligada.
Rosa nunca tivo problemas con compañeiros e superiores canto á súa profesionalidade, «senón todo o contrario».
Pero cando comezou, sendo unha rapaza nova, si escoitou algún comentario como «pero onde vas ti conducir?»,
de viaxeiros que subían ao autobús coa teima de poñeren en perigo a súa vida por se tratar dunha muller ao volante. Mais finalizado o traxecto, sempre recibía felicitacións como «es a mellor condutora que tiven na miña vida».
Rosa lembra como noutra ocasión, ante as burlas dun compañeiro, saíulle á defensa un colega xa xubilado cunha frase que a marcou: «mozo, esta rapaza ten máis quilómetros no cu que ti nos ghuevos».
VANESA RODRÍGUEZ BRALO
É ben certo que as persoas non teñen, por fortuna, unha soa dimensión. O caso de Vanesa é un bo exemplo: de profesión farmacéutica, compaxina o traballo coa afección polo motor, un mundo que hai tempo que deixou de ser exclusivamente masculino.
Vanesa naceu o 28 de setembro de 1989 en Brión, filla de Antonio e de Amelia, pero con só tres anos foi vivir ao lugar de Seaxe, en Sorribas. En Compostela cursou o ciclo medio de Farmacia, unha titulación que lle permitiu exercer esta profesión nos principais centros médicos da comarca. Leva dez anos na farmacia do hospital de Conxo traballando para a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), e tamén traballa no Hospital Clínico Universitario de Santiago realizando ensaios clínicos.
Mais unha vez que se pecha a porta da botica, Vanesa saca a relucir o seu interese polas motos. Diego, a súa parella, practica motocrós enduro, e foi el quen a iniciou nunha práctica que acabaría roubándolle o corazón. Vanesa comezou a practicar o motociclisimo en 2009, nun nivel afeccionado, gozando sobre todo das saídas aos fermosos montes de Rois nas fins de semana.
É consciente de que son poucas as mulleres que se dedican ao motocrós, e de que os campionatos de motocrós feminino son escasos. Porén, semella que este deporte está cambiando: Vanesa nunca tivo que lles facer fronte a comentarios despectivos por ser muller. Máis ben ao contrario, afirma, posto que sempre sentiu o apoio dos seus compañeiros. Conseguiu mesmo superar as reticencias iniciais da súa nai, que vía con certo medo unha afección certamente arriscada. Pero unha vez atrapada por este deporte de natureza, dar volta no camiño non era unha opción.
CELIA TOURÍS SEOANE
Celia naceu en San Miguel de Costa o 1 de xaneiro de 1949. Filla de María e de José é a máis nova de tres irmáns. Criouse nunha casa labrega onde o traballo nas leiras e cos animais deixaba pouca marxe para ir á escola. Celia garda bos recordos do tempo que pasou nela e conta que era unha alumna con aptitudes. Pero en tempos de tanta carencia continuar os estudos resultaba tarefa imposible.
Aos 17 anos foi aprender a coser a Padrón, cunha patronista que lle ensinou a facer pantalóns. Conta que baixaba andando de Costa ata Rois e que alí collía O Ferrolano, un autobús que a deixaba en Padrón.
Con 21 anos coñeceu o seu marido, ao pouco tempo casaron e Celia deixou a casa dos pais para iniciar unha vida con Ricardo na vivenda dos sogros, situada no igrexario da parroquia de Urdilde. Desta relación naceron dúas nenas e dous nenos. Celia relata que foron «tempos duros» onde a crianza de catro pequenos supoñía un esforzo tremendo. Traballábase arreo para sacar uns ingresos insuficientes cos que manter unha familia grande. Con todo, deulles estudos a todos eles.
A proximidade da familia coa igrexa de Urdilde facilitou que os fillos de Celia asistisen aos oficios relixiosos da parroquia. Tres deles foron sancristáns, incluída a nena, Daría. Por aquel entón non era moi habitual ver unha cativa axudando o sacerdote na misa.
No ano 1998, cos fillos xa criados e maiores, o cargo de sancristán quedou baleiro. Logo dunha xuntanza parroquial, Celia propuxo ocuparse deste labor. Foi así como se converteu nunha das primeiras mulleres sancristás da comarca. Celia conta sentirse moi ben acollida polos veciños fregueses e di que ser muller nun posto que sempre asumiron homes nunca lle supuxo ningún tipo de agravio. Está agradecida pola oportunidade de desenvolver este labor.
MARÍA JOSEFA PIÑEIRO DAVILA
María Josefa naceu en Escarabote, en Boiro, o 11 de abril de 1965, filla de José Antonio e de Dolores. Dende moi nena amosou predilección polas actividades deportivas, o que fixo que con 15 anos decidira encamiñarse no mundo do karate. María Josefa practicou a modalidade Sheng-Chi-Pai, un estilo de kung-fu creado polo seu mestre, o recoñecido Juan Hombre. Con el aprendeu tamén o ninjutsu, unha arte marcial xaponesa de espionaxe e guerrillas que, segundo conta a tradición, utilizaron os ninja durante séculos.
Máis alá das habilidades físicas e de autodefensa acadadas, como por exemplo realizar golpes, luxacións articulares, lanzamentos, derribas ou o uso de armas tradicionais, María Josefa adquiriu ferramentas que contribuíron á formación do seu carácter como persoa. Autodisciplina, confianza e respecto por unha mesma e polos demais son algúns destes valores transmitidos polas disciplinas que practicou, de forma similar a como o fan o conxunto das artes marciais tradicionais modernas.
María Josefa casou no ano 1988 con Manuel Luís e tivo dous fillos, Luís e Guillermo. Tras o casamento trasladouse a vivir ao lugar de Quintáns, na parroquia roisense de Urdilde, onde se instalou coa súa familia. Este cambio fixo que se desvinculase do mundo das artes marciais que tanto a definiu e que, como ben di, «sempre formará parte de min, non o esquezo, igual que andar en bicicleta».
Porén, o seu espírito enérxico fai que continúe a levar unha vida activa e a practicar todo tipo de deportes: pesca, natación, andainas, mergullo… calquera escusa é boa para aproveitar as saídas culturais e excursións de lecer ás que María Josefa sempre se apunta, cando llo permite o seu traballo como asistente persoal.
LUCÍA ESPARÍS GÓMEZ
Lucía naceu no día da súa onomástica, un 13 de decembro de 1967, na Calle, parroquia de Urdilde. Filla de pais emigrados, María e Secundino, foi criada pola avoa Purificación. Iniciou os seus estudos no colexio público de Urdilde, onde presentou certas dificultades na aprendizaxe. Recoñecéuselle unha discapacidade intelectual e con quince anos finalizou a súa etapa escolar.
A partir de entón, Lucía comezou unha vida doméstica. No afán de protección por parte da familia, facíanse, pensábanse e decidíanse cousas por ela. Hai máis de trinta anos ser muller, vivir no rural e ter unha discapacidade eran características que complicaban o camiño cara a unha vida independente e autónoma.
Certo é que hai persoas que son detonantes de cambios. Ás veces é un mestre, un familiar ou unha veciña que instala a súa farmacia fronte á casa. Mercedes foi esa veciña que abriu unha ventá pola que entraron infinidade de consellos, cariño e empeño por procurar unha vida con maiores posibilidades para Lucía. Da man dela chegaron a participación nos talleres do Concello para persoas con discapacidade e despois a entrada en AMIPA como traballadora no centro ocupacional. Durante cinco anos, Lucía tivo que cesar o seu labor en AMIPA para coidar da nai. A discapacidade nunca limitou a excelente atención a unha persoa dependente cunhas esixencias médicas moi altas.
Na actualidade, Lucía leva unha vida independente na súa casa; traballa no centro ocupacional AMIPA; ten o certificado de estudos primarios; conta co apoio do seu primo, quen a orienta nas xestións que así o precisan; ten parella; e divulga os dereitos das persoas con discapacidade intelectual dentro e fóra da súa comunidade. En definitiva, Lucía é unha muller rural galega con capacidade para facer, pensar e decidir por si mesma.