Capela da Inmaculada Concepción de Ferreiros
Lugar:Ferreiros, San Miguel da Costa.
Historia:queda de par da pista forestal que sube ó Coto da Cabana dos montes do Valeirón, na parroquia de San Miguel da Costa. Pertence á aldea de Ferreiros.
A planta é rectangular, de 9,70 metros de longo por 6 metros de ancho. Diante conta cun pórtico, á dereita do que se ergue a torre cunha campá. Por enriba da porta hai unha fornela, que acolle unha imaxe da Inmaculada Concepción do século XVIII. Da mesma época data o retablo.
Foi fundada no ano 1763 por Domingos Boullón, segundo consta na inscrición do lintel da porta, e no Libro de Inventario do arquivo parroquial.
Os veciños de Ferreiros celebran a festa un domingo do mes de xuño.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez
Capela Nosa Señora da Saúde
Lugar:Bralo, Augasantas.
Historia:
de planta rectangular, cun pequeno cuberto protexendo a entrada. Conta con unha pequena espadana para unha soa campá, situada no cume do tellado, na unión das tres augas. Tamén lle din Virxe da Mercede, e como tal foi fundada en 1777 por Estebo Xens.
O retablo é de estilo neoclásico, moi repintado e con varias imaxes, coroado pola do patrón da parroquia, San Vicente de Augasantas.
No lintel da porta figura a data de construción: 1781.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia
Capela Nosa Señora das Neves
Lugar: Pazo do Faramello, Ribasar.
Historia:
está situada dentro do Pazo do Faramello, antiga fábrica de papel. Despois da do pazo de Antequeira (Oín), é a mellor das capelas do Concello de Rois.
Esta capela foi traslada despois da Guerra Civil dende o pazo da veciña aldea de Angueira de Castro onde se coñecía como “Capela de Xesús, María e Xosé”.
Trátase dunha capela privada, mandada erguer por Fernando Cortés no século XVIII.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez
Capela Nosa Señora dos Remedios
Lugar: O Aido, Rois.
Historia:
como case todas estas construcións, é de planta rectangular, de 11,50 metros de longo por 5 metros de ancho. Ata non hai moitos anos tiña un pórtico para protexer a entrada que, desafortunadamente, foi retirado nas últimas reformas.
Non sabemos cando se construíu a primeira capela. En 1791 mandouna desfacer o visitador do arcebispado, por acharse en estado ruinoso.
Os veciños do Aido celébranlle a festa todos os anos.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: wikiloc - FCCED-UVIGO
Capela San Xoán Nepomuceno
Lugar: Pazo de Antequeira, Oín.
Historia:
forma parte do conxunto do Pazo de Antequeira. A capela está á dereita da fachada principal. É unha das melloras de cantas coñecemos nos Pazos galegos: alta, abovedada, cunha orixinal fachada barroca con pilastras laterais, e por enriba da porta un alto relevo representando a San Xoán Nepomuceno arrodeado de anxiños. O santo adora un crucifixo que ten diante.
Segue un ventanal e, por último, un grande brasón coas armas dos Calderón, Valdés e Radillo. As mesmas vólvense a repetir no brasón que hai na porta central da solaina do pazo. O paramento remata redondeado, cunha sinxela cruz no medio e nos extremos uns pináculos con bolas.
Foi mandada construír por Francisco Calderón Andrade, ao que lle concedeu Felipe V o título de conde de San Xoán e vizconde de San Vicente. O arquitecto puido ser o mesmo que fixo o pazo, Xoán Crespo.
Actualmente achase en estado ruinoso.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: patrimoniogalego.net
Capela San Vicente Ferrer
Lugar: Liñares.
Historia:
forma un bonito conxunto coa casona, hórreo e pombal. É un santuario semipúblico, propiedade da familia Piñeiro Gil, que foi construído nos primeiros anos do século XIX.
Ten planta rectangular, de 9,30 metros de longo por 4,70 metros de ancho. A fachada está delimitada por dúas pilastras lisas, destacando o frontón formado pola arquitrabe, friso e cornixa. remata cunha pequena espadana para unha campá.
É o edificio máis representativo do neoclasicismo de todo o concello.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez
Capela do Soutullo
Lugar: Quintáns, Urdilde.
Historia:
ermida de planta cadrada feita a base de perpiaño e con tellado a dúas augas cuberto con tella curva. Leva un pórtico na entrada feito con armazón de madeira que apoia en dúas columna de pedra que gorece o gran van da entrada. Está situada a 170 metros de altitude sobre un estreito val onde conflúe os regos de Espenincelo e Sanguiñal. Na súa contorna hai unha pequena carballeira e ao seu carón esta a antiga casa do cura. Atópase entre as aldeas de Quintáns, Vilariño, Verduga e Figueroa pero bastante apartada das casas, o que a converteu en obxectivo dos espoliadores que lle roubaron as campás no ano 2011.
Fonte: patrimoniogalego.net