Castro de Agrafoxo
Lugar:Agrafoxo, Urdilde.
Historia:aínda se distinguen partes dos terrapléns, así como unha das entradas, que contaba con camiño empedrado. A chan central está actualmente adicada ao cultivo. Contan que cando a anovaron –haberá uns 80 anos- atoparon unha ola de barro chea de moedas(romanas) que venderon en Santiago. Teñen aparecido moas e pes de muíños de man. Tamén é doado dar con fragmentos cerámicos. Segundo Agrafoxo Pérez, a súa superficie anda entre media e unha hectárea. Debaixo dun “coto” que sobresae entre as demais rochas din que hai un pote de ouro, e que a noite de San Xoán anda polo castro unha galiña con sete pitiños de ouro.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: patrimoniogalego.net
Castro de Casal de Poño
Lugar:Casal de Poño, Urdilde.
Historia:
ten forma de proa de barco, con pronunciadas pendentes, en particular a que dá cara ó río Muíños. Distínguense varias plataformas ou socalcos, cos correspondentes terrapléns. Un foi aproveitado posteriormente para camiño de carro, o mesmo que o foxo que está no suroeste, a parte máis vulnerable. Teñen aparecido restos cerámicos, moas ou pés de muíños de man.
Parte do xacemento pertence á parroquia da Luaña (concello de Brión).
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: patrimoniogalego.net
Castro Lupario
Lugar: Faramello, Ribasar.
Historia:
tamén é coñecido este castro co nome de Castro de Francos, por estar cerca do lugar da parroquia de Calo, que leva ese nome e pertence ao concello de Teo. Outro nome é o de castro de Beca (Brión) e tamén do Faramello (Rois) segundo a aldea que se tome de referencia. Administrativamente atópase dividido nos concellos de Rois e Brión, pertencendo a maior parte a este último. O recinto castramentado está a uns 140 metros de altitude, sobre un monte que domina o entorno e os vales do Sar e o río Tinto.
Chégase a acrópole por un camiño empedrado pola zona norte, sendo esta a única entrada ao recinto coñecido como a “Eira dos Mouros”. Vemos rodeando o recinto unha muralla que está relativamente en bo estado e que ten alturas e ancho diferentes segundo o treito que atravesa. No seu interior está unha ampla plataforma de 1,4 ha. cruzada por murallas que posiblemente pertenceran a unha fortaleza medieval que dominaría o paso por unha antiga vía que atravesaba pola Ponte de Francos sobre o río Tinto en dirección ao val da Amaía. Atribúese a este castro a lenda medieval da residencia da raína Lupa, relacionado co mito xacobeo da traslación do Apóstolo a terras de Santiago.
A descrición máis antiga que se coñece é a de M. Castellá Ferrer en 1610 (segundo nos apunta Clodio González Pérez no seu libro da historia e cultura de Brión): “Residía lupa en un castillo, y Fortaleza suya, rodeado de gruesa murallas, que aun tiene doce piez de ancho en algunas partes, dentro de la qual ay tanta capacidad, que cabe un escuadrón de quatro mil hombres, y más: aun ay oy día grandes pedaços della, en partes tiene altor de una pica (q. quiera Dios conservar estas memorias para honor de su Apóstol). Tenía el Castillo en medio desta plaça, cuyos cimientos se ven ora, y desde la entrada de la primera muralla se yva a el por una calle estrecha de ocho pies de ancho, hecha de uno, y otro lado con gruessa muralla..”
Como sucede en moitas acrópoles houbo aquí unha parroquia documentada na idade media coñecida por San Antonini de Castro que foi unha das igrexas que recibiu diego Xelmírez do seu irmán Munio. Xa non existía no século XVII, pois en 1635 o visitador diocesano ordenou a súa destrución por estar en estado ruinoso, e que se puxera unha cruz no seu lugar.
Fernando Acuña Castroviejo e Milagros Cavada realizaron a escavación máis documentada que se coñece. Atopáronse nel gravados esculturas cerámicas e moedas, e afirman que dentro da eira dos mouros hai restos de muros, entre os que destacan os dunha construción rectangular de case setenta metros de longo por uns corenta de ancho. Destacan tamén entre os achados unha talla de cabeza humana que estivo no museo das peregrinacións en Santiago de Compostela, agora en paradoiro descoñecido, segundo afirma Francisco Calo Lourido no seu libro “A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa” .
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: youtube.com - Rois: Ruta de sendeirismo do Castro Lupario
Castro de Picadizo
Lugar: Picadizo, Buxán.
Historia:
o castro atópase a 500 metros da aldea de Picadizo, preto do río Rois. A chan central está pechada por un terraplén, agás polo sur, conservándose ademais restos de parapeto de pedra. Polo este hai vestixios de outro terraplén, e polo sur existe un murallón de pedra e terra, que pode chegar a 10 metros de altura en algúns puntos. Neste lado tamén quedan vestixios do foxo.
No medio da chan hai un altiño circular, duns dous metros de altura. Consérvanse restos de construción, e aparecen a flor de terra fragmentos cerámicos.
Ao sur desta acrópole hai un outeiro que puido estar tamén habitado. A concentración parcelaria alterou a primitiva configuración.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez | Imaxe: patrimoniogalego.net
Castro de Socastro
Lugar: Socastro, Herbogo.
Historia:
o castro sitúase nun outeiro dun pequeno cordal, a 211 metros de altitude, sobre o val da parroquia de Herbogo e ao leste dun dos afluentes que desembocan no río Sar, está separado do val da Amaía polos montes do Oleirón. Ten planta ovalada, máis apuntada cara a parte noroeste. Conta cun gran parapeto que foi posible estudar nas escavacións do verán do 2010 levadas a cabo pola Fundación Pro-Patrimonio de Rois, hoxe desaparecida. Este parapeto estaba feito cun recheo de pedra e tapado con terra, acada unha forte pendente e considerable altura. Consérvase bastante ben en comparación con outros da mesma natureza. A coroa mide uns 100 m. no eixo norte-sur, e uns 70 m. de leste a oeste. A parte de fóra do parapeto amosa uns alombamentos de terra e cachote, que parecen indicar a existencia de construcións anexas ao castro en algúns puntos do seu contorno. Na terra que se removeu froito das catas que se levaron a cabo apareceu gran cantidade de tella. Tense noticia da aparición dunha pequena ola con un tesouro que consistía en moedas de ouro romanas.
Fonte: patrimoniogalego.net | Imaxe: megaliticia.blogspot