Pazo de Angueira de Castro
Lugar:Angueira de Castro, Ribasar.
Historia:edificación do ano 1792 feita a base de cantería granítica.
Queda no medio na aldea, rodeado de parras e cepas. A pesar dos engadidos posteriores que lle restan beleza, aínda é un edificio digno de conservar, elegante e de fina cantería.
Conta con baixo e sobrado e, en parte, un segundo andar a xeito de torre, con gárgolas en dous dos catros ángulos, sobre os que tamén hai un remate piramidal acabado en bola. Un elemento característico do barroco compostelán -estilo ao que pertence esta mansión- é a balconada de moito voo, apoiada sobre canzorros.
Ata despois da Guerra Civil de 1936-1939 tivo capela, que databa segundo consta na mesma do ano 1774, pero foi trasladada para o veciño Pazo do Faramello.
O mesmo que a capela, o pazo foi construído nos primeiros anos da segunda metade do século XVIII, posiblemente por Fernando Cortés. Este señor, ou algún dos seus devanceiros ou sucesores, deberon estar nas Indias-en Ámerica-, pois a nivel popular aínda o pazo é coñecido pola “Casa do Indiano”.
Xunto coas casas que hai arredor, forman un fermoso conxunto arquitectónico digno de conservar.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez
Pazo de Antequeira
Lugar:Antequeira, Oín.
Historia:
situado en Antequeira, foi construído no mesmo lugar dunha casa grande fundada por Xoán Núñez Lanuxe, antes de 1688. O actual edificio foi construído por orde de Vicente F. Calderón, segundo conde de San Xoán e Vizconde de San Vicente.
O edificio conta con tres corpos, dous saíntes e no medio unha solaina, con balconada barroca, a fronte principal foi reformado posteriormente, do mesmo xeito que outras partes do conxunto arquitectónico.
Ademais da vivenda do pazo, á dereita da fachada principal está a capela.
O conxunto complétase cunha fonte barroca, sobre cuxos caños se atopa San Vicente predicando desde o púlpito, similar a como está representado no convento compostelán de San Domingos de Bonaval (actual sede do Museo do Pobo Galego). Unha bonita escalinata, tamén barroca, para baixar á fonte, un pombal de planta circular, un cruceiro… e outros elementos completan a paraxe.
Pazo do Faramello
Lugar: Faramello, Ribasar.
Historia:
o Pazo do Faramello é un edificio de comezos do século XVIII de estilo barroco compostelano civil.
É o último Pazo atravesado polo Camiño Portugués, e polo Roteiro do Mar de Arousa, abre as súas portas por primeira vez nas súas máis de 300 anos de apaixonante historia.
O Pazo, xoia barroca compostelá fundada polo xenovés Marqués de Piombino en 1705, está construído sobre o canón do Rio Tinto, afluente do Sar, e compón unha contorna arquitectónica e natural espectacular. Nel pódense visitar o legado da primeira fábrica de papel de Galicia, a Real Fábrica de papel do Faramello(1712) o retablo da capela (1739) realizado polo mestre do barroco galego José Gambino, nacido no pazo, pasear polo carreiro tradicional do Camiño de Santiago que corre paralelo ás fervenzas naturais do río truchero e cristalino entre unha fragua galega en excelente estado de conservación e en permanente recuperación e cunha biodiversidade fascinante, contemplar os magníficos xardíns decimonónicos do Faramello, recentemente incluídos na Guía de grandes xardíns de Galicia, admirar unha lendaria roca máxica da cultura celta alcumada “ As tetas dá posadeira”, e moitos segredos máis que este lugar fascinante agocha…
Casa do Bispo
Lugar: Seira, San Lourenzo de Seira.
Historia:a casa do Bispo foi construída na década de 1920 por encargo do Bispo Manuel Mª Vidal Boullón. A casa responde a estética de moda naquel momento de principio de século XX, o Modernismo. Trátase de un edificio de planta cuadrangular que se distribúe en altura en: baixo, primeiro andar e baixo cuberta. Estas plantas destacan pola súa altura que responden aos accesos monumentais e ventanais da edificación, realizados en madeira e que deixa entrar gran cantidade de luz natural ao interior.
Tanto a vivenda principal como as edificacións do patio están construídas en sillería de pedra, sen embargo, e como corresponde ao estilo modernista, neste edificio atopamos tres balcóns corridos, que van do lado Leste-Sur-Oeste, sostidos sobre pórticos, os do lado Leste e Sur enmarcan os accesos principais da vivenda, realizados en formigón.
Tamén son chamativos os escudos que atopamos na fachada principal, un correspóndese co escudo do Bispo no que se representan as sedes episcopais de Burgo de Osma, Ciudad Rodrigo e Tui, onde Manuel Mª foi bispo consagrado destas Diócesis, e outros dous, un a cada lado da fachada, correspóndese á marca do arquitecto modernista, escudo que podemos atopar en edificios modernistas de cidades como Santiago, Vigo e Coruña, polo que non sería difícil rastrear estas edificacións para saber quen foi o arquitecto encargado de realizar a obra. Ao patio interior accédese a través da vivenda e para acceso de carros emprégase unha gran entrada situada no lateral Norte.
Dicir que esta edificación reemprega material pétreo de unha edificación precedente, esta sería, debido aos restos pétreos que aínda hoxe podemos observar, e, a súa calidade de traballo, trataríase de unha edificación nobre, da que de momento non temos constancia documental, pero que podemos intuír a través de ditos restos pétreos e das marcas de canteiro que aínda se observan na actual Casa do Bispo.
Fonte: Nina Alvela | Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia
Casa do Mato
Lugar: Peracova, Buxán.
Historia:
construción destacada pola colección de brasóns ou escudos de armas que hai nos seus muros.
De entre todos os seus escudos destaca o de Iván de Bendaña, segundo consta debaixo do mesmo. Trátase dunha magnífica labra heráldica, de cor amarela que lle dá certa beleza, situada no exterior do edificio, na parte de atrás, polo que non é visible dende o camiño. Está dividido en seis “cuarteis” e bordura, na que hai nove vieiras. Dentro, entre outras, figuran as armas dos Bendaña ou Mendaña. Realmente son destes últimos, pois usan seis roeis e non cinco coma os primeiros. As outras son as dos Bermúdez, Pallares, etc.
Este mesmo brasón repítese na fachada que dá á pista -que foi repicado fai uns anos-, no testeiro da capela maior da igrexa parroquial, e tamén por dentro na bóveda.
No exterior, no ángulo que forma a fachada principal e o penal, temos un dividido en dous carteis, coas armas dos Bendaña ou Mendaña e dos Pallares. Tamén coas dos Bendaña hai outro máis no exterior, no lintel dunha porta, no medio de dous sen armas.
Por último, nunha cambota da cheminea da calefacción do sobrado, hai outros tres, coas armas dos Bendaña, Bermúdez e Pallales. Tanto estes como os anteriores, poden datar do século XVII ou nos primeiros anos do XVIII.
Segundo os veciños, aquí vivían os señores que dominaban todo o val. O último propietario foi o crego Xosé Fociños Bendaña – en 1883 era párroco de Buxán Vicente Fociños-. O actual dono non ten nada que ver con esta familia.
Fonte: O Concello de Rois: Historia, Economía e Arte. Clodio González Pérez