Toponimia de Dodro e Laíño Limiar

Limiar

O conxunto dos topónimos dun país conforma un tapiz, unha urdime arcaica e secreta da que temos os cabos dalgúns fíos, enxergamos outros, pero de moitos non sabemos nin saberemos nunca. Hai os que brillan coma alfaias alá nun recanto do pano e hainos que agardan no escuro pola man de neve que saiba atopalos. Entre todos configuran un código, un conxunto de signos preservados nas arcas neboentas da nosa memoria común. Ademais dos posibles significados que vaiamos debullando por estas follas, os topónimos teñen un valor emotivo e vivencial, sobre todo son símbolos, sinais de identidade para os que aquí vivimos. Na toponimia está a cerna do que somos, a secuencia que amosa como ó longo dos séculos fomos convertendo a xeografía na que nos tocou vivir nun espazo habitable, o rexistro vivo das nosas tradicións e costumes ancestrais, do noso patrimonio. A toponimia mesma é tamén patrimonio inmaterial.

Asombra pensar na resistencia teimosa dos nosos nomes e na da nosa lingua despois de tantos naufraxios pasados e presentes. Galicia atesoura arredor de dous millóns de topónimos, a terceira parte de todo o Estado. Chámase un dos nosos, A dos moitos e outro Cinco Palmos, o que pode dar idea do grao de fragmentación ó que chegaron as propiedades. Os regueiros de Dodro teñen denominacións diferentes ó pasaren por cada unha das aldeas e hai hórreos nas eiras con máis de media ducia de donos e muíños adiados nos que se moía por horas, noite e día. Veredes por estas páxinas adiante bouzas e estivadas, gandras, corgas, searas e paramos, rochas, lagoas, piñeiros, abeláns... Seguen aí, malia que foran esmorecendo na fala. Velaquí as temos, coma gravadas nun crisol, as formas do plural que se nos foron: Os Trigais, Os Novais, Os Currais... Nada queda do vello pazo dos Soutomaior en Tarrío ou do túmulo megalítico de Tallós, nin sequera memoria. Parou todo en fume. Ora ben, quedáronnos O Pazo e A Mámoa. Os nomes duraron máis que as pedras.

O concello de Dodro está situado ó sur da provincia da Coruña, na marxe dereita do río Ulla. Entre Padrón e Rianxo, é vía natural de acceso ás terras do sur da península do Barbanza. Ata mediados do século XVIII fomos dúas parroquias: Santa María de Dodro e San Xián de Laíño. Somos agora tres, pois na parte occidental da última, conformouse daquela a de San Xoán de Laíño. Se escollemos usar os nomes abreviados das nosas freguesías e non o do concello no título deste traballo é porque historicamente así Dodro coma Laíño foron entidades con personalidade propia cando menos desde os albores da Idade Media. Pertencemos á comarca que o poeta Anxo Angueira chama Terra de Iria, denominación que agardamos acabe por imporse a outras non tan afortunadas. Hai unha referencia a ela no Tumbo de Toxosoutos . Non sendo os montes de Bustelo e do Treito, Dodro é de bocarribeiras mainas e de vales úbedos orientados cara o mediodía nos que seguimos a botar o millo ó cordel e podando no devalar da lúa, pero, a dicir verdade, o espazo que nos identifica é un dos humidais máis grandes de Galicia: As Brañas de Laíño, espoliadas por unha Lei de Costas absurda, aplicada por imbéciles e escuros dúas leguas terra adentro.

Antes de desaugar no carburo azul da Arousa, o Ulla pasa a carón delas lento, cerimonioso, coma un deus antigo, flanqueado por unha corte de espadanais, canedos e xunqueiras. Axis mundi, ordena o territorio, dispón xentes e campos: arquitecturas de cinza, farrapos de brétema, a unha banda e outra. Foi Dodro, terra poboada por xeracións de homes e mulleres que soñaron e morreron aquí nestes casarellos do pór do sol a mirar coma nós o devalar do río. Os primeiros achados arqueolóxicos, pertencentes ó período megalítico, son tres grupos de mámoas. Un deles está sen catalogar e hai outras desaparecidas que se conservan tan só no rexistro toponímico. Da Idade de Bronce é o petróglifo de Bouzabadín, na aba do monte Carboeiro. Da Idade de Ferro son cinco os castros distribuídos pola nosa xeografía. Hai topónimos que teñen a orixe nesas linguas de sustrato que os castrexos falaron antes da chegada dos romanos, pero a gran maioría formaríanse a partir do latín vulgar, ó tempo que se estaban a sentar as bases do poboamento actual, ocupando os vales nos que agora estamos. O centro de boa parte da Gallaecia máis occidental foi o enclave de Iria.

Co reino suevo pasa a ser unha das grandes demarcacións parroquiais nas que se organizou o territorio galego. Os vestixios toponímicos da ocupación xermánica son numerosos sobre todo nos nomes de posesor. Desde o século XII próducese unha progresiva roturación de terras que ten amplo reflexo na toponimia maior e na microtoponimia. Laíño depende dos arcebispos de Compostela e pertence á xurisdicción dos señores de Rianxo, descendentes de Paio Gómez Chariño, almirante e trovador do mar. Dodro e Lestrobe, andando o tempo, formarán couto redondo baixo o señorío do Marqués de Bendaña. No século XVIII o millo e a pataca vanse afacendo á lentura doce destes agros, érguense no barroco as igrexas parroquiais e as arquitecturas pacegas que miran cara o río. Coa chegada dos novos concellos no século XIX fórmase tamén o de Dodro e continúa ata hoxe. Cada época histórica foi deixando a súa pegada na toponimia. A fala de Dodro ten unhas características que determinan a grafía e a pronuncia dos nosos nomes de lugar.

Temos seseo e gheada, polo tanto por máis que na escrita figuren pazos e agros deben entenderse sempre coma ‘pasos’ e ‘aghros’. É unha geada fonda e suave, case coma o ‘H’ aspirado do inglés. Aspiramos tamén o ‘S’ implosivo no final dalgunhas sílabas, ‘ehcola’ por escola, e, despois de nasal, facemos xorda a consoante sonora, ‘anquías’ no canto de anguías. Cando hai trinta anos as escavadoras da concentración parcelaria irromperon nas vellas aldeas de Laíño houbo quen se deitou diante delas tratando de atrancarlles o paso, pero foi en van. Achanzaron sen dó as topografías familiares, os sinais minuciosos cos que viñeramos marcando a tona dura da terra, as estremas, os marcos: os piares do mundo. Emborcárono todo e virárono do revés, pero non derrubaron tan só arrós e congostras, lameiros e ‘barghenlas’; o caso é que removeron tamén os seus nomes verdadeiros. Esgazaron o tapiz do que falamos coma un espello que se creba en mil anacos, de xeito que recompoñelo hoxe é case tanto tarefa de forenses coma de filólogos. Nós, que non somos unha cousa nin outra, tentaremos achegarnos ós nosos topónimos con respecto e prudencia.

Este pequeno traballo que quere ser unha obra provisoria e aberta, fermento de propostas novas, é desde logo unha obra colectiva, da que tamén son autores os veciños destas aldeas, moi especialmente aqueles que citamos como informantes no remate desta xeira. Han ser eles os derradeiros que fagan acordanza dos chamadeiros das nosas paraxes. Co paso dos anos e coa falta de uso acabarán sendo todos antropónimos, nomes de propietarios.

No campo da onomástica pisamos tremedoiros, estamos sempre en terreos movedizos nos que non se fai pé doadamente. Hai poucas certezas, e menos aínda para profanos coma nós. As palabras viñeron dando tombos coma as pedras dos regueiros desde o primeiro día do mundo, luídas pola man do tempo. Algunhas consérvanse como eran, pero outras perderon as arestas, saíronlles vetas descoñecidas no mineral ou esfragáronse en areas e croios caprichosos nos que hai matices novos, insospeitados. De contado vimos que conforme avanzaban as nosas pescudas os adverbios de dúbida ían sendo cada vez máis escasos a forza de repetilos. Por iso case sempre nos abeiramos na voz que nos parece máis axeitada. Hai autores coma Gonzalo Navaza, Eligio Rivas, Cabeza Quiles, os traballos de José Luís Pensado sobre Sarmiento, os dicionarios históricos compilados por Antón Santamarina (sempre mencionados pola súa edición dixital), a tese A Toponimia de Trabada de Xulia Marqués, o Gran Dicionario Xerais, o de Eladio Rodríguez, o de Isaac Alonso Estravís ou o etimolóxico de Joan Coromines ós que volvemos de continuo, pero quedan moitas outras fontes que reseñamos na bibliografía final.

Sempre que o consideramos oportuno recollemos a entrada correspondente do Diccionario del Dialecto Gallego de Luís Aguirre del Río, recuperado en datas recentes. Aguirre foi veciño noso, tivo familia en Imo e era de Lestrobe. Por data de encadernación (1858) é o dicionario inaugural da nosa lingua. Acordamos así mesmo acudir á obra de Rosalía de Castro para comentar moitos dos nosos nomes pois tamén soñou e morreu á beira destas brañas e sentímonos recoñecidos na súa voz, que nos é familiar. Ás veces pedímoslle emprestadas as palabras máis fermosas da tribo ós poetas de Dodro: Avelino Abuín de Tembra, Eusebio Lorenzo Baleirón, Anxo Angueira, Ramón F. Reboiras Decidimos referir … no posible cada topónimo á etnografía e á historia do concello e, nalgúns casos (igrexas, castros, pazos ), aproveitamos para explicalos por primeira … vez de xeito un pouco máis extenso pois non existe ningunha publicación sobre eles. Senón que se explique o contrario, sempre que se cita algún refrán, cantiga ou dito, hai que entender que se usaba entre nós.

Tomamos como base para a elaboración desta Toponimia de Dodro e de Laíño o Catastro de Rústica do ano 1958, que se garda no Arquivo do Reino de Galicia, completo e con non moitos erros. Os amanuenses traduciron algúns rexistros pero a maior parte deles deixáronos tal como llos contaron. Folga dicir que son sempre os propios veciños cos que percorremos as aldeas os que validan ou desautorizan esas voces. Sexa como for, eles tiveron a palabra final e non sempre coincidiu coa do escribente. Léronse os interrogatorios do Catastro de Ensenada referentes a Dodro, Laíño e Bexo, pero non se consultou o Real de Legos nin o de Eclesiásticos pois polo seu volume excede as condicións que se marcaron á hora de escribir estas liñas. No Arquivo Histórico Diocesano de San Martiño Pinario tivemos ocasión de ver os Libros de Fábrica das tres parroquias, dos que tiramos datos interesantes que se citan ó longo do texto.

Consultáronse o Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, o Proxecto Toponimia de Galicia e a Cartografía dos Apelidos de Galicia do Instituto da Lingua Galega. A respecto da aparición dos topónimos na documentación medieval, nas bases do CODOLGA (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae) e do TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega ), e dadas as características deste traballo, decidiuse tan só nalgunhas ocasións facer consideracións xerais. Tivemos acceso ós informes que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten sobre o concello, entre eles o valioso Preinventario do Patrimonio etnográfico de San Xoán de Laíño , sen editar, elaborado pola “Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño” en 1993, baixo a dirección de Avelino Abuín de Tembra. Estudáronse diversas fontes documentais que aparecen indicadas nos comentarios das voces e na bibliografía. Ata onde soubemos, procuramos noticia dos nosos nomes. Están todos, gardados coma ouro en pano, nos cupos e documentos de propiedade dos nosos coterráneos. Manexamos algúns dos séculos XIX e XX e un foro do século XVII. Rebuscando neles, coma Uxío Novoneyra nun dos seus poemas, sentimos que dalgún xeito estabamos a lle tocar a mans ós antepasados.

De que Galicia é un mundo xa nos convencera Vicente Risco hai uns cantos anos, pero a semellanza da xeometría máxica dos fractais onde as estrelas de neve están feitas de estrelas de neve que están feitas de estrelas de neve, cada aldea de Galicia é así mesmo un microcosmos, a última boneca da caixa, a chave das outras. Se tivésemos todos os nomes orixinarios das súas corredoiras, cortiñas, enxidos, pontellas, nabais, quinteiros… e puidésemos completar o tapiz do que falamos antes, quizais seriamos capaces de recompoñer con eles as nosas freguesías, a Terra de Iria, a nación enteira, e poderiamos saber mellor quen somos. No entanto, veremos de conformarnos con retallos do pano, frebas descoloridas, anacos de espello. Coas primeiras néboas doutro outono a entrarnos nas casas e nos soños, demorámonos estes días polos vellos camiños das ribeiras alagadas do pai Ulla. Terra de illós e de lameiros, de brañas e fontenlas, coma no epitafio de Keats, tamén os nomes de Dodro que fomos recollendo semellan estar escritos sobre a auga.

Laíño, outono de 2008

Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón