A festa relixiosa celebrábase na igrexa parroquial de San Xián de Laíño e a verbena con orquestra no núcleo de Tallós, á beira da estrada, nun lateral da Casa do Concello. San Antonio Abade foi un eremita exipcio que viviu 105 anos, está considerado o patrón dos animais domésticos, dos cesteiros, pasteleiros, teceláns, enterradores e carniceiros. Atribúenselle facultades para curar os males da pel.
Festas de San Amaro e da Virxe do Belén
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor a San Amaro e Virxe do Belén
Localización
Bexo - Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
15 e 25 de xaneiro
Descrición
Os actos relixiosos teñen lugar na Hermida de San Amaro (A Armida), rotulada co nome de “Capela de San Mauro” con azulexos típicos de Portugal. Antigamente coñecida como Capela de San Bieito ou San Mauro. Nos lugares, como Bexo, onde se festexa o San Amaro en realidade o santo que sacan en procesión é o San Mauro, o santo oficial. Festexamos a San Amaro e sacamos en procesión a San Mauro...Cousas dos galegos.
En concreto, nun padrón de San Clodio de 1580, Amaro aínda estaba entre os nomes máis frecuentes de varón; pero desde mediados do XVI as normas de Trento xa obrigaban o bautizo con “nombres de santos y santas que están en el cielo”. E debeu de ser a partir desa época cando se comezou a tapar a San Amaro con San Mauro e cando desaparecen os Amaro da onomástica persoal galega.
Romaría Cruz de Abelán
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á Santa Cruz
Localización
Cruz de Abelán- Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
O primeiro fin de semana do mes de xuño; sábado e domingo
Descrición
Esta celebración ven de antigo e logo duns anos desaparecida foi recuperada en 1991 pola Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño. O sábado á noitiña organízase unha festa con música tradicional e hai acampada libre. O día grande, o domingo, logo da alborada realízase dunha procesión cívica desde o local social do Montiño ata a encrucillada da Cruz de Abelán, a imaxe da virxe sube ata o monte nun chimpín adornado con flores pola veciñanza, onde ten lugar unha misa na honra da Santa Cruz.
Posteriormente celébrase un xantar campestre, seguido de xogos populares e dun serán de música tradicional e antes do solpor regrésase ao local social.
Noite de San Xoán en Bustelo
Tipo
Popular
Localización
Bustelo – Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
A noite do 23 para o 24 de xuño, se é festivo, e se cadra no medio da semana e nun día laborable a festa desprázase a noite do venres
Descrición
Celebración popular da Noite de San Xoán ou do Lume Novo, coincidindo co solsticio de verán, no que o lume dunha cacharela se emprega como rito purificador. Celébrase no campo da festa de Bustelo cunha churrascada e sardiñada seguida dunha verbena con orquestras.
Festas de Teaio
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor a San Antonio
Localización
Teaio - Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
14 e 15 de xullo
Descrición
O día grande da festa é o 15 cando se celebra ao mediodía a misa solemne na honra de San Antonio, na Igrexa Parroquial de San Xoán de Laíño. A verbena ten lugar no campo da festa en Teaio, diante da antiga escola unitaria.
Festas do Carme
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á Virxe do Carme
Localización
Bexo - Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
Días posteriores ao 16 de xullo
Descrición
O día 16 celébrase unha misa solemne en honor á Virxe do Carme na Igrexa Parroquial de San Xoán de Laíño. A fin de semana seguinte ten lugar de novo unha cerimonia litúrxica, pero esta vez na capela de San Amaro e pola noite as orquestras actúan no campo da festa para animar a veciñanza.
Festa dos maiores
Tipo
Popular
Localización
Nun restaurante da Comarca do Sar
Data
Mes de xullo
Descrición
A xornada iníciase cunha misa solemne na Igrexa de San Xián de Laíño, a continuación as persoas participantes trasládanse a un restaurante da Comarca do Sar para desfrutar dunha comida, baile e distintas actuacións. No marco desta celebración realízase unha homenaxe ao home e á muller máis lonxevos do municipio. Para facilitar o acceso e mobilidade das persoas participantes o Concello de Dodro habilita un servizo de autobús.
Festa da mocidade
Tipo
Popular
Localización
Campo do Bosque
Data
Primeiro venres do mes de agosto
Descrición
Inclúe un serán de xogos populares con premios e sorteos entre as persoas asistentes. Seguido á noitiña dunha churrascada amenizada coa actuación dunha orquestra, grupo musical ou DJ.
Festas de Dodro
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á San Campio, Santa Lucía e San Roque
Localización
Dodro – Parroquia Santa María de Dodro
Data
Son tres días sucesivos de festa, comezan o primeiro domingo logo do 15 de agosto e rematan o martes
Descrición
A festa relixiosa ten lugar na Igrexa Parroquial de Santa María de Dodro, onde se rinde culto a San Campio, un soldado romano que foi martirizado xunto coa súa familia - muller e tres fillos- o negarse a renunciar a súa fé cristiá, en tempos dos emperadores Diocleciano e Maximiliano, no 306 d.c. Na actualidade os fieis ríndelle culto o coñecido protector do soldado, na procura de favores e solucións aos seus males, pois atribúenselle importantes facultades curativas.
As xornadas inícianse cunha tirada de bombas e alborada, logo sucédense as misas rezadas e a solemne con procesión, ao mediodía, dedicada a primeira xornada a San Campio, o segundo día a Santa Lucía e o terceiro a San Roque. Pola noite celébrase a verbena coas orquestras no Campo do Bosque. É común nesta parroquia organizar o luns e martes, pola tarde, os tradicionais partidos de fútbol solteiros contra casados e solteiras contra casadas.
Festas de Lestrobe
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á Virxe dos Afrixidos
Localización
Lestrobe – Parroquia Santa María de Dodro
Data
O último domingo de agosto e o luns e martes seguintes
Descrición
As xornadas inícianse cunha tirada de bombas e pasarrúas a cargo dalgún grupo de gaitas, banda de música ou charanga. Ó mediodía ten lugar a misa solemne na Capela do Anxo da Guarda, no Palacio de Lestrobe, para rendirlle culto á Virxe dos Afrixidos, o 1º día de festa, ao propio Anxo da Guarda, o 2º día, e o 3º e último día, a San José. O domingo tamén se saca a Virxe en procesión pola aldea.
Logo dos actos relixiosos, celébrase unha verbena con orquestras e baile no campo da festa. É tradición popular que as mozas e mozos clausuren estas festas cun tradicional baño na fonte do pazo arzobispal, antiga residencia dos prelados composteláns, hoxe reconvertida nun hotel con encanto pero que durante moitos anos foi o escenario destas celebracións.
Festas Imo-Castro
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á Virxe das Dores e San Roque
Localización
Imo – Castro. Parroquia de San Xoán de Laíño
Data
O primeiro domingo de setembro e o luns seguinte
Descrición
Os actos relixiosos teñen lugar na Igrexa Parroquial de San Xoán de Laíño e as noites de verbena celébranse no campo da Lavandeira, onda os hórreos. As xornadas festivas anúncianse cunha gran tirada de bombas seguida da alborada. No tocante aos actos litúrxicos, o domingo as misas rezadas e misa solemne cantanda son en honor á Virxe das Dores mentres que as do o luns son en honor a San Roque.
Festa da Virxe do Bo parto e do Leite
Tipo
Relixiosa, celébrase en honor á Virxe do Leite e do bo parto
Localización
Laíño - Parroquia de San Xián de Laíño
Data
Son tres días sucesivos de festa, comezan o domingo seguinte ao 8 de setembro e rematan o martes
Descrición
A tradición fai que as mulleres con desexo de maternidade, xestantes ou recén paridas e as súas familias se ofrezan ou agradezan á Virxe polo seu benestar e o das súas crianzas. Este tipo de gratificacións amósanse encendéndolle candeas, facendo donacións económicas á parroquia ou ofrecéndolle misas ao longo do ano. As xornadas festivas rematan á noite no Campo da festa de Laíño, situado ao lado da igrexa, cunha verbena amenizada por distintas orquestras.
Festas de Manselle
Tipo
Inclúe o FESTIVALO (festival de música folk en galego) e doutra banda a festa relixiosa que se celebra en honor á Virxe das Dores
Localización
Manselle – Parroquia de San Xián de Laíño
Data
Última fin de semana do mes de setembro
Descrición
O común é que o venres á noite, no campo da festa de Manselle, actúen os grupos musicais convidados ao Festivalo. O segundo día, logo da alborada teña lugar a misa solemne cantada en honor á Virxe das Dores, na igrexa parroquial de San Xián de Laíño e pola noite, de novo, no campo da festa, se celebre a verbena coas correspondentes orquestras.
Fonte: Concello de Dodro | Facebook: Dodro en Festas