Toponimia de Dodro e Laíño Presentación

Presentación

“Se pergameo fose o ceo estrelado e o mar todo tinta ”.

Vénme ás … mentes esta hipérbole extraordinaria que hai centos e centos de anos o Rei Afonso X nos deixou nunha cantiga de Santa María cando penso nestas páxinas que o lector ten agora entre as mans. E vénme ás mentes porque, despois de lelas, vexo a meu irmán Manuel Lorenzo Baleirón, un home cumpridamente ensinado de escribir, detrás desa imaxe, empregando un pergameo infindo, mollando sen descanso a súa pena nun océano de tinta para poder entregarnos este valiosísimo tesouro. Porque titánico é este esforzo de mergullarse e falar da toponimia de Galicia, falar da toponimia nosa, a das nosas aldeas e veigas e campías e revoltas, falar na nosa auga. Os nomes. Nomes que veñen da noite dos tempos ou desoutro día, nomes opacos ou diáfanos, nomes vivos que nos falan do que fomos, do que somos e do que seguiremos sempre sendo. Pero cómpre moito máis que ser ensinado de escribir para esta descomunal tarefa. Manuel Lorenzo Baleirón, ó tempo que fala dos nomes da nosa terra e da nosa auga, e faino cun rigor admirábel —e iso que non é filólogo—, vainos falando da nosa historia, do noso tesouro cultural, etnográfico e paisaxístico, moitas veces incógnito ou abandonado.

O Concello de Dodro fixo moito ben en editar esta monumental obra. As freguesías de Santa María e de San Xián e San Xoán de Laíño teñen agora ó seu alcance un milagre do que carecen a maior parte dos concellos e freguesías de Galicia. E tan oportuna é que Manuel Lorenzo chegou a tempo de dar con informantes indispensábeis, coma Elías José Boga ou José Abuín Blanco, poño por caso, que hoxe, cando estas páxinas que conteñen os seus saberes saen á luz, xacen infelizmente mortos para as veren. Cumpriron un derradeiro deber coa súa patria de Laíño e de Lestrobe ó pé do escritor. E así é este libro un libro contra a morte, contra a morte do noso patrimonio toponímico, contra a morte da nosa memoria.

Escrito na auga. Lembra o epitafio de Keats o autor destas páxinas. Pois non, a partir de agora os nosos nomes ficarán, grazas ó seu traballo, para sempre fixados e imborrábeis. Pero si. Supoño que unha persoa da súa erudición e da súa sabiduría podería estar escribindo a vida enteira, coma “se pergameo fose o ceo estrelado e o mar todo tinta”, sabendo que a súa tarefa non ía rematar endexamais. Iso pásalle ós que saben, porque saben que aínda lles falta moito por saber e son humildes. Así e todo, este fragmento de ceo, de espello e auga que agora nos regala meu irmán Manuel Lorenzo Baleirón, é o fragmento máis valioso e extraordinario que eu coñeza e poidan coñecer as xeracións futuras, no que se vexa, nas súas máis profundas e nobres dimensións, a terra en que fomos nados, este recuncho do mundo que vive entre cabalos bravos e dornas bolinando polo Ulla, a terra que nos criou entre os seus nomes de auga.

Anxo Angueira

Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón