Abeleira e Abelán son os nomes que nós lle damos á árbore das abelás (Corylus avellana). Proceden do latín ABELLANA NUX, ‘noz de Abella’, pola cidade da Campania romana da que eran orixinarias. Hoxe son poucos os exemplares que quedan no concello pero sabemos que en tempos foron abondosas porque así o confirman os topónimos e os rapaces de Tarrío enredamos á súa sombra nos arrós do Pazo, onde aínda medran algúns pés. Abelán de Riba, Abelán de Baixo e Abelán do Medio están na estrada que vai a Teaio desde Imo. Abelán, Abelán da Chisca e Abelán de Lago son da Devesa dos Mouchos. Volve a haber abeleiras á beira do Rego do Abelán entre A Devesa e Teaio. Abelán de Casacas é descoñecido para os veciños ós que preguntamos, pero recóllese en cupos e documentos de propiedade do século XIX. A Cruz do Abelán é un fermoso cruceiro de capela levantado en 1672 que está nunha encrucillada de camiños, no alto do monte. O sitio chámase Abelán da Cruz. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo Río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable. Joaquín Caridad quere derivar estes fitotopónimos de antigas divindades celtas (Abellio, Abelonis). Abelosa, que foi carballeira, onda as primeiras casas de Pexegueiro, sería aínda antes abeleiral. As Abeleiras quedan en Manselle. Pola Abeleira, que tamén é nome de Teaio, saía o Camiño Real da aldea de Imo. A palabra aparece recollida no dicionario de Luís Aguirre del Río, o noso veciño. Con varas de abeleira facíanse as mellores aguilladas para lle falar ó gando e usáronse tamen para descubrir as veas secretas das augas subterráneas cando se furaban os pozos. O crego trobador de Compostela Airas Nunes convidou a bailar a tres mozas velidas baixo as avelaneiras frolidas do medievo. O que non sabemos é se lle aceptaron a invitación.
A Abellariza está en Teaio. O nome é sinónimo de ‘colmear’, ‘alvariza’, lugar onde se crían as abellas (do latino APICULA, diminutivo de APIS,‘abella’). Na aldea de Manselle estaba o monte inzado delas: O Agro do Río, A Albariña, Balranco, O Muíño da Rúa, Cal de Martiño, tiñan centos de cortizos. Había abellarizas en Pexegueiro, arriba da igrexa de Imo, en Dodro… O Agro de Abelleira é de Lestrobe, cun antropónimo que se orixinou nesta mesma familia léxica. O mel e a cera foron produtos fundamentais na economía tradicional galega. Curiosamente, nas respostas do Catastro de Ensenada, tanto en Dodro coma en Laíño, declárase que non hai corral de colmeas no término, agás as que ten algún veciño, e detállanse en libras as cantidades de cera labrada que se producen e en azumbres as de mel. Son amantes as abellas da carroucha, do romeu e da herba abelleira (Melissa officinalis) que se plantaba nas hortas e se usaba para atraer os enxamios fregando con ela nos cortizos ou con follas de limón. O que mata unha abella ten cen anos de pena é refrán de vello, indicativo do respecto que se tiña polas abellas na nosa cultura popular e da crenza de que nelas reencarnaban as ánimas dos mortos. Criábanse ademais dentro das casas e consérvanse no muro de moitas vivendas das nosas aldeas uns pousos de pedra ou cunchas, cunha entradiña para as lacenas. Eran coma da familia.
O substantivo aberto fai referencia a eidos abertos, leiras sen pechar, en oposición a outras cerradas que son moi comúns entre nós: chousas, valadas, cercadas A palabra … procede do latín APERTU. Agros Abertos está en Teaio e Agro O Aberto en Bexo, manténdose o artigo para o segundo elemento do término, nunha construción sintáctica que xa se usa tan só na lingua literaria pero que pervive noutros topónimos nosos.
Ten a súa orixe no latín APRICU, ‘abrigo’, defendido do aire frío e da chuvia, resgardado. Os Abrigueiros é unha paraxe de labor situada ó sur da aldea de Lestrobe, como o seu nome indica, ó abeiro do nordés, e con este significado aparece nalgúns dicionarios.
No Proxecto Toponimia de Galicia, recóllese tan só en Ferrol coma A Gordonia. Nós pensamos que se formara desde Agro donia, Agro domina, ‘Agro da dona’, etimoloxía que se pode ver noutros topónimos como Vilar de Donas, Viladóniga ou no Covadonga asturiano. Se así non fose queda este Agordonia, que está do lado de riba da aldea de Imo, como nó gordiano agardando por ser desnoutado.
Estamos diante, sen dúbida, do topónimo máis rendedoiro da microtoponimia do noso concello, case sempre acompañado por un segundo elemento que achega información sobre o lugar ou é simplemente un antropónimo, o nome persoal do posuidor to terreo. Aguirre defíneo como “conxunto de herdades labradías de diferentes donos regularmente cerrado, tamén toxal cerrado sobre si”. É unha distinción importante posto que aínda que algunhas teñen un só propietario, como se explica noutros dicionarios, hoxe mais ben son grupos de fincas cerradas con valados ou con pedras chantas pertencentes a diversas familias por mor das partillas que se viñeron facendo cos anos. Cando hai problemas cos marcos mídese todo o agro para verificar a superficie. Sempre falta. Agro é ademais sinónimo de campo con todas as tarefas que nel se realizan. Agricultura é a cultura do agro, a arte de cultivar a terra. Agra adoita ter significado colectivo: ‘conxunto de agros’, e constatamos en Vigo Agra Moura, en Revixós Agra Maior, e Agra de Baixo nas brañas de Dodro. En Teaio hai Agra Chouso, cunha relación sintáctica curiosa entre xéneros, supoñemos que por perda do nexo, mais así no lo din os informantes. O padre Sarmiento na viaxe de 1754 fala da “Agra de Padrón”. Agrelo e Agriño son diminutivos. O Portelo do Agrelo está no monte Valouta, por fronte de Traxeito e Agrelo, en Paizal. Agrelos é do Rialiño e de preto de Dodro; O Agriño está en Traxeito, Imo, no Rueiro e en Manselle; Os Agriños, en Bustelo e Traxeito. Todas as formas proceden do latín clásico AGER, ‘terreo cultivado’, aínda que hai quen defendería unha orixe xermánica (ACKER, ‘campo’) ou indoeuropea.
Os topónimos desta familia veñen sendo o resultado do latino ACUTUS, ‘agudo’, 'en punta’. Portedegude e Arriba de Portedegude quedan antes de chegar ó Castro de Traxeito, abaixo da estrada. Canlegude (canle agudo) e Canlegude de Riba son desa aldea, nunha forte pendente do terreo. Agudelo e Agudeliño de Riba están en Manselle, e formáronse desde o diminutivo ACUTELLU. O Degudiño, que está detrás de Revixós, é seguramente antroponímico, pero a orixe sería a mesma. Hai un tema xermánico en GOTHS, ‘bo’, que xerou nomes de posesores xermánicos nos que se presenta tamén a forma gude (Gudenandus, Gudericus…).
Do adxectivo lat. AQUARIUM. Nos diferentes dicionarios históricos galegos é nome que se lle dá a un burato na parte inferior dos valos para a saída das augas ou á canle que as conduce. Entre nós denomina a entrada pola que se lle abre á auga represada con terróns nunha gabia para regar unha campía, de xeito que escorra por regos abarbados e caneiros. A varias leiras de Lestrobe, do lado de riba da aldea, chámanlle Os Agüeiros.
G. Navaza recolle, na Toponimia de Catoira, Aguiúncho e póno en relación con agulla (ACUCULA) ou con aguia (AQUILA). Para Aguiúntes, nas brañas de Lestrobe, onda o antigo curso do río Sar (o Río Vello), quizais valen idénticas consideracións. Coa marea baixa, en Aguiúntes, os veciños de Lestrobe vadeaban o leito do río arremangados ou aproveitaban o tronco dun vello salgueiro derrubado, que botou alí moitos anos, para pasaren.
Alarga e os seus derivados son topónimos relativamente comúns que falan sempre da ampliación dunha herdade a costa do monte comunal, da braña, ou dun camiño. Boa parte dos alargos de Dodro son lembrados polos máis vellos como terreos comunais. Formáronse a partir do latín LARGUS, ‘abundante’, e do latín vulgar LARGARE, ‘estender, aumentar’. Aquí vén sendo sinónimo de tomada e así podemos encontralo no dicionario de Cuveiro. O Alargo do Chiquelo, O Alargo de Inverniz e O Alargo da Veiguiña están en Pexegueiro; O Alargo do Rialo, arriba do Rueiro; O Alargo do Monte, en Eiró e O Alargo de Vilar, no leste do monte Valouta. En Imo rexistramos Alarganza; O Alargo de Tuande, xa preto de Bexo, onde hai O Alargo. Alarga está en Paizal, no monte da Mina, polo lado de Dodro, e arriba da Devesa, pero de fixo que hai máis, porque foi unha practica que se levou a cabo durante séculos, mesmo dentro das propias aldeas que alargaron as súas hortas e enxidos.
Se nos chegara desde o latino ALBUS, ‘branco’, entón sería tanto coma ‘terra branca’, solta e areosa. Aplicado a plantas e animais de cores claros temos uva albariña, carballo albariño, espiño albar, toxo albariño, uz albariña, ra albariña … Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala) fai albar e albariña sinónimos de “terra de mala calidade”. Na Toponimia de Marín algunhas das palabras desta familia derivarían da partícula preindoeuropea ALB/ALP, ‘altura’. No dicionario de Aguirre remite á uva do albariño. Cando está preto das aldeas podería ser antropónimo xermánico, derivado de Álvaro, pero non o sabemos de certo. Edelmiro Bascuas estuda longamente as palabras desta familia e as doutras moi próximas coas que pode presentar confusión coma alvariza, ‘colmear’, así coma cos derivados da partícula ALB, oronímica unhas veces e hidronímica outras. Albariña, Sobre Albariña e Albariña de Riba son nomes do monte da Devesa. Lembra Rosalía en Follas Novas a sombra da súa parra “de albariñas uvas” e Anxo Angueira na Pensa Nao convídanos a comer as “mazás doces da Albariña” nas hortas de Manselle, que é onde tamén se conserva este noso nome.
Son toxais de Traxeito, Os Albertiños. No Dicionario de Nomes Galegos explícase que é o diminutivo dun antropónimo de ascendencia xermánica formado a partir de AL (‘todo, moi’) e BERTH (‘claro, ilustre’). A forma galega Alberte documéntase desde o século XIV e, posteriormente, tamén Albertos.
Formouse como contracción de ‘álbore’ desde o ARBORE latino. Este topónimo de Pexegueiro, Os Albres, só aparece recollido cunha única mención no Proxecto Toponimia de Galicia no concello de Coristanco, pero foi forma empregada por moitos escritores galegos e inaugura un poema de Avelino Abuín de Tembra, poeta que foi de San Xoán de Laíño: “Nos albres do xardín había unha mazán…”.
Alcacén (alcasén co seseo da nosa zona) é o cereal (centeo, avea…) que se sega en verde para darllo ó gando. Cítase no Catastro de Ensenada cando se describen as diferentes especies do término. Do árabe QASIL, ‘forraxe’. No Vocabulario Castellano – Gallego de Crespo Pozo fálase de que coas pallas do alcacén ou ferraña se facían gaitas e porretas. Nós, co centeo verde, facíamos asubíos que tiñan un son fino e agudo, vibrante. Unhas veces soaban e outras non. De aí debe de vir a frase que rexistra o dicionario de Eladio Rodríguez “non sempre está o alcacén para gaitas” (que vén sendo coma a nosa “non está o forno para bolos”), pero por aquí non a escoitamos, nin tampouco esta copla que recolle o Dicionario da Academia (1913 – 28): “Na miña horta naceron / Rabizas con alcacén; /Inda na testa che naza /O que a miña vaca ten”. En Dodro temos Alcacén e Prado Alcacén, do lado de riba da aldea de Vigo.
É voz de orixe árabe, AL – DAYA, ‘pobo con poucos veciños, campo, finca rústica, casal’. A Aldea da Igrexa (apocopado, Dea da Igrexa) conforma o núcleo que medrou á beira da igrexa parroquial de San Xián Laíño. Debera figurar así no Nomenclátor pois non hai quen lle chame A Igrexa tal e como aparece nel. En Imo, Manselle, no Rialiño e noutros lugares do concello hai A Aldea de Riba e A Aldea de Baixo. Os da parte de baixo da parroquia de San Xián, a Pexegueiro, Traxeito, Paizal e O Rialiño chamámoslle as aldeas de riba e eles a nós as aldeas de baixo. Para os de San Xoán, A Devesa, Teaio e Bustelo son as aldeas do monte. A aldea é a forma básica de poboamento en Galicia e supón unha comunidade social perfectamente definida, con fondas raiceiras históricas. Desa maneira designamos a maior parte das entidades de poboación galegas e, nalgunhas ocasións, precede ó nome destas, como ocorre neste caso que comentamos.
Non é raro, na toponimia menor, en diferentes concellos de Galicia. O Agro das Almas (do lat. ANIMA) está en Tallós. Antes de subir ó ceo, as almas purgan os pecados no Purgatorio. Definiuse o seu culto no Concilio de Trento, a mediados do século XVI, promovido sobre todo polas ordes mendicantes e orixinou capelas e petos de ánimas con representacións tremendistas coma a do noso Cruceiro de Bustelo. Era tradición, na noite de Nadal, poñer dous cubertos de máis na mesa para as almas do purgatorio. En Laíño demos con xente que oíra dela. Explícao Eladio Rodríguez no seu dicionario. Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala) dinos que algúns lugares se deixaban “en herdo para atender o lume do Santísimo ou o culto das ánimas”. Temos que supor que se daría parte da colleita deste Agro das Almas pola intención delas. Os hórreos das reitorais foron sempre espazosos e acolledores, sobre todo no tempo do precepto.
Ten a mesma raíz que outeiro. As dúas palabras proceden do adxectivo ALTUS, por vía popular e culta respectivamente. Foron estudadas extensamente por Menéndez Pidal. O Alto do Miradoiro e O Alto da Pena andan por Bustelo do Monte. A voz pena verémola máis adiante. O Alto da Pedra Vixía está cara o nacente da Devesa dos Mouchos, e desde el divísanse as terras altas de San Xoán de Laíño a un lado e a outro o dilatado val do Ulla. O Alto de Ribada está en Imo, de RIPA, ‘ribeira’, pero tamén ‘parte alta’ ou pequena elevación do terreo. O Alto da Veiga era da aldea de Eiró.
Alvite é nome usual durante o período medieval. Na opinión do profesor J. M. Piel, deriva de Alvitus, desde as raíces xermánicas ALL, ‘moi’ e WIT ‘perspicaz’. É topónimo da aldea de Susavila. A respecto dos nomes que irán aparecendo por estas páxinas con esa mesma filiación, cómpre explicar, antes de nada, que o que coñecemos como “toponimia xermánica” son en realidade “denominacións toponímicas medievais románicas, con empréstimos –lexicais ou onomásticos– de orixe ou etimoloxía xermánica” (Dieter Kremer: “Galicia Germánica”). Case todos os nomes de lugar ditos xermánicos, son antropónimos, posesores das terras.
Como iremos vendo, son moitos os topónimos que se orixinaron nun nome de persoa, o propietario das terras. Este que comentamos semella proceder do celta A – MAUROS, ‘non morto’, ‘inmortal’, aínda que tampouco se poden esquecer outras orixes como a xermánica (ADEMARUS, ‘celebre no combate’) ou a latina AMARUS, ‘amargo’. San Amaro é o protagonista dunha das lendas máis fermosas da Galicia medieval, recollida na Cantiga CIII do Rei Sabio e reproducida amplamente na nosa literatura. Conta a historia do monxe Amaro ou Ero que fica enfeitizado escoitando o canto dunha passarinna e cando regresa ó mosteiro do que saíra aquela mesma tarde cae na conta de que transcorreran trescentos anos. O presente eterno, o tempo suspenso. En Tarrío temos A Horta da Amara, sombreada de viñas emparradas, abaixo da Fonte, pero xa poucos lembran o topónimo. Os Amaros son do monte de Tarrío e O Chedeiro dos Amaros do de Imo. Ese primeiro elemento do antropónimo estudarémolo no seu momento. En Teaio teñen O Agro de Amaro; en Castro, A Granxa de Amaro e en Bexo, A Capela de San Amaro (A Armida), que nun tempo foi tamén de San Bieito.
Forman os ameneiros polos innumerables regueiros do concello e polas brañas pequenos bosques de ribeira. Ameneira, abaixo da igrexa de Imo, é ‘lugar de ameneiros’. As raíces do nome, para Eligio Rivas, están no protocéltico AMEN, ‘corrente de auga’, e no indoeuropeo AM, ‘auga’, pero hai moitas dúbidas sobre a súa procedencia. Edelmiro Bascuas faino derivar da mesma raíz AM–, co significado de ‘canal’, polo que sería “árbore dos regos e das canles”. O ameneiro (Alnus glutinosa) é a árbore de Bran, o deus celta que se fai ponte sobre un esteiro para que o pobo se poña a salvo da outra banda. Coas ponlas doces dos ameneiros as nosas xentes facían asubíos, tradición antiquísima que Robert Graves relaciona co mito de Orfeo e cos cultos dionisíacos. A madeira empregouse tradicionalmente para facer zocos e cóntanos Aguirre del Río que da súa codia se sacaba unha tintura amarela. Están no verso de Eusebio Lorenzo os amieiros recobrados no outono cunha variante non usada entre nós e en Follas Novas “brandea o norte as ponlas xentís dos ameneiros”.
A Amoriñeira está na veiga de Dodriño e sería tanto coma ‘a silveira’, abundancial de silva (Rubus fruticosus). As amoras, o froito, que menciona Aguirre, chegáronnos a partir do MORA do latín vulgar. Non é voz que recolla o Nomenclátor nin que se atope nos dicionarios, pero témola aquí, onde viviu Rosalía, que lembra no poema dos adeuses as amoriñas das silveiras que lle daba ó seu amor. O Agro da Moreira é de Bexo e tamén A Moreira, á beira do río Vello, preto da divisoria con Rianxo. Este úlrimo é topónimo de Lestrobe. Eligio Rivas considéraos de orixe oronímica, formados desde MOR, ‘rocha, monte’. Gonzalo Navaza entende que son fitotopónimicos alusivos á moreira (Morus alba) ou ós froitos da silveira. En 1786 o ilustrado Cornide, descansando no Pazo de Lestrobe, recoméndalle ó arcebispo a plantación de moreiras nestas veigas (Abascal Palazón: Los viajes de José Cornide …). No dicionario de Valladares (1884) explícase que a mediados do século XIX se lles impuxo por Real Orde ás catro provincias galegas a obriga de comprar plantóns de moreira seguramente para propagar a cría dos vermes da seda. Coidaban deles nos anos sesenta do século pasado os rapaces da escola de Tallós naquelas caixas grandes de zapatos Gorila, vixiados de preto polo mestre, alimentándoos coas follas de cadansúa moreira que había ós lados da porta de entrada.
Fórmase desde o grego ANGAREIA, e despois do latín ANGARIO, ‘obrigar, requisar para un servizo público’, referido normalmente ó de postas ou correo ou ó transporte militar nas terras orientais do Imperio Romano. Facíase con relevos de cabalos e foi utilizado polos persas antes da chegada dos romanos. Alén dos significados convencionais de ‘quefacer, ocupación, tarefa’, no dicionario de Carré e no de Estravís explícase que a angueira era unha prestación que o vasalo debía facer ó señor por medio do traballo persoal ou coas súas bestas de carga, semellante a moitas outras, características da sociedade do Antigo Réxime. O que parece claro é que procede desta zona, de dúas aldeas da Terra de Iria que se atopan moi próximas, Angueira de Suso (Padrón) e Angueira de Castro (Rois), esta última ó pé do Castro de Beca ou Francos, onde se sitúa o mítico castelo da Raíña Lupa. No mapa de apelidos esténdese polo concello de Padrón e polos máis próximos, desaparecendo case no resto de Galicia. Temos o topónimo As Angueiras no monte de Lestrobe, A Angueira Grande e A Angueira Pequena, de onde procede a familia paterna do poeta Anxo Angueira. A rúa que atravesa a poboación leva o nome do escritor Fortunato Cruces Angueira, periodista, autor de Castañolas e de Cousas Gallegas, que morreu na Arxentina en 1961. Un mestre de Lestrobe do século XIX, Tomás de Angueira levaba os escolares a ver a Rosalía cando a escritora paraba nas Torres de Hermida: “Ordenadamente os acercais al palacio de don Pepito, y en la mesa de piedra del jardín estará una señora enlutada. Os parecerá la Virgen de los Afligidos de este pueblo ” A cita … recóllese no libro Imágenes de poetas (1943) do escritor arxentino Ernesto Morales. Que saibamos, aquí non hai edición impresa nin demos con el nas bibliotecas. Citamos desde a páxina de libros de Google.
Leiras de Bexo, á beira do río, onde abundaron as anguías (lat. ANGUILLA). Non é doado agora velas pero rebulían nun tempo polos regos e esteiros esquecidos de Dodro e polo río grande. Había un ben de Deus delas, mesmo nas gabias dos campíos. Reprodúcense nas profundidades abisais do Mar dos Sargazos a cinco mil kilómetros de Galicia e as larvas son transportadas pola Corrente do Golfo ata as costas europeas nunha viaxe planetaria que dura tres anos. As crías ou angulas entran polas rías e chegan ós nosos ríos onde se fan adultas e desenvolven a súa vida ata que se inicia de novo o ciclo. En Anguieiro (nós pronunciamos Anquieiro) está a Fonte Mineral, da que falaremos ó seu tempo. Na panza dunha xerra piriforme romana atopada no río Ulla, en Catoira, moi preto do lugar que comentamos (Naveiro e Caamaño, 1992), o alfareme trazou unha forma ondulante, serpe (ANGUIS), lamprea ou anguía, a carón da proa dunha nave. Foi peixe prezado polos romanos que o usaban na elaboración do garum. Tamén a empanada de anguía tivo sona entre nós mentres as houbo. Quedounos no pórtico da Pensa Nao amasada con fariña milla e con anguías do rego de Sernanselle.
Que anovar é ‘converter un monte en labradío’ dínnolo case todos os dicionarios. Procede do latín NOVUS, ‘novo’. NOVATUS AGER son as ‘terras anovadas, gañadas ó monte’, terreos incultos labrados por primeira vez, nesa loita secular do campesiño galego por ir ampliando o espazo cultivable que empeza no Neolítico e ten o seu momento álxido na plena Idade Media. Era práctica habitual entre as nosas xentes, de maneira que a palabra foi de uso común. Hoxe estase a producir precisamente o fenómeno contrario, leiras que levaban labrándose centos de anos volven plantarse con especies forestais. Péchase o círculo. Ou ábrese a espiral, e volverán os nosos descendentes a roturalas como terras novas. As Anovadas están na aldea de Bustelo. Da mesma familia léxica serían Os Novais, na veiga de Tallós e en Eiró (onde se di tamén Os Nevais); O Agro de Novais e Os Novais de Fóra, en Bexo; Novaisiño e Os Novais en Traxeito, labradíos á man esquerda do río, todos eles cunha forma de plural normativo que se dá noutros topónimos pero que se perdeu xa na lingua cotiá dos nosos veciños. En Traxeito e Paizal hai Prado Novo; en Lestrobe, Agro Novo, e en Manselle, Agro Novo, A Revolta Nova e A Cortiña Nova.
Arriba de Sar, no alto do monte, están As Antas de Granada. Anta, do latín ANTAE, ‘pilastra ós lados das portas’, preséntase asociado case sempre na toponimia a un enterramento megalítico. Aquí confírmao a lenda dunha Fonte do Encanto, cunha luz acesa polas noites, á que ninguén ousaba subir. Antas e antes, que así o rexistramos tamén para este topónimo, están en Sobreira e Sarmiento. A granada é o froito da milgrandeira (Punica granatum), en latín BALAUSTIUM, de onde tomaron o nome os balaústres, porque co remate do capitel asemellan as varas en flor da planta (Corominas). Nós tan só lembramos un exemplar desa árbore no concello, coas flores vermellas coma farois na Horta do Brañeiro, na Banda, que era para os nosos ollos novos coma un xardín do Edén en miniatura. Contan os veciños, que esta granada das antas terá que ver cunha granada que estourou no lugar durante unha suposta guerra cos mouros (Puente Míguez, 1976). Encanto, do latino CANTARE, ‘cantar’, ten o sentido de ‘feitizo, encantamento’, pero ás veces nomea o ser fabuloso que garda os tesouros ocultos. Ademais de anotar que son construcións do megalitismo, no Gran Diccionario Xerais explícase que as antas (ou antes) son “marcos de pedra de gran tamaño chantados verticalmente na terra”. Coma nos montes das outras aldeas, nas Antas de Granada había pozos artificiais construídos polos veciños para recoller a auga que se usaban nos vrans para regar os milleirais da veiga.
Arca é sinónimo de ‘hucha, caixa’, pero tamén de ‘mámoa’ e designa por veces lugares onde as houbo. É moi posible que a Arca Marmarica xacobea fose unha anta, un túmulo megalítico. Entre Tarrío e Solaíño temos A Arcai e A Veiga da Arcai. Aparece nun foro de 1661, outorgado por Mauro de Mendoza Caamaño e Soutomaior, Marqués de Vilagarcía, a veciños de Reboiras e Imo. De estar a filiación no ARCA latino (de ARCEO, ‘deslindar’) entón tería un sentido próximo a ‘estrema’, ‘linde’. Ferro Couselo (Los petroglifos de término y las insculturas rupestres de Galicia) estudou as pedras de término que xa viñan sendo usadas polos romanos. A miúdo empregáronse arcas, antas e mámoas como marcos de separación (Carneiro Rei, 2000). O Pouso da Arcai estaba no camiño que viña por Solaíño desde a braña e O Portelo da Arcai no camiño da aldea que daba acceso ás fincas. Falaremos de pousos e cancelos.
Tanto area coma areal foron as formas tradicionais para nomear as praias en Galicia antes da chegada do turismo. Todos estes topónimos proceden do latino ARENA, ‘area, anfiteatro’, onde combatían os gladiadores. No interior designan lugares nos que se depositaba area pola erosión dos regatos ou zonas de terra moi solta de constitución areosa. Areas, Trasareas e Arexal son de Traxeito, O Areal é de Paizal e Areas da braña de Lestrobe. Hai unha referencia a este topónimo no Tumbo de Santa María de Iria, do século XV (J. L. Pensado, “Margees y marquadas en El Tumbo de Iria”, en “Notas etimológicas galaico-portuguesas”): “Iten en Areas de Sima duas margees”. Aínda que no traballo citado a palabra marxas se dá como perdida na fala, é voz que se segue a usar polas nosas xentes co sentido de “pequena porción de terreo” ou de “terra que queda comprendida entre dous regos”. Cando se botaba o centeo ou a avea fendíase a terra co arado de pau e facíanse marxas entre os regos, para que non os levara a auga. Dúas marxas, pois, nas Areas de Riba. Areeira está na parte de riba de Imo, Areosa, en Bexo e A Areeiriña e O Rechán da Areeiriña, en Bustelo. O Arieiro, na braña de Dodro, á beira do Ulla, dáballe nome a unha das insuas. Nos anos setenta dragouse area sen medida no leito do río provocando cambios irreversibles na súa fisionomía, coa desaparición de insuas e a alteración de marxes e fondais, así coma na súa fauna e flora. A respecto de Liñas de Aredo, en Bexo, non estamos certos de incluilo neste grupo, pois aredo podería ser tema hidronímico, ben relacionado co radical “ar” (vid. Río), ou coa base “arón”, presente en nomes de ríos e fontes, estudada por Edelmiro Bascuas (2002) e citada por Gonzalo Navaza na Toponimia de Catoira.
“A castaña, no ourizo, quixo rir e arregañou. Caeu do castaño abaixo, mira ti o que gañou”. Arregañar (do latín REGANNIARE, ‘rosmar’) ou regañar é ‘rir, en sentido despectivo, ensinando moito os dentes’ ou mostrándoos de xeito ameazante como fan os cans, e dise das táboas ou dos froitos, coma os ourizos, ó abriren e teren gretas e fendas. Así máis ou menos nolo contan Aguirre e os demais dicionarios. É probable que As Arregañadas, As Arregañadas do Outeiro e As Arregañadiñas de Teaio foran terras dificultosas de traballar ou agretadas e cunha chea de pedra.
Arufe é paraxe da nosa aldea de Bexo. Para Joseph María Piel, a quen seguiremos a miúdo cando se trate de antropónimos de proxenie xermánica, a primeira partícula derivaría do nome godo da aguia, ARA, e a terminación UFE/ULFE procede da voz WULF, ‘lobo’, case exclusiva do territorio da antiga Gallaecia. O propio Piel considera o noso entre eles ó estudar a toponimia xermánica da Península Ibérica. Arufe dálle nome a un lugar do concello de Ames citado con diferentes grafías no Tumbo de Toxosoutos (Adauffe, Aduffo ). Debeu de ser … orixinario da zona de Noia, na que é bastante habitual. A raíz WOLF está presente en apelidos como López (de Lopo, ‘lobo’) ou en palabras coma o volframio das minas de San Fins (Lousame) onde traballaron xentes de Dodro. Foi primeiro nome despectivo porque os mineiros, que agardaban atopar estaño, deron con algo semellante a ferruxe de lobo (WOLF – RAM).
Durante un tempo A Avesada figurou deturpado nalgunhas edicións do Mapa Topográfico Nacional como “As Abadesas” dalgún mosteiro imaxinado tan só por topógrafos insomnes, desleigados. A Avesada, As Avesadas e A Avesada dos Romanos están nas brañas de Laíño, pero hai A Avesada tamén en Dodro e Bexo, e As Avesadiñas en Teaio. Todas son ‘terras versatas’, e deben de escribirse con “V”, porque derivan do VERSU latino, ‘rego aberto polo arado’ e de VERSARE, ‘voltear’. A mesma raíz está nos versos que conforman o poema, pola semellanza cos sucos paralelos que ó labrar van quedando no chan. Así vai o arado e vén tirado pola xugada de bois. Bustrofedon. A partir do século XII, no intre en que florecen os primeiros versos de ouro da nosa lingua e abandonamos o latín, o arado de vesadoiro empeza a substituír lentamente ó dos romanos tirado por varias xugadas, abrindo regos máis fondos, vesando terras novas en todo o occidente europeo. Aínda hoxe se chama arado de veso nalgunhas aldeas da Terra de Iria. Aguirre menciona tanto besar coma besadoiro, indicando para este último que se usa en terras moi pesadas, comentario que tamén podemos ler en Sarmiento. No Gran Diccionario Xerais da Lingua, vesar é “britar a terra co vesadoiro”, “labrar fondo” e vesada “terreo que se vesa por primeira vez, prado ou lameiro que se cultiva”, características que lle acaen ben ás nosas leiras que levan eses nomes.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón