Roteiros Ruta Pensa Nao

Ruta Pensa Nao

Ruta que percorre os espazos literarios de "Pensa Nao", obra de Anxo Angueira, escritor de Manselle, ao tempo que da a coñecer parte do patrimonio arqueolóxico do concello de Dodro.
O relato comeza en 1935, a piques de estalar a Guerra Civil, en Sernanselle, aldea de Dodro Vello, na que emigrantes retornados/as crean unha moderna cooperativa de leite.

Imaxe do mapa da ruta
Inicio Manselle, Laíño
Fin Hórreos de Lavanderia, Imo
Distancia 13,94Km
Tipo Lineal
Duración 4h 16min
Dificultade Media
Imaxe icono mochila

Aldea de Manselle, en "Pensa Nao" toma o nome de Sernanselle.

O Souto de Sernanselle é unha das localizacións principais da novela. Nel acostuman reunirse os seus habitantes e de aí parten os soños de progreso dos protagonistas.

imaxe de o souto, o cruceiro casa de Camoiras
Imaxe icono ubicación

Carballos e castiñeiros debuxan a saída da aldea e o ascenso da ruta

A obra conta a historia de amor de María e Amaro, grazas a eles coñecemos Sernanselle e os seus arredores. Ela traballa na cooperativa, ao tempo que participa na Sociedade Obreira e milita no PCE e el é un mozo retornado de Bos Aires.

imaxe saída da aldea
Imaxe icono camara

Vista do río Ulla desde os Outeiros de Paredes

imaxen vista do río Ulla

Imaxe icono petróglifo

Petróglifo da devesa dos mouchos (Idade do Bronce)

Localízase no lugar de Viachán, na aldea da Devesa. Está formado por círculos concéntricos e con coviñas no centro dos mesmos. Ten semellanzas cun labirinto tipo Mogor (Marín).

imaxe petróglifo da devesa dos mouchos
Imaxe icono ubicación

Cruceiro da Cruz do Avelán

Ten unha grosa columna, cunha fornela labrada na base.Descansa sobre tres chanzos e sostén unha capeliña coroada cunha cruz coa imaxe de Cristo. Fica nunha encrucillada entre varias aldeas, no “camiño sacramental” ás igrexas de San Xoán e de San Xiao de Laíño. Antigamente as comitivas fúnebres de Bustelo, A Devesa e Teaio paraban nel. O lugar máis preto é A Devesa, a 900 m. Cruceiro esmoleiro de capeliña. Data de 1672, é un dos máis antigos de Galicia.

imaxe cruceiro do Avelán
Imaxe icono petróglifo

Petróglifo do Padronelo (Idade do Bronce)

Lousa case circular, duns 1,90 m de diámetro, con 6 coviñas de entre 2 e 3 cm de profundidade. Atópase a 500 m, escasos, do conxunto de Bouzabadín, na parroquia de San Xoán de Laíño, preto da aldea de Imo.

imaxe petróglifo do Padronelo
Imaxe icono castro

Castro de Bexo ou das Murallas (Idade do Ferro)

En "Pensa Nao", Castro das Mouras. Ocupa un primeiro recinto, de forma alongada, duns 120m de longo e 75m de ancho. Este espazo, de máis de 7.000m2, enlaza con dous outeiros graníticos, localizados no NO e SE. O do NO é de maior tamaño, ten forma case circular e uns 25m de diámetro. A elevación SE constitúe un promontorio de non máis de 20m, abrupto e cuberto por derrube. A apariencia dos seus bloques, maiores que os do resto do poboado, e a escasa sedimentación sobre eles fai pensar no seu uso como atalaia medieval. Este promontorio domina o baixo Ulla, sendo visibles as Torres do Oeste (Catoira). No interior do poboado obsérvanse murallas e terrazas desfiguradas polo paso do tempo. Moitas lendas falan do lugar, unha relata o saqueo protagonizado polo mouro Almanzor e indica a existencia dun pasadizo entre o castro e as Torres do Oeste, cunha cadea de ouro ao longo para impedirlles o paso ás hostes sarracenas. Poboado castrexo da Idade de Ferro, sito a carón do monte Carboeiro, na aldea de Bexo, a unha altitude máx. de 272m.

imaxe castro de Bexo
Imaxe icono ubicación

Eira dos Mouros - Castro de Bexo

Pequena “croa” circular duns 1000m2 que puido ser acrópole na Idade do Ferro e logo, na Idade Media, converterse en punto de observación da foz do río Ulla e da ría de Arousa. Conta a lenda que aquí non nacían nin toxos nin xestas debido ao sangue derramado polos mouros no combate co Apóstolo Santiago, do que se gardan as pegadas do seu cabalo nas pedras do lugar.

imaxe eira dos mouros
Imaxe icono ubicación

Miradoiro de Bexo sobre o río Ulla

imaxe miradoiro de Bexo sobre o río Ulla

Imaxe icono petróglifo

Petróglifos de Bouzabandín (Idade do Bronce)

Destaca a "Gran Peneira" cos seus círculos concéntricos e coviñas pero tamén hai escenas cruciformes e zoomórficas. Resulta de especial interese un gravado ecuestre pois nesa época aínda se comezaba a domesticar estes animais. Sorprende o “Gran Tetón”, pedra grande con forma de peito cuns círculos concéntricos. Hai pouco descubríuse a imaxe dun cervo en actitude de salto. Conxunto de varios gravados en seis penedos na aba do Monte Carboeiro, a 200m de Imo.

imaxe petróglifos de Bouzabandín
Imaxe icono ubicación

Pedra de Abanear

Era lugar de xogos para a infancia, que movía a estrutura subíndose enriba e con moito esforzo. Na superficie superior presenta coviñas, posiblemente orixinadas pola auga, unha delas mesmo semella traballada para facilitar a súa caída. Outras pedras do lugar usábanse para agocharse. Situada nas Coviñas, ao SE da aldea de Imo, á beira do Camiño Real que une Padrón e Rianxo, descrito por Sarmiento.

imaxe pedra de Abanear
Imaxe icono horreo

Hórreos da Lavandeira, Imo

Son de diferentes épocas mais xorden no 1754, xunto coa construción da igrexa parroquial de San Xoán de Laíño, debido ao aumento do consumo e plantación de millo. O conxunto compleméntase cunha grande praza e cun lavadoiro. Conxunto de 11 hórreos cos penais orientados cara ao sur para evitar a exposición aos vendavais nos laterais. Varian en número de claros e no tipo de soporte.

imaxe petróglifos de Bouzabandín

Fonte: patrimoniogalego.net | Concello de Dodro
Pensa Nao de Anxo Angueira | Toponimia de Dodro e Laíño. Os nomes da auga de Manuel Lorenzo Baleirón.