Os baños no río Ulla
"Había un certo temor a meterse no río grande o 25 de xullo, porque se dicía que pasaba o Apóstolo arrasteando pesadas cadeas que tiraban sen remedio dos avezados nadadores.1
Fonte:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.125).
Localización:
Río Ulla.
Camiños dos mortos
"Había tamén os chamados camiños sacramentais, “camiños da misa” ou “dos mortos”, polos que se facían as procesións e se levaban os defuntos desde cada unha das aldeas ata a Igrexa, parando nos cruceiros e nas encrucilladas. O camiño sacramental de Pexegueiro discorría pola costa do monte Valouta ata chegar á Fonte Primeiral. O do Rialiño tiraba pola Carreira das Bestas e polo Cruceiro de Don Pedro. O de Susavila baixaba pola Cruz de Susavila, o de Dodriño cruzaba o río San Lufo por unha ponte de pasais e pasaba á beira da Cruz do Agro e o de Lestrobe subía pola Cruz do Pincho e pola breve costa de Cancela Abrea. Pola beira do monte pasaba o de Bexo, por diante do Cruceiro de Sinxeiras. Viña o da igrexa de Imo pola Cruz do Abelán desde as aldeas do monte e pola Poza, algo desviado da estrada actual, por agrestes encostas sen case un relanzo.1
Fonte:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.71).
Localización:
No municipio de Dodro.
Campo da Chisca
" En Teaio, chegara un vello e preguntou a dous mozos polo Campo da Chisca. E díxolles que se houbera dous atrevidos, iría con eles ó Campo da Chisca, que alí había unha peí de touro e moita riqueza, que os galegos non sabíamos o que había en Galicia. Os mozos, vendo que levaba o libro, non se atreveron a ir con el. Logo contáronllo ás mozas como cousa graciosa, pero ós poucos días foron traballar ó Campo da Chisca e, cando estaban alí, levantouse unha cousa do chan, que non se soubo qué era, e que saíu arrastrándose.1 Estaría aquí o famoso tesouro do Campo da Chisca, que segundo di a lenda, aparecería cando pasara un rabaño de ovellas, e unha delas cunha pata tocaría nunha pedra e o atoparía.
Fontes:
- 1 Revista Gallaecia, nº2. Castros en el entorno de Padrón de Puente Míguez J.A e Ruibal del CastilloJ.R, 1976.
- 2 Recollido na páxina web www.obaixoulla.gal
Localización:
Mámoas do Campo da Chisca. Situada no alto da Chisca, preto da estrada que foi antes Camiño Real, na linde dos concellos de Dodro e Rois.
Castro de Bexo
"Unha das laxes graníticas nas que se di que rezaba o Apóstolo chámase A Cama dos Mouros e realizáronse nela rituais de fecundidade. Hai lendas de tradición oral que falan do castro e das mámoas do fondo do val, historias de mouros e doncelas encantadas, de covas e pergameos que sinalan tesouros ocultos e vigas de ouro que se repiten case sen variación por toda a xeografía galega. Contar, contan que é un lugar encantado, e que viñeron frades do Convento de Herbón a romper o maleficio e deixando un fato de saramagos na entrada dunha espenuca viuse sair o demo en forma de raposo.1 Con todas as reservas posibles, queremos aventurar aquí a hipótese de que quizais a expedición de Almanzor que arrasou Iria e Compostela no ano 977 non cruzou o río Ulla en Pontecesures, como sempre se pensou, senón en Catoira, pasando despois polas aldeas de Dodro. As traduccións do texto árabe Al Bayan al Mugrib, a fonte orixinaria, explica que despois de atravesaren o Uyla, “chegaron a planicies moi ben cultivadas e abundantemente abastecidas, entre outras as de Unba, de Qaryita e Deyr Sontebria. Chegaron así á ría de Ilya”. Iria está a un paso de Cesures e nun espazo tan reducido non tería sentido esas tres poboacións...De seren certas as novas que vimos de expoñer, cobrarían entón sentido as lendas que permaneceron vivas durante séculos na memoria das xentes de Bexo sobre as andanzas do muslime Almanzor polos penedais do Castro... 2
"A cova das murallas dos castros de Bexo, onde se escondían os tesouros acumulados durante centenares de anos polos diferentes pobos que pasaron por esas terras e escondidos ante a invasión dos pobos germánicos, foi saqueada no 997 por Almanzor. Así mesmo, foi refuxio de mouros e dos seus tesouros cando os Reis Católicos acabaron co último bastión musulmán en España. Parece que no ano 1014 se localizou a entrada á cova, atopándose un pergamiño escrito en árabe que contiña, supostamente, a ubicación dos tesouros, sendo repartido o referido pergamiño, por desconfianza, entre os que atoparon a entrada. Nun deses fragmentos parece que se facía referencia a "tres túmulos de ouro en barras" nun arca pechada e selada que, ademáis de ouro, contiña pedras preciosas procedentes dos saqueos á Bética. Ante estos rumores, fanse escavacións furtivas na "Fonte do Ouro" e a "Fonte da Mina". Pasan os anos e crece o medo e a superstición ante a crenza de que o propio diaño garda a cova e os seus tesouros, ata que finalmente un dominico consegue romper o maleficio, e ó querer entrar na cova saliu o diaño en forma de raposo ou o raposo en forma de diaño. Outras lendas falan da aparición de doncelas e xanas, de ringleiras de mouras encantadas que peiteaban os seus cabelos de ouro, de tesouros escondidos no castro que mesmo se podían tocar se non se pronunciaba a palabra "¡Xesús!"; entón esvaíanse como unha ilusión. Resulta imposible atopar o tesouro do mouro. Cavabas e cavabas e saían moedas de ouro, e sentíaste rico e cando xa o eras berrabas "!Ai, Dios mío, qué rico son!" e desaparecía todo como o fume. Tamén brotaban fontes de riquísimas augas nas que bailaba o demo. Para a maioría dos veciños o castro estaba habitado polos mouros, dando fe diso a existencia enriba do castro dos topónimos "Eira dos mouros", a "Cama dos mouros", a "Fonte dos mouros", etc. A chamada "Eira dos Mouros" era un círculo de pedras redondeadas cun dobre valado onde as doncelas encantadas saían de maña de cedo a peitea-los cabelos cun peite de ouro, gardando tesouros que ninguén vira. E nun penedo de grandes dimensións hai seis "pías" ás que se atribullen as seguintes funcións: pía do leite, pía da sartén, pía do excusado, etc. Moi cerca do penedo está a cama do Santo, leito granítico sobre o que o Señor Santiago facía penitencia.3 Conta a lenda que aquí non nacían nin toxos nin xestas debido ao sangue derramado polos mouros no combate co Apóstolo Santiago, do que se gardan as pegadas do seu cabalo nas pedras do lugar. Trátase dunha pequena croa circular duns 1000 metros cadrados que puido ser unha acrópole na Idade do Ferro, e logo na Idade Media. 4
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.88).
- 2 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.115).
- 3 Proxecto Arqueolóxico. Limpeza e acondicionamento do Castro de Bexo (GA15033013). Lugar de Bexo, parroquia de S. Xoán de Laíño. Concello de Dodro realizado por Beatriz Pereiras Magariños.
- 4 Recollido na páxina web www.obaixoulla.gal
Localización:
Castro de Bexo.
Castro de Imo
"O núcleo de poboación da aldea de Castro formouse na parte norte de asentamento e ten unha vista privilexiada de todo o val. Do lado de riba da aldea antes estaba O Portelo do Castro. Consérvanse uns outeiros ós que lle chaman Os Outeiros do Castro, nos que está a Croa da Raíña Moura (Llinares, Mar: Mouros, ánimas...) onde estaría sepultada. 1 Hai así mesmo lendas de códices (O Libro de San Cibrán) e de encantamentos (a señora das tesoiras que vende cousas bonitas), e unha vella tradición popular fala dun longuísimo túnel de varios kilómetros, feito polos mouros que chegaría deica os castros de Bexo. En realidade, a mina de Moure foi un manancial de auga.2
"No monte, preto do lugar de Castro, andaba unha vella coas ovellas, e tódolos días aparecíaselle unha tendiña con cousas bonitas, cunha señora moi guapa. A vella detíñase sempre a mira-las couasa, mais un día preguntoulle a señora: -señorita, ¿usté que quere desta tendiña? Contestoullea vella: -ai! Eu quería aquelas tixeiriñas. Axiña desapareceu o encanto, pero aquela noite apareceron as tesoiras cravadas na porta da casa da vella, e xa non se volveu a repetir o encanto.3
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.88).
- 2 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.88).
- 3 Libro A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega de Buenaventura Aparicio Casado (páx .100).
Localización:
Castro de Imo.
Cruceiro de Bustelo
"O pé del enterrábanse os recén nacidos que morrían antes de seren bautizados.1
Fontes:
- 1Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.108).
Localización:
Cruceiro de Bustelo do Monte.
Fonte do Encanto
"Arriba de Sar, no alto do monte, están As Antas de Granada. Anta, do latín ANTAE, “pilastra os lados das portas”, preséntase asociado case sempre na toponimia a un enterramento megalítico. Aquí confirmao a lenda dunha Fonte do Encanto. 1 Porfían os que a viron desde estas vellas aldeas que sinalando o seu emprazamento, na ladeira do monte de Sar, había unha estraña luz acesa todas as noites do ano.2 ... e a Fonte do Encanto, nas Antas de Granada, onde peitea os seus cabelos dourados unha moura. 3
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.28).
- 2 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.176).
- 3 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.134).
Localización:
Antas de Granada (Laíño), arriba de Sar, no alto do monte.
Fonte dos Enfermos
"Na que os veciños poñían unha tona de eucalipto (sería antes de carballo) para recoller as augas mornas, mediciñais.1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.133).
Localización:
En Lestrobe.
Fonte do Mineiral
"Pedro Gómez de Bedoya na Historia universal de las fuentes minerales de España do ano 1765 dedica media ducia de páxinas a comentar as propiedades destas augas “cuyo caudal sale a Oriente a borbollones, fría y muy clara, manando la cantidad de agua, que pude hechar una teja, quando llueve bien”. Di que o sabor é astrinxente e que bañando nela unha moeda de prata ponse denegrida. Afirma que contén nitro e vitriolo, que curou dos herpes ó cura de Laíño e que sandou a un impedido que puido abandonar as muletas. Gregorio de Hermida e Diego Ballesteros del Mazo (donos dos Pazos de Lestrobe e Tarrío respectivamente) saíndo a cazar por estas paraxes, bañaron alí un cabalo con sarna e mandaron tamén que se metera na fonte o criado, que tiña unha úlcera antiga nunha perna. Sandaron os dous. Se os señores se bañaron non se nos conta, que gardaban máis en segredo as súas doenzas que a xente do común. No curioso Tratado de las enfermedades más frecuentes de las gentes del campo (1776), na táboa “De las fuentes marciales o vitriolicas”, figuran tres no Reyno de Galicia, entre elas La fuente de Layno, en Bejo, a cinco leguas de Santiago. Está tamén a nosa fonte no Tratado práctico de la gota (1791) onde se fala das marabillosas propiedades das súas augas para curar a enfermidade e no Manual Geográfico Administrativo de la Monarquía Española de 1844, apartado de “Aguas Minerales”.1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.136).
Localización:
Nas brañas de Bexo, en Anguieiro.
Fonte da Sagrada
"O Sábado Santo acéndese o lume novo, bendícese a auga na pía bautismal e lévana os veciños para as casas. Na igrexa de San Xián de Laíño esa auga collíase na Fonte da Sagrada que está no camiño que vai da igrexa a Manselle.1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.134).
Localización:
En Manselle.
A galiña do Pozo
"No Pozo do Coal había un encanto e polas noites aparecía unha galiña cunha roldada de doce pitos de ouro. É lenda común de fontes, covas, túmulos e castros galegos vencellada coas maxias da noite de San Xoán e cos tesouros soterrados...1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.95).
Localización:
Pozo do Coal (Manselle).
O Homiño da Cruz do Abelán
"Hai moitos anos un homiño da aldea de Teaio, coma un saltimbanqui fuxido dun canzorro románico, conseguiu engruñarse tanto que se meteu por completo dentro da fornela...1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.108).
Localización:
Cruceiro da Cruz do Abelán.
O máxico adival
"Un adival é unha corda longa, de cánabo ou esparto trenzado, usada para atar a carga dos carros. Non ten unha lonxitude precisa, a pesar de que foi usado para medir leiras e a fondura dos pozos. En algures ten 25 brazas; ou sexa, uns 45 metros. Nas adiviñas ponse interesante: “Cando vai para o monte, vai engurrado; cando vén para a casa, vén estirado”. Os adivais serven para certificar que os pozos pegos, moi perigosos, non teñen fondo: “Tiraron doce adivais cunha pedra no cabo e non tocou fondo”. Pero sobre todo forman parte dos rituais de encantamento, xeralmente en fontes, de mozas mouras. Canda moza soe ir a arca onde leva os haberes atada cun adival. A corda transfórmase en serpe que protexe a encantada, a mesma serpe á que o mozo lle ten que dar tres bicos na caluga cando a intente desencantar. Se o consegue, poucas veces pasa, o cobra volve ao seu ser inicial; un inocente adival. E un adival con historia. Co liño cultivado no adro da capela de santo Amaro de Bexo, en Laíño, Dodro, entrenzouse o adival co que ataron os bois que carrexaron o corpo de Santiago até Compostela. 1
"Quere o imaxinario dos de Bexo, que co liño que se cultivou no adro da Capela de San Amaro, se entrenzara o adival para atar os bois que acarrexaron o corpo santo do Apóstolo ata unha Compostela aínda por soñar, alá nos confíns da terra de Amaía. 2
Fontes:
- 1 Recollido na páxina web galiciaencantada.com
- 2 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.78).
Localización:
Cruceiro da Cruz do Abelán.
Ofrenda nos cruceiros
"Castelao...dicía que un cruceiro era unha oración de pedra e contounos que era riguroso costume poñer nos de Dodro espigas de millo e de centeo como ofrendas. Poñíanse ata non hai moito, sobre todo nos cruceiros que tiñan farol, para lle axudar á familia que pagaba a luz. 1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.109).
Localización:
Cruceiros de Dodro.
As pegadas do Apóstolo
"Pedra lunar, deixamos para o final Bouzabadín onde hai catro mil anos, un pastor de Imo garabateou nas laxes do monte Carboeiro cervos, coviñas, radios, concéntricos redondeis para asombro dos futuros ollos...os veciños saben que as cazoletas que se ven nelas son as pegadas que deixaron os cascos do cabalo do Apóstolo cando brincou desde aquí, por enriba do Ulla ata Cordeiro.1
"As crenzas tradicionais sinalan que os gravados eran obra dos “mouros”, mais tamén hai outras que os relacionan coas lendas xacobeas de fonda pegada na comarca. Neste senso, cómpre sinalar os datos recompilados no proxecto de investigación e inventario do patrimonio etnográfico da parroquia de San Xoán de Laíño realizado entre os anos 1992 e 1993 por un amplo equipo técnico da asociación veciñal baixo a coordinación dos arqueólogos Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo. Na ficha do petróglifo de Bouza Badín recollen: “… resulta curioso todo o cúmulo de lendas xacobeas que nacen en contacto cos outeiros de Bouzabadín. Unhas falan de que aquí predicaron Santiago e unha caterva de mouros. As pías representan lugares onde o apóstolo desenvolvía as súas necesidades de comer, durmir e defecar. Hai unha lareira, pías da auga, tixolas, a corte do cabalo… Outra lenda conta: “Un día, Santiago, véndose perseguido, montou no seu cabalo deu un brinco por riba do Ulla e foi dar as laxes de Cordeiro. Os pezuños do cabalo quedaron gravados para sempre na rocha de Bouza Badín. Preto do petróglifo existen tamén: “dous asentos de pedra no que estiveron descansando o apóstolo e unha muller. Outras crenzas tradicionais fálannos dos gravados como “portas ó averno".2
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.49).
- 1 Recollido na páxina web www.obaixoulla.gal
Localización:
Estación rupestre de Bouza Badín.
A porta da Laxe
"A Laxe do Castro, tiña (e terá) unha fenda que arremedaba unha porta. Volvemos toparnos máis outra vez cunha señorita que ás veces vixiaba a entrada. Os veciños da aldea coidábanse ben de non pasar a certas horas polos arredores.1
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.89).
Localización:
O Castro de Lestrobe, está do lado de riba da aldea na lareira do Monte do Castro e hai un Camiño do Castro que leva a el.
Pozo Bastón
"Do Pozo Bastón, no río Te, en Araño, concello de Rianxo (A Coruña) cóntase a seguinte lenda. Un mouro achegouse a un mozo de Araño que estaba facendo o servizo militar en África e preguntoulle de onde era. E como lle dixo que de Araño, o mouro preguntoulle se sabía onde quedaba o Pozo Bastón; o mozo díxolle que si, que o sabía, e entón o mouro faloulle así: —No Pozo Bastón están encantadas tres das miñas fillas. Se me fixeses o favor de ir alí e facer o que eu che diga para desencantalas daríache o que me pedises. Como o rapaz estivo de acordo en facerlle aquel favor, o mouro explicoulle ben o que tiña que facer cando se achegase ao pozo e deulle tres bolos de pan. Mais, insistiu o mouro, non perdas os bolos, non lle contes nada disto a ninguén, e, sobre todo, tes que chegar con eles alí sen que lles falte farangullo ningún. Cando o mozo regresou a Araño antes de ir ao Pozo Bastón pasou pola casa e pousou os bolos enriba da mesa da cociña. Mais a muller, curiosa, quixo ver o que había naquel envolto, destapou e levou á boca un anaco dun deles. O mozo moito lle rifou pero xa non había remedio. Colleu cara o Pozo Bastón e ao chegar, tal e como lle dixera o mouro, botou á auga un dos bolos. De contado víu saír da auga unha moza dunha fermosura nunca antes vista por el. Logo tirou o segundo dos bolos e saíu do pozo outra rapaza tan bonita como a primeira. Faltaba o terceiro dos bolos, o encetado pola muller. Tirouno e víu como pelexaba por saír da auga unha terceira moza, tamén moi fermosa, pero coxa. Moito turrou a moza mais como ela non era quen de saír do pozo por sí soa agarrouse ás súas irmás e... volveron as tres para a auga. E alí estarán aínda, entre os cachóns de auga batida daquela fermosa fervenza que se chama Pozo Bastón. 1
"Neste contexto encadramos tamén as lendas galegas, que falan dunha moura que atrae ós homes peiteando os cabelos (acto de claras connotacións sexuais) diante dunha fonte, para arrastralos dentro das augas. Así, en Asados (Rianxo), contábase a seguinte lenda: No Pozo Bastón durante unha semana iba un mozo e non viña, outro e desaparecía. O último día da semana foi un cura. Ás doce saleu a dama peinando os cabelos loiros cun peine de plata. Desde entón din que hai unha sirena. Era dama de corpo para arriba e sirena para abaixo. Os mozos namorábanse dela e tragábaos a auga. O cura dixo que non o creía e que iba ir el, e se non volvía era verdá. E non volveu. (Llinares, 1990: 70). 2
Fontes:
- 1 Recollido na páxina web galiciaencantada.com
- 2 Os mouros: notas sobre a permanencia do mito no folclore MARCIAL TENREIRO BERMÚDEZ. Anuario Brigantino 2002, nº 25.
Localización:
Pozo Bastón (Río Te).
Río de San Lufo
"Río arriba do lugar onde se facía o rito, o Pai Sarmiento menciona a mediados do século XVIII a Ermida de San Lufo, porén xa non se cita nos Libros de fábrica de Dodro, que empezan no 1790. Actualmente non se conserva a ermida. O río está vinculado a vellas tradicións, consideradas como antigas supersticións. Nas súas augas somerxíanse tres veces os nenos que padecían algún mal, bañábanos coa camisa posta nun meandro do río, á beira do prado do cura, arriba da ponte que da acceso á aldea de Vigo. Deixaban ir a camisa polo río e poñíanlle outra nova. Si a camisa flotaba o neno viviría pero se afundía considerábase mal sinal. Acudía xente de moi lonxe para curar os meniños e despois quedaban as beiras do río cheas de camisiñas brancas. A tradición persistiu até o século XX e foron moitos os nenos que se mergullaron nas súas augas en secretas noites de luar. Frei Martín Sarmiento escribía, na súa viaxe de 1754 o seguinte: A Vigo, e aquí a casa do marqués de Abendaña e a súa data 1643; e antes está o río ou regato de San Lufo, porque río arriba está unha ermida de San Lufo. Hai aquí a superstición de bañar os nenos enfermos neste río. Lévanos con camisa, báñanos tres veces, e despois deixan ir a camisiña polo río e póñenlle outra nova. Se a camisiña flota, din ser sinal de que vivirá o neno, e se se vai ó fondo, que morrerá. 1
A Santa Compaña
"A Compaña, como realmente se denomina a esta, sen o apelativo de “Santa”, e as relacionadas cos meigallos e as meigas; temas sobre os que se pode escribir moito nestes lares. Comezaremos pola Compaña, que sería a procesión das ánimas en pena, da parroquia, que anda, de noite, polos camiños, e que si che ve corres o perigo de que che recruten como portador da cruz e a auga bendita. Nun dos talleres, o de Imo, déronnos unha posible explicación para este fenómeno en Dodro, nela dise que a compaña sería unha invención feita polos contrabandistas para ocultar o estraperlo que facían entre Ribeira e Santiago, nunha ruta que atravesaría o noso concello pasando pola Cruz do Avelán (cruceiro de capela relacionado con visión desta procesión); o engano consistiría en enviar diante do contrabando a dúas persoas vestidas de pantasmas e a outra tocando unha campá para asustar á xente e que ninguén se acercara ó camiño polo que ían. Esta explicación tamén serviría para xustificar a práctica desaparición das visións da Compaña dende a chegada do alumeado público. O certo é que si que había moitas confusións con xente que camiñaba na escuridade coa luz dun farol ou dun fachón (facho feito con palla), sirva de exemplo que cando os veciños de Imo vían unha luz así en Cordeiro (ao outro lado do Ulla) crían que andaban por alí estas ánimas, e cando os de Cordeiro as vían en Imo pensaban que estaba aquí.
"Amais dos farois ou fachóns o reflexo da Lúa na auga tamén podía producir o engano, como seguramente pasaba en Revixós coa fonte do Cebreiro, situada xunto ó nacente río san Lufo, na sempre se vía unha luz ás noites, pero cando a xente ía alí non atopaban nada; a crenza, que aínda hoxe segue infundindo respecto aos veciños da zona, viría dada polo suposto afogamento dunha persoa neste lugar. De afogados é asimesmo o laio, pola tardanza dun home que se ía ir tirar ó río, provinte do río de Manselle na Braña, que se oíu nunha noite de tormenta. Este medo ós seres do máis alá e aos sons raros era aproveitado por algunhas persoas, polo que se xogaba con el, para gastar bromas, a outros, como os que viñan das festas a andar polo monte, ían ó muíño, ou calquera outra persoas que andara de noite, momento no que se facían estas bromas, polos numerosos camiños escuros; algunhas desta bromas merecen a pena ser contadas, como a que fixo crer ós seus acompañantes que algo viña en dirección a eles, ou na que fan crer a un home que un morto, situado na casa da fábrica da igrexa de san Xoán de Laíño, se levantara. Nisto habería que engadir o medo ós ataúdes, que antigamente había que ir buscar a Padrón ou outros sitios, e se traían ó lombo entre varias persoas ou no autobús de liña. Con isto téñense producido numerosas anécdotas, coma a do home que volvía dunha festa e se topou cun ataúde no medio do camiño e dúas persoas, descansando da viaxe con el, nos lados e escapou aterrado do lugar, ou o que se meteu dentro dun que ía no teito do autobús porque chovía, e cando sacou a man para ver se aínda o seguía facendo asustou a todos os ían no teito. Pero tamén se teñen producido outras como a caída dun defunto da caixa na que o levaban. 1
Fontes:
- 1 Recollido na páxina web de Pablo Rial Ares miradoirodarevoltinha.blogspot.com
Localización:
Dodro.
Xan Quinto
"Segundo os investigadores Xosé Comoxo e Xesús Santos, o lendario bandoleiro Xan Quinto era da parroquia rianxeira do Araño. O seu nome real era Antonio Rodríguez Otero.
Foron varios os escritores os que o citaron nas súas obras, situándoo na segunda metade do século XIX. Parecía tratarse dun tipo froito da inventiva popular aproveitado polos intelectuais da época para recrealo nas súas páxinas. Asaltaba a tratantes, recadadores, arrieiros e feirantes.
O texto que segue a continuación foi extraído do perfil de Facebook de Rabunho rexeita:
A súa cuadrilla estaba formada polo seu irmán Ramón, Manuel Romero Agrasar "Navallas" e Xosé Morales Rosende. A veces uníase a eles Barreiro da parte de Urdilde, xunto con outros membros de menor relevancia que entre cómplices e enlaces tiñan o entramado necesario para darlle consistencia á banda e burlar á xustiza. “A Pucha” era a amante preferida de Xan Quinto, sendo a muller de confianza que se encargaba de colocar a mercancía en Noia e de facer chegar os anónimos que el facía para sacarlle os cartos aos ricos.
A morte de Xan Quinto é un misterio pois non se coñece nin a data nin onde aconteceu, uns din que en Portugal, onde recibiría unha coitelada nunha loita, outros din que en Cordeiro onde sete homes o mallaron a fungueirazos e chegou moribundo a súa casa do Araño, e que foi enterrado pola propia cuadrilla tapado por un muro de pedras.
Este enterramento segredo, ao tratarse dun rebelde fora da lei, inimigo dos cregos, asaltador de reitorais e casas de ricos, aínda que despois os repartise cos pobres de solemnidade, non podía quedar rexistrada a súa morte no libro de defuncións. Seu irmán Ramón morreu de vello na súa casa. “O Navallas” despois de saldar a débeda coa xustiza, debido aos grilletes e as bólas de castigo das celas acabaría eivado e morrendo tamén no Araño .
Din os escritores que polas veigas de Santa Baia do Araño oíase unha cantiga de boca en boca:
Famoso bandoleiro
altivo, xusticeiro
o Xan Quinto do Araño
por facer o menor dano
o que aos ricos roubaba
aos pobres o entregaba.
1
"Contaballe o señor Jose Maria do Crego a os dous historiadores, que vindo seu avo de Santiago de cobrar uns bois colleuno a noite por Laiño e na taberna de Imo
recomendaronlle que pasara a noite ali para non ter que meterse nas Escuras de Bexo a aquela hora , pois viran pasar a cuadrilla de Xan Quinto.
.- Pero el decia mentras tomaba un tospido de caña que el habia de pasar esa noite na sua casa e mais con todos os cartos que levaba enrriba, e asi foi e ao chegar ao lugar
veu un bulto e o acercarselle dixolle alto quen vai?, eu son fulano e ti es Antonio Xan Quinto.
.- Non eu son outro Xan Quinto esta mais arriba.
.- Un silbido do asaltador foi respondido por outro en pouco treito, e foi o mesmo Xan Quinto quen acompañou ata a casa ao bo home, e unha vez ali deron boa conta de un par de xerras de viño e unha ducia de chourizos.
2
Hórreo da Minguensa está vinculado á figura de Xan Quinto, famoso bandoleiro do Araño de comezos do século XX.
3
Fontes:
- 1 Libro da Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga de Manuel Lorenzo Baleirón (páx.108).
- 2 obaixoulla.gal rabunhorexeita.wordpress.com
- 3 https://www.obaixoulla.gal/elementos/dodro/horreos/horreo-da-miguensa
Localización:
Hórreo da Minguensa ou do Arco (Castro).