Don Pepito Hermida
Biografía
Don José de la Hermida y Pazos de Borbén nace nos anos trinta do século XIX máis ou menos canda Rosalía de Castro da que era curmán. Foi propietario das Torres de Hermida en Lestrobe sendo coñecido como Don Pepito. Foi republicano e librepensador. Coincide nos seus estudios universitarios en Compostela cos máis radicais e inquedos estudantes da súa xeración, entre eles Aurelio Aguirre.
Tras un paso por Madrid onde tivo por amigos ós poetas, pintores, filósofos e ate os banqueiros mais famosos daqueles tempos, desenganado, decepcionado e arruinado volve para Lestrobe antes da revolución de 1868 e edita en Padrón o xornal El Libertador pese ás penalidades económicas, colaborou en El Motín e Las Dominicales del Libre Pensamiento. Para escribir as súas obras utilizaba ás veces o pseudónimo Veritas.
Castelao no seu testamento político “Sempre en Galiza” fai unha referencia: “fidalgo, dono do pazo de Lestrove e da pobreza máis limpa de todo Padrón”. Non debemos confundir a Don Pepito como o dono do Palacio Arcebispal: mansión católica, apostólica, romana e estival do ¡arcebispo de Santiago!, pois conta a lenda que foi detido na Catedral de Santiago, armado cunha carabina ca intención de matar ó Apóstolo. A súa casa de Lestrobe sempre estivo aberta a quen quixera, e ademais á súa curmán Rosalía de Castro que estivo vivindo unha tempada nas Torres de Hermida onde naceron os seus fillos Ovidio e Gala o 2 de xullo do 1871. Tamén chegou alí o Castelao estudante enviado por Rey Baltar e Don José Arcos, director de “El Barbero Municipal” semanario católico, conservador e maurista de Rianxo que decía do fidalgo: “De ameno y sencillo trato cortés por educación y naturaleza, era don José el prototipo de la delicadeza y de la corrección. Enemigo de hablillas, jamás sus labios se abrieron para murmurar de nadie. Metido en su casona solariega, vivía completamente solo, abstraído de todo lo que a su alrededor pasaba, sin más ambiciones ni deseos que ver a la humanidad libre y dichosa.”
Practicante do nudismo, non tiña problema en pasear pola horta da casa nestas circunstancias aínda que recibira visitas e coa propia Rosalía vivindo na casa. Sería esta unha das causas polas que Rosalía e Murguía marcharon definitivamente para a Matanza en Padrón? Eran sabidas as diferencias políticas entre Don Pepito e Murguía, que o fidalgo fixo ver en varias publicacións. Os veciños facían o querían na súa finca ante a impasibilidade de Don Pepito coñecendo as penalidades e miserias destas xentes para non ter que denuncialos como ladróns. Cando ás veces sorprendía ós nenos roubando froita nas árbores da horta, axudáballes a baixar e como única reprimenda dicíalles que esa non era a educación que lles ensinaran seus pais.
O día 13 de maio de 1913 morre, un día despois de asistir a un mitin en Compostela de Alejandro Lerroux onde como outros moitos Don Pepito tiña posta a súa derradeira esperanza. Alfredo Vicenti director de “El Liberal” diario mais prestixioso da época e ligado a Rosalía de Castro e os Hermida, escribe: “Descanse en paz, bajo la tierra florida que tanto amó, el eminente republicano y librepensador que fue, sobre todo, un noble caballero.” Pouco antes de morrer, Don Pepito vendeu as Torres de Hermida a Don José Vázquez Batalla eminente galeguista e liberal que o 26 de marzo de 1930 albergou ós representantes das forzas republicanas galegas que firmaron o famoso “Pacto de Lestrobe”.
Obras
OPÚSCULOS
- (1887) Expansión político-libre pensadora.
- (1892) ¿Fue el cristianismo el progreso?
- (1892) Cuba.
- (1910) Sobre el universitario abismo.
- (1910) ¡Leed estudiantes!
Luís Aguirre
Biografía
Luís Aguirre del Río, nado en Lestrobe (Dodro) o 3 de febreiro 1842 e finado en Santiago de Compostela o 1 de febreiro 1866, foi un poeta en castelán e compositor galego vinculado directamente ao Rexurdimento. É o único discípulo que tivo Espronceda en Galicia.
A súa etapa escolar desenvolveuse en Rianxo, residencia de seus avós paternos, ata o ano 1853, momento no que se traslada a Santiago para inicialos estudos secundarios. No ano 1860 graduouse como bacharel en artes e matriculouse en Filosofía e en Dereito. Enfermou durante a súa estadía en Madrid e morreu en Santiago no 1866.
Escribiu o Diccionario del dialecto gallego, o primeiro dicionario bilingüe galego-castelán. Suponse que o escribiu mentres estudaba en Compostela e sábese que está datado en 1858. En 1862 foi a Madrid, onde contou coa protección de Nicomedes Pastor Díaz e entregou o orixinal do seu dicionario no xornal El Alba Católica, que nunca chegou a publicalo, aínda que no ao seguinte se anunciase nun xornal galego a intención do prelo do xornal de publicalo por entregas.
O dicionario, que inclúe unhas 8 000 palabras, non foi publicado até o ano 2007, cando foi editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, baixo a preparación da filóloga e profesora Carme Hermida.
Realmente, nunca foi recoñecido nin estudado en Galicia. No ano 2007 publicouse Luís Aguirre. Poesía completa, unha edición crítica de toda a súa obra poética coñecida, da mán de Avelino Abuín de Tembra e Justo Cortizo Sóñora.
Obras
POESÍA
- (1862) Publica o poema "Ámame" no Álbum de la Caridad.
OBRAS DE REFERENCIA
- (1858) Diccionario del dialecto gallego.
Fonte: Galipedia
Fortunato Cruces Angueira
Biografía
Naceu no lugar de Lestrobe, o 6 de xuño de 1870. Fillo de Gregorio Cruces e Rosario Angueira, campesiños acomodados. En 1885, con apenas 15 anos, iniciou a súa aventura migratoria cara á Arxentina.
desempeñou diversos oficios, como empregado de comercio ou pasante nunha escribanía. Coma moitos emigrantes xa cun certo nivel educativo, á vez que traballaba foi completando a súa formación académica ata conseguir o título de procurador (notario) e máis tarde o de avogado. O seu primeiro contacto co mundo xornalístico foi en 1888, nas oficinas do xornal El Municipio. En Rosario foi un dos fundadores e directivo da asociación mutualista integrada por veciños e veciñas da súa comarca “Hijos de Rois”.
En 1890 retornou a Galicia, e en abril aparece como traballador no Xulgado nº 1 de Padrón. A finais de 1892 regresa á Arxentina.
En 1900 aparece como correspondente do primeiro semanario Correo de Galicia, que dirixía Juan González Montenegro, en 1901 saiu o primeiro número da revista Nova Galicia que fundou e dirixiu ata 1940.
>En 1913, con Francisco Álvarez de Nóvoa, editou o xornal La Voz de Galicia de Bos Aires
En 1949, foi nomeado fillo predilecto do seu concello natal e conta cunha rúa na súa aldea. Dende 1958 foi membro honorario do Círculo de Prensa de Bos Aires. Morreu na capital arxentina o 18 de xaneiro de 1961.
Obras
NOVELAS
- (1898) Primeiras follas. Cantares e copras
- (1909) Almanaque de Galicia
- (1913) Castañolas: contos, cartas, descursos, cantares e outras cousas
- (1923) Cousas gallegas
OBRAS INÉDITAS
- Caludiña
- Temas camperos
Fonte: Concello de Dodro
Sixto Aguirre
Biografía
Sixto de Aguirre Garín, nado en Rianxo o 1 de setembro de 1901 e finado en Palas de Rei o 14 de agosto de 1936, foi un médico e político galego.
Residía na aldea de Imo en Dodro. A súa casa familiar era unha mansión grande e suntuosa pero sen excesivos fastos, construída a fins do século XVIII polos seus devanceiros. Era fillo do avogado Alejandro Nicolás Aguirre del Río e María Dolores Garín. Sobriño do poeta Luís Aguirre del Río.
Viviu en Santiago de Compostela e estaba vinculado á Izquierda Republicana. Foi detido en Dodro e paseado con Camilo Díaz Baliño en Palas de Rei; o seu cadáver apareceu á beira da estrada nas proximidades do lugar de Saa.
Fonte: Wikipedia
Avelino Abuín de Tembra
Biografía
Avelino Abuín de Tembra (Dodro, 1931 - Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2009) foi un escritor galego.
Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica. Foi profesor de ensino secundario e Técnico Superior en Relacións Públicas.
Creador dos Xogos Florais de Ensino Medio de Galicia 1963, dos cursos monográficos de Manuel Peleteiro e fundador do Padroado Pedrón de Ouro, despois convertido na Fundación de Interese Galego. Foi, tamén, Secretario Xeral da Fundación Rosalía de Castro e membro da súa Comisión de cultura desde 1965. Así mesmo, foi fundador da revista electrónica Galicia Viva. Colaborou con diversas publicacións xornalísticas e coa Radio Galega, onde presentou durante moitos anos un programa dedicado ás bandas de música galegas.
Obras
POESÍA
- (1961) Camiños
- (1974) Home ao pairo.
- (1981) Roldas de Compostela.
ENSAIO
- (1985) Rosalía, biografía do centenario.
- (1987) Rosalía.
ANTOLOXÍAS
- (1984) En las orillas del Sar de Rosalía
- (1992) Obras completas de Rosalía.
PREMIOS
- (1979) Premio Ciudad de Carballo.
- (1981) Obras completas de Rosalía.
- (1981) Premio Celso Emilio Ferreiro de poesía.
OUTROS
- (1984) Ruta Rosaliana.
Fonte: Wikipedia | Foto: Concello de Dodro
Moncho Reboiras
Biografía
Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras ( Imo, Dodro; 19 de xaneiro de1950 - Ferrol; 12 de agosto de 1975), foi un sindicalista, político nacionalista galego e opositor á ditadura franquista.
Naceu na aldea de Imo, na parroquia de San Xoán de Laíño, no municipio coruñés de Dodro, no seo dunha familia humilde que tivo que emigrar á cidade en busca de mellores condicións de vida. En Vigo, Moncho estudaba Bacharelato e atendía aos clientes no Bar Noia, propiedade da súa familia, ademais dun breve período de traballo na construción cando tiña 15 anos.
Foi un dos fundadores da revista “Des...tornillo”', de propaganda galeguista. Formou tamén parte do grupo cultural O Castro, o cal abordaba (dentro das limitacións daquel tempo) as reivindicacións nacionalistas galegas e o problema nacional galego. En 1969 ingresou na Unión do Povo Galego ( UPG), organización comunista e nacionalista que hoxe en día se atopa integrada no BNG.
Reboiras foi membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG. En 1973 e 1974 era un dos organizadores dos grupos sindicais galegos. Promoveu o boicot ás eleccións para o Sindicato Vertical en 1974, campaña que serviu tamén para o lanzamento do Sindicato Obreiro Galego ( SOG), o cal, coa Unión de Traballadores do Ensino de Galicia ( UTEG) xa constituída, conformarían en pouco tempo a Intersindical Galega, a cal foi un antecesor afastado da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Foi tamén a alma do grupo coruñés que, ao redor do órgano de comunicación social Xerme, desempeñaría un papel fundamental para a creación dun sindicalismo especificamente galego.
Militancia política
- (1972) Ten lugar a "Folga de Setembro" e Reboiras terá nela un papel importante como organizador e participante. Durante esta época, Reboiras dedícase, en nome da UPG, á organización Fronte Cultural Galega. Foi en grande parte o responsable de que esta organización alcanzase a relevancia que tivo naquela época e do papel que desempeñou no panorama cultural de Galicia, xa que or primeira vez, existía unha coordinación efectiva entre a maioría das asociacións culturais de Galicia, con este " Fronte Cultural" como órgano de comunicación social.
- (1973 e 1974) Era un dos organizadores dos grupos sindicais galegos. Promoveu o boicot ás eleccións para o Sindicato Vertical en 1974, campaña que serviu tamén para o lanzamento do Sindicato Obreiro Galego ( SOG), o cal, coa Unión de Traballadores do Ensino de Galicia ( UTEG) xa constituída, conformarían en pouco tempo a Intersindical Galega, a cal foi un antecesor afastado da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). Foi tamén a alma do grupo coruñés que, ao redor do órgano de comunicación social Xerme, desempeñaría un papel fundamental para a creación dun sindicalismo especificamente galego.
Fonte: Wikipedia | Foto: revistalacomuna.com
Manuel Lorenzo Baleirón
Biografía
Manuel Lorenzo Baleirón, nado en Tarrío ( Laíño, Dodro) en 1957, é un escritor e profesor galego.
Mestre de Educación Primaria e licenciado en Filosofía e en Historia da arte. Foi mestre en Educación Secundaria no IES Macías o Namorado de Padrón.
É irmán de Eusebio Lorenzo Baleirón e pai de María Lorenzo Miguéns.
Obras
NARRATIVA
- (2012) Tonas de laranxa, Ed. Xerais. Con María Lorenzo Miguéns.
ENSAIO
- (2011) Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga, Concello de Dodro.
- (2013) Sen agardar a Ulises. Vida de Rosalía, Fundación Rosalía de Castro.
EDICIÓNS
- (1996) Gramática do silencio. Obra poética, de Eusebio Lorenzo Baleirón, Ed.Espiral maior. Con Paulino Vázquez
COLECTIVAS
- (1986) Galego 8, Editorial Vía Láctea.
PREMIOS
- (2012) Gañador do Premio Xerais, xunto a María Lorenzo Miguéns, por Tonas de laranxa.
Fonte: Wikipedia | rosalia.gal
Anxo Angueira
Biografía
Anxo Angueira Viturro, nado en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961, é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega. É o actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, con sede na Casa Museo de Rosalía, desde o 1 de xuño de 2012.
Sempre vinculado ó seu concello natal, pasou dous anos da súa infancia en Asados (Rianxo), e realizou os estudos de bacharelato na vila veciña de Padrón. Foi no instituto onde tivo o primeiro contacto coa literatura galega da man do seu mestre de lingua castelá, Bernardino Graña. Gañou premios de poesía e narrativa cando era bacharel, en certames literarios celebrados no propio centro de ensino.
Despois destes primeiros anos de formación e concienciación, ingresa na Universidade de Santiago de Compostela, onde estuda Filoloxía Hispánica coa especialidade en lingua galega. Na época universitaria compaxinaba os estudos e o traballo, que tiña en Padrón, residindo na vila das Terras de Iria.
Unha vez concluídos os estudos universitarios comeza a impartir clases de lingua e literatura galegas no IES Meixoeiro e na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Reside na cidade olívica; está casado e ten dous fillos.
Publica diferentes ensaios e artigos de investigación literaria. Participa na fundación e na elaboración do manifesto das Redes Escarlata e colabora na publicación da CUT O Xornal e na revista A Trabe de Ouro. Foi coordinador do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que se celebra en Dodro. Durante o ano 2008 participou no espectáculo Rosalía 21, unha revisitación en clave de jazz da poesía de Rosalía de Castro, xunto ao pianista Abe Rábade e a cantante Guadi Galego.
No ano 2012 presenta a súa candidatura á presidencia da Fundación Rosalía, candidatura única e consensual, despois de que se producise a dimisión de Helena Villar Janeiro o 13 de abril, motivada por un desacordo na aprobación dos orzamentos dese ano. Dende xuño de 2012 ostenta o cargo de presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Obras
NARRATIVA
- (1997) Bágoas de facer illas. Xerais.
- (1999) Pensa Nao. Xerais. Incluído na Biblioteca Galega 120 e foi traducida ao inglés.
- (2003) A morte de A. Xerais.
- (2012) Iria. Xerais.
ENSAIO
- (1995) De Rosalía a Dieste. 33 anos das letras, Vigo: Xerais.
- (2003) Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro, AELG-Xunta de Galicia.
- (2009) A espiral no espello: "Bretaña, Esmeraldina" e o sistema literario galego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- (2013) Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento, Frank & Timme, Berlín.
- (2019) Rexurdimento: a palabra e a idea. Galaxia.
POESÍA
- (1989) Val de Ramirás. Sociedade de Cultura Valle-Inclán. Reeditado polo Concello de Ramirás en 2020
- (1996) O valo de Manselle. Xerais. Edición en Apiario, 2020, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín.
- (1997) Libro da Vertixe. Deputación de Lugo.
- (2007) Fóra do sagrado. Xerais.
EDICIÓNS
- (1992) Guía de lectura de Con Pólvora e Magnolias. Edicións do Cumio.
- (1999) Xosé Luís Méndez Ferrín: Poesía enteira de Heriberto Bens, edición crítica.
- (1999) La poésie galicienne de 1936 à 1990, edición e introdución crítica.
- (2003) Rosalía de Castro: antoloxía; limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín; introdución e selección de textos de Anxo Angueira, Xerais.
- (2005) Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar, de Ramón Otero Pedrayo. Edición e limiar, con ilustracións de Reimundo Patiño.
- (2013) Rosalía de Castro: Cantares gallegos. Estudo, edición, notas e comentarios de Anxo Angueira. Xerais.
- (2016) Rosalía de Castro: Follas novas. Estudo, edición, notas e comentarios de Anxo Angueira. Xerais.
PREMIOS
- (1988) Accésit Premio Esquío, polo poemario Val de Ramirás.
- (1992) Gañador do certame poético Ruta do Mar de Arousa e río Ulla con O mar e o río do regreso.
- (1994) Accésit do premio de poesía Camiño de Santiago polo poema O valo de Manselle.
- (1996) Premio Café Dublín, polo libro de relatos Bágoas de facer illas.
- (1997) Premio Xosé María Díaz Castro por Libro da Vertixe.
- (1999) Premio Xerais de novela por Pensa nao.
Fonte: Wikipedia | Foto: corocantabile.es
Eusebio Lorenzo Baleirón
Biografía
Eusebio Lorenzo Baleirón nace o 25 de xaneiro de 1962 en Tarrío (Dodro) no seo dunha familia humilde. Fillo de Nieves e de Angel; cando aínda non cumprira os tres anos, falece o seu pai. Estudou a primaria na escola de Chenlo.
Desde 1976 a 1980 cursa os estudos de bacharelato no instituto de Padrón, e aquí onde podemos situar os inicios poéticos de Eusebio cando descobre verdadeiramente a poesía da man do seu profesor Bernardino Graña; nesta etapa comeza a escribir as súas primeiras narracións e poemas, e gaña varios concursos literarios. En 1980 comeza Filoloxía Galega en Compostela. Alí toma contacto cunha serie de compañeiros que comparten con el un mesmo universo cultural e literario: Paulino Vázquez, David Pérez Iglesias e Manuel Forcadela xunto con Román Raña ou Chema Bouzón … Xuntos van a conformar a Xeración Poética dos oitenta. Como consecuencia destes contactos, vai xurdindo a súa obra poética.
Tamén en Compostela aparecen as súas primeiras publicacións na revista Grial, os estudos e as publicacións científicas versan sobre a poesía de Aquilino Iglesia Alvariño, Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, sobre o portugués Nuno Júdice,… e colaborou na elaboración do Atlas Lingüístico Galego do Instituto da Lingua Galega, entre outros traballos. En 1982 publica na revista Dorna os primeiros poemas. Desde o 1982 ó 1986 queda sempre finalista do premio Esquío, o primeiro ano con Herdanza da néboa.
En 1983 participou no disco en formato LP Rosalía na voz dos poetas xunto a Ramiro Fonte, Avilés de Taramancos…e neste mesmo ano gañou: o concurso nacional “O Facho” na Coruña cun poema dedicado a Cunqueiro. Durante este ano 1983 e ata a súa morte en 1986 participa en recitais de poesía en diferentes cidades e vilas galegas. No ano 1984 vai de bolseiro a Lisboa; alí coñece ó poeta Antonio Ramos Rosa, sobre quen valora a posibilidade de elaborar a súa tese. En setembro deste ano casa con Asunción Sóñora, terán unha filla chamada Flavia. Neste ano 1984 fica de primeiro no premio “Celso Emilio Ferreiro” conOs ollos no camiño e de segundo no “premio de poesía do Concello de Vigo”.
Con 23 anos publica :O corpo e as sombras, Os días olvidados e o libro de estampas en prosa poética, O libro das viaxes e dos soños que foi lida en centros escolares. En 1985 licénciase en Filoloxía Galego- Portuguesa e empeza a traballar en Carballiño de profesor. Aquela estancia fixo que hoxe O Carballiño conte cunha rúa que leva o seu nome En 1986 decláraselle unha doenza incurable aínda asi, gaña a praza de lingua e literatura galega de instituto e incorpórase ó instituto de Boiro como profesor pero non pode exercer a docencia.
Morre en Laíño na madrugada do 14 de decembro de 1986. No 1988 publícase A morte presentida, xa a título póstumo, dous anos despois da súa morte. Este poemario comezouno a escribir na última viaxe á Lisboa. Cando se cumpriron dez anos da súa morte sae Gramática do silencio. Obra poética (Espiral Maior, 1996), un volume no que se recollen, ademais da obra publicada, todos os seus poemas inéditos, con debuxos de Ramos Rosa- a compilación definitiva como poeta. baixo a dirección literaria de Miguel Anxo Fernán Vello e co prólogo de Paulino Vázquez, e preséntase no actual CPI, bautizado co seu nome en 2002. En Antología Poética (Espiral Maior 2000) é unha selección da súa obra en versión bilingüe galego-español.
Desde o ano 1988, o Concello de Dodro vén convocando anualmente un premio de poesía co obxectivo de “honrar á memoria do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón natural deste municipio e prematuramente desaparecido e para contribuír á reafirmación da lírica galega tan importante na historia cultural de Galicia”. Este premio é un dos acontecementos culturais de máis pegada popular dos que se celebran en Galicia.
Obras
POESÍA
- (1985) O corpo e as sombras, Dodro, Edición do autor.
- (1985) Os días olvidados, A Coruña, Algalia Ediciones.
- (1988) A morte presentida, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.
- (1996) Gramática do silencio. Obra poética, A Coruña, Espiral Maior.
NARRATIVA
- (1986) Libro das viaxes e dos soños, Santiago de Compostela, Vía Láctea.
ENSAIO
- (1985) “Tradición e modernidade na obra poetica de Iglesia Alvariño” en Grial, nº 88.
- (1985) “A poesía de Nuno Judice. Notas para unha visión da poesía portuguesa actual” enGrial, nº 90.
- (1986) “Para un estudo estilístico de Herba aquí e acolá. A comparación” en Grial, nº 94.
ANTOLOXÍAS
- RODRIGUEZ, L. (2002) 25 anos de poesía galega 1975-2000, Voz de Galicia, A Coruña.
- MORÁN, C. (1999) Río de son e vento, Vigo, Xerais.
SOBRE EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN
Revistas monográficas en homenaxe a Eusebio:
- AA. VV. (1987) “Na memoria de Eusebio Lorenzo”, en Dorna, nº17.
- AA.VV. (2003) “Número especial en homenaxe á memoria do poeta de Laíño” en O Paspallás.
Artículos:
- SENÍN, M. X. (1998) “Eusebio Lorenzo in memoriam: Dez anos da publicación de A morte presentida” en Leliadoura.
- Pedreira, P. (2001) “Sempre en/con Eusebio”.
- C.B.(2004) “La voz lírica y jovial de Laiño” El Correo Gallego, 7 novembro.
- Abuín de Tembra, A (2007). “Sobre Eusebio Lorenzo Baleirón”. Galicia Hoxe. 16 decembro.
Libros:
- AAVV. (2001) Literatura Galega, século xx, Vigo, A Nosa Terra.
- Enciclopedia Galega Universal (2002), T.11, Vigo, Ir Indo.
Foto: Concello de Dodro
María Lorenzo
Biografía
María Lorenzo Miguéns, nada en Tarrío (Laíño, Dodro) en 1986, é unha escritora galega.
É filla do tamén escritor Manuel Lorenzo Baleirón e sobriña do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón.
Licenciada en Comunicación Audiovisual e graduada en mestra de Educación Primaria, actualmente exerce como mestra.
Obras
NARRATIVA
- (2012) Tonas de laranxa, con Manuel Lorenzo Baleirón. Xerais.
OBRAS COLECTIVAS
- (2002) Certame Contos para a mocidade. Xunta de Galicia.
PREMIOS
- (2002) Accésit no Certame Contos para a mocidade por Cabalos azuis.
- (2007) Accésit no Premio Carlos Casares de microrrelato por O limoeiro.
- (2012) Cogañadora do Premio Xerais xunto ao seu pai Manuel Lorenzo Baleirón, por Tonas de laranxa.
Fonte: Galipedia
Uxío Abuín
Biografía
Uxío Abuín Ares, nado o 14 de maio de 1991 en Lestrobe (Dodro) é un deportista galego, que destaca no tríatlon.
Comezou a práctica deportiva da natación con 10 anos no Club Natación Padrón, pero aos 15, o club desfíxose e decidiu probar no tríatlon animado polo seu adestrador Alberto Álvarez. O ano seguinte foi convocado pola federación galega para representar a Galicia no campionato de España de Tríatlon por comunidades en idade escolar e conseguiu o título de campión de España nun dos seus primeiros tríatlons. A federación española concedeulle unha bolsa para adestrar no Centro de Alto Rendemento de Madrid, onde ademais cursou os estudos secundarios e comezou a carreira de INEF.
Estivo alí como bolseiro durante 6 anos (2007-2013), nos que se formou como triatleta. A mediados do 2013 decidiu deixar a residencia. Comezou entón a súa etapa como deportista profesional. Adéstrase entre Lestrobe, Gran Canaria e Madrid, en función da época e a súa progresión.
Palmarés
Campionato | Categoría | Data | Posición |
---|---|---|---|
Campionato de España de Tríatlon en Idade Escolar | Xuvenil | 2007 | 1º |
Campionato de Europa de Tríatlon Youth por relevos | Xuvenil | 2008 | 3º |
Campionato de España de Tríatlon | Júnior | 2009 | 1º |
Campionato Iberioamericano de Tríatlon | Júnior | 2010 | 2º |
Campionato de España Universitario de Tríatlon | Universitario | 2010 | 1º |
Campionato do Mundo de Dúatlon | Júnior | 2010 | 1º |
Campionato de Europa de Dúatlon | Júnior | 2010 | 2º |
Campionato de España de Dúatlon | Júnior | 2010 | 1º |
Campionato de España de Tríatlon Sprint | Élite | 2012 | 2º |
Campionato de España de Tríatlon Olímpico | Élite | 2012 | 3º |
Copa de Europa de Tríatlon (Holten - Países Baixos) | Élite | 2012 | 3º |
Campionato de España de Tríatlon Olímpico | Sub23 | 2014 | 1º |
Campionato de España de Tríatlon Olímpico | Élite | 2014 | 1º |
Copa de Europa de Tríatlon (Melilla - España) | Élite | 2015 | 3º |
Copa de Europa de Tríatlon (Sochi - Rusia) | Élite | 2015 | 2º |
Copa de Europa de Tríatlon (Constanta Mamaia - Romanía) | Élite | 2015 | 1º |
Copa de Europa de Tríatlon (Madrid - España) | Élite | 2015 | 1º |
Circuíto Europeo de Tríatlon | Élite | 2015 | 1º |
Campionato de España de Tríatlon Olímpico | Élite | 2015 | 3º |
Campionato de España de Dúatlon | Élite | 2016 | 1º |
Campionato de España de Tríatlon Sprint | Élite | 2016 | 2º |
Copa de Europa de Tríatlon (Madrid - España) | Élite | 2016 | 3º |
Copa Africana de Tríatlon (Agadir - Marrocos) | Élite | 2016 | 1º |
Copa do Mundo de Tríatlon (Tongyeong - Corea do Sur) | Élite | 2016 | 1º |
Copa do Mundo de Tríatlon (Miyazaki - Xapón) | Élite | 2016 | 1º |
Fonte: Galipedia | Foto: triathlon.org
Noelia Gómez
Biografía
Noelia Gómez Calvo, nada en Rianxo o 6 de xaneiro de 1995, é unha xornalista e escritora galega.
Cursou o Bacharelato de Artes Escénicas e Musicais no IES Salvador de Madariaga da Coruña, e o grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Fixo un mestrado en Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra. Participou en diversos encontros e festivais poéticos como o Poemagosto ou o Fala o Mar.
Publicou nas revistas Madrygal, Dorna e A Voz de Barbantia.
Obras
POESÍA
- (2018) O xiro. Xerais.
ESCOLMAS
- (2016) 7 Relatos curtos contra a violencia de xénero (USC).
- (2016) No seu despregar (Apiario Editora).
- (2018) Cultura que Une. Ribeira Sacra-Douro.
- (2020) Poesía galega novísima (Editora Urutau)
PREMIOS
- (2015) II Torneo de Poesía Recitada Ferve a Lingua (Rianxo).
- (2016) Finalista do II Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero (USC).
- (2018) V Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
Fonte: Galipedia
Hipólito Castaño Tojo
Biografía
Oleiro, ceramista orixinario de Cordeiro (Valga) fundador do primeiro taller de cerámica de Dodro, en Lestrobe. Nado o 25 de agosto de 1923, fillo de labradores, logo dos estudos primarios comezou a traballar en Cerámica Celta de Pontecesures, industria fundada por Ramón Diéguez Carlés, na que colaboraron artistas como Maside, Castelao, Asorei, Acuña e Victor García. No ano 49 continou o seu labor profesional na cerámica de Ares e xa en 1952 aséntase en Lestrobe, onde crea o seu propio taller.
Alfareiro tradicional tivo que adaptarse ás novas demandas do mercado e alternar co modelado para poder sobrevivir neste sector, herdanza dun gremio de artesanos, amenazada polo progreso e a produción fabril. Hipólito Castaño xubilouse no ano 1988 pero o seu traballo deixou moita pegada na comarca.
Fonte: Concello de Dodro
Lidia Angueira Viturro
Biografía
Veciña de Dodro e pioneira do fútbol feminino na Comarca, onde a comezos dos anos 70 debutou como xogadora do Club Deportivo A Unión de Asados (Rianxo). Máis tarde a súa irmá Amparo, seguiría os seus pasos, a mediados dos anos 80, no Club Santo Cristo de Pazos (Padrón).
Fonte: Concello de Dodro