Natureza Guía para as Brañas de Laíño

Guía para as Brañas de Laíño

Introducción



A intervención do home no medio natural é o maior condicionante da súa transformación, para ben ou para mal, na maioria dos casos, pero nunca como na actualidade xa que os medios mecánicos e tecnolóxicos permiten defrontar tarefas impensables non hai tanto tempo. Este tipo de intervencións que se mantiveron ao longo do tempo crearon hábitats novos ricos en fauna e flora, creando óptimas condicións para que múltiples especies prosperen nestes entornos. Cando se produce o abandono da súa explotación xera un novo cambio, creando un hábitat distinto cuxa futura evolución non se pode saber con certeza pese a que existen algúns indicadores que poden darnos unha idea do seu futuro.

A día de hoxe en Europa non queda territorio por explorar ou explotar, sendo innumerables deles diferentes ao que serían sen a interacción home. Algúns deles son emblemáticos dende o punto de vista da paisaxe, fauna e flora, como por exemplo a Camarga francesa, os Alpes ou Donaña entre outros.

O noso exemplo particular, sen sair do concello, sería o conxunto de veigas de Lestrove e brañas dos Laíños. Onde analizando a paisaxe, o primeiro que se observa é o gran cambio que se produciu dende aquelas descripcións que Rosalía de Castro lles adicou nos seus poemas. En Lestrove so quedan veigas abandonadas ou plantacións de millo, e en Laíño apenas temos campías. Tras producirse a trasformación deste hábitat, co paso de un de gran diversidade de fauna e flora cara un de menor. ainda sigue sendo indispensable para a supervivencia de algúnhas especies determinadas.

Este proceso ten varios momentos de incuestionable evidencia, como son: a nova canle do Sar, a extracción de area do Ulla e o abandono da actividade gandeira. O novo cauce do Sar fixo que a aportación de auga ás veigas se reducira drasticamente, así coma os espazos con augas libres. Situación reforzada enormemente pola construcción da nova Canle, que evidentemente tivo consecuencias sociais positivas.

En canto a extracción de area do Ulla fixo que o leito do río mudara de xeito que a propia dinámica das augas do río e das mareas tendan a encher o espazo ocupado previamente pola area. Isto, xunto con otros factores, ten como resultado unha perda do volume de especies piscícolas, deixando de ser rendible a súa expolotación.

O cambio máis salientable foi o abandono da actividade gandeira. Isto produciu que ao deixar de sacar herba para o gando e, polo tanto a perda da rede de regueiros e esteiros que permitían o fluxo da auga da choiva cara ó río e a das mareas cara á terra, ten como consecuencia a non retirada de materia orgánica, impedindo os fluxos de auga e conquerindo que se reforze a colmatación destas terras. Do mesmo xeito fan que permanezan as especies máis adaptadas ás novas condicións, mermando a súa diversidade. Tampouco é indiferente o deslinde marítimo terrestre feito por Costas, xa que os vecinos deixan de ser propietarios desligándose das súas responsabilidades, quedando estas agora en mans da administración.

A hipotética recuperación das Brañas tal e como foron, non me parece que se vaia producir posto que a cantidade de recursos económicos que precisarían adicar terían que ser dun volume considerable e ademais sostibles no tempo. Así, como até agora, as administracións van deixar que sigan o curso da súa evolución, realizando intervencións sen un fin concreto, sen unha metodoloxía adecuada e, en casos, cunha irrresponsabilidade notoria. A presencia de alguna especie protexida sérvelles de excusa para facer ou non facer a mesma cousa, é dicir, sérvelle tanto para un rompido coma para un descosido, limitándose no mellor dos casos á propaganda e a quedar ben sen facer nada. Outra ameaza no horizonte é a influencia que a subida do nivel do mar terá nestas terras, consecuencia do cambio climático, pero iso xa é o futuro e como tal, non está escrito, pero si confirmado.

Carlos Rey

As Brañas de Laíño
As Brañas de Laíño

Hai un cadro de Corot, o pintor francés do XIX, no que Orfeo regresa dos infernos con Eurídice, coa lira na man, fuxindo das sombras da morte a través dun bosque asulagado poboado de ameneiros. Eu imaxino a escena nas nosas Brañas de Laíño, na Carrasqueira do Covo ou na Estibada. O nome de Orfeo procede do grego “na beira do río”, “onde medra o ameneiro”, e está relacionado tamén con Bran, o deus celta que se fai ponte no poema de Cunqueiro para que o pobo pase. De ameneiro facíanse os zocos pero tamén os pilotes das pontes pois que non apodrece, e Venecia mesma descansa sobre postes de ameneiro fincados nas augas estancadas da lagoa. Colabora Concellaría.

cadro de Corot Orfeo conduciendo a Eurídice fuera del infierno
Cadro de Corot "Orfeo conduciendo a Eurídice fuera del infierno"

Hai uns días, organizado pola asociación Verdegaia e polo Concello de Dodro, realizouse un roteiro polas Brañas de Laíño e Manolo Bouzón fíxonos nun pispás un asubío de ameneiro. Non tocou, pero como se tocase. Eu, buscando nos libros e na rede de redes, encontrei que é tradición de Sardeña e dos Pireneos facer frautas de ameneiro e que posiblemente estea relacionada co canto de Bran ou co de Orfeo cando se lamenta pola perda da amada. Cousas veredes…

Agora a braña é a selva selvaggia de Dante, inzada de ameneiros e salgueiros. Cegáronse as pontellas e os esteiros nos que nos bañabamos de rapaces, medraron os canavais e as espadanas, e chegan os toutizos até a beira do río, onde antes se apañaba herba para o gando. Xa non se apaña. Xa non cantan os eixos dos carros no Lavego. Dentro de nada haberá que ver as vacas nos parques zoolóxicos e nas postais. Foron famosos os bois cebóns de Laíño. Fala deles Rof Carballo na Geografía General del Reino de Galicia.

A braña foi durante anos a despensa dos probes. Até as aldeas subíase a herba en cestos de aro feitos de carballo ou de salgueiro e descansábase nos pousos. Os de Cordeiro viñan en barcas buscala, pero había para todos. No verán recollíase a herba seca. En tempos as Avesadas eran terreos de labor, onde labraba o arado de veso. No mapa topográfico durante moitos anos apareceron como As Abadesas e eu sempre me preguntei a que mosteiro pertencerían. Tal vez habería que recluir nel os topógrafos da época.

Daquela o mundo era pequeno e cabía na palma da man, pero as brañas eran sobre todo un territorio máxico, envolto en farrapos de néboas e soños, onde se agachaban bichocas fabulosas e aves que podían ser do paraíso, pozas sen fondo nas que se afundían os carros coas vacas e non se voltaba saber delas. Nas grandes cheas subían os tabuóns dos serradoiros río arriba e unha vez coas marés de agosto ficara varado na Lavanqueira un cetáceo enorme coma a balea de Xonás.

Hai constancia de que a braña era xa espazo comunal no XVIII. Por aquí pasou o padre Sarmiento e despois de ir enumerando unha a unha as nosas aldeas fala tamén das Brañas de Laíño. Están no dicionario de Madoz que un século máis tarde refírese a elas como “as famosas brañas de Laíño”. Ese debe ser o nome que lle deamos. A administración fala delas con diferentes eufemismos inventados para a ocasión (complexo Deza-Ulla, baixo Ulla, Ulla- Umia…e outras parvadas semellantes).

De todos é coñecido o poema de Rosalía “Como chove miudiño, como miudiño chove, como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove…” (Alguén preguntoume unha vez se as bandas eran de música!). Rosalía escribiuno desde as Torres de Hermida, seguramente o lugar onde máis querida se senteu. Eu fun alí este ano cos rapaces do instituto e recitárono no mesmo sitio onde o concebeu a escritora. Rosalía coñecía ben as nosas brañas porque aquí pasou boa parte da súa vida. Foi a derradeira paisaxe que veu cando regresou en tren desde Carril para morrer na Matanza soñando con ver o mar. Tamén tiña unha criada de Bexo, Rosa Fernández, que era ama de cría de Ovidio e de Gala, e viviu unha vida tráxica que merecería ser novelada, pero esa é outra historia. Entre os papeis inéditos de Rosalía, recollidos por Naya Pérez, aparece a copla “elas de Laíño son, collen o xunco na braña, vano vender a Padrón” Despois recóllea tamén o pai de Antonio Machado e aparece incluída nos “Cantos populares españoles” de Francisco R. Marín a finais do XIX. En Padrón había tecedores de liño, de lá e de xunco. O xunco usábase para facer corozas, capas e polainas. Coméntao Antonio Fraguas nun traballo sobre o Catastro de Ensenada, de mediados do seculo XVIII, na terra de Padrón.


As Brañas de Laíño
As Brañas de Laíño

Miña avoa Amancia contábanos outra copla cando nas noites de verán escoitabamos cantar as rás desde a nosa horta de Tarrío: “Polas brañas de Laíño vintecinco xastres van, con agullas e tesoiras para capar unha ran”. Nunca lla escoitei a ninguén máis. Hoxe tampouco se escoitan as rans. Na edición que se publicou en 1963 con motivo do centenario dos Cantares de Rosalía, Bouza Brey recolle outra moi popular: “De Laíño deben ser, onde elas lavan a cara calquera pode beber”

Perdéronse como diciamos aqueles e outros usos da braña, ao que axudou moito o expolio da lei de Costas: unha insensatez, un sinsentido. Quizais, se somos mariñeiros, teñamos que pedir todos o carnet de mariscadores. Nun Guía para as Brañas de Laíño - 3 litoral arrasado pola especulación urbanística, denunciada estes días por Greenpeace, a lei de costas aplícase en Dodro, 15 km terra adentro. A min a historia recórdame a do barco de Fitzcarraldo no medio da selva. Se non fose dramático sería para botarse a rir. No ano 1992 entregáronse os títulos da concentración parcelaria. A lei de costas é anterior pero aplicouse despois. Debeuse ter previsto semellante dislate. O que nos deron cunha man quitáronnolo coa outra. Hai xente que só ten propiedades na braña, propiedades entregadas polo estado a cambio de outras, pero a administración é cega coma o ollo do cu e ademais acéfala. En realidade o problema non é que non teña cabeza, é que non ten alma. Eso sí, funciona lentamente, pero cando se pon en marcha pode pasar por enriba de nós coma unha apisonadora (a lei de costas, o “ave” - césar os que van morrer saúdante, a vía rápida, o gas …). “Luz e progreso en todas partes… pero as dúbidas nos corazóns” (Rosalía). Todo pasa e nada queda. Visto que non imos volver acomerar as vacas nas brañas, o estado debe reparar o agravio pagando polas leiras un prezo xusto.

O proxecto que pretenden facer, supoño que para lavar a conciencia (se a houbese), non exclúe o anterior. Consta de dúas actuacións, unha na braña de Lestrove e outra na de Bexo. Non vou entrar nelas. Coido que debe someterse á consideración de expertos (outros “expertos” diferentes dos que trazaron a estrada e o “ave” por Manselle) e sobre todo deben discutilo todas as partes implicadas: concello, veciños, ecoloxistas, cazadores/pescadores, administración, técnicos… Verdegaia pide simplemente que se valore o impacto ambiental. Que menos! Hai que agradecer a Santi Moroño e a Sabela Abalo, membros da asociación, que se lembrasen de nós e nos volvesen poñer nos mapas coma cando se estaba cartografiando África.

A braña é neste momento un espazo único, o espazo brañego máis grande de Galicia e alberga unha riqueza ambiental de primeira magnitude. Nela aniña unha subespecie da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subs. lusitanica). É un endemismo da Península Ibérica. Hai once parellas este ano das sesenta que fican no planeta. Sobran os comentarios. Contóunolo Emilio Martínez Sabarís do grupo Anduriña que leva seis ou sete anos vindo anelar aves. Unha tarde do mes de xuño levounos á braña de Dodro e cando un macho de escribenta, un dos últimos da súa especie, 4 - Verdegaia cantou para nós do alto das canibelas o seu canto misterioso e libre, penso que tivemos a sensación de participar nun acto máxico, como quen contempla o derradeiro dos neanderthais. Quizais nós mesmos, máis alá da pura existencia individual, tan só teñamos sentido como especie. Máis nada.


As Brañas de Laíño
As Brañas de Laíño
As Brañas de Laíño

A uns pasos de onde estabamos medraban dous exemplares de Thalictrum speciosissimum, xa sen flores. Eu sácaralle fotos había un mes e levábaa visto nalgunhas ocasións outros anos. Emilio informounos de que en toda a provincia da Coruña só se vira dúas veces unha variedade de xunco, o “Schoenoplectus pungens”, ameazado de extinción a nivel mundial (hai contados menos de dous millóns de unidades) pódese atopar tamén na braña, como se poden ver a herba salgueira, a ulmaria, os lirios, a lisimaquia, o frundio, diferentes tipos de mentas, varias orquídeas… Algunhas delas enumerounas maxistralmente Anxo Angueira cando comezamos a camiñada alá nas terras de Bexo, no lugar case exacto onde tamén remata a súa novela Pensa Nao e Amaro boga buscando a liberdade nunha nave que é tamén símbolo da esperanza dun país.

Aves como a folosa acuática (Acrocephalus paludicola) ou o picanzo vermello (Lanius collurio), tamén ameazadas, pódense ver aquí; como se poden ver a garza, o charneco, a aguia peixeira, o gabián, o vichelocrego, o cardeal, o martiño peixeiro (picapeixe)…

de opinións e miradas, e deu para moitas máis historias que non poden ter cabida nestas breves liñas: as fontes minerais de Bexo, os pozos sen fondo do esteiro, a lenda do río de San Lufo, o Pazo de Bendaña, o pasado, o presente e o futuro dos que vivimos aquí, mirando o devalar do río… quedan para outra.

Calquera delas sería suficiente para reclamar a atención sobre estas Brañas de Laíño deixadas da man de Deus, aquí, á beira do pai Ulla que busca xa canso a morte no Mar da Arousa, nesta beira do mundo onde aínda soñan as verdes formigas. Manuel Lorenzo Baleirón

Fauna

Imaxe da escribenta das canaveiras Escribenta das canaveiras Imaxe da folosa acuática Folosa acuática Imaxe da Fulepa Fulepa das xunqueiras Imaxe do picapeixe Picapeixe Imaxe dun charneco Charneco Imaxe do Lavanco Lavanco
Imaxe dunha garza cinceta Garza cincenta Imaxe dun Gabián Gabián Imaxe da aguia peixeira Aguia peixeira Imaxe dun vichelocrego Vichelocrego Imaxe dunha lontra Lontra imaxe dunha rezadeira de auga Rezadeira de auga

Flora

Roteiro polas Brañas e o concello de Dodro

mapa do roteiro  Imaxe dun mapa

Agradecementos e Referencias

Manuel Lorenzo Baleirón. Profesor de ciencias sociais do Instituto de Padrón e veciño de Dodro. Apaixonado coñecedor deste espazo desde a súa infancia e o noso guía no roteiro tanto en asuntos naturalistas como na historia e tradicións da braña. Autor das fotografías de prantas (agás Myrica gale)
Emilio Martínez Sabarís. Ornitólogo do Grupo de Anelamento Anduriña, que nos achegou unha chea de datos, acompañándonos pola braña para a preparación dos roteiros con enorme entusiasmo e un extraordinario coñecemento da natureza do lugar
Agustín Alcalde. Ornitólogo da Sociedade Galega de Historia Natural, que nos axudou a encamiñar esta acción achegando os primeiros datos e informacións.
Vitoria Rei Mariño. Concelleira de Dodro, quen nos facilitou o contacto coas persoas axeitadas e foi unha excelente anfitrioa
Grupo de anelamento Anduriña. Informe sobre a avifauna dos canaverais do esteiro do río Ulla, Rede Natura 2000, e propostas para mellorar a súa protección, 2004.
Consellería do Ambiente da Xunta de Galiza. Páxina de Internet http://medioambiente.xunta.es/espazosNaturais.
www.asturnatura.com. Páxina na internet. cunha extensa base de datos debiodiversidade do noroeste peninsular
Galipedia e Wikipedia. Enciclopedia colaborativa na internet.
www.insectariumvirtual.com e www.herbariumvirtual.com Bases de datos colaborativas de biodiversidade ibérica na Internet
Alcaraván. Bitácora de aves do Val Minhor. http://avesdominhor.blogspot.com/2007/08/folosaacuticanoval. html.
Martrolas.Bitácora persoal http://martrolas.blogspot.com/ para a foto da capa.
Instituto Xeográfico Nacional Ministerio de Fomento. Mapas Topográficos Nacionais de España. Folla MTN50 120 (0408) Padrón 1:50.000, e folla 120III (716) Catoira 1:25.000
GoogleEarth e GoogleMaps Sistemas de información xeográfica na Internet.
Xosé Ramón García Pequena flora de Galicia. Ed. Follas Novas, 1979
Roger Phillips. Flores silvestres. Ed. Blume, 1986.