Castro de Bexo
Lugar: monte Carboeiro, na parroquia de San Xoán de Laíño.
Denominación: castro de Bexo.
Historia:
castro de forma alongada con dúas coroas ao oeste, e outra ao leste, delimitadas por sendas murallas e terrazas intermedias. Intensificáronse tres murallas defensivas e as bases do asentamento.
Trátase dun poboado castrexo da Idade do Ferro e de época romana, sito xunto ao Monte Carboeiro, na aldea de Bexo, a unha altitude máxima de 272 metros. É un dos poboados máis grandes da zona, ocupando máis de 7.000 m2, enlazando con dous outeiros graníticos, localizados no noroeste e sueste. O do noroeste é de maior tamaño, con forma case circular e uns 25 metros de diámetro. A elevación sueste constitúe un promontorio de non máis de 20 metros, abrupto e cuberto por derrube. A aparencia dos seus bloques, maiores que os do resto do poboado, e a escasa sedimentación sobre eles, fai pensar no seu uso como atalaia medieval. Este promontorio domina o Baixo Ulla, sendo visibles a Torres de Oeste. No interior do poboado obsérvanse murallas e terrazas desfiguradas polo paso do tempo.
Case non quedan á vista restos pétreos polo espolio de pedra que se fixo nel para construír casas en Bexo, Teaio, Burés e Vacariza; quedando, aínda hoxe en día, restos no castro do traballo das pedras polos canteiros.
Conservación:
o 4 de xullo do 2017 o Concello de Dodro abriulle un expediente de reposición da legalidade urbanística á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Cruz do Avelán que, en colaboración coa Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño e a Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro, puxeron en valor o Castro de Bexo, limpando a súa croa de todos os eucaliptos, especies invasoras e toxo que o cubría.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: concello de Dodro
Castro de Imo
Lugar: Imo e Castro, na parroquia de San Xoán de Laíño.
Denominación: castro de Imo.
Historia:
castro, entre as aldeas de Imo e Castro, que moi probablemente é a orixe do topónimo desta segunda. Apréciase algunha estrutura defensiva na súa parte sur. Na croa ten un círculo de pedras coñecido como "A Coroa da Raíña Moura". Ten unhas dimensións de 100 metros de norte a sur, e 80 metros de leste a oeste.
Conservación:
gravemente alterado, case destruído, atravesado de norte a sur por unha estrada asfaltada, construída polo Concello de Dodro sen a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. Ben cultural incluído na Lista Vermella de Patrimonio Galego.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: patrimoniogalego.net
Castro de Lestrobe
Lugar: Lestrobe, na parroquia de Santa María de Dodro.
Denominación: castro de Lestrobe.
Historia:
aséntase na ladeira do Monte San Gregorio orientada ao val do río Ulla. Está a unha altitude de 88 metros, e a uns 200 metros ao noroeste do lugar de Lestrobe.
Obsérvase abundante material cerámico castrexo, manual e sen decoración, así como un fragmento da roda dun muíño. Polo norte, a parte máis accesible, vense restos dos foxos e contrafoxos. Polo tipo de cerámica e o muíño circular, pódese datar inicialmente nos séculos II-I a.C.
As súas medidas na croa son duns 70 metros de diámetro, e engadindo a lonxitude dos foxos, podería acadar un total do recinto duns 120 metros.
Conservación:
o denominado Camiño do Castro atravésao polo norte. Presenta repoboación forestal de eucaliptos.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: concello de Dodro
Castro de San Xián
Lugar: Revixós, na parroquia de Santa María de Dodro.
Denominación: castro de San Xián.
Historia:
asentamento fortificado que non posúe estruturas visibles, agás na parte sur e oeste, onde se pode ver a estrutura de peche. En prospeccións realizadas, localizáronse fragmentos de cerámica castrexa. O seu estado actual fai que as súas dimensións sexan indeterminadas, mais cun mínimo de 80 metros de diámetro.
Conservación:
atópase gravemente alterado e ten un depósito de auga sobre a súa superficie.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: patrimoniogalego.net
Castro de Traxeito
Lugar: monte Meismadela, na parroquia de San Xián de Laíño.
Denominación: castro de Traxeito.
Historia:
castro de forma alongada, cun lixeiro estrangulamento na coroa, na que se observan dúas elevación de norte a sur. A croa circular está rodeada por unha serie de terrazas, das que se conservan catro. Presenta afloramentos no centro e parapeto formado por grandes pedras, aínda visibles. Posible foxo cara ao norte, hoxe desaparecido, mais conservando algún muro de pedra. Os foxos foron cegados.
En prospeccións realizadas, localizouse cerámica castrexa e tégula galaico-romana nas fincas da contorna. A coroa ten unhas dimensión de 74 metros de norte a sur, e 59 metros de leste a oeste.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: patrimoniogalego.net