Muíño de Fidel
Lugar: Lestrobe.
Denominación: Muíño de Fidel / muíño de Chuco.
Historia: muíño de cubo con tellado a dúas augas, aínda que unha delas de escasamente 1 metro. Dunha altura aproximada de 6 metros até o cume, consta de dúas alturas diferenciadas, posiblemente con dous andares, coas paredes de cantería. Ten unha soa pedra de moer, nun espazo interior duns 30 metros cadrados. En tempos, tiña un piso superior de madeira para almacenar diferentes materiais para a moenda. A auga corre por unha canle de cantaría arriba dun muro de cachotaría de 30 metros de longo, que alcanza os 5 metros de alto na parte que une co muíño. O cubo ten unha altura duns 5 metros e está formado por unha ducia de pedras de forma cilíndrica, cun burato no medio polos que cae a auga até o rodicio. É o único muíño que queda na aldea de Lestrobe dos catro que chegou a contar. Anteriormente a ser de Chuco, servíanse del dous primos de Fidel de Lestrobe, Os Lapido.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: Xoán Xosé Vicente
Muíño Novo
Lugar: Rialiño.
Denominación: muíño Novo.
Historia:
muíño de planta cadrada a partir de muros de cachotaría, agás os marcos de portas e xanelas que son de cantaría, coa parte máis alta próxima ao curso do río, lucida con morteiro de cemento. Cuberta a dúas augas con rematado de tella curva sobre armazón de madeira.
Fonte: obaixoulla.gal | Imaxe: concello de Dodro