A Banda de Música de Padrón
1948-21/02/1949 ~ director: don Higino Cambeses Carrera
Nado no ano 1900 en Antas (A Lama) nunha familia humilde, posuía unha grande intelixencia e un carácter sensible e inestable, pero dotado dun talento innato para a música; aprendeu a executar e a compoñer de maneira autodidacta. Tocaba a maioría dos instrumentos da banda, aínda que destacaría especialmente polo dominio do bombardino.
En Antas funda en 1926 a Banda Celta e comeza a súa lenda como compositor, pois a maioría das pezas que toca a banda son súas. Unha en especial será moi famosa: “Ard’o eixo carballeira”.
Dedícase á política. En marzo de 1931 publica o artigo “¡La aldea despierta!” e preséntase ás eleccións municipais como radicalsocialista. Isto parece que ocasionou que a Banda de Música que dirixía non fose vista con bos ollos nos sectores dereitistas.
No mesmo ano 1931 ocúpase da dirección da Banda Agrupación Musical de Ordes, que acababa de crearse e, posteriormente, dá clases no Conservatorio de Viveiro e dirixe tamén a súa banda municipal. Nesta localidade sorpréndeo o alzamento de 1936. Detivérono por participar nunha comisión de axuda aos presos11. Higinio Cambeses mudou para Cuntis entre 1943 e 1948 e logo a Padrón, onde dirixiu a súa banda municipal e compuxo o seu derradeiro traballo: “Noches del Santo Cristo”.
A experiencia traumática de pasar polo cárcere acrecentou o empeoramento da súa saúde mental, causándolle depresións e desequilibrios. En Padrón agudizouse a súa enfermidade ata sufrir manía persecutoria. Un breve no ABC publicado en 22 de febreiro de 1949 relataba o acontecido en Cuntis:
“En Cuntis intentó poner fin a su vida el director de la Banda de Música de Padrón, D. Higinio Cambeses Carrera, que sufría manía persecutoria. Para llevar a cabo su propósito se dio un corte en el cuello y otro en un brazo y, al ver que no era bastante, se arrojó por una ventana de su domicilio, resultando en la caída tan sólo con la fractura del pie izquierdo. Trasladado al Hospital Provincial, fueron intervenidas sus lesiones y momentos más tarde el herido se arrolló una sábana al cuello y se ahorcó. El suicida era un excelente compositor de música, habiendo dirigido varías bandas en Galicia”.
Higinio Cambeses escribiu máis de duascentas composicións musicais12. Incorporou á Banda de Música de Padrón, por vez primeira, unha sección de gaitas formada por catro gaiteiros.
Actuacións da Banda de Música de Padrón nos xornais da época, 1948
La Noche, 5 de abril de 1948: “Con motivo de las fiestas de Conjo, actuación de Bandas de Cornetas y Tambores del Regimiento de Infantería de Zaragoza número 12 y la Banda de Música de Padrón”.
- 11Louro Justo, María Erundina. O Centro Documental de la Memoria Histórica de Salamanca custodia un suplicatorio de indulto para Hixinio, condenado polo Tribunal da Coruña en sentenza do 23 de decembro de 1941 a pagar duascentas cincuenta pesetas por “destacado izquierdista, desempeñando cargos locais e facendo propaganda”. O indulto chegou en 1960, corenta anos despois da morte de Cambeses, cando a el xa non lle servía de nada. http://pontevedraviva.com/opinion/1686/hixinio-carrera-cambeses-sanchoquixote/? lang=es
- 12Ferreiro Boquete, Juan José. Historias de Ordes (e comarca). Blogspot. 24/01/2017