Os sons do pobo Lestrobe Introdución

Introdución

O lugar de Lestrobe, no Concello de Dodro, é terra de músicos. A mediados do século XIX nacen varias agrupacións musicais: a Banda de Música dos Silleiro, a Banda de Música de Anxeliño Balado e a Banda de Música do Carrandán. O porqué desta tradición musical nun lugar concreto e nun municipio rural como era o de Dodro, onde a maior parte da súa veciñanza vivía dunha economía agrícola de autoconsumo, cunha forte emigración a América, pode ter varias explicacións: os que non emprenderon o camiño da diáspora foron barbeiros ou músicos; outra das razóns que o poden explicar é unha especial sensibilidade dos lestrobeños polos acordes musicais e o mantemento dunha tradición familiar transmitida de pais a fillos, de xeito que era frecuente que nunha mesma unidade familiar existisen varios músicos.

Ese interese permitiríalles, aparte de desfrutar da súa afección, disporen duns recursos económicos extra cos que colaborar ao sustento persoal e das súas familias.

A proximidade e a vinculación dos lestrobeños coa vila padronesa permitiu tamén o desenvolvemento musical. Padrón e Iria Flavia celebraban ao longo do ano numerosos actos oficiais civís e festas de índole relixiosa e a demanda de músicos para amenizalos contribuíu ao nacemento de pequenas agrupacións musicais denominadas bandas ou comparsas.