As bandas de música de Lestrobe
A Banda de Música do Silleiro, 1857-1947
Jesús Fernández Citoula funda en 1857 unha agrupación musical no lugar de Lestrobe (Dodro) para amenizar os actos festivos que se celebraban nos arredores. A Jesús sucedeuno á fronte da agrupación o seu fillo Ramón Fernández Vigo, que tocaba o bombardino e marchou de polisón nun barco para Cuba. Ao ser descuberto, dixo que era músico e facilitáronlle un trombón co que amenizou a pasaxe. Xa na illa, formou parte da banda militar. Aforrados uns pesos, regresa a Lestrobe1 e ocúpase da dirección da agrupación que fundara seu pai. A Ramón sucedeuno na dirección o seu fillo, Juan Fernández Cela, que tamén tocaba o bombardino.
A Banda de Música de don Ángel Balado “Anxeliño Balado”, 1890?-1920?
Escribía Borobó que Carmen Romero Mariño lle dixera que seu pai era labrador e músico, tocaba o baixo e que ía polas aldeas formando parte da Banda de Anxeliño Balado, natural de Dodro, quen foi director moitos anos dunha banda de música nas primeiras décadas do século e autor da partitura da alborada “Vaite Noite” para banda, que lla oíra tocar á gaita ao seu creador (Clemente Eiras); de aí que se conserve como se compuxo. Anxeliño dedicoulle o orixinal ao capelán e sochantre da ex-colexiata de Iria Flavia don José Sánchez Vázquez, natural de Rianxo (1877), que posuía unha excelente voz e tiña cualidades para ser un excelente cantor de ópera, coñecido como “reiseñor de Iria” e finado en 1939.
Descoñezo cando se fundou a Banda de Música de Anxeliño Balado, pero en 1896 xa existía como tal agrupación. Os programas de man que editara El Eco de Santiago para os entroidos de 1908 e 1915 permítennos identificar algún dos compoñentes da agrupación musical, entre os que se atopaban Campios Torres, Manuel Torres, José Vigo Torres e José B. Romero, Domingo Solar e Francisco Rey Domínguez, Ramón Rodríguez e A. Tarela.
Actuacións da Banda de Anxeliño Balado nos xornais da época
En data de 16 de xuño de 1896, o xornal “El Eco de Santiago” informaba que, con motivo da festividade do Sagrado Corazón de Xesús, pola tarde celebrouse unha procesión que pechaba a Banda de Música de Lestrobe, que con acerto dirixía o señor don Ángel Balado e na que se apreciaban grandes adiantos na interpretación.
O 22 de maio de 1897, “El Eco de Santiago” informaba que a Banda de Música de Padrón, con motivo da celebración do San Mauro na Vila de Negreira, amenizaría os festexos nos que tocaría escollidas pezas do seu repertorio e ás cinco da tarde, no campo da capela, a citada banda, xunto coas gaitas do país, amenizarían o baile.
O 5 da agosto de 1897 contratouse unha Banda de Música de Padrón para amenizar os festexos da Vila de Carril: “una bien afinada banda que de Padrón ha sido contratada, durante los días de las fiestas para contribuir a su mejor éxito, dejó oír las más escogidas piezas de su repertorio, no sólo en los paseos, sino también en las iluminaciones, regatas y dianas”.
A Banda de Música do Carrandán, ?-1955
José Vigo Rodríguez (Carrandán “O vello”) a finais do século XIX constitúe unha agrupación musical no lugar de Lestrobe, que se denominará a Banda de Carrandán. Esta banda vai acadar máis sona cá dos Silleiro. O local de ensaio da agrupación era a casa do señor Juan Carrandán “O vello”, no medio da aldea do lugar de Lestrobe. Actuará nas numerosas festas que se celebran na contorna: na Pascua de Padrón, en Santiago de Compostela, en Ortoño, en Bugallido e no San Brais.
A José sucedeuno á fronte da agrupación o seu fillo Juan Vigo Garabal (Carrandán), quen en 1955 integrouse na Banda Municipal de Padrón, que dirixía don Tomás Beteta Yarza, pasando a ocupar o posto de subdirector.
A integración das bandas de música de Lestrobe na Banda Municipal de Padrón, 1947-1955
O alcalde de Padrón, don Ramón Pazos Giménez2, tiña especial interese en que Padrón dispuxera dunha gran Banda de Música; para elo iniciou contactos con Juan Fernández Cela, director da Banda do Silleiro, de Lestrobe (Dodro), e con José Vigo, director da Banda do Carrandán, na procura da integración destas bandas na Banda Municipal de Padrón.
A Banda do Silleiro, que dirixía don Juan Fernández, aceptou o ofrecemento e intregrouse en 1947. A Banda do Carrandán declinou a integración por motivos diversos. A partires deste momento a Banda do Carrandán pasou a denominarse Banda de Música Rosalía de Castro.
No ano 1955 xurdiron desavenencias entre don Tomás Beteta e don Juan Fernández (Silleiro); o detonante foi que don Juan Fernández marchou tocar cun grupo de músicos a Bastavales, cando ese día a Municipal de Padrón tiña concerto na Vila. Don Tomás recriminoullo e Silleiro abandonou ou cesárono na agrupación.
Unha vez que deixa de pertencer á Municipal de Padrón, nos vindeiros meses e tras numerosos contactos, límanse as diferenzas con Juan Vigo “Carrandán”, que dirixía a Banda Rosalía de Castro, coa finalidade de integrala na Banda Municipal; ao final chégase a acordo e a partires de entón pasaría a ser subdirector da Banda Municipal de Padrón baixo a dirección de don Tomás Beteta Yarza.
- 1Iglesias Alvarellos, E. Bandas de Música de Galicia, pp 136-138
- 2Alcalde de Padrón desde o 5 de agosto de 1940 ata o 1 de outubro de 1973. Nomeado Fillo Predilecto o 8 de xullo de 1950.