Os sons do pobo Introdución

Introdución

Nas Terras de Iria, de tan fonda pegada cultural, a música ocupou un lugar destacado como manifestación creativa, estética e emotiva dos silencios, melodías e ritmos instrumentais acompasados.

A tradición musical ten unha longa traxectoria, que respondería aunha ampla demanda das clases populares e da burguesía comercial,focalizada na vila de Padrón e na eclesiástica e fabril Iria Flavia, á que temos que engadirlle a Administración Local, que non podía ser allea pola cantidade de actos oficiais e lúdicos que se celebraban ao longo de cada ano.

Non é estraño, pois, que xurdan ao longo do século XIX un amplo elenco de músicos, os denominados precursores, como o guitarrista Daniel Paz; Adolfo Cardama, creador de varias muiñeiras; o gaiteiro compositor Clemente Eiras; Joaquín Forján Ojeros e os seus irmáns Manuel e Benito, que compuxeron música popular galega; Fernando Forján, creador do himno do Flavia; Manuel Sandiás Rioboo, mestredo harmonio e creador de partituras, cantatas relixiosas e populares; o cantor de Iria, don José Sánchez; o médico padronés Manuel Carballido, letrista; Juan Vigo, compositor da música das murgas, de fonda tradición na vila; e Fortunato Cruces, creador de letras para composicións musicadas. Todos estes precursores servirán de facho guía tanto na súa época coma ás xeracións vindeiras.

A finais do século XIX, nas vilas importantes de Galicia, e Padrón non podía ser menos, proliferan as artes musicais e aparecen as primeiras Bandas de Música de afeccionados, que, co tempo, fusionaríanse e crearían agrupacións musicais de maior número, que interpretarían un amplo repertorio musical.

Estas Bandas de Música coñeceríanse polo nome do seu fundador: no caso de Padrón, a Banda de Víctor González, a Banda dos Forxáns, e no lugar de Lestrobe, Concello de Dodro, as Bandas de Anxeliño Balado, Carrandán ou Silleiro. Co tempo, á Banda de Padrón engaderiaselle o de Municipal pola relación co Concello, ao participar nos actos oficiais que se celebraban: Banda Municipal Rosalía de Castro e Banda Municipal de Padrón, cunha relación contratual que se materializaba na sinatura dun convenio ou no abono de facturas por actuación.

Os músicos das diferentes agrupacións eran persoas do pobo, con inquietudes musicais que alternaban as ocupacións laborais coa afección pola música. Músicos dos diferentes lugares das Terras de Iria: de Dodro, Padrón, Rois, Cesures e Valga, en épocas máis recentes estendeuse o radio de acción a Catoira e Rianxo.

O obxectivo deste estudo é mergullar no pasado para sacar á luz as orixes e a traxectoria das Bandas de Música de Lestrobe e Padrón, reivindicando un espírito cultural tan arraigado e dotado dunha sensibilidade única, especial en tódolos aspectos: histórico, cultural, literario e, por suposto, musical das súas xentes, que co seu labor fixeron posible a pervivencia e o gusto pola música das bandas.

Padrón, xaneiro de 2018

Eloy Rodríguez Carbia