Canto de Reis. San Martiño de Ermedelo
As festas sempre conmemoran ou lembran algo e, dentro dos festexos relixiosos, o tempo do Nadal recorda os episodios da historia do nacemento do neno Xesús ‘rei dos Xudeus’. Este é un acontecemento destacado dentro da celebracións que se engloban no ciclo natural do ano. As familias xúntanse en torno a unha mesa, acompañados dos pratos típicos propios da estación natalicia, rodeados da diversión e troula (música e baile) dunha celebración que leva implícita a unión familiar, por unha banda, e a rotura coa monotonía do cotián pola outra.
Alén das relacións familiares, estas festas reforzan os lazos dunha comunidade que sucumbe a unha cita anual de transmisión interxeracional dos nosos costumes, mantendo viva a identidade do pobo.
O ciclo do ano vai acorde coas diferentes estacións da terra, o que se reflicte nas actividades levadas a cabo na mesma. Neste contexto, as festas adquiren seu significado guiadas polo calendario agrario e froito dunha combinación na que o cristianismo soubo adaptar este ciclo baixo as celebracións litúrxicas. Así por exemplo, no solsticio de inverno -a noite máis longa- sitúase o nacemento de Xesucristo.
Centrándonos no tempo da Natividade, desenvólvense varias celebracións (Noiteboa, Fin de Ano, Aninovo e Reis) nunha mestura de costumes pagáns e cristiáns que dan comezo o 24 de decembro por Noiteboa, e rematan en Reises. Este último día é, por excelencia, a gran noite dos cativos da casa, pois reciben os agasallos dos Reis Magos, trebellos e xoguetes que enchen de ledicia os fogares. A comercialización actual da tradición nada ten que ver co que se respiraba nos tempos dos nosos avós, onde o máis destacado era saír a cantar a panxola de porta en porta nun costume esquecido que só lembran os maiores do lugar.
Sabemos, polo xeral, que os cantos de Reis responden a un mesmo patrón en todo o país, tradicións que veñen sendo unha versión ao galego do que acontece en toda a península onde se coñecen como ‘pastoradas’ e que se acollen á mesma temática que reflicten os evanxeos apócrifos chegados ao pobo dende a Idade Media e Moderna. Centrándose no Evanxeo segundo San Mateo, estes cantos recollen, en tempos do rei Herodes, a viaxe da Sagrada familia e parte do nacemento do neno Deus en Belén de Xudea, a adoración dos Reis Magos e mesmo a fuxida a Exipto.
O proceso de actuación e execución dos cantos, segundo nos informaron os panxoleiros de San Martiño de Ermedelo, era o seguinte: ao chegar á porta dunha casa o primeiro era pedir licenza ou atención e, respectando a vontade dos amos da casa, cantábase ou non. Unha vez concedida, interpretábanse os Cantos de Reis en dous grupos nos que cada bando executaba cadanseu pé, o que permitía aliviar e facer máis cómoda a representación dos versos. Nesta parroquia saían cantar en bandos de tres ou máis homes, pois polo xeral era un rol reservado aos varóns. As voces ían acompañadas do son da gaita de fol que reproducía a melodía dos cantores.
A finalización dos cantos viña dada pola petición do aguinaldo que adoitaba darlles peche. Sabemos que, en orixe, os cantos que tiñan lugar nas datas de Reis foron independentes e anteriores aos de temática propiamente bíblica, conformando un xénero propio que logo de ser cristianizado incorporaría a temática das escrituras sagradas. O cometido sempre tivo un nó común: xuntar cartos e comida para logo facer unha festa.
Logo de cantar os Reis pola parroquia, no concello de Rois era costume acudir á misa de cedo do día 6 de xaneiro para entoar ao alzar da misa o canto. A ocasión era unha das poucas nas que á gaita se lle permitía o acceso ao templo, a modo de excepción, xa que dende a Idade Moderna o seu uso era restrinxido e mesmo chegara a acadar a prohibición total.
O Canto de Reis que escollemos foi recollido, no ano 1995, aos veciños de Ermedelo por Martín Agrasar Vázquez e Carlos Díaz Teixeiro. Na gravación participaron os cantadores da parroquia. Todos eles representaron dunha maneira fidedigna o que foron as nosas tradicións de Nadal.
Do Canto de Reis escollido documentamos dúas variantes: a máis antiga correspóndese cun ritmo e melodías descansados fronte a unha versión máis recente no tempo, que vén marcada por unha maior viveza e rapidez, característica intrínseca que vai en consonancia co gusto social do momento. Os portadores desta dualidade, e segundo relatan os transmisores, son as persoas chegadas de fóra da parroquia cunhas composicións novidosas e atraentes para os nativos do lugar.
O tema escollido vai pola honra e en homenaxe dos mozos que hai anos ían casa por casa interpretando estas composicións esquecidas no tempo.