Xoldra. Asociación tradicional folclórica


Alá polo ano 1994, e froito da ilusión duns mozos e mozas, comeza un novo proxecto a coller forma. Atrás quedaba o paso por diferentes agrupacións que deixa un gran pouso e bagaxe intensos ás costas. Nace así Xoldra, como eles mesmos definen:

“Foi a pescuda do noso propio espazo, experimentar por nós mesmos as ganas de facer folclore, ter a liberdade que non se dá nun grupo xa constituído e coa idea clara de romper un pouco coas directrices impostas naquel momento; un concepto distinto a pór en valor por nós mesmos. Con vinte e pico de anos buscabamos o noso propio aliciente. A idea inicial que prima é a busca da satisfacción de facer as cousas ao noso gusto, gozar da nosa música sen agobios e sen imposicións, onde o ritmo está marcado por nós, coa clara intención de pasalo e facelo pasar ben”.

Xoldra vén significar festa, o ideal dun ambiente festeiro divertido e sen complexos. Esta expresión está moi arraigada no concello de Rois e representa á perfección o sentir do folclore e, máis polo miúdo, a música:

“É tomar o folclore coma unha festa, afastarse un pouco desa idea de folclore ‘escaparate’, concibido para unha exhibición. Buscamos un contacto próximo e directo coa xente para poder transmitirlle a nosa esencia”.

En orixe o grupo estaba conformado por sección de pandeireteiras, corpo de baile e gaiteiros. O nexo de unión entre eles estaba sostido pola amizade que os precedía, mesmo moitos estaban interrelacionados (primos, irmáns, sobriños, mozos/as...) constituíndo un ‘clan familiar’. Co paso do tempo foi minguando o númeo de efectivos, debido ao propio ciclo da vida (casamentos...), ata quedar reducido nun estupendo cuarteto formado por dúas gaitas (Miguel e Camilo de Seira -artista e escultor de Rois-), bombo (Chus) e tamboril (Xosé).

Imaxe de Camilo A. Rodríguez Vilar (Gaita); Jesús Manuel Mosquera ‘Chus’ (Bombo); Xosé García López (Tamboril) e Miguel Carou Espasandín (Gaita)
Camilo A. Rodríguez Vilar (Gaita); Jesús Manuel Mosquera ‘Chus’ (Bombo); Xosé García López (Tamboril) e Miguel Carou Espasandín (Gaita)
Pasacorredoiras A Barreira

Camilo A. Rodríguez Vidal, Seira, comeza de neno a súa aprendizaxe na escola ‘Rosalía de Castro’ de Padrón mais logo da excisión desta continúa cinco anos máis na banda do Pedrón. Alí coincide cos seus compañeiros Jesús Manuel Mosquera (‘Chus’), quen comeza a súa andaina musical no Pedrón con dezaoito anos e desde onde se suma á iniciativa de Xoldra participando coma bailarín e bombista. De máis lonxe vén Xosé García López, tamborileiro oriúndo de Catoira, e de quen os seus inicios se remontan a Vilagarcía e posteriormente ao Pedrón. A música levouno a Seira onde, alá polo mes de San Xoán de 1990, coñece aos que hoxe son seus compañeiros de fatiga. Finalmente, Miguel Carou Espasandín, (Seira), toma contacto coa música da man do mestre ‘Xaneiro’ (pai e fillo formárono musicalmente) mais, con 15 anos, o grupo desfaise obrigando a cambiar de aires aos rapaces, feito que dá con Miguel no ‘Rosalía de Castro’ de Padrón.

A proximidade coa casa de Camilo fai que os mozos se xunten para compartir afección -tocar a gaita- o que os vai levando á idea de artellar a súa propia formación. Neste contexto de amizade, Miguel séntese moi influenciado pola filosofía do seu mentor ‘O Xaneiro’: “tocar para facer festa”; máis que un pensamento, unha maneira de vivir que se acabaría instaurando en Xoldra.

O cuarteto non ten un líder coma tal, todo se conxuga entre os catro membros a partes iguais, clave no éxito que os leva aos seus máis de 20 anos en activo. En todos este tempo a esencia do grupo non mudou e seguen a ser os mesmos compoñentes, catro amigos que se visten de curto co traxe tradicional:

“En canto ao traxe, pódese prescindir del pero é parte intrínseca da nosa representación coma gaiteiros, un orgullo levalo posto que ás veces funciona coma reclamo”.

A música tradicional para os membros de Xoldra goza de prestixo, mais tamén de aspectos negativos:

“Cada vez saen rapaces con máis talento e preparados pero o que mudou moito é o trato cara ao gaiteiro, mal pago no económico ao igual que á figura, moi devalada. En toda festa que se prece queren gaiteiros pero a custos irrisorios; non é unha cuestión de crises se non de valorarse e ás veces de autoestima persoal”.

Verbo disto, na súa liña non está buscar actuacións e cando reciben ofertas matan a inquedanza de saír tocar, decidindo democraticamente se ir ou non. Certo é que logo dunha dilatada traxectoria hai actuacións pactadas dun ano para outro e nos momentos en que lles apetece tocar xúntanse e recorren aos locais de sempre, como ‘O Pemento’ de Seira, onde se fai farra a rodar. Nunca os integrantes do grupo pensaron na música coma profesión senón coma afección digna, onde os cartos que percibes por actuar non xustifican o traballo e horas que se dedican. Moitos dos ingresos son reinvestidos (instrumentos, arranxos...) e o tocar deixa de contemplarse como un complemento económico para se converter nunha satisfacción persoal. A música coma bálsamo fronte á tensión da rutina e do traballo diario que cómpre compaxinar coa responsabilidade familiar.

En canto ao repertorio é tan amplo coma variado e de diversa procedencia: pezas dos ‘Xaneiros’, da banda de gaitas formada polo mestre Bartolo, temas populares... Un grande abano ao cal lle aplican seu gusto persoal, eses matices que as fan propias e diferentes baixo a tonalidade en Do, quizais porque esta foi a que oíron dende meniños nas primeiras clases, aínda que se lles faga un pouco ‘dura’ á hora de cantar.

Os integrantes de Xoldra, como cuarteto, nunca se viron na necesidade de afrontar un cambio no seu estilo, incorporar outros instrumentos ou variar a filosofía da que beberon, a dos vellos gaiteiros do país.