Pandereteiras de Rois. A Serna
Todo comeza alá polo curso escolar 1986/87 nun festival de Nadal no colexio público de Dices – Rois no que tres cativas de non máis de 12 anos interpretan unhas panxoliñas. As voces das raparigas cativan a dona Cristina, a mestra de lingua galega por aquel entón no centro educativo, de tal xeito que lles propón aprender a tocar a pandeireta e a cantar nos recreos.
A profesora era pandeireteira de Cantigas e Agarimos, de Compostela, o que xustifica seu interese e predisposición a ensinar a música tradicional. Alén disto, a mestra coñecía ben a tradición da pandeireta no concello de Rois, pois xa se interesara no seu momento polas chamadas ‘Pandeireteiras de Buxán’.
A mestra Cristina García Cancela, nada en Enfesta-Compostela, é peza clave para poder entender o excepcional proceso que acontece nos Dices de Rois. Recén licenciada chega a Rois cargada de proxectos e ambición onde coincide cun grupo de profesorado novo que, ao igual ca ela, comparte as mesmas inquietudes, entre a que destaca o espertar da cultura galega (a defensa e respecto pola linguaxe, tradicións, música...). Baixo a dirección educativa de Xosé Manuel Penas Patiño no centro, comeza a desenvolver múltiples actividades de carácter cultural, cun especial ideal de recuperación, como o feito de revivir o Entroido en Rois (1985). Nas actividades desenvolvidas participa a xente de a pé, veciños e veciñas de Rois sen distinción de idade mestúranse e alentan ritos profanos a piques de esfumarse, como a celebración do ‘Lumepán’ co que incentivan e implican a mocidade da comarca. Ao mesmo tempo, o carácter divulgativo destas e doutras moitas actividades procura a comprensión das tradicións e con elas o selo protector para que non se esquezan no tempo.
As Pandeireteiras de Rois conforman unha das máis importantes achegas altruístas postas en marcha por dona Cristina, acadando gran calado e implicación por parte das rapazas integrantes do conxunto.
Da man da mestra de galego fórmanse musicalmente ao mesmo tempo que recuperan e rescatan pezas e xeitos de tocar da zona. Moitas das raparigas son netas de grandes pandeireteiras do concello, o que as converte en testemuñas de excepción no labor de recollida á par de aprender a estimar, por telo na casa, o amor dunha mestra pola tradición. A implicación das rapazas e as súas familias resulta moi loable, interesante e como non, entrañable.
“A capacidade e ambición destas rapazas fixo que en pouco tempo se converteran nun referente. O progreso era palpable día a día debido á dedicación propia delas, unha forza de vontade máxica que nunca vira antes e que deu en desenvolver un gran potencial. A frase máis repetida polos compañeiros da clase era: - Non paran de tocar a pandeireta nunca, téñennos aburridos de escoitar sempre o mesmo!”.
No centro educativo dos Dices déronse moitos parámetros favorables para tal éxito. O clima ideal que se respiraba, arroupado polos compañeiros que comparten iniciativas na defensa da cultura, xunto cunha xuventude e enerxía que non coñecían límites nin horarios, alén dos regulados por Educación, xeraron un compromiso e predisposición total; finalmente, a implicación das familias resultou decisiva.
Estes anos coinciden co rexurdir da música galega, impulsada entre outros por grupos como Milladoiro que marcan un antes e un despois, pois eles serán quen de subir por primeira vez a un escenario un grupo de pandeireteiras, neste caso as de Cantigas e Agarimos, entre as que figuraba Cristina García. O acontecemento contribuíu a elevar a figura da pandeireteira no mundo escénico recoñecéndolle o merecido lugar do que devecía no noso folclore. Con eles comeza unha nova era abríndose unha porta á creación e fusión experimentando un sen fin de cambios no mundo da pandeireta que axiña han dar froitos.
Logo de tres anos no Dices, Dona Cristina -como aínda a chaman as súas ex alumnas de Rois- é destinada á Picota-Mazaricos, deixando atrás un traballo consolidado e cheo de ilusión que culmina co premio no concurso La Salle, recollido nunha entrevista realizada pola RTVG no centro educativo un 3 de xuño de 1987 xunto ás súas tímidas alumnas ás que lles custa falar ante o micro, pero non cantar coas pandeiretas. Deste xeito péchase un ciclo que non queda no esquecemento, pois a día de hoxe -case trinta anos despois- dona Cristina mantén unha cita anual con moitos dos alumnos e alumnas do Dices de Rois co gallo de recordar aqueles momentos inesquecibles.
O éxito inicial contribuíu a que en pouco tempo o grupo fora en aumento, pois das tres cativas no inicio o número incrementou ata nove: Mercedes, Cristina, Alicia, Guadalupe, Ana Mª., Uxía, Pilar, Lucía e Margarita.
Unha vez constituído o grupo, e logo de moitos ensaios, chegaron os primeiros concursos aos que se presentaron as mociñas de Rois. Uxía aínda recorda con cariño e moito garbo a primeira actuación que as levou a acadar o 1º premio recibido no concurso celebrado no colexio Hnos. La Salle organizado por Cantigas e Agarimos en 1987:
“Nós interpretamos jota e muiñeira da ribeira, a que demos en chamar ‘Ribeirana’. Non había moito que empezaramos a soltarnos coa pandeireta. Os traxes que levabamos tampouco dicían moito pero funcionabamos moi ben coma conxunto de voces con enerxía. Iso si, estabamos intimadas por tanta xente que alí había. Lembro que a competencia era dura: Xacarandaina, Pío XII, as de Cantigas... Foi este recoñecemento o que nos levantou a moral e as ganas de seguir aprendendo. Logo virían outros concursos máis e moitas viaxes e intercambios culturais; foi unha das etapas máis bonitas da miña vida chea de momentos emocionantes que vivimos xuntas”.
Ao pouco tempo a mestra Cristina foi trasladada de centro quedando ‘orfas’ por un un tempiño ata que apareceu en escena Mercedes Rodríguez Vázquez ‘Merchi’, outra extraordinaria mestra da pandeireta, tamén formada en Cantigas e Agarimos e hoxe coñecida por ser unhas das compoñentes de Leilía. Con ela comezan os ensaios os sábados pola tarde e tamén un aspecto básico para quen está no mundo do folclore: os primeiros contactos coas pandeireteiras maiores da zona:
“Abrimos os ollos á cantidade e calidade que nos rodeaba, fixemos recollidas en varios lugares de Rois, A Chisca, A Peruca, Vilar de Abade, Contimunde, A Covela, Picadizo...”
Esta iniciativa levada a cabo por Merchi, case pioneira neste ámbito, supón unha apertura cara ao descoñecido por parte das integrantes do grupo. A introdución primeira das mozas na rica tradición oral garantía á vez a continuidade do folclore da zona, evitando que desaparecese no tempo e xerando a sensibilidade necesaria para valorar e protexer o autóctono do concello. Se este proceso de intención e busca local se xerara e fixera extenso a todos os concellos, a día de hoxe teriamos un grande arquivo sonoro de Galicia.
Merchi recorda con moito cariño as viaxes a Rois, xunto con Manolo Mendéz (mestre de baile), para dar clase a estas rapaciñas:
“Nesta época pasamos de ensaiar na escola a un local preto do concello que nos facilitou a Serna. Daquela xa eran un grupo consolidado e formado por unhas alumnas moi avantaxadas que se implicaban de cheo nas clases, o que as levou a ter certo recoñecemento no mundo do folclore polo bo facer nos concursos. Podo dicir que eran moi seguras delas mesmas e querían mostrar o folclore de calidade, dar a coñecer a música de Rois e das xentes das que tomaran a información de primeira man. A implicación delas fixo moi doado que as avoas nos ensinasen o seu repertorio que logo se puxo en valor.
Foron unhas tardes moi divertidas as que pasamos, e iso que as distancias para xuntarse ás veces facíano complicado. Lembro que a Mercedes ata lle mercaran unha motocicleta por mor do lonxe que lle quedaba a casa, mais non había distancias cando o interese sobraba naquelas nenas; todo esforzo era pouco. Demos en traballar os xeitos de tocar e cantar da zona e, como non, seguimos a participar e gañar en concursos de pandeireta... Todo un orgullo para a profe!”
Unha das pezas que podemos considerar identificativa da formación foi a que veu da man de Merchi: ‘Ai Rianxo, Rianxo’; a súa singularidade reside en que cantaban a melodía a dúas voces, nunca antes empregado nos concursos, algo inédito, característica que as levou a gañar por segunda vez o 1º premio no concurso de Cantigas e Agarimos.
Neste período cobra grande interese a Asociación Cultural a Serna, mencionada con anterioridade nas palabras de Merchi, quen acolle e lle dá cobertura ao grupo de Pandeireteiras de Rois. Seu papel será importante no desenvolvemento deste grupo de rapazas, que se ven arroupadas e implicadas na Asociación, pois da man Serna viaxan e fan intercambios culturais dentro e fóra de Galicia, dando a coñecer a gran faceta das mociñas pandeireteiras do concello de Rois. Coma testemuño latente da comuñón basta consultarmos a portada da revista Nº 2 ‘Renovación Rural’ -decembro de 1987-, publicación da unión de centros de animación rural, e onde o principal destacado fotográfico é para as ‘Pandeireteiras de Rois’ na viaxe realizada á II Asemblea Nacional en Cuenca, na cal dedican a seguinte crítica:
“Entre ellos, este grupo de niñas gallegas (pandereteiras) de Buxán (La Coruña) que simbolizan la quinta esencia espiritual de un arte milenario”.
Como todo nesta vida ten un final, co remate de oitavo de EXB a cousa comeza a mudar e cada unha colle diferente camiño e, como se soe dicir ‘a distancia fai o esquecemento’. A situación, por outro lado natural e propia do Ciclo da vida, fai que o grupo de pandeireteiras desapareza.
Logo do paso dos anos, percibimos nos nosos inquéritos a aquelas mozas un mesmo sentimento: a gratitude amosada ante a perspectiva do vivido que catalogan coma “inesquecible” ou “digno de repetir”. Así mesmo, todas coinciden na sorte que tiveron en poder contar con Cristina e Merchi, dúas grandes profesionais do ensino que ademais lles souberon inculcar a importancia da investigación e recuperación dunha tradición tan rica como a nosa, e en concreto a de Rois. A interpretación das cancións que lles foron legadas polas avoas, e que estas xa herdaran das súas propias tivo un enorme valor sentimental e de legado que, á vez, garantiu o continuar co ciclo da música en Rois.
De entre as gravacións achegadas por Merchi Rodríguez decantámonos pola jota e muiñeira de Vilar de Abade (Sorribas). Son varias as razóns que nos levaron a esta conclusión, por unha banda trátase dunha peza identificativa para elas á vez que recollida no propio concello á señora Rosa Bralo Lapido, oriunda de Seira e finada en agosto de 2006, unha das grandes pandereteiras que viu nacer o concello. A señora Rosa era capaz de recordar melodías e cantigas que acostumaban tocar noutras parroquias ás que ela asistía; así foi como transmitiu a jota e muiñeira de Vilar de Abade da parroquia de Sorribas. Vaia pois na súa memoria a peza que interpretaron as Pandeireteiras de Rois.