Brisas do San Mamede. San Mamede. Rois
O SEÑOR ALBINO FOI UN ACTIVO DA HISTORIA MUSICAL EN ROIS, MESTRE DE VOCACIÓN E GAITEIRO DE CORAZÓN.
O de ser gaiteiro ó Sr. Albino Figueiras Rodríguez vénlle de familia, pois seu padriño (un irmán da nai) -Albino Rodríguez Gay- foi quen, ademais de darlle o nome, a persoa que lle transmite o gusto pola gaita de fol.
Con 90 anos, o padriño, quen loce unha memoria envexable, recorda como seu pai moi afeccionado á música lle merca con 13 anos unha gaita en Compostela ao artesán Basilio Carril, coa que comeza a súa andaina:
“Daquela os gaiteiros tiñamos moito choio porque non había moita competencia. Así no ano 40 formamos a requinta -Airiños de Peracova1- en Buxán, de onde son nativo. Estivemos en activo ata novembro do ano 48, cando entrei a formar parte da Banda Municipal de Padrón e abandonei a requinta”.
Trinta anos de gaiteiro na Municipal baixo a dirección de D. Tomas Betteta, deu para moitas historias e facer moi bos amigos coma o mestre Don Gervasio Salgueiro, ao cal estima moito. Hoxe seus veciños coñéceno por Albino ‘o gaiteiro de Carrais’ (Herbogo), pois leva sesenta anos instalado neste lugar.
Albino Figueiras Rodríguez recorda admirado a estrea da Requinta de seu padriño, no lugar de Cerqueiras-Araño (Rianxo) de onde el é nativo. Tivera lugar alá polo ‘albaroque da lus’, coa chegada da luz eléctrica procedente dun salto do río que movía unha dínamo, acontecemento digno de celebrar por todo o alto no lugar. A proximidade coa música fai que Albino con só oito anos colla a caixa; seu irmán José, con dez, a gaita; e José, seu veciño de sete anos, o bombo. Os raparigos conforman o primeiro trío tradicional Airiños de Cerqueiras, no Araño(Rianxo).
A boa vontade de D. Marcial, gaiteiro de Buía e quen lles emprestou os tres primeiros instrumentos cos que acadan grande éxito, fai que os leve a aprender a música, mesmo co repertorio do mestre saíron tocar as primeiras veces...
“Eramos un rapases cando empesamos a tocar nas festas do lughar, ben uniformados co traxe de ghaiteiro, mira se eramos ben cativos que sempre iamos acompañados do noso pai ou do de José; levábannos e esperaban ao remate da festa. A actuasión máis destacada que recordo foi cando viaxamos a Madrid contratados pola ‘Festa de Galicia’, que lle chamaban daquela; se me descoido non sei por onde fomos, aquilo era todo novo para nós. Era impresionante ver toda aquela xente. Mentres desfilabamos polas rúas da capital metíannos moedas e billetes nos petos... Que cousa aquela meu deus! Non dabamos creto ao que sucedía, eramos coma estrelas. Despois de tres días en Madrid fomos tocar dous días a Xixón e máis do mesmo, tratados coma reises. Nunca me ha esquecer mentres viva... Uns cativos que nunca sairamos da aldea alí estabamos sós, con representantes e fasendo unha xira... Á volta paramos en Padrón a tocar, a xente oía a gaita pero non vían gaiteiros. Cando chegamos de volta a Rois non colliamos en nós pero a noitiña e o cansazo fixéronnos durmir dun tirón. Ao día seguinte había que levantarse para ir coas vacas, eramos catro irmáns nunha casa de labradores con 70 ferrados de labradío, dous pares de bois, oito vacas... En fin, moito traballo para sacar adiante e, aínda que é serto que nunca a nó-los dous nos prohibiron tocar, ás mañás fasíase duro erguerse da cama”.
Ao pouco de cumprir co servizo militar, en San Caetano (Compostela), Albino decide casar para Rois de Arriba e abandonar o grupo ‘Airiños de Cerqueiras’ comezando unha nova etapa musical en Brisas do río Sar2 , liderado polo gaiteiro de Carrais ‘Mourelos’, veterano e recoñecido na zona:
“Moito máis vello que meu padriño, quinse ou vinte anos máis. Con este cuarteto concorremos dúas veces ao concurso de Compostela, polas festas da Ascensión. Para prepararnos para este concurso botamos man de meu padriño, el sabía solfa e axudounos a ensaiar a peza obrigatoria ‘Muiñeira do Pote’, composta por un frautista prestixioso da Banda Municipal de Santiago”.
Neste concurso participaban gaiteiros recoñecidos como Os Montes de Lugo segundo o relato do seu padriño, Albino Rodríguez, quen os foi ver:
“Eles acadaron un merecido segundo posto pola boa interpretación, a mágoa é que só había un premio”.
A segunda vez que se presentaron si acadarían o primeiro posto interpretando a peza obrigatoria e unha arranxada por eles e seu padriño. Ao pouco tempo José Mourelos, cunha idade avanzada, deixa de tocar a gaita de fol pois apenas lle quedaban folgos. Curioso resulta nestes gaiteiros a lembranza da primeira peza obrigatoria do concurso e non o acordar cal foi a que lles outorgou ese primeiro premio en Compostela.
Nestes anos Albino comeza un novo período e pasa a tocar na Banda Municipal de Padrón grazas ao seu padriño, quen llo presenta ao director formación padronesa, don Tomás Betteta, para cubrir a praza de gaiteiro. A experiencia e facilidade como caixeiro fai que gañe o posto vacante e alterne entre a gaita e a caixa nos concertos da municipal.
O devir dos anos fai que o noso protagonista perda ilusión pola banda de música deixando a formación municipal e pasando a acompañar co tambor e a gaita a outro grupo afamado en Rois: Os Xaneiros, nunha época na que dous gaiteiros de sona conviven e comparten afección no mesmo conxunto. Albino formaría parte activa da formación durante uns cantos anos ata que os fillos do Xaneiro se valen por eles mesmos e decide deixar paso ás novas xeracións.
Co tempo, o sr. Albino a finais dos oitenta crea o que sería o seu derradeiro grupo de gaitas:
Brisas do San Mamed de Rois. Xunto con el formaríanse Ricardo Tobío Pazos, á gaita; Hipólito Cerqueira Moares, de Isorna-Rianxo, á caixa; e ao bombo José Manolo Rodríguez, de Leiro - Rianxo. Eles foron os últimos discípulos que tivo o Sr. Albino, activo ata o 2009, cando decide deixar profesionalmente a actividade de gaiteiro.
As tonalidades empregadas polo mestre Albino foron variando no tempo. Nos inicios utilizaba a gaita en Re con Airiños de Cerqueiras, herdada de don Marcial de Buía xunto ao uso do chión con palleta, acompañada cunha frauta de pico. A tonalidade grileira prestáballe máis, deixando as tumbais para tocar coa Banda Municipal ou en re- quintas como a de seu padriño. Na derradeira etapa, para os cuartetos de gaitas, as tonalidades en Do -a dúo- foron as escollidas.
O mestre gaiteiro foi quen de se preocupar por acudir ás festas e escoitar os grupos de moda na altura, contemporáneo de formacións para o recordo tales como Os Campaneiros, Os Areeiras -aos que admiraba especialmente- Os Beiros de Ponte Nafonso, ou a Requinta dos Portelas -seus veciños de Moares-, sendo moi amigo dos irmáns Portela aos que sempre estimou polo ben que tocaban en conxunto. O señor Albino foi un activo da historia musical en Rois, mestre de vocación e gaiteiro de corazón.
Fontes:
- 1 Posiblemente se trate dunha das primeiras formacións de requinta das que temos constancia en Rois, xa que foi constituída nos anos da Posguerra. Destacar a presenza do clarinete -instrumento de vento-madeira- ao par da gaita de fol en tonalidade tumbal.
- 2 Cuarteto tradicional liderado polo mestre Mourelos, gaiteiro de prestixio, acompañado de Valeiro á outra gaita e Saiáns á caixa. Na década dos sesenta incorporaron unha figura feminina ao bombo, María Luisa, a filla de Saiáns.