Leña verde


O colectivo Leña Verde foi fundado pola Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde no ano 1991, converténdose nunha das primeiras asociacións deste calado creadas en España. En xaneiro de 1992 bota a andar coas actividades de baile, gaita e percusión (pandeireta, tambor e bombo) sempre amosando gran preocupación polo folclore do país, tanto na recuperación coma na exhibición. Estes factores comprobámolos no variado repertorio que posúen no que destaca un apartado para os temas ‘da casa’ como A regueifa de Urdilde, recollida na propia parroquia e coa que gañaron diferentes premios.

A existencia de Leña Verde vén cubrir un baleiro na parroquia dando cubertura ás inquietudes de moitos nenos e pais por xerar un vínculo coa cultura inmaterial e de raíz latentes nestas terras. Para tal fin nacen unhas actividades que ao par estreitan lazos de unión perdurables no tempo entre rapaces e familias que alí se dan cita e conforman unha gran piña.

A presentación e estrea da asociación levaríase a cabo no festival de fin de curso do colexio público de Urdilde, no mes de maio do 1992, sen parar de asistir dende aquela a festivais e concursos que se estendían por toda a xeografía (Boiro, Negreira, Coruña -Xacarandaina-...) e por suposto, cumprindo relixiosamente nas festas de Santa María de Urdilde.

Co paso do tempo a xente deixa de ser rapaza ou rapaz para ser adolescente, o que conleva que as prioridades cambien. O mesmo curso da vida fai que cada un colla o seu camiño para encarala quedando as pandeireteiras como as últimas en manter vivo o proxecto de Leña Verde.

A amizade das raparigas, unida á calidade que atesouran fai que superen as dificultades e permanezan unidas ata agosto do ano 2003, cando deciden pechar a porta sen antes deixar un legado e pouso intachables nunha traxectoria de máis de dez anos de vida.

Leña Verde
Leña Verde
Ruada de Bembibre

Neste tempo moitas foron as historias e anécdotas que pasaron, entre elas a actuación que tivo lugar no programa ‘Luar’ da TVG e na que por mor das condicións establecidas non podían actuar todos os da agrupación, xa que eran demasiados e só un poucos o farían, feito que provocou choros, rabechas, desilusións... de todo; un drama para todos aqueles que querían saír na tele e para os pais que así o esperaban: “Era o que tiña sermos tantos”. Este feito provocou xestos marabillosos que daban boa conta do ambiente de unión que entre eles e elas existía: “Todos estivemos no programa, uns de público e outros no escenario... Así son as cousas ás veces... Moitos dos maiores cederon o sitio para que os máis pequerrechos subiran ao escenario”; a día de hoxe recórdano con moito humor e cariño, mais no momento foi un mal trago para todos tomar decisións.

Nun dos últimos concursos nos que participaron como grupo de pandeireteiras no teatro Colón da Coruña, as voces das mozas de Urdilde encandilaron a xente da directiva do O.C.T. Ultreia de Compostela, nunha das que serían das últimas actuacións como pandeireteiras de Leña Verde. Logo do concurso de Xacarandaina no Colón a xente de Ultreia rapidamente contactou con elas para que se sumaran ao seu proxecto folclórico; deste xeito seguiron dando conta do bo facer e por unha temporada formaron parte do O.C.T. Ultreia de Compostela.

Elas e eles queren deixar constancia do agradecemento aos que foron seus mestres na Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, concretamente na sección de pandeireta; seguindo a orde cronolóxica: Susana Peleteiro, Rosa Sánchez e Montserrat Santamarina; para a sección de instrumentación -gaita e percusión-: Kike (marido Susana Peleteiro), Pablo Carpintero e Emilio Lois.

Só nos falta agradecerlles persoalmente a súa contribución a: Vanessa Chico Lapido, Raquel Díaz Barreiro, María Teresa Alves Pérez e, como non, a Vanessa Verduga Queijo -nexo de unión entre todos- pois, ademais de manter unha moi boa amizade con elas, excelentes amigas dende hai moito tempo que nos coñecemos, sen elas non poderiamos ter realizado este traballo de recompilación.