Danza Corrida. Pandeireteiras de Ermedelo. San Martiño de Ermedelo


A pescuda a prol de recuperar as nosas tradicións, levounos no ano 2000 a darnos cita na taberna do carteiro ‘da Angueira’, a carón da estrada que leva á igrexa de Aguasantas, cun grupo de mulleres que tanxen a pandeireta. Nun primeiro momento demos en mal recoñecelas como pandeireteiras de Aguasantas, pola localización onde se levou a cabo a devandita xuntanza, xa que a procedencia das transmisoras era moi variada; por exemplo: a señora Josefa Inés Fabeiro Forján, con 58 anos, veu de Liñares (parroquia de San Miguelda Costa); a señora Nélida Rodríguez Vilas, con setenta anos, veu de Albagueira (San Martín de Ermedelo) e a señora Mercedes Currás Sóñora, tamén de 70 anos, do Lugar de Bralo (parroquia de Aguasantas). Esta última foi a artífice da xuntanza, pois todas e outras máis formaron parte dun conxunto de pandeireteiras que acudían a animar festas como as do Santiaguiño en Padrón.

De todos os ritmos interpretados aquela tarde, na que repasaron chiqui-chiquis, muiñeiras, pateados... decantándonos pola ‘dansa’, por ser esta a máis orixinal e exclusiva de todo o repertorio. Podemos dicir que as danzas e mazurcas son os ritmos máis esquecidos tanto polos grupos de pandeireteiras como polas demais formacións musicais. De feito as nosas transmisoras aínda lembran cando os aprenderon a tocar das máis vellas do lugar e como case que dende aquela non os volveron practicar.

No transcurso das foliadas, ao mesmo tempo que unha aprendía a tanxer na pandeireta, alternaba coa práctica do baile solto, dando lugar á ‘dansa corrida’. Nas eiras das casas, os homes feitos –casados– sacaban a bailar o agarrado ás mozas noviñas. Eles bailaban moi ben e buscaban rapazas novas que lle seguiran os pasos:

“Se axeitabas ben ó bailar sacábanche seguido! Acordo como se fasía unha roda enorme, corro de parellas de baile, a non poder máis as pandeireteiras… Cantos máis mozos visen bailar e máis cansados, máis alonghaban o tema… Ás veses parecía que non tiña fin! O bailar a dansa corrida é lixeiro, pero cansado se se fai moi longho no tempo”.
Pandeireteiras de Ermedelo
Pandeireteiras de Ermedelo
Danza corrida

A danza é un deses ritmos agarrados xunto coa polca e mazurca que invita a xuntar dous corpos traspasando o límite permitido pola igrexa, que non vía con bos ollos estas actitudes. De feito estes bailes son en gran medida responsables da desaparición do solto, é dicir, dalgún xeito provocan o declive da nosas jotas e muiñeiras pois, a pesar de estar prohibido pola relixión no seu momento, son quen de superar todos os obstáculos dado o bo acollemento na sociedade.

O feito de atopar nos conxuntos de pandeireteiras diferentes ritmos -agarrados e soltos- é mostra da disposición a se adaptar estas mulleres ás modas impostas do momento, só limitadas pola propia virtude e capacidade de improvisación tanto rítmica como melódica.

Verbo disto, as pezas van mudando e xerando unha riqueza inmaterial no país, cantos máis intérpretes haxa máis versións existirán, o que se contempla coma a evolución lóxica e natural do noso folclore, en constante evolución e adaptación. Unha tendencia nestes anos podemos resumila en que ‘o vello volta ó novo’, recíclanse temas para adaptalos aos novos gustos sociais, xustificación para a presenza e mudanza de coñecidas pezas no tempo. A dificultade que provoca esta evolución reside en que é complicado as máis das veces identificar o patrón orixinario, a fonte de partida dunha determinada composición, mais certo é que a maxia da música tradicional reside na perpetua modificación e na aculturación da sociedade, que é quen ten o poder de decisión para aceptar ou non os cambios.

As orixes da danza remítennos a un ritmo foráneo a Galicia, procedente do centro Europa que chega con moita forza ás terras galegas onde toma un carácter propio e se populariza por todo o país. É na década dos corenta cando alcanza o punto álxido de popularidade, chegando a pervivir ata os nosos días na memoria intacta duns músicos e pandeireteiras privilexiados, deses de antes, que as incorporaron ao repertorio. O triunfo efémero da danza non foi suficiente para ter unha presenza consistente na música tradicional galega. O interese espertado foi insuficiente para ser incorporado no sector máis ‘puro’ e tradicional – agrupacións folclóricas-, apenas formando parte do repertorio de exhibición fronte aos ritmos soltos maioritarios en número. Son poucos pois os grupos que incorporan este ritmo, xustificación que relacionamos co devandito efémero “éxito” e a foránea orixe, só unha minoría e non porque non gozaran dela mantivo presente nas súas interpretacións musicais a danza.

Neste sentido, o concello de Rois destaca por manter moi vivos os bailes agarrados de pandeireta. No percorrido realizado por estas terras decatámonos axiña da gran cantidade de grupos de pandeireta que acumulaba cada parroquia, sendo o máis simbólico a pertinente analoxía entre eles. Moitos chegan a compartir a mesma raíz melódica e rítmica dunha única peza, aínda que co selo propio na interpretación que diferenza unhas formacións das outras.

Para a ocasión, escoitaremos da man das mulleres protagonistas –Josefina, Nélida e Mercedes–, a interpretación da ‘Dansa corrida’.