Jota e muiñeira de Contimunde. Herminia Curra Mayo, "A fidalga". Contimunde. San Mamede de Rois
A figura feminina no mundo do folclore exerce de seu un papel fundamental que queremos destacar especialmente neste apartado. Grazas a elas -mozas, nais e avoas- o folclore galego estivo garantido ao longo do tempo, superando momentos verdadeiramente duros da historia contemporánea, como o estalido da Guerra civil ou a posterior ditadura franquista de máis de corenta anos. Estes foron tamén tempos complexos para as tradicións, pois como sabemos homes e mulleres estiveron privados e privadas de certos procederes que gabasen en demasía a cultura galega sen que pasase polo filtro da mordaz censura.
Centrándonos na figura feminina, o labor das mulleres é clave para entender a supervivencia do folclore galego, pois elas mantiveron a través das ruadas, foliadas, seráns, xuntas... a esencia do mesmo. A mocidade dos lugares dábase cita nestas reunións, moitas veces improvisadas e decote estendidas por todo o territorio do país. Coa axuda das voces acompañábanse de instrumentos en moitos casos circunstanciais como cunchas, culleres, botellas, latóns... facendo música para bailar e divertirse sen complexo ningún.
As devanditas xuntanzas serviron como ‘activadoras’ dunhas relacións sociais aderezadas de carga lúdica e onde os coñecementos e destrezas eran transmitidos de xeito intuitivo, converténdose en verdadeiros centros de sabedoría popular que funcionaban como espazos educativos. Nestes lugares ateigados de vocación en formación musical, o baile e a música eran as principais materias, sempre baixo a máxima de aprender divertíndose. Así funcionaban, inda que fose dun xeito inconsciente: as máis novas aprendían das veteranas a través da reiteración dos pasos de baile e das melodías gardadas na gabeta do maxín, asegurando un futuro inmediato que curiosamente bebía do máis ancestral: a tradición. Así pois, o relevo xeracional foi o que sostivo durante décadas os coñecementos dunhas tradicións non transcritas a papel, hoxe almacenadas na memoria das escasas e privilexiadas mulleres anciás que recordan con agarimo tempos pasados que xa nunca volverán.
Os lugares onde se celebraban as xuntas, aínda que moi precarios (pallotes, quinteiros, a propia lareira...) eran espazos acoutados fisicamente nos que non se precisaba de máis nada cás ganas de participar da troula. A mocidade da contorna reuníase nunha etapa vital para moitos crucial nas súas vidas, coincidente co paso previo á madurez e marcada polo casamento; estamos ante o preludio da chamada‘fase de namorar’, de coñecer e buscar parella coa clara idea de formar unha familia, moi instalada no eido rural onde se desenvolven. O feito de quedar solteira ou solteiro nunha época non tan afastada no tempo, era algo moi criticado pola sociedade, de aí que mesmo as nais organizasen xuntas coa idea de atraer posibles candidatos para as mozas solteiras da aldea e, da mesma maneira, permitirlles coñecer as andainas das fillas evitando que fosen engaioladas polas artimañas dos galáns.
As foliadas eran a escusa perfecta para romper coa monotonía do devir cotián, sobre todo nos meses de inverno cando non abundan as festas e as horas de luz redúcense á metade. Neste contexto de lecer, a situación para as mulleres casadas era ben diferente pois non estaba ben visto que alternasen nas festas sen cadanseu marido. Disto todo dá boa conta dona Herminia ‘a Fidalga’ quen se criou nunha casa con negocio propio, un ultramarinos que abastecía o núcleo de Rois dende o lugar de Contimunde, sede do almacén.
Como a maioría das mozas daquel tempo, a nosa protagonista era autodidacta en canto ao tocar a pandeireta se refire. Lembra como escoitaba as mulleres máis vellas e practicaba logo un chisquiño nas horas perdidas, pois foi algo que lle gustaba e do que levaba idea, saíalle de dentro e apenas lle daba traballo aprendelo, e mais sendo unha cativa.
A paixón polo canto e a pandeireta levouna durante moito tempo a ser fiel seguidora e participante de programas da radio galega, como ‘Pensando en ti’, en horario nocturno e ata o amencer, coa finalidade de entreter a xente que non dorme. Ocasións deste tipo provocaban a chamada á radio de dona Herminia para botarlle unha desas de sempre, por suposto acompañada da pandeireta e dando unha lección da tradición; así chegou a converterse nunha asidua aos faladoiros das noites na Radio Galega.
Tecnicamente cabe destacar que ten a capacidade de tocar con ambas as mans indistintamente, o que lle fai aliviar un pouco a man coa que leva moito tempo tocando. En canto á compaña no tanxer, desenvólvese ben con quen for, tocaba coas da parroquia, coas que viñan de fóra e ela soa tamén. Cando se achegaba un gaiteiro á foliada se non lle interesaba bailar arrimábase a el e acompañaba a melodía da gaita de fol coa pandeireta.
Ao igual que outras moitas tradicións estes costumes en Rois perduraron ata ben entrados os anos sesenta e mesmo na década dos setenta; ritos coma regueifas, foliadas do inverno, xuntas do Entroido, esfolladas... Verbo disto, é curioso que na zona diferencien entre foliada e xunta, pois aínda que as dúas fan referencia ao mesmo festexo improvisado, a palabra xunta gárdase para o período previo ao Entroido, é dicir, quince días antes á data propia de Don carnal celébranse diferentes xuntas que rematan o martes de Carnaval; namentres, as foliadas dan comezo alá por setembro co remate das festas do verán e finalizan co inicio das xuntas. É curioso como nestas terras manteñen vivo o feito de recoller e gardar as castañas que servirán de cea nas esfolladas comunais. A xente nestas datas xúntase entorno ás medas de espigas con casula ao abrigo dun pendello ou pallote e mentres contan un conto ou cantaruxan vanlles sacando a folla ás espigas de millo, de feito poden pasar horas ata dar por finalizada a xornada mais, ao final, todos serán agasallados con castañas asadas, cocidas con nébodas ou con leite nunha boa cunca de barro. As follas case resecas apártanse para un lado e, logo de seren escollidas en dous grupos, as mellores serán empregadas para recheo de colchóns sendo o sobrante estrume para o gando; no rural non se tira nada, todo sofre e segue cadanseu ciclo.
A través do documento sonoro que ilustra estas verbas queremos reivindicar a figura da muller no folclore do país pois -coma din nestas terras- “o vello vén ó novo”, as cousas de antes voltan, inda que sexa doutra maneira.
A piques de pechar este traballo chegou a nós unha cinta de audio da man de dona Cristina García, mestra de galego nos Dices de Rois a finais dos oitenta. Neste casete de cromo había unha inscrición que rezaba nunha das caras: “Casa do Fidalgo, 1987”. O achado supuxo toda unha novidade para nós, pois tiñamos entre mans unha das primeiras gravacións de carácter etnográfico realizadas no concello de Rois. Logo da pertinente dixitalización distinguimos á perfección a forma de tocar e a voz da señora Herminia Curra, xa que posúe uns trazos moi persoais no seu bo facer.
Así mesmo demos en percibir a voz masculina dun home de idade que interpreta diferentes melodías, entre as que demos en elixir un canto ‘libre’ moi estendido por toda a xeografía, pero ao mesmo tempo dos menos reproducidos popularmente. Este narra a historia dunha rapaza nova, filla do presidente de Europa -dato que nos sorprende na altura o de escoller un dirixente europeo-, á que como en todos os relatos onde hai mozas guapas e de boa familia se lle busca un casamento do que non gusta.
Verbo disto, poñer en valor que sexa a voz dun home o que ilustre a historia, pois a interpretación de melodías polos varóns é máis ben escasa no folclore galego, salvo en casos específicos como os Cantos de Nadal ou os asociados a oficios (carreteiros, arrieiros...); aínda así foron moitos os que acompañaban coa súa voz as mozas nas foliadas ou nas rondas, mostra disto é o canto interpretado.