Muiñeira de banda. Ramiro Bouzas Tobío. O gaiteiro da Casa do Vento. Santa María de Leroño


O señor Ramiro naceu no lugar de Bargo, concello de Lousame, e dende que ten uso de razón teimou en ser músico. A ilusión de tanxer instrumentos coa que naceu o pequeno Ramiro foi quen de levala a cabo co paso do tempo, cando sendo un cativo de oito anos se fixo cunha frauta de buxo de cinco corpos que lle mercaron na feira de Negreira; o seu mellor regalo da infancia e co que aprendeu as primeiras melodías de xeito autodidacta.

A evolución natural e o paso do tempo fai que o noso protagonista deveza por facerse cunha gaita. Tal é así que un bo día seu pai sorprendeuno cunha gaita de fol tombal dunha voz:

“Iso si que foi unha festa... Empecei a saír e facer algunha foliada por Lousame xuntándome ao pouco con Maximino Campelo, de Busto (Ermedelo). El era moi bo gaiteiro e fixemos unha pequena requinta: á gaita Campelo; eu ao requinto; Francisco de Senra ao bombo con pratiños; e Estanislau dos Moares á caixa. Co tempo tamén toquei co Curro, outro veciño de Busto, Ermedelo... Aquí nesta zona había moita afección pola gaita”.
Imaxe de Ramiro Bouzas Tobío
Ramiro Bouzas Tobío
Muiñeira de banda

Logo do primeiro conxunto, o Sr. Ramiro pasa a formar parte de A Requinta dos Portelas, unha pequena música que chegou a ter varios instrumentos de vento (requinto, saxo, trompeta...), cando o líder Benedito Martelo, irmán maior dos Martelo Lapido emigra para Bos Aires. Esta será unha época inesquecible para o noso protagonista, quen irá de festa en festa de salón coma un músico de orquestra. Con eles tocou no salón de Vilachá; nos bailes de Perulo de Vilacoba; Ermedelo; Salón Areal; etc.

A presenza da música de banda na vida de don Ramiro, veu marcada polo ingreso na Banda Municipal de Padrón, especialmente por don Tomás Betteta, quen xa ía coñecendo o bo facer do noso transmisor á gaita:

“Nunha ocasión veu tocar a metade da banda de Padrón polas festa de Ermedelo. Xa estaba eu casado coa miña muller, María Lucia Odilia Díaz Boullón, no lugar da Casa do Vento, cando contactaron comigo os membros da banda. Estes precisaban de gaiteiros e así foi como entrei de gaiteiro a formar parte da banda de música padronesa na que botei máis de 25 anos, empezando coa dirección de Carrandán, pero a maior parte dos anos baixo a dirección de D. Tomas Betteta, un formidable director e moi querido polos músicos. A este gustáballe moito o son das gaitas, sempre dicía: ‘Con estes gaiteiros vou ao centro de Madrid’. Coa marcha do Sr. Bettteta os gaiteiros fomos marchando un tras doutro, xa non tiñamos interese nin moita cabida co novo director”.

A tonalidade escollida para tocar na banda, en beneficio co ‘empaste’ cos demais instrumentos foi a de sib. Catro eran os gaiteiros que compuñan a sección como mínimo para tocar nun concerto, coincidindo o Sr. Ramiro con outros recoñecidos profesionais da gaita: Albino Rodríguez, de Carrais; Albino Figueiras, de Rois (sobriño do primeiro); José Diz Vilachá, de Cobas - Leroño (compañeiro de fatigas e viaxes en moitas ocasións cara ao ensaio a Padrón); e José de Cerqueira, do Araño - Rianxo. Alén dos anteriores, na formación bandística coincidiría temporalmente con outros gaiteiros, como o seu primeiro compañeiro, o Sr. Maximino Campelo.

Con todo, o salario que percibía na banda o noso protagonista era pequeno, pagaban moi pouco por ensaio e tiña de buscar outros ingresos e aforrar no que se puidese:

“Había que buscar de por vida. Nas saídas que tiñamos por fóra levabamos a comida da casa nunha potiña con testo, para aforrar un peso e non ter que gastar. Tamén estabamos sen asegurar na Seguridade social… Grazas ao traballo realizado na forestal deume para a pensión”.

Logo de abandonar a banda “aburrido da postura do novo director”, as ganas de tocar non faltaban e os cartos extra certo é que viñan ben para deixar de percibilos. Nesta situación é cando decide facer parella con Albino Rodríguez, compañeiro de gaita na banda de Padrón, e forman o cuarteto -Brisas de San Mamede-, de Rois.

Foron varios os anos que tocaron xuntos con esta formación, concretamente ata que o Sr. Ramiro se xubilou mais, como as ganas de tocar nunca marcharan volveu á gaita de fol co Sr. Eligio no conxunto Airiños de Compostela, mais desta vez levaría compañía familiar, a súa filla Maruja Bouzas sería a encargada de tocar o bombo.

A actividade coma gaiteiro do noso transmisor duraría ata o ano 2012, cando comeza a sufrir algúns achaques de saúde que o afastan das saídas coa gaita. Logo da parada, máis que xustificada, o gaiteiro non dubidou en coller a gaita para botarnos unhas pezas o día da entrevista, deixando constancia do pouso musical que atesoura logo dunha vida dedicado á gaita de fol. Por todo iso e moito máis queremos agradecerlle a atención prestada e a vontade na contribución deste traballo, pois a través do señor Ramiro fixemos un repaso á figura do gaiteiro das bandas musicais populares, moi estimada tempo atrás, hoxe case invisible e sen cabida nestas formacións.