Os Xaneiros. A Casa do Porto. San Mamede de Rois
A época de maior esplendor do grupo coincide coa familia como núcleo integrante. A incorporación dos fillos converte os Xaneiros nun quinteto exclusivamente familiar.
Os Xaneiros naceron no lugar da Casa do Porto (Rois) da man de don Xosé Sandiás Xaneiro, apelido que dá nome ao grupo. Trátase dun conxunto de música tradicional constituído polo núcleo familiar: o pai Xosé e os fillos Xosé Manuel, Miguel, María Dolores e Rosa Sandiás Bustelo; quen acompañan e conforman o quinteto tradicional. Xosé Sandiás ‘O Xaneiro’, nado en Lestrove (Dodro), procede dunha familia de gaiteiros recoñecidos como foron os Sandiás do Roucón (Padrón). Os inicios foron complicados, pois lle fora prohibido tocar a gaita xa que seu pai Ricardo Sandiás (gaiteiro) morrera a unha idade temperá de tuberculose (enfermidade que non tiña cura a primeiros do século XX e mal asociada co oficio de gaiteiro). De rapaz, o feito de facer unha gaita de cana levou de seu un forte castigo imposto por súa nai, que non quería que se metera gaiteiro logo do ocorrido co pai, mais a teima non descansou ata que o conseguiu.
Corría a década dos 50 cando na festa de Tallos-Laíño (Dodro), coñece a María Bustelo da que queda namorado e non para ata dar coa súa vivenda en A Casa do Porto, onde acode a visitala decotío. Tal interese pola moz rematou en feliz casamento, permitíndolle o novo estatus familiar a devecida formación coma gaiteiro no cuarteto Brisas do río Sar, de Carrais(Herbogo), formado polos coñecidos gaiteiros Mourelos, de Seaxe (Sorribas).
Este foi o paso previo á compor o seu propio conxunto: Os Xaneiros. A idea inicial era formar grupo con Vilachán, músico da banda de Padrón, que acabou por se botar atrás nada máis conseguir a primeira contrata para o Santiaguiño.
O feito provocou que tirara deseus fillos para tal empresa: Xosé Manuel ó tamboril e Miguel ó bombo; dous cativos por aquel entón. Miguel tería uns sete-oito anos daquela, e xa fixera algunhas alboradas anteriormente con gaiteiros da zona, mesmo lembra como lle subían o bombo a unha banqueta para poder tocalo pois case era máis grande ca el e non podía co peso.
Os Mourelos foron unha referencia para o Xaneiro; alén de herdar deles unha gaita de Basilio Carril, adquiriu o seu tanxer e aspectos importantes para o funcionamento do grupo: disciplina, á hora de tocar e cumprir; incorporación do traxe tradicional; emprego de parte do repertorio, que logo foi incrementando e facendo propio con temas coma: Caldo, Ferreiros, Redoblada, Hai que morro, etc.
A estrea da formación tería lugar en Padrón. Foi tal a acollida que tiveron que aquel mesmo día saíron outras contratas e tiveron que mirar como facilitar os desprazamentos ás actuacións. ‘A nerviosa’ pasou a ser a motocicleta na que viaxaban o pai mais o fillo Miguel; para X. Manuel, o patriarca mercou unha bicicleta que nas costas arriba era atada á motocicleta e así aforrar esforzos.
A época de maior esplendor do grupo coincide coa familia como núcleo integrante. A incorporación dos fillos converte Os Xaneiros nun quinteto exclusivamente familiar: Xosé (patriarca) e Miguel ás gaitas; X. Manuel co tamboril; Rosita ao bombo e Mª. Dolores -quen tivo de mestra a nai- acompañaba coa pandeireta. Os tres encargados da percusión poñían a voz en moitos dos temas interpretados, algo característico do conxunto.
A demanda de actuacións seguiu en aumento e, para poder cumprir cos compromisos, chegaron a viaxar no Taxi de Campos de Liñares ou de Lito de Amalia, de Lestrove, quen tiña un Dodge no que incluían un rótulo publicitario na baca co nome: ‘Os Xaneiros, gaiteiros de Rois’. –“Pareciamos uns verdadeiros artistas” – comentábanos Miguel.
Co tempo chegaron os representantes do grupo, un en Santa Marta de Ortigueira e outro en Asturias, e con eles un coche propio: un Seat 124 familiar; un luxo co que viaxaron por todo o noroeste peninsular: Luarca, Oviedo, Xixón, Santander, Avilés... Norte de Portugal e toda a xeografía do país tendo presenza nas mellores festas (María Pita, na Coruña; Apóstolo, en Compostela; San Froilán, en Lugo; a Peregrina, en Pontevedra...).
A teima e esforzo do ‘Xaneiro’ fixo posible o que moitos gaiteiros non conseguiran en toda unha vida: chegar a vivir da música, da gaita de fol. A temporada daba comezo coa Pascua de Padrón e remataba coas festas do San Ramón, o que obrigaba a pasar moitos días fóra da casa. Houbo estadías lonxe do fogar de máis de vinte días, de actuación en actuación, de estrada en estrada; como ben lembra Miguel:
“Pasamos de cobrar 200 pesetas nos inicios a 20.000 pesetas por contrata feita, á parte da durmida e do mantido. Miña nai, mentres estabamos de xira, ocupábase da casa, dos animais e de ternos preparada a roupa e as maletas da viaxe para ir tocar”.
As aventuras e vivencias en todos estes anos de carreira musical foron innumerables. Don Xosé ‘o Xaneiro’ tivo que facer de director e pai ao mesmo tempo, algo realmente difícil. Os fillos recórdano como unha persoa recta e estrita en canto á parte artística se refire, disciplinado e quen non permitía erros á hora de cumprir, no entanto:
“Dábanos moitos caprichos, pois era consciente de que eramos uns cativos e todo tiña seu límite, aínda que aturar a catro fillos polos carreiros tamén tiña tela. Foron moitos os anos e as actuacións bonitas, sendo as de fóra de Galicia as que máis nos gustaban, pois eran mellor de levar cun único pasacalles e listo. Pola contra, nas de aquí estabamos enleados dende a mañá ata a noite no descanso da orquestra. Había que traballar o dobre para gañar o mesmo”.
Co paso dos anos os fillos foron casando e consecuentemente abandonando o conxunto. Miguel seguía a facer dúo co pai, sempre que o traballo llo permitía. Esta situación obriga a meter xente nova, rapaciños do lugar que se inician nomundo da gaita co mestre Xaneiro: Ricardo Tobío, Juan Ordóñez ou Miguel Carou, entre outros.
Chegando á década dos 90, unha enfermidade severa obriga ao mestre Xosé Sandiás a deixar de tocar, finando no ano 2.000 á idade de 68 anos, e marchando con el un proxecto familiar que foi quen de facer realidade completando máis de corenta anos como gaiteiro profesional.
Coco (Miguel), Neli (Manuel),Braque (Dolores) e Chicha(Rosiña) contribuíron a facer realidade o soño de seu pai don Xosé Sandiás. Actuacións enmudecidas polo nervio no teatro García Barbón; o café escondido no bombo desde Portugal; a confusión coa orquestra Los Satélites en Ferrol ao baixar do mítico Dodge; a picada de rodas na baixada da Fonsagrada chea de neve co conseguinte perigo... Xunto con actuacións en festivais internacionais, aderezos nunha historia de corenta anos dos lendarios Xaneiros.