Canto de namorar. Rosalía Bargo Estévez. Xallas. Santa María de Urdilde


A nosa amizade coa señora Rosalía data dos anos noventa, cando unha tarde na parroquia de Urdilde andabamos á procura de pandeireteiras, de xente que acordara das foliadas de antes. En resposta, ninguén dubidou en nos mandar xunto á señora Rosalía de Xallas, e a reacción non se fixo esperar pois aquel mesmo día fomos visitala. A nosa transmisora atendeunos coas mans abertas e, ao pouco, xa estaba tanxendo na pandeireta como se fora unha moza nunha foliada. Copla tras copla pasou a tarde, chegou a noite e aínda seguiamos a escoitar historias sorprendentes que semellaban tan afastadas no tempo que eran difíciles de imaxinar, mais formaban parte das súas propias vivencias, dunha nenez en tempos complicados.

Remontándonos pois ás súas orixes, achamos que a Sra. Rosalía naceu na parroquia de Urdilde. Como tantas outras rapazas de seu tempo, aprendeu a bailar e tocar a pandeireta dos maiores do lugar, nas foliadas e festas da contorna, cando aínda se facían as xuntas e bailes cara á noitiña ao abrigo dun pendello. Recorda a nosa transmisora con moito anhelo as bailas á saída da misa patronal da Nosa Señora:

“Tocaba a música dos Portelas de Moares. Os sapatos fasían falar a xente que estaba no adro da igrexa... Que tempos aqueles! Aghora a xente non sabe bailar, nin as músicas tocan para bailar, só para escoitar a papuda”.
Imaxe de Rosalía Bargo Estévez
Rosalía Bargo Estévez
Canto de namorar

Rosalía foi a segunda muller de catro irmáns e a quen lle tocou nacer en tempos difíciles nos que se pasaba moita fame. O traballo no campo era duro, de sol a sol, e apenas quitaban para comer, única expectativa para moitas familias en canto a modo de vida a seguir no rural. Rosalía converteuse co paso dos anos nunha muller seria e de palabras firmes, cun forte carácter o que a axudou a desenvolverse moi ben nas feiras de gando. Respectada e querida polos tratantes, vían nela unha boa aliada para negociar, como ela di:

"Pequena pero aghuda, desprazábame andando dende Urdilde ata Valga, Carral, Ordes... Alí onde había feira para negociar gando vivo, compra-venda de algún animal".

Recorda que despois de tanto traballo, de ir dun lado para outro camiñando, non faltaban as ganas de farra e de ir tocar ás foliadas, pois detrás deste carácter escondíase unha muller moi salerosa e divertida que gozaba bailando e tocando a pandeireta como ningunha. De entre os recordos lembra con especial agarimo o día en que oficiou de madriña nun casamento, bailando coa regueifa na cabeza. Rosalía herdou o xeito e donaire da familia materna, tanto ela como súa nai e avoa foran grandes bailadoras.

Propio destas terras era oficiar as vodas cunha parella que danzaba cun molete de pan brancoo que, dalgún xeito, auguraba fertilidade mais riqueza para a nova familia que se acababa de constituír. Este rito, coma tantos outros de orixe pagá, mantívose firme coma costume instaurado nunha sociedade dentro do chamado "Ciclo da vida" gardando relación co cambio da adolescencia cara á madurez.

A década dos 60 supuxo unha época de grandes cambios e de progreso económico grazas en gran medida á forzosa emigración europea de infinidade de galegos e galegas. Nestes anos incorpóranse unha serie de avances que provocan unha remuda social e de rotura coas tradicións máis arraigadas da nosa cultura: a denominada modernización ou industralización do campo.

Malia este novo contexto, a Sra. Rosalía tratou de lles ofrecer aos seus seis fillos que tivo as bondades do estilo de vida tradicional, levándoos a romarías de sona como a do Santiaguiño, a Santa Minia... Lugares nos que aínda se respiraba enxebrismo, folclore. Despois de escoitar unha misa na honra á santa/o tiña lugar unha comida na carballeira ao abrigo dunha sombra e, ao remate da mesma, comezaban os cantos e bailes ao son da pandeireta ou da gaita de fol ata ben entrada a tardiña.

Malia á existencia na actualidade de seráns ao son da música e baile tradicional, o certo é que os tempos foron mudando e a pandeireta mais as foliadas xa non se estilaban, a xuventude prefería ir ás discotecas e ás verbenas de orquestra chegada a noitiña.

A memoria da nosa transmisora garda un sen fin de sabedoría popular: cantos, refráns, consellos, contos... No momento en que a Sra. Rosalía non puido bailar, porque o corpo non llo permitía, seguiu tocando a pandeireta coa compañeira de sempre, Serafina de Fonfría, facendo un dúo soberbio alá onde ían. Foron moitas as excursións que animaron percorrendo cos seus cantares toda a península nun alarde de boa graza e saber das dúas protagonistas.

Inda que a nosa transmisora naceu muller, sempre tivo moi claro que: “Se fora home sería gaiteiro, porque non hai vida coma esa”; para a continuación cantarnos naquela tarde para o recordo:

“O gaiteiro polo vran,
que boa vida ten o gaiteiro,
que vida ten,
se lla dan”

A figura do gaiteiro tivo pois momentos de especial eloxio para a Sra. Rosalía:

“Os ghaiteiros soen ser rachados pra diante e moi adevertidos, ghústalles a farra e polo regular pouco traballar; aínda que se son formais é un oficio que fai por vida”.

Entre o repertorio da nosa transmisora eliximos o tema do ‘Canto de namorar’ que nos interpretou na súa casa de Xallas, hai uns vinte anos. Esta composición consideramos que fai xustiza do seu bo facer e nos permite trasladarnos no tempo ás foliadas que se celebraban hai décadas ao abrigo dun pallote.