Pandeireteiras de Buxán. San Xoán de Buxán.


TODOS ERAN CONXUNTOS DE GAITEIROS, ALGÚNS MOI BOS E COÑECIDOS COMO OS CAMPANEIROS, OS XANEIROS... PERO AO FIN E AO CABO MÁIS GAITAS, MÁIS DO MESMO, MENTRES QUE NÓS NON TIÑAMOS A QUEN NOS COMPARAR.

En Galicia o papel da muller durante moitos anos estivo relegado a un segundo plano, mais nesta ocasión atopámonos ante un feito novidoso, o que pode ser o primeiro grupo de pandeireteiras constituído oficialmente.

Todo comeza alá polo ano 63, da man do Sr.Francisco Chouzas Tobío, ideólogo deste conxunto mixto integrado por dous homes e entre 5 e 6 mulleres que cantan acompañados de pandeiretas. Nese ano os organizadores das festas do Santiaguiño do Monte (Padrón), o Sr. Pajares, Beiro, Camilo de Casilda e Pepe ‘o Baleirón’ solicítanlle ao Sr. Paco que forme un conxunto de voz coa finalidade de actuar nas festas populares coñecidas co nome de ‘Fiestas de Galicia’, impulsadas polo Ministerio de Turismo e Cultura.

Don Francisco Chouzas constitúe a formación solicitada seguindo unha estética e patróns profesionais tales como:

Unha vestimenta uniformada, algo certamente novidoso nunha época na que as mulleres mesturan prendas tradicionais, como o pano de alfombra polos ombros con pano de seda cubrindo a cabeza, fronte a unhas saias curtas escuras de corte moderno e medias de espuma. Pola contra, os homes gastan traxe longo de vestir, chaqueta, chaleco e pantalón a xogo.

A profesionalidade era tal que, ao igual que outros conxuntos, facían academia para ensaiar e practicar o repertorio, polo xeral sempre na palleira da casa de Paco en Fufelo-Picadizo, parroquia de Buxán. Cando menos quedaban unha vez á semana, ensaios que se ían incrementado coa chegada das festas apurando o auxe do momento.

Deste xeito é como bota a andar unha idea pioneira no país, a de levar a música máis enxebre e pura a unha festa popular a través dun contrato. A formación ofrece actuacións de canto e pandeireta a cambio das pertinentes prestacións económicas, algo insólito para un conxunto de pandeireteiras, quen non acostumaban tocar máis ca en xuntanzas improvisadas sen retribución ningunha. O trato económico sempre estivera reservado para gaiteiros e músicos que andaban de festa en festa cobrando por facer función.

As devanditas ‘Fiestas de Galicia’ xeraron un ambiente único en todo o núcleo histórico da vila padronesa: a música tradicional que sustenta as celebracións no rural trasladábase á vila coma se dun espectáculo se tratara.

De esquerda a dereita: Isolina Baleirón Picadizo; Carme de Peracoba; Erundina Pérez Fabeiro (cuñada); María Elena Pérez Fabeiro (muller); Francisco Chouzas Tobío (‘Paco’); Elisa Pérez Diz; Manuela Chouzas Tobío (irmá) e Manuel Trigo Calvo
De esquerda a dereita: Isolina Baleirón Picadizo; Carme de Peracoba; Erundina Pérez Fabeiro (cuñada); María Elena Pérez Fabeiro (muller); Francisco Chouzas Tobío (‘Paco’); Elisa Pérez Diz; Manuela Chouzas Tobío (irmá) e Manuel Trigo Calvo
Pateado de Buxán

O evento axiña goza de grande aceptación e pasa a cobrar moito interese, sendo a novidade que constituían as pandeireteiras de Buxán relatada polo Sr.Paco:

"Nunca antes se deran estes grupos, todos eran conxuntos de gaiteiros, algúns moi bos e coñecidos como Os Campaneiros, Os Xaneiros... Pero ao fin e ao cabo máis gaitas, máis do mesmo, mentres que nós non tiñamos a quen nos comparar. Agora si, faciamos o mesmo percorrido ca todos eles. Na véspera pola tardiña faciamos un pase polas tabernas e prazas de Padrón, en cada unha botabámoslle unhas cantas pezas. Como a cousa era nova, isto das pandeiretas, non dabamos arrancado das tascas. Sempre querían outra e convidábante a un vasiño de viño e así dun para outro...De feito, o 25 estabamos todo o día dende as 9 da mañá ata a tardiña"

Foi tal o éxito da formación de Buxán que quedaban dun ano para outro contratados, sistema que se foi prorrogando durante quince anos e que deu en converter como obrigatoria a cita anual das grandes festas da vila padronesa.

O auxe do conxunto fixo que no segundo ano de actuar en Padrón o Sr. Paco constituíse outro grupo de pandeireteiras con características semellantes ao matriz. Conformado por dous homes e entre cinco e seis mulleres actuaban tamén baixo o mesmo nome: Pandeireteiras de Buxán. A sorte da segunda formación semellante á primeira foi dispar e non perdurou tanto no tempo, mais serviu de fonte activa para alimentar as diferentes baixas que puidera sufrir a matriz pioneira.

Tras a fama adquirida no Santiaguiño saíron outras actuacións para este conxunto de voz e pandeireta, destacando entre elas a realizada en Vilalba no ano 1964 nun festival ‘presidido’ polo daquela ministro de Información e Turismo, don Manuel Fraga Iribarne. Xunto co Ballet Rei de Viana e outros artistas actuaron fronte a 5.000 asistentes. O Sr. Paco recorda con nostalxia a viaxe pois,de camiño para Vilalba, quedou afónico...

“Nunca tal cousa me pasara! Ao chegar acordei que tomando coñac e ovos melloraba a voz... E así foi! Este remedio xunto cunha tromba de auga que paralizou momentaneamente as actuacións foron a solución para que a cousa saíse adiante”.

O que máis destacamos deste conxunto de mulleres e homes era a virtualidade para cantar ao son da pandeireta; polo xeral facían dúas voces entre ambos, unha grave para os dous homes e outra alta para elas. O repertorio baseábase na música coa que foron criados, é dicir, a mesma que se empregaba nos fiadeiros, esfolladas, ou xuntas; de forma ampla e moi coidada, desprendíanse del os ensaios previos e a experiencia dos integrantes. Eles e elas tiveron a facultade de retomar as melodías antigas para exhibilas nas actuacións, centrándose nas máis copiosas para que captaran a atención da xente.As máis populares ás veces eran usadas de comodín para conectar co público e xunto coas que estaban de moda nas ondas radiofónicas daban en constituír un repertorio moi variado de melodías e ritmos, pois cabía de todo un pouco: muiñeiras, pateados, valses, chiquichiqui, pasodobre, mazurca, danza, corrido, ranchera... En fin, unha gran capacidade de adaptación transmitida polo bo sentir da música tradicional.

Imaxe da agrupación Pandeireteiras de Buxán

Centrándonos nos integrantes, a alma mater deste conxunto foi sempre o Sr. Paco. De profesión canteiro, este artesán da pedra foi un fiel defensor da cultura inmaterial e amante da música tradicional. A actividade folclórica estendeuna ao núcleo familiar; xunto a el estivo a esposa María Elina Pérez Fabeiro, a cuñada Erundina Pérez Fabeiro, a irmá Manuela Chouzas Tobío e máis tarde a filla Carme Chouzas Pérez, a quen lle transmitiron o gusto polo noso. Xunto ao señor Paco–Francisco Chouzas Tobío– estiveron de principio na formación a irmá Manuela Chouzas e o Sr. Manuel Trigo Calvo. Outros moitos compoñentes pasarían pola formación: Josefina; María de Barreiro; Carme da Gabriela; Antonio da Mona; Julia e Aurita de Carmen; Isolina Baleirón Picadizo; Carme de Peracova ou Elisa Pérez Diz.

O nome das Pandeireteiras de Buxán mantívose en activo nas festas de Padrón, mesmo despois de non concorrer a elas. O conxunto liderado polo Sr. Paco marcou un antes e un despois na comarca, sendo moitos os que seguiron os pasos iniciados maxistralmente pola xente de Buxán.