Canto de regueifa. Francisco Chouzas Tobío. Picadizo. San Xoán de Buxán


No noso percorrido polo concello de Rois decatámonos da importancia que tiveron os casamentos nestas terras. Aquelas celebracións á vella usanza eran lembradas con especial agarimo, cheas dun encanto envoltente con certo enigma máxico representado en danzas e cantos.

Grazas aos versos cos que arrancou o Sr. Francisco Chouzas Tobío, dun xeito maxistral e auténtico, por uns intres fomos capaces de nos trasladar a un daqueles casorios cargados de simbolismo e crenzas férreas na nosa tradición.

Os cantos epitalamios foron comúns a toda a cultura inmaterial peninsular e desenvoltos en torno aos ritos dos casamentos que perduraron durante séculos. En referencia a estas composicións, en Galicia a regueifa representa os cantos que se producen despois do enlace da parella, é dicir, epitalamios posteriores á unión matrimonial que perviviron en diversas zonas do país ata finais da década dos sesenta e principios dos setenta.

Segundo varios autores espertos na materia, os costumes tradicionais alcanzaron o máximo esplendor coa chegada dos musulmáns á península, de feito aínda perviven arraigados en áreas con clara influencia arábiga como por exemplo en Marrocos, que mantén intacto este tipo de celebracións. Posiblemente, xa existiron ritos similares anteriores aos devanditos costumes arábigos, o que nos dá unha visión do fondas que poden chegar a ser estas manifestacións.

Imaxe de Francisco Chouzas. Picadizo
Francisco Chouzas Picadizo
Canto de regueifa

Na actualidade, os recordos sobre os casorios permanecen vagos na memoria dos nosos maiores, mais dan testemuño e fan xustiza do diversas e amplas que son as manifestacións culturais do país, identitarias dentro dunha sociedade rural a piques de esmorecer.

No concello de Rois, esta manifestación foi mudando co paso dos anos ata que se foi perdendo. De feito, só fomos quen de atopar fragmentos que no seu día formaron parte dun proceso de casamento, dando conta do calado deste rito que xira en torno á regueifa. Inicialmente o termo identificábase co bolo de pan protagonista, mais tamén dá conta do enfrontamento verbal a través de versos libres protagonizado por homes –polo menos dous- chamados regueifeiros que disputan o devandito bolo de pan.

A perda evolutiva constátase ata o punto de que, en vez de regueifar dous homes por falta de contrincante, oficiaba unha soa persoa: o individuo en cuestión ía botando coplas alusivas a noivos, padriños... fiando uns versos nos outros a modo de historia, cargados coa pertinente ironía, picardía e boa retranca. De continuo recorríase á temática propia do enlace como o novo estado que adquiría a parella, anteriores amoríos, calidades e atributos dos casados buscando sempre o sorriso dos alí presentes. A capacidade de áxil improvisación, ao par de facer rimar as estrofas, é un don que non está ao alcance de todos, probablemente unha calidade coa que se nace e non se adquire.

O proceso sería o seguinte: logo da unión matrimonial da parella dá lugar o banquete familiar para os achegados que foron invitados. Ao remate deste comezan a chegar os mozos veciños para pedir a regueifa e, neste momento, é cando son interpretados os versos epitalamios. Comeza o regueifeiro de afora solicitándolle a regueifa á familia; se hai quen conteste dos de dentro dará lugar o enfrontamento, se non este seguirá botando versos ata que por fin se lle entregue a regueifa -molete de pan-, que sacará a madriña da voda e quen, antes de partilo, oficiará un baile con el na cabeza. Moitos ven na danza un rito propiciatorio para a parella que comeza unha nova andaina, símbolo de fertilidade, riqueza, estabilidade… Todos desexos cheos de positivismo para os novos contraentes.

En toda a comarca existía o costume de partir en anacos o molete de pan da regueifa e logo repartilo entre os alí presentes como mostra de gratitude e pola celebración do relevante acontecemento nupcial.

Unha adaptación desta tradición que se veu dando co paso dos anos, e mesmo se mantén nalgúns lugares na actualidade, foi a de compartir o día seguinte do casamento un boliño de pan -máis recentemente algo de doce (pasteliños…)- cos veciños que non asistiron ao convite.

As regueifas foron e seguen a ser motivo de celebración por todo o alto. Aínda que moitas das particularidades foron desaparecendo de xeración en xeración, sobre todo os costumes tradicionais como o canto e a danza que os acompañaban e que nunha época ida foron piares esenciais dunha cultura ancestral única. Pola contra podemos dicir que a parte máis simbólica e emotiva deste rito segue a manterse, o feito de xuntar os seres queridos e facelos partícipes da unión de dúas persoas.

A continuación escoitaremos un fragmento do que puido ser sen dúbida unha das máis sonadas regueifas, tal e como recorda aos seus 85 anos o Sr. Paco quen nos transmitiu os versos da historia, do que alí aconteceu entre ‘Pito pequeno’ e a rapaza casadeira.