Repeniqueiras de Urdilde
As Repeniqueiras de Urdilde son un grupo de mulleres, as máis delas con idades superiores aos 50 anos, que decidiron recuperar a tradición musical galega.
Con base instrumental de pandeireta e a través de diferentes melodías, as Repeniqueiras ofrecen os ritmos máis tradicionais con repertorio de diversos puntos da xeografía galega.
O grupo está formado por unhas vinte integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, que empregan as súas voces e instrumentos de percusión tradicional galega de man, como pandeiretas, cunchas ou pandeiros en concertos e actuacións.
En xaneiro de 2011 comezan a súa andaina, movidas por un grande interese na nosa música de raíz. Desde os inicios, as Repeniqueiras realizaron diversas actuacións no Concello de Rois, ademais de participaren no I Certame Interritmos, organizado pola Fundación Paideia-Deloa, feito que lles deu a oportunidade de gravaren o seu primeiro disco: A pandeireta na man.